A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este programa de paseos polo Vigo literario.
– Todos os paseos con saída ás 11:30 h.
– 50 prazas por paseo, que se asignarán por orde de chegada das solicitudes.
– A inscrición é independente para cada un dos paseos, sempre a partir das 10:00 horas do día que se detalla en cada paseo, no correo electrónico actividades.snl@vigo.org:
Sábado 9 de abril
Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos, con Fran P. Lorenzo
· Inscrición a partir do día 2 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Rúa Privada Moderna.
Recórdao ti e recórdallelo aos outros… Esa obriga, expresada nun verso do poema 1936 de Luis Cernuda, é a que alenta o percorrido titulado Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos. O roteiro ten no seu epicentro o edificio de Gran Vía, 2, auténtico protagonista da novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014. A visita, que atravesa os lugares desa ficción pero que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da Privada Moderna, unha singular rúa, moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e Lavadores. Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarémonos a Gran Vía, 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas de Cabalos e lobos, cabo da cicatriz invisíbel do Scalextric. O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa, refuxios antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada de Príncipe, Colón, Cine Fraga, a vella redacción do Faro de Vigo, Policarpo Sanz (Cable Inglés, Café Colón), Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio, o Navy Bar de Manuel Antonio. Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o roteiro de Cabalos e lobos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.
Sábado, 16 de abril
Urbanita, rural e libertario, o Vigo do que vimos, con Rexina Vega.
· Inscrición a partir do día 9 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Estación Marítima, diante do Náutico.
O paseo comenza na Estación Marítima, pasaremos polo Berbés, subiremos polo Casco vello e Porta do Sol ata o escenario dos fusilamentos no 36 no Monte do Castro.
Percorreremos tanto as orixes ligadas ao mar, pesca e emigración, como a vida recreativa e teatral de principios de século. O golpe de estado que en Vigo se escenificou na Porta do Sol e a primeira represión no monte do Castro rematarán a viaxe.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.
Sábado, 30 de abril
Vigo. A estética do desequilibrio, con Xosé María Álvarez Cáccamo.
· Inscrición a partir do día 23 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Cruce Vía Norte con Escultor Gregorio Fernández, a carón do muro da estación do tren.
Este será o traxecto: Vía Norte – Urzáiz – Príncipe – Velázquez Moreno – Progreso – Pracer – San Sebastián – Ferrería – Paseo de Alfonso XI – Elduayen – Porta do Sol – Policarpo Sanz – Doutor Darío Álvarez Blázquez – Marqués de Valadares – Reconquista – Praza de Compostela – García Olloqui – Cánovas del Castillo – Peirao de Trasatlánticos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.