Arquivos da etiqueta: Fran Fernández Davila
Francisco Fernández Davila gaña o IX Premio Agustín Fernández Paz de Vilalba
Desde El Progreso:
“O enxeñeiro e escritor natural de Panxón (Nigrán) Francisco Fernández Davila converteuse no gañador da novena edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais e dotado con 3.000 euros e a publicación da obra.
O traballo galardoado, presentado baixo o lema O Muro, ofrece unha historia que afonda nos segredos familiares, na incomunicación entre pai e filla, na dificultade de xestionar as emocións e de perseguir os soños, así como do fútbol máis alá do deporte.
O fallo “por unanimidade” do xurado, composto por Manuel Bragado, Isabel Soto e Eva María Mejuto, deuse a coñecer ao final do acto de entrega á propia Mejuto do galardón como gañadora da oitava edición pola súa obra Queco e Kika.
“É un libro fresco, moi divertido, que fomenta a diversidade na familia cuns cans narradores dos desafíos da convivencia”, tal e como explicou Fran Alonso, director de Xerais, na súa intervención, a través dun vídeo.
Manuel Bragado pola súa parte calificouna como “unha preciosa fábula de animais”, valorada pola súa capacidade para “poñer en valor aos animais de compañía na unidade familiar”.
“Non vos imaxinades o emocionante e reconfortante que é estar aquí, poñendo o meu nome a carón do de Agustín”, acertou a dicir Eva Mejuto tras recibir un premio que “vai axudar a construír un imaxinario no que todas as familias sexan válidas”.
A escritora defendeu ademais o sistema editorial e literario galego, “conformado por moitas persoas”, e lamentou que só o 8% dos libros que se venden en Galicia son en galego, antes de poñer en valor a figura de Agustín Fernández Paz pola súa “xenerosidade e humildade”. “A seguir lendo a Agustín, que é necesario cada día”, concluíu.
No acto, celebrado no auditorio, tamén se destacou o feito de que o pleno municipal aprobara por unanimidade poñer o nome do escritor vilalbés á biblioteca municipal.
“Estamos á espera de que rematen as obras para que máis de 4.000 libros que levan anos esperando o sitio que lles corresponde pasen a ser catalogados e colocados en andeis para disfrute de todo o mundo”, dixo a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
A alcaldesa, Marta Rouco, afirmou que se trata dun “xesto de gratitude e xustiza, que une o nome de Agustín coa súa xente, a súa vila e a súa paixón polos libros”. Destacou, ademais, que “ano a ano, este premio renova o compromiso de Vilalba coa cultura e a igualdade”.
No acto, presentado por Carmen Hermida, tamén actuaron a A. C. Andrade, alumnas do IES Basanta Silva, o Minicoro de Esmuvi e a Escola Municipal de Teatro.”
Vigo: presentación de Atravesar o don, de Fran Fernández Davila
A Coruña: presentación de Atravesar o don, de Fran Fernández Davila
Carmen V. Valiña gaña o XIX Premio de Narrativa Breve Repsol
“A obra baixo o lema A illa que supuraba sangue, de Carmen V. Valiña, resultou gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega e que esta valorado en 12.000 euros e suma a publicación do libro pola Editorial Galaxia. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Fran Fernández Davila.
O acto do ditame “viaxou” este ano ata a cidade de Vigo con motivo do 75º Aniversario da Editorial Galaxia que cada ano publica a obra gañadora e contou coa presenza dos representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.
O Xurado da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), María Álvarez Landesa.
A illa que supuraba sangue
Na súa XIX edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 43 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Fran Fernández Davila, voceiro do Xurado, destacou da novela de Carmen V. Valiña “a súa habelencia para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”.
Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de fino burilado e tinturas líricas, esta narración ábrese tamén á intriga coa desesperación dunha das protagonistas, misterio que nos levará ata un final que, de seguro, lle resultará a quen lea tan sorprendente coma desacougante”.”
Acta do xurado do XXVII Premio de Narración Curta Ánxel Fole
Acta da reunión do xurado do XXII Certame Literario Concello de Ames
Acta do Xurado do VIII Certame de debuxo e poesía Avelino Díaz
Nuno Ricardo Moreira Gonçalves gaña o X Premio Antón Risco de Novela Curta con Reflorestação
Desde OurenseXa:
“A sede da Fundación Vicente Risco en Allariz acolleu esta fin de semana o fallo do X Premio de Novela Curta Antón Risco, que este ano recoñece a obra Reflorestação, do autor Nuno Ricardo Moreira Gonçalves.
O xurado, composto por Purificación Araújo Quinteiro (por delegación), Francisco Javier Fernández Davila, Concepción Fernández Vázquez, Luís González Tosar (por delegación) e Jonathan Pérez Pérez, con Ana Gloria Rodríguez Alonso como secretaria sen voto, decidiu por maioría outorgar o galardón á novela de Gonçalves. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra no selo editorial Doutor Alveiros, segundo recollen as bases do certame.”
Na súa valoración, o xurado destacou a calidade literaria do texto, cunha temática de corte fantástico e actual que convida á reflexión. Subliñouse tamén o bo tratamento narrativo, o enfoque da obra e o uso equilibrado do humor.”











