Novo simposio de galicianistas na Universidade de Michigan

Desde Sermos Galiza:
“Paralelamente á Feira do Libro de Bos Aires, a cultura galega tamén está a ser protagonista en Ann Arbor, onde se celebra do 20 ao 23 de abril o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, con importante presenza tanto de investigadores como de persoas da cultura chegadas desde Galiza.
Os estudos galegos están a vivir un momento de crecemento nos Estados Unidos, e este simposio, que coordina a profesora da Universidade de Michigan en Ann Arbor, Cristina Moreiras, non fai máis que confirmalo. Nel participan, ademais de estudosos da cultura galega de todo o país, os escritores Miguel Anxo Murado, María Reimóndez e Suso de Toro; os xornalistas Pemón Bouzas e Xosé Manuel Pereiro; o produtor audiovisual Felipe Lage; os cineastas Eloy Enciso e Lois Patiño; o fotógrafo Manuel Sendón, ou o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero.
No Simposio participan máis de 40 galicianistas de universidades de todo Estados Unidos, como Princeton, Wisconsin, Houston, Ohio, Massachusets ou Texas, entre moitas outras. Os temas a tratar van desde a identidade galega, a lusofonía, o novo cinema galego ou obras dos clásicos como Rosalía de Castro até artistas contemporáneos como Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Sés, Dios Ke Te Crew, entre outros.
Malia que só hai un centro galego, a cátedra na CUNY (City University of New York, fundada por Kathleen March nos anos 80), nos últimos anos os estudos galegos en Estados Unidos deron un salto significativo neste país. A entrada dunha lingua minorizada como o galego na MLA, a organización académica de linguas e culturas que agrupa máis socios en todo o mundo, supuxo un fito no galicianismo e un “recoñecemento sen precedentes para a nosa cultura”, segundo Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin e un dos impulsores desta candidatura.
En novembro de 2014 acadouse a aprobación do Foro de Lingua, Literatura e Cultura Galegas na MLA e este xaneiro houbo no seu congreso anual (ao que asistiron unhas 7.000 persoas) catro sesións dedicadas a Galiza cun total de 13 relatorios impartidos por outros tantos estudosos da cultura galega.”

A Sega: Letras de muller

ArtigoA Sega en Cultura Galega:
“Este 28 de febreiro cumpriu tres anos de existencia A Sega. Esta plataforma de crítica naceu coa intención de facer visible o traballo das mulleres no campo das letras e de achegar unha perspectiva feminista sobre a nosa literatura. Desde entón, o seu traballo avanzou cara a outros ámbitos como a celebración do Día das Galegas nas Letras. Continuamos a nosa serie sobre a presenza da muller na nosa cultura.
“A iniciativa foi fundamentalmente de María Reimóndez, que nos escribiu un correo a xente da creación e da crítica literaria con certa sensibilidade feminista”, explica Lara Rozados, unha das compoñentes do grupo. “A intención era facer unha plataforma de crítica literaria a través de Internet”. Ao grupo inicial fóronse incorporando novos nomes ata, na actualidade, concentrar colaboracións de Ánxela Lema París, Verónica Martínez, Ana I. Morales, Andrea Nunes Brións, Andrea Ruthven, Eli Ríos, Susana Sánchez Arins, Beatriz Suárez Briones e Lau Ríos, ademais da propia Lara Rozados e de María Reimóndez. No grupo atópanse perfís de filólogas, tradutoras, profesoras universitarias, poetas, xornalistas, e mesmo unha lectora adolescente. O equipo complétase con Lucía López, responsable da programación web.
Necesidade
Segundo explica o propio texto de presentación do colectivo, “A Sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras. O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade”. Segundo explica Lara Rozados, esta problemática non é específica deste ámbito nin da nosa cultura. “No campo literario, ao igual que en moitos outros, a obra das mulleres está infrarrepresentada. É unha parte moi pequena do que se estuda e sobre o que se fai crítica”, explica. “Ademais, as visións sobre as obras escritas por mulleres non teñen unha óptica feminista, senón que parten de visións paternalistas que as ollan como un subxénero ou se campo. Deste xeito, incardínase como literatura de muller unha serie de campos e de tópicos”. Ante esta situación, a necesidade dunha plataforma para potenciar a crítica feminista nas nosas letras “era unha perspectiva totalmente necesaria, non só na literatura, senón tamén na crítica cinematográfica, teatral e cultural en xeral. Do que se trata é de rachar a autoridade patriarcal neste campo, o feito de que en xeral os que opinan e teñen autoridade para o facer son homes. Na academia, entendida no sentido máis amplo, os opinadores seguen a ser homes. Reclamamos o dereito a falar desde nós mesmas e sobre nós mesmas, cunha perspectiva claramente feminista”. (…)”

