Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Carlos Negro

EntrevistaCarlos Negro de Emílio Xosé Ínsua a Carlos Negro no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EMI): Tiveches durante un tempo, hai xa algúns anos, un cargo directivo na AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), o que supoño che serviu para coñeceres mellor as dinámicas corporativas do gremio. Como avalías os roles que a sociedade confere actualmente aos escritores e como as actitudes que estes manifestan perante as dinámicas e aconteceres sociais?
– Carlos Negro (CN): En primeiro lugar, debo dicir que o gremio d@s escritor@s galeg@s, afortunadamente, non funciona como un bloque homexéneo, tanto en actitudes persoais como políticas, ou mesmo en posicionamentos estéticos. E iso paréceme saudable, pois sería bastante aburrido convivir con colegas que pensan e opinan sempre igual ca ti.
En segundo lugar, coido que o gremio d@s escritor@s é como calquera outro, sexa de taxistas, mecánicos ou arquitectas. Hai xente riquiña e outra repugnante, hai quen se considera o embigo do mundo e, pola contra, quen desconfía dos eloxios tribais. E, por suposto, a calidade literaria non sempre vai aparellada coa altura ética, e viceversa.
En fin, o que eu levo aprendido do contacto co mundo intelectual é que o oficio literario é moi digno (e pouco agradecido se non levas dez anos morto, polo menos) e merece un mínimo respecto por parte da sociedade, pero non máis respecto nin recoñecemento público que o labor dunha panadeira, un electricista ou unha ama de casa. E que o andazo máis común entre os escritores vén sendo o da vaidade, aínda que na maioría dos casos non chega a ser unha enfermidade grave.
– EMI: E como ves o panorama literario galego, do punto de vista da creatividade, na actualidade?
– CN: Non se pode reducir todo a un titular rimbombante, deses que nos poñen polas nubes ou nos afunden nun lameiro. Algunha vez declarei en público (medio en serio, medio en broma) que a literatura galega contemporánea era cada vez máis normal, pois cada ano se editaban un feixe de obras sen demasiado valor estético, moitas outras bastante dignas, e mesmo algunha dunha calidade excepcional. En todo caso, non creo demasiado niso das Idades de Ouro, sobre todo cando percibimos o estado de abandono da lingua nas novas xeracións. E de que nos vale escribir de marabilla, se case ninguén nos le? E logo habería que ir facendo análise por xéneros, para ofrecer unha valoración máis exacta. En todo caso, a nosa literatura é tan digna como calquera outra, e hai moito onde escoller para satisfacer o gusto dun público lector diverso e plural. (…)
– EMI: Na túa poética non soen faltar os xogos intertextuais. Hai algún referente imprescindíbel na túa formación como poeta? Que libros son insoslaiábeis no teu proceso de decantación por unha voz e un estilo propios?
– CN: Esta é a típica pregunta na que me sinto indefenso. Admiro desde a primeira vez que os lin a Álvaro Cunqueiro, a Manuel Antonio, a Uxío Novoneyra. Logo, máis tarde, descubrín a Rosalía de Castro, as súas múltiples anticipacións e desafíos. Tamén lle debo mil cousas @s poetas dos noventa, e sei que Chus Pato está máis alá dos meus limítes, e que Xela Arias e Lois Pereiro son dous malditos magníficos. E os poemas de Celso Fernández Sanmartín están a carón dos meus das laranxas, e Emilio Araúxo abriume os ollos á forza da lingua oral da comunidade. E de fóra das nosas fronteiras… hai tantos nomes que case non sabería dicir. Raymond Carver ou Wislawa Szymborska, por citar dous así de primeiras. E tamén Valente e Gamoneda, ou Antón Reixa na etapa dos Resentidos e Manuel Rivas con aqueles poemas de Ningún cisne. E tamén me sinto moi identificado coa actitude poética de autores como Fran Alonso ou Raúl Vacas. (…)”

Antía Otero e Dores Tembrás crean un novo selo editorial, Apiario

DesdeApiario Magazine Cultural Galego, de Montse Dopico:
“As poetas Antía Otero e Dores Tembrás veñen de poñer en marcha Apiario, un proxecto cultural que combinará obradoiros e cursos de formación literaria cun novo selo editorial independente.
A noticia do nacemento de Apiario comezou xa a correr polas redes sociais, aínda que a presentación pública non se realizará ata o vindeiro 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama, na Coruña.
Como editora, Apiario prestará atención aos “novos valores da escrita e da ilustración”, como demostran xa os que serán os seus primeiros títulos: Celebración, de Gonzalo Hermo e Porque Cuqui non quere ir á lavadora. Conto MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir, de María Lado, con ilustracións de Yanina Torres Tuirán. Para comezos de 2015 publicarase Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e Resposta nas aulas, de VVAA, entre os que se atopan Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Antía Otero e Dores Tembrás.
Cera Labrada (poesía), Niño de Abella (infantil) e Abella Mestra (ensaio/divulgación) serán as primeiras coleccións da parte editorial de Apiario, que traballará sen distribuidora, levando os libros directamente aos puntos de venda e venderá tamén os seus libros na súa web.
“Apiario colle o seu nome da constelación conceptual da apicultura, porque cre na cultura como lugar onde xerar comunidade. Agrúpase para facer en común e construír soportes onde as abellas traballen pola non-extinción. Volve ao papel/panal nunha factoría onde esmelgar ao redor da palabra. Un laboratorio que deseña contextos para a creación”, explican as promotoras desta iniciativa. (…)”

Crónica videográfica das IV Xornadas de Literatura e Ensino: mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI

O sábado 18 de outubroBannerIVXornadaLiteraturaEnsinoAELG2014, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, tiveron lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
Presentación da mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI, con Carlos Negro.
Intervención de Rosa Aneiros.
Intervención de Inma López Silva.
Coloquio da mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI, con Rosa Aneiros e Inma López Silva.

Crónica videográfica das IV Xornadas de Literatura e Ensino: conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?, con Chus Nogueira

O sábado 18 de outubroBannerIVXornadaLiteraturaEnsinoAELG2014, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, tiveron lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
– Presentación da conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?, con Carlos Negro.
– Conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega? (primeira parte), con Chus Nogueira.
– Conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega? (segunda parte), con Chus Nogueira.
Coloquio con Chus Nogueira.

A Coruña: actos literarios destacados do martes 5 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia martes 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

13:00 h. Presentación do álbum ilustrado O libro dos bicos, de Xosé Luna e Nuria Díaz, publicado por Edicións Embora.
19:00 h. Miguel Anxo Fernán-Vello asinará na caseta de Editores Coruñeses.
19:00 h. O escritor Carlos Negro, presenta o seu libro Penúltimas tendencias, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participan no acto Mercedes Queixas.
19:45 h. Presentación do libro Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa, publicado por Edicións Xerais. Participa no acto Manuel Bragado.
20:00 h. Lemos, cantamos, gozamos. II Semana da música infantil da Coruña. Pitusa semifusa, con Olga Brañas.
20:15 h. Sinatura de libros de Ramón Vilar Landeira na caseta da Libraría Pedreira.
20:30 h. O escritor Alfredo Conde fará a presentación do seu libro Chovida do ceo, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Rodríguez “Rodri”.
21:00 h. Berta Dávila e Inma Doval asinarán exemplares do seu libro A fuxida, publicado por Biblos, na caseta de Editores Coruñeses.
21:30 h. Presentación do libro Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Edicións Xerais. Participa no acto Manuel Bragado.