Arquivo da categoría: Recitais
Monforte: Homenaxe a Manuel María
Malpica: II Rota Lugrís
Guitiriz: concerto en memoria de Xosé María Díaz Castro
A Coruña: lectura pública de poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias
Cabana de Bergantiños: recital de Rosalía Fernández Rial no I Simposio Dolmen de Dombate
O mércores 21 de setembro, ás 18:30 horas, no marco do I Simposio Dolmen de Dombate (Concello de Cabana de Bergantiños), Rosalía Fernández Rial fará un recital de poesía.
Compostela: Vou pola Ponte Ledesma, recital de Isaac Xubín
O mércores 21 de setembro, ás 20:15 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Isaac Xubín ofrecerá unha pequena antoloxía persoal, onde, ademais dun percorrido polas súas propias creacións, recitará textos doutros autores que lle gustan ou que tivo a oportunidade de traducir: Gabriel Aresti, Joseba Sarrionaindia, Xosé Luís Méndez Ferrín, Chus Pato, Xuan Bello… «Do que non hai dúbida é de que o recital tratará sobre a viaxe e o concepto de identidade», afima o autor.
Os Vilares, Guitiriz: recital de Nova Poesía Guitirica e Raúl Gómez Pato
Entrevista de María Alonso a Yolanda Castaño desde Escocia
Entrevista de María Alonso a Yolanda Castaño desde En Escocia en galego:
“- María Alonso (MA): Durante este mes de setembro serás unha das Hawthornden Fellows, como tamén o foron no seu día Olive Senior ou Alasdair Gray. Cales son as primeiras impresións da túa estadía?
– Yolanda Castaño (YC): Esta é a miña cuarta bolsa internacional de creación en residencia. A primeira foi no centro internacional de escritor@s e tradutor@s de Rodas, a segunda na Villa Waldberta de Múnic, a terceira foi no Home of International Poets de Pequín, e agora fun convidada durante este mes de setembro a realizar esta estadía no Hawthornden Castle. Todas estas experiencias como escritora en residencia foron grandes impulsos para a miña escrita. Este tipo de proxectos para apoiar a produción literaria parécenme apaixonantes. Noutros eidos culturais como poden ser o da música ou o do teatro si que hai un recoñecemento a este proceso de produción, pero no ámbito da literatura hai un baleiro moi grande neste aspecto. O produto final literario, en moitas ocasións, é o resultado da privación de tempo de lecer ou tempo coa familia. É preciso contribuír e axudar ao desenvolvemento do proceso creativo para que este traballo non se converta nun labor invisible. Un apoio á produción literaria na nosa realidade significaría un cambio de paradigma. Farían falla medios para que se poida levar a cabo a escrita creativa nas condicións óptimas. Isto é exactamente o que acontece nestas estadías en residencias nas que participei. Este tipo de residencias afástante durante un tempo da túa vida diaria, dos teus quefaceres, das túas distraccións e todo isto faise para poder ser escritora a tempo completo. É por esta razón que para min estas oportunidades resultan moi produtivas porque podo aproveitar o tempo ao máximo para sacar adiante moito traballo de creación. (…)
– MA: Existen algúns exemplos de residencias en Galiza, como podería ser a de Axóuxere e pola que pasaron, entre outr@s artistas, Irene La Sen ou Elías Portela. Sen embargo, aquí os proxectos como o Scottish Book Trust, o Literature Trust ou no que ti mesma participas contan con apoio institucional. Que aspectos deste modelo consideras positivos dende a túa experiencia?
– YC: Cando te achegas a outro tipo de modelos decátaste de que en Galiza estamos en cueiros neste sentido. O sistema parece, en ocasións, funcionar a través de premios literarios; é dicir, prémiase o resultado, pero non o proceso. A pesares de destacar a importancia dos premios literarios, eu tamén aspiraría a que se puidesen abrir outro tipo de vías. As iniciativas que hai son moi boas, pero non deberían quedar en iniciativas únicas con enormes esforzos persoais e voluntaristas detrás, e con escasísimos apoios institucionais. Tería que haber diferentes modelos ou proxectos, pero tamén é preciso que estes sexan plurais para permitir que se leve a cabo esta interacción necesaria para facilitar o proceso de creación.
– MA: Outra institución para a promoción da literatura en Escocia que vén de abrir as súas portas é a Scottish Poetry Library, onde participarás os días 27 e 29 desde mes con cadanseu acto.
– YC: Antes de chegar ao castelo de Hawthornden xa estaba en contacto coa Scottish Poetry Library para poder participar nalgún evento, polo que aproveitarei esta estadía para levar a cabo esta colaboración. O primeiro será o día 27, onde impartirei un obradoiro de tradución poética con outras autoras de diferentes países. O evento do día 29 será un recital poético en lingua galega, e probablemente bote tamén man dalgunha tradución ao inglés. Tanto a estadía como a colaboración coa Scottish Poetry Library coincide coa inminente publicación de Six Galician Poets, unha antoloxía de poesía galega contemporánea editada por Manuela Palacios e traducida por Keith Payne. (…)”
Ribadeo: VI Concerto Músicas e Letras en Feminino, o venres 16 de setembro
Ademais do aperitivo musical, o VI Concerto Músicas e Letras en Feminino tamén ofrecerá un recital de poemas de poetas galegas e mariñás que serán lidos por un grupo de mulleres de Trabada, Foz, Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.
O prezo xeral do bono-axuda-entrada será de 6 euros e poderase reservar ata o xoves 15 de setembro no enderezo observatorioigualdade@gmail.com.