María Reimóndez participa no festival literario “The Hindu Lit For Life Festival”

DesdeMaría Reimóndez Galicia Hoxe:
“A escritora María Reimóndez participará este venres 15 de xaneiro no ‘The Hindu Lit for Life festival’, o festival literario máis importante do sur da India que reúne os autores máis sinalados do país e que serve tamén de plataforma para que as lectoras interactuar de forma directa cos escritores máis eminentes.
Reimóndez será a única autora galega e unha das poucas estranxeiras, invitadas a participar neste encontro. O venres 15, ás 17,40 horas, formará parte dunha mesa redonda sobre ‘Nocións cambiantes do Estado Nación: visión dende a perspectiva feminista’, na que dialogará coa activista e poeta do Támil Thamizhachi Thangapandian e co tamén poeta crítico indio K Satchidanandan.
Ademais, Reimóndez lerá algún dos seus poemas traducidos ao támil por Thangapandiam, a lingua do sur da India que se fala en Támil Nadu e tamén no noroeste de Sri Lanka. Os poemas traducidos proveñen dos poemarios Moda Galega, Moda galega reloaded e Presente continuo.
A vinculación da escritora galega co sur da India, e en concreto con Támil Nadu, vén de moi atrás e ten que ver co seu traballo no campo da cooperación ao desenvolvemento. A través da ONG Implicadas no Desenvolvemento, que fundou en 1998, Reimóndez traballa dende hai anos neste estado e tamén en Etiopía.”

Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Inma López Silva, Manuel Lourenzo González e María Reimóndez en inglés

Desde Tendencias Galicia Confidencial:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica e a sinopse do libro.
Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o Portico of Galician Literature incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez. Cada escritor e escritora conta cunha foto e biografía en inglés, xunto cunha sinopse das obras O libro das viaxes imaxinarias, Os fillos do mar, Memoria de cidades sen luz, Atl e Pirata, e mais a tradución de 40 páxinas de cada un destes libros. (…)”

Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 6 no Culturgal

DoCulturgal 4 ao 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horario de 11:00 a 20:00 horas o domingo 6, ten lugar o Culturgal 2015. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 6 son:
12:00 h. Concerto de presentación do libro-disco Canta o Cuco. Uxía e Magín Blanco na casa de Manuel María. Con Guillerme Fernández (guitarra) e Santi Cribeiro (acordeón). Espectáculo de pago. Auditorio.
12:00 h. Cultura que une 2016. Fundación Vicente Risco. Espazo Foro.
12:00 h. Bailarete: autoedición do libro ilustrado. Espazo Libro.
12:30 h. Debate arredor do ensaio Marcas. Signo, comunicación e consumo na era da simulación, de Xavier Navaza, publicado por Xerais, co propio autor, Benigno Fernández Salgado e Manuel Bragado. Espazo Foro.
12:30 h. Presentación de 100 anos de traballo por Galicia, por Galaxia. Unha conversa moderada por Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia, coa que se renderá unha homenaxe aos autores que xogaron unha peza clave na nosa historia e literatura. Con Henrique Monteagudo e Xavier Martínez Cobas. Preséntanse as fotobiografías de Ramón Piñeiro, Xaime Isla e Ramón Otero Pedrayo. Espazo Libro.
13:00 h. Presentación de O frío azul, de Ramón Caride, publicado por Urco Editora. Espazo Libro.
13:30 h. Presentación do libro e a web Pito Galego. Método práctico, de Moisés Quintas, publicado por Ouvirmos. Espazo Libro.
16:15 h. Faladoiro da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación (AGPTI): A tradución e interpretación nas industrias culturais. Espazo Foro.
16:15 h. Concerto-presentación de Un conto ao revés, de Chuches Amil, publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
16:45 h. Presentación de Un cesto de mazás e Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra, do Concello de Pontevedra. Espazo Libro.
17:30 h. Presentación do libro de banda deseñada STRPTS, por Cinema Sticado. Espazo Libro.
17:30 h. Mamá Cabra presenta A bruxa Discordia, libro-disco publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
18:00 h. Presentación de O Piloto, o último guerrilleiro, de Afonso Eiré, publicado por Hércules de Edicións. Espazo Libro.
18:00 h. Presentación de Balea, libro despregable de Germán González e Federico Fernández, nun espectáculo dirixido ao público máis pequeno. No Espazo Infantil.
18:15 h. Iniciativas do Ano Manuel María. Fundación Manuel María. Espazo Foro.
18:30 h. Caer de cu polo Universo. Contacontos e ilustración en vivo, con Estíbaliz Espinosa, publicado por Apiario. Espazo Infantil.
18:30 h. Mesa Compostela Literaria. Espazo Libro.
18:30 h.: Sinatura de María Reimóndez, Héctor Carré, Antonio Tizón, Diego Ameixeiras e Xoaquín Fernández Leiceaga. Stand de Xerais.
19:00 h. Debate sobre a novela negra organizado por Xerais. Participan: Héctor Carré, autor de Hai que matalos a todos; Antonio Tizón autor d’A antesala luminosa; Diego Ameixeiras, autor d’A noite enriba e Xoaquín Fernández Leiceaga, autor de Agosto de memoria e morte. Modera a xornalista Montse Dopico. Espazo Libro.
19:00 h. Sinatura de exemplares de Caer de cu polo Universo, por Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo, ilustradora do libro. No stand de Apiario.
19:30 h. Presentación de Traca-Traco. 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo, de de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, publicado por Edicións do Cumio. Espazo Infantil.
19:30 h. Lectura de A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicado por Xerais. Con Mercedes Peón. Espazo Foro.

María Reimóndez: “Hai que desfacer a idea de que as mulleres escribimos biografías e os homes literatura”

EntrevistaMaría Reimóndez a María Reimóndez en Coruña Daily News:
“(…) – Coruña Daily News (CDN): En vías de extinción, Dende o conflito e agora A música dos seres vivos. O ciclo dos elementos segue medrando, pero cal é o obxectivo deste proxecto? Que queres contar?
– María Reimóndez (MR): Inicialmente quería narrar a historia de tres mulleres, Gaia, Aurora e Clara, e a súa relación. Pero dinme conta de que cada unha tiña demasiada entidade e que necesitaba contar as súas historias por separado para logo contar o que pasaba entre ellas. E a partir desas personaxes iniciais, tamén empezaron a saír outras secundarias, como MK. Ademáis, interesábame construír un universo narrativo máis complexo, no que exista unha complicidade coas persoas que len. Contar o mesmo que quería contar ao principio pero dun xeito máis velado, de forma que só as persoas que lean o ciclo completo van entender a historia global. (…)
– CDN: En relación con iso, na presentación de A Coruña dixeches que A música dos seres vivos foi para ti o libro máis complicado de escribir…
– MR: Sen dúbida. A min preocúpame moito e estrutura das novelas, que teñen que estar ao servizo da propia historia. Non podo escribir ata tela moi clara. Neste caso concreto, MK é unha personaxe rota e a estrutura tiña que ser correspondente e mostrar esa fragmentación. Ademais está o tema da música, que é como unha liña metafórica moi importante. A maneira que escollín para plasmar todo isto en A música dos seres vivos foi unha estrutura temporal moi complexa. As liñas do tempo van de forma antagónica, unhas van cara adiante e outras cara atrás, de forma que se unha persoa le todos os fragmentos das seccións tituladas play ou rewind, o tempo vai nunha dirección diferente. (…)
– CDN: E querías transmitir algunha incomodidade concreta con esta novela?
– MR: Moitas veces din que escribo “novelas de tese”, pero eu cando escribo non son consciente diso, máis ben creo que é unha expresión da imposibilidade da crítica patriarcal de conceptualizar e enfrontarse ás escritas feministas. Para min cada novela aglutina moitas cousas. Está claro que parten de incomