Entrevista de Ramón Nicolás a Oriana Méndez, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Tras Derradeiras conversas co capitán Kraft e Cero, agora chegará este O que precede a caída é branco. Que recrea basicamente este novo libro?
– Oriana Méndez (OM): Hai un intento de cristalizar o instante previo a que algo se precipite, ese intre que algunha vez vimos pasar axiña, a que se precipite unha folga xeral, o momento anterior a ser concibida pola comunidade e é entón cando non existe posibilidade de retorno.
– RN: Alberga talvez unha modulación distinta das anteriores entregas?
– OM: Non hai unha narrativa, como quizais en Kraft, nin tampouco unha procura, como podería ser en Cero; hai este producirse o capitalismo que nos atravesa e atravesa a miña cidade, Vigo, e provoca poemas como provoca as Marchas da Dignidade. (…)”
Cuestionario Proust: Mariña Pérez Rei
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Mariña Pérez Rei:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade?
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que compartan o seu tempo comigo.
4.– A súa principal eiva?
– A falta de paciencia. Falta moito cuestionario?
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, camiñar ou tocar un instrumento.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A tranquilidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter amigos. Non ser quen de facelos, mellor dito.
8.– Que lle gustaría ser?
– Mellorar o que son sería suficiente.
9.– En que país desexaría vivir?
– Galicia está moi ben.
10.– A súa cor favorita?
– Verde, é a cor mais bela, a cor da esperança. Cántao Cesária Évora.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa amarela loce ben, sen desmerecer outras.
12.– O paxaro que prefire?
– Para comelo ou para oílo cantar? É chanza: a min gústame moito o corvo. Unha vez tivemos un amestrado na casa, de pequenos. Teñen moi mala fama pero son moi elegantes…
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitos, non son de grandes ídolos. Mencionaría algún contista preferentemente. Destes que destilan a esencia e te deixan pensando moito tempo.
14.– E na poesía?
– Nas mesmas. Leo de todo. Pódeme encantar tanto ler a Ángel González coma a Symborska ou a Cunqueiro. Son un pouco depredadora nese sentido. Preciso lelos e que me deixen un bo sabor de boca.
15.– Un libro?
– Só un? Difícil, vou citar Opiniones de un payaso, de Böll.
16.– Un heroe de ficción?
– Supermán, xa postos…
17.– Unha heroína?
– A moza xornalista de Supermán.
18.– A súa música favorita?
– Escoito moita música. Agora mesmo talvez me quede con vocalistas femininas de jazz, e tamén escoito moita música galego-afro-luso-brasileira.
19.– Na pintura?
– Non me importaria ter un Dalí pola casa. Nin un Lugrís ou un Laxeiro, é un falar…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meus pais valen de heroes…
21.– O seu nome favorito?
– Pilar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A farsa.
23.– O que máis odia?
– A mentira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O Ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Só en misións humanitarias…
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A ubicuidade. As veces, ándolle de preto.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Rápido. Sen parafernalias nin despedidas. Logo se cadra arrepíntome, pero…
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A decepción nuns casos, noutros un interese desmedido por comprender a vida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os cualificados de “ humanos”, digamos a covardía, o medo. O talento botado a perder.
30.– Un lema na súa vida?
– Buscar a miña liberdade como persoa.”
Armando Requeixo: “Galicia é, en Díaz Castro, cadro costumista, abeiro vital do poeta e patria asoballada”
Entrevista de Montse Dopico a Armando Requeixo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Presentaches hai pouco a túa tese sobre Díaz Castro…
– Armando Requeixo (AR): Si. Levaba xa 20 anos recollendo datos, textos, indo a arquivos particulares, revisando o legado dos herdeiros e escribindo artigos e estudos. O meu primeiro contacto con Díaz Castro fora como lector. Cando eu tiña 16 anos, estando en terceiro de BUP, cadrou que Alfonso Blanco estaba preparando un volume de homenaxe a Díaz Castro. Alfonso debía andar desbordado de traballo e pasoulle parte das probas do libro para revisar a Xosé Antón Miguélez. E Miguélez -outro dos cregos de Irima-, tiña entre os seus fregueses a aquel rapaz fedello e curioso coa lingua e a literatura galegas que era eu, e pensou que era boa idea que eu me adestrase con aquelas probas. Lembro aqueles días lendo aqueles artigos que falaban daquel poeta con devoción. E pensei que que grande ignorancia a miña por non ter lido aquel poeta tan maiúsculo. Lin Nimbos, na súa edición orixinal de 1961, e confirmei que era un poeta con maiúsculas. (…)
– MD: Probablemente non habería Díaz Castro poeta, ou sería ben distinto, se non tivese estudado no Seminario de Mondoñedo. Por que?
