Gañadoras/es da XV edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde o blogue dos Premios Frei Martín Sarmiento:
“O día 3 de maio coñecéronse os gañadores da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, foi conducido pola comunicadora e locutora Paula Pájaro, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente de Escolas Católicas, Juan Manuel Buján.
Os gañadores desta XV edición do Premio Frei Martín Sarmiento foron:
Educación Infantil
Olalla González; Un máis; Ed. Kalandraka.
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
María Lado; 5 minutos; Ed. Auga editora.
– 2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
Pere Tobaruela; Catro pedras vellas; Baía Edicións.
– 3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Ledicia Costas; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
– 4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Fernando M. Cimadevila; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos Estraños.
– 5ª categoría: 3º e 4º de ESO
David Lozano Garbala; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
– 6ª categoría: bacharelato e adultos
Lito Vila Baleato; Campus Morte; Ed. Galaxia.”

A noite do lobo, de Abel Tomé, gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2019

Desde Galaxia:
“O 4 de maio na Fundación Barrié de Vigo (Policarpo Sanz, 31) entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia.
O gañador desta terceira edición foi Abel Tomé coa novela A noite do lobo. A obra desenvólvese nunha época remota no acervo galaico portugués pero conta con referencias actuais e remniscencias a David Lynch, a Mary Shelley e incluso a Cortázar. O relato, protagonizado por un atípico cazador de lobos, é unha defensa do patrimonio natural no que tamén destaca a forza do pobo contra o poder e a perspectiva anticolonial. O xurado, composto pola lectora Paz Raña Lama, a escritora Iolanda Zúñiga e a xornalista Ana González Liste, valorou que nesta novela “o autor emprega unha prosa dinámica, contida, na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”. Ademáis, subliñan que “o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antopónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción”.
Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Abel Tomé dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista Marta Lorenzo. A escultura, ao igual que os anos anteriores, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa Su Garrido Pombo, cantante e compositora galega radicada en Vigo, que interpretou temas baseados en poemas de Ana Romaní ou Iolanda Zúñiga. (…)
A Editorial Galaxia contou nesta edición coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés e a Fundación Barrié. O acto tamén contou coa presenza de representantes políticos de todas as forzas políticas e numerosos escritores, xente de cultura e moita xente nova que quixeron apoiar coa súa presenza este certame.
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director Xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), así como Antía Yáñez e o propio gañador.”

Compostela: actividades destacadas do 4 e 5 de maio na Feira do Libro 2019

O 5 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 4
13:00 h. Presentación de O galego mola. Palabras da miña vida, de Isabel Villanueva (Isashopaholic), de Hércules de Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.
18:00 h. Ledicia Costas asina na caseta da Libraría Numax.
18:00 h. Presentación-concerto de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
19:45 h. Presentación de Mitos e lendas na Galicia máxica, de José Luis Casteleiro (escritor) e Carlos Sardiña (ilustrador), publicado por Hércules de Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
20:00 h. Manuel Portas estará asinando exemplares de Por puntos (Premio Blanco Amor 2018) na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Raquel Senra asina Conto da Travesía das Musas, na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación da colección Vitamina N (Kalandraka) co seu coordinador, Antonio Sandoval, que guiará unha ruta de natureza pola Alameda de Santiago.

Domingo 5
13:00 h. Anxo Tarrío asina O mundo en que vivín, de Ilse Losa, na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.

Compostela: actividades destacadas do 3 de maio na Feira do Libro 2019

O 3 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

13:00 h. Lucía Aldao asina na caseta da Libraría Numax.
19:00 h. Anna R. Figueiredo estará asinando exemplares de Os bicos feridos (Premio Viadutos 2018) na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Presentación de Formig4s. Misión Camiño de Santiago, de Pere Tobaruela e Andrés Meixide, publicado por Xerais. Participan Fran Alonso e os autores. Ao remate sinatura de exemplares.
19:45 h. Luísa Martínez Lorenzo asina Puf! Vaia peido… na caseta de Galaxia.
19:45 h. Presentación de As nosas letras de Muller a Muller, de María Eiras. Coloquio sobre o proceso da ilustración.

Manuel Portas publica o libro Por puntos

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Manuel Portas publica Por puntos, un libro que narra a historia dun grupo de persoas que coinciden nun curso de recuperación de puntos do carné de conducir. Experiencias que a maioría das persoas manteñen en segredo pola vergoña de recoñecer que asisten a estes cursos.
“É como un iceberg, vemos moi pouco e debaixo do mar, agóchase un mundo”, asegura o escritor.
Es España, máis de 36.000 condutores pasaron polos cursos de recuperación por puntos en 2017. Unha realidade descoñecida da que moi poucos falan.
“Vivimos nun mundo que contén outros mundos”, di o escritor, quen destaca a importancia de descubrir as vidas dos que temos arredor.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Compostela: actividades destacadas do 1 de maio na Feira do Libro 2019

O 1 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

12:30 h. Marcos Viso asina na caseta da Libraría Aenea.
18:00 h. Concerto-presentación de Paio e o poder da música, con Oviravai, publicado por Galaxia.
18:30 h. Marcos Viso asina na caseta da Libraría Aenea.
19:00 h. Muller e fotografía en Compostela. Conferencia e proxección de imaxes por Carlos Castelao. Por Alvarellos Editora.
19:45 h. Presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro, publicado por Galaxia.
20:00 h. Ana Cabaleiro asina na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, publicado por Galaxia. Con Neves Rodríguez e Iria Sobrado.