A Coruña: Libros a monte III

A evolución de Calpurnia Tate (tamén unha revolución)”, por Beatriz Maceda

Artigo de Beatriz Maceda na Sega:
“Os títulos nos libros teñen a súa importancia, e se son de LIX, probablemente máis. Ás veces, aparecen como por arte de maxia, incluso antes de empezar a escribir a historia, outras polo medio do proceso da escrita; mais tamén hai ocasións en que temos que buscalos con toda a imaxinación posta ao seu dispor e, até pedir axuda a “esas histéricas”, como chamaba a poeta Wislawa Szymborska ás musas.
A evolución de Calpurnia Tate é un título fermoso que inevitabelmente, achéganos a Darwin e ao seu libro A orixe das especies. Así é, que cada capítulo da novela comeza cun parágrafo do libro de Charles Darwin.
Cando un naturalista novo comeza co estudo dun grupo de organismos completamente descoñecido para el, ao principio vacila moito no intre de determinar as diferenzas (…) porque non sabe nada verbo da cantidade e xeitos de variacións aos que está suxeito o grupo…
Utilizar, na mellor das acepcións da palabra, a Darwin para contarnos a vida da nena de once anos ten tamén o seu aquel. Estados Unidos, que xa sabemos é unha país cheo de contradicións, leva de sempre dividido entre os Creacionistas, e os que defenden a teoría de Darwin; até o punto de desaparecer a segunda do curriculum educativo, nalgúns dos seus estados. Na actualidade, un corenta e sete por cento da poboación americana esta en contra da teoría da evolución. Jacqueline Kelly, muller de ciencia, postúlase, a través desta historia a favor da teoría darwinista. (…)”

Compostela: Seminario e curso de formación Autoras, editoras, ilustradoras, tradutoras e investigadoras na LIX galega

XV Curso de Formación. Autoras, editoras, ilustradoras, tradutoras e investigadoras na LIX galega

Compostela: “Asaltos! á letra: tradución”

O 10 de novembro, ás 12:00 horas, no Auditorio Neira Vilas (Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura), terá lugar “Asaltos! á letra: tradución” (a reserva pode facerse aquí):
“Que nos contan as palabras que viaxan desde o galego a outros lugares cando volven? E as que veñen desde outras linguas para ficar?
Estas e outras cuestións voan sobre un ring aberto dedicado á tradución, no que se incidirá nas súas riquezas e dificultades, na diversidade que esta achega, na súa capacidade para nos visibilizar no mundo e facer que o mundo se abra tamén para nós.
Un auténtico duelo autora VS. tradutora para coñecermos o poder da nosa voz emitida por outras gorxas.
Modera: María Alonso Seisdedos, tradutora ao galego de series como Shin Chan e Premio Nacional de Tradución pola co-tradución do Ulises, de James Joyce. Púxiles:
Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil Xuvenil.
– Sara Margherita Cavarero, prestixiosa tradutora que levou ao italiano Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas.”