O tesouro, de Lidia de la Fuente, Premio Anisia Miranda de Teatro para a infancia

Desde a Fundación Xosé Neira Vilas:
“A viveza dos diálogos, o uso intelixente dos recursos escénicos e o hábil emprego do humor son algunhas das cualidades que salientou o xurado desta cuarta edición do galardón, que conta co apoio e a colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Dito xurado estivo composto polos membros do Padroado da Fundación Pilar Sampedro e Fernando Redondo, xunto co dramaturgo e académico da RAG Euloxio Ruibal.
A entrega ten lugar o 18 de maio, ás 18.00 na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces). O peche musical do acto está a cargo do cantautor Armando González, quen interpreta varias adaptacións de poemas de Neira Vilas. (…)”

Letras Galegas 2025 na Coruña, o 18 de maio


O domingo 18 de maio ás 12h00 terá lugar un acto polo Día das Letras Galegas diante do Teatro Rosalía de Castro, na Coruña. Esta actividade, organizada cada ano en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, chama a ler a obra das persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, dedicada neste 2025 á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro últimas das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Este é un ano especial porque homenaxea tamén a moitas mulleres, a meirande parte delas anónimas, que foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da lingua e da cultura galega.

Se ben a música foi da man da poesía sempre, no Día das Letras Galegas 2025 é mais claro que nunca. Por iso animamos a ler, ou cantar, un texto de poesía popular ou calquera texto sobre a lingua galega. Realizarase alí mesmo, dirixido por Marta Pumares, pandeireteira e grande coñecedora da música tradicional, un obradoiro no que se aprenderán tres pezas do repertorio das homenaxeadas este ano. O público que se anime a ler/cantar pola súa conta pode enviar previamente aquí o texto escollido.

Para o obradoiro e para asistir a toda a actividade non é necesario inscribirse.