– AR: Si. Non se entendería a súa poesía se non se contextualiza o seu nacemento nesa Universidade do norte que foi o Seminario de Mondoñedo, co seu ambiente cultural. Eu non coincido coa lectura que se fixo del como un poeta relixioso, ou do catolicismo triunfal como se ten dito. Eu creo que é un poeta da transcendencia, cunha esencia religacional. Hai nel unha visión relixiosa do mundo desde o tradicional, que é o que herda como galego da chaira. Mais iso procesouno, madureceuno coa súa intelectualidade. Non é un poeta pío. O Seminario deulle tamén o dominio do latín e do grego, a súa base para a aprendizaxe das linguas.
E, claro, alí coincidiu con Aquilio Iglesia, que era como un irmán maior para el. Non se facían sombra entre eles. Foi Aquilino quen o animou a que escribise, a que publicase, a que se pretentase a certames… Aquilino presentoulle a Noriega Varela. En Mondoñedo tamén coñeceu a barbería-ateneo de Manuel Ledo, o ‘Pallarego’, que era o centro da vida cultural oficiosa de Mondoñedo. Por alí pasaron Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego… Xosé Díaz Xácome e Aquilino introducen a Díaz Castro no faladoiro daquel barbeiro filántropo. (…)
– MD: Dixeches que era un clásico moderno. Por que?
– AR: Clásico pola súa voz atemporal. Hai outros autores doutros tempos que, se os les hoxe, notas que a súa voz quedou acartonada. Pois con el non pasa isto. Non pasa de moda. Moderno pola súa contemporaneidade, que é fondamente nosa. Non é un ruralista de primeiros de século, aínda que é telúrico. Conseguiu ir á esencia do pobo. (…)”
Vigo: presentación de Politicamente incorreta, de Teresa Moure
A cuarta feira, 21 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Beatriz Suárez Briones.
Cambre: conferencia de Armando Requeixo sobre Xosé María Díaz Castro
O mércores 21 de maio, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións da Biblioteca de Cambre (Samosteiro, 4B), Armando Requeixo pronunciará a conferencia Xosé María Díaz Castro, vida e obra.
Pontevedra: presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra
Lugo: presentación de A alternativa está aquí, de María Reimóndez
O xoves 22 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Branca Rodríguez Pazos e Manuel Bragado.
Cuestionario Proust: Xesús Rábade Paredes
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xesús Rábade Paredes:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O inconformismo e a rebeldía. A lealdade a uns poucos amigos.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A fidelidade ao que se propugna e a intelixencia creativa.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Correspondencia ao que agardan de min.
4.– A súa principal eiva?
– A excesiva confianza na utopía e nos soños.
5.– A súa ocupación favorita?
– A agricultura e a cultoescritura. Nunca a pose de escritor.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A harmonía ecolóxica, a fluidez coa xente e co contorno, cuestión difícil neste perpetuo exilio.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A falta dos que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cidadán libre nun país polo seu, que non é o caso.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste coas condicións que deixo expostas.
10.– A súa cor favorita?
– A dunha paisaxe con abidueiras e a da paz calma das Rías.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa de cen follas.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio e o merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro, Doris Lessing…
14.– E na poesía?
– T. S. Eliot, Rilke, Hölderlin, Leopardi, Rosalía…
15. – Un libro?
– Follas Novas.
16.– Un heroe de ficción?
– Don Quixote.
17.– Unha heroína?
– Branca de Loboso, que é María Soliña.
18.– A súa música favorita?
– Clásica e jazz.
19.– Na pintura?
– Goya.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os homes e mulleres que viven sen posibles. Todos os desherdados da fortuna.
21.– O seu nome favorito?
– Helena.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira. A actitude tramposa do trepa e do logreiro.
23.– O que máis odia?
– A falsidade e a incoherencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler e todos os secuaces que foron e que son.
25.– Un feito militar que admire?
– Algún levantamento de Galicia (Irmandiños, Carral) contra os que nos aplastan.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Faltan tantos…
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Cabo dos meus, en pleno uso das miñas facultades.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O sosego, pero custa mantelo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A estupidez por inconsciencia ou ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– A solidariedade cos que sofren.”