O
martes 14 de maio, ás 20:00 horas, no Parque Avelino Pousa (Urbanización Os Verxeles) de Teo, terá lugar unha reunión aberta para testemuñar afecto polos noventa e nove anos de vida de Avelino Pousa Antelo, memoria activa, e así falarmos asemade de proxectos ao redor del e con el. Tamén se poderá formular a participación das persoas interesadas na creación e desenvolvemento da Irmandade Nacional Avelino Pousa Antelo.
Arquivo da categoría: Homenaxes
Marín: Rosalía. 150 aniversario de Cantares Gallegos
Codeso, Boqueixón: homenaxe a Xosé Neira Vilas
Desde
Galaxia:
“Xosé Neira Vilas segue recibindo recoñecementos por todo o país. E así, este domingo 28 de abril, ás 17:00 horas, serán os seus veciños de Codeso os que llo darán cun amplo programa de actos que se celebrará no Local Sociocultural de Codeso..
Na homenaxe participarán José Antonio Solano (cónsul de Cuba), Mini e Mero, Luz Fandiño, As Pandereteiras de Codeso, Afonso García Penas, O grupo de gaitas Pena do Couso, Concha Rousia, a Escola de Teatro do CPI de Vedra, A Porta Verde do Sétimo Andar, o Grupo de Teatro da ANPA A Infesta de Pontecesures, Iolanda Aldrei e O Ghusto do Boi. (…)”
A Coruña: De nome Rosalía, recital poético e musical do Grupo Ouriol
O
martes 23 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar De nome Rosalía, unha homenaxe en forma de recital monográfico dedicado á súa poesía no 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, a cargo do Grupo Ouriol (Fito Ares, Bernardo Martínez e Eva Veiga).
Rosalía terá en Lugo un novo monumento por suscrición popular
Desde
Sermos Galiza:
“Nacerá do asociacionismo cultural e pagarase por suscrición popular. As asociacións Lugopatrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, Ágora Lugo, Achádego Teatro e María Castaña son as entidades convocantes da primeira xuntanza que comezou a traballar na campaña de suscrición popular co fin de homenaxear a Rosalía cun novo monumento en Lugo. Canda as convocantes, sumáronse á iniciativa as asociacións Hipócrita Teatro, Antigos Alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón, Asociación de Veciños da Milagrosa, Fonmiñá, Amigos da Muralla, Orfeón Lucense e Cultura do País. Unha comisión xestora integrada por Isidoro Rodríguez, Antón Somoza, Xulio Xiz, Adolfo de Abel, Tonina Gay e Teresa Campo dará os primeiros pasos co fin de recadar fondos por suscrición popular para que a cidade conte cun monumento á poeta no parque que leva o seu nome. Queren que sexa inaugurado neste 2013 no que se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.”
A Coruña: homenaxe a Felipe Criado, o venres 3 de maio
Un souto do Incio levará o nome de Marica Campo en homenaxe á escritora
Desde
El Progreso:
“O souto do Val do Mao, no municipio do Incio, levará o nome de Marica Campo en homenaxe á escritora natural destas terras. O nomeamento farase oficial o vindeiro 15 de xuño no transcurso dun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Deputación de Lugo, a Consellaría de Cultura e o Concello.
A asemblea de socios da AELG acordou por unanimidade outorgarlle a letra E deste ano a Marica Campo e renderlle unha homenaxe na súa terra natal. Será, segundo explica a asociación, «unha celebración múltiple e popular, na que se recoñece a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor».”
Textos da homenaxe a Francisco Fernández del Riego no Pleno extraordinario da Real Academia Galega
Desde
Galaxia:
“(…) No plenario extraordinario da Real Academia Galega na Fundación Penzol, en Vigo, tres foron os membros da mesma que interviron loubando a vida e obra de Francisco Fernández del Riego: Ramón Lorenzo, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero. Para ler o texto do primeiro deles, Francisco Fernández del Riego: unha vida construíndo unha nación, premer aquí e o do segundo, Paco del Riego, presidente da Real Academia Galega, nesta ligazón. A intervención do profesor Alonso Montero, ó non estar en soporte papel, non pode ser incorporada.
Logo destes tres relatorios e dunhas palabras do presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos, a escritora Rexina Vega recitou un fermoso poema inédito de Luz Pozo Garza dedicado a don Paco, que fixo para esta ocasión sinalada e que pode lerse aquí. E a seguir Malores Villanueva, a mantedora do acto, puxo voz ó poema da autoría do vello amigo e compañeiro na causa galeguista de Del Riego, Xaime Isla Couto, que traemos tamén aquí.
Como colofón ó emotivo acto léronse un par de parágrafos do libro Cos ollos do noso esprito (1949) sobre a lingua galega que, malia estar escritos hai máis de sesenta anos, aínda teñen plena vixencia:
Tense pedido ao galego que loite, que lexisle, que adeprenda a matinar a condición ou o destiño da criatura humá; que ame, que navegue, que transviva. E o galego, aúpado coa fleisivilidade da historia, responde ao chamamento, pra frecuentar os xéneros máis varios da criación espritual: dende o literario ou a prosa centífica, dende a oratoria ao xornalismo.
Pode, e debe, a fala vernácula, medrar ainda; encher con sangue novo o seu vigor -vella a música, o desiño novo-. Que se non deixe embalsamar; que non consinta o siñolo de trocalo en tesouro de museo. Coa venia dos seus detraitores, e ainda sin a venia, érgase e ande.
Cos ollos do noso esprito, Buenos Aires, Alborada, 1949, p. 151.
Cantares para Rosalía: nove poetas galegas dialogan cos versos de Rosalía
Pontevedra: homenaxe a Marilar Aleixandre, no Salón do Libro
O
sábado 23 de marzo, ás 12:00 horas, no Salón do Libro de Pontevedra, que se celebra na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, terá lugar unha homenaxe a Marilar Aleixandre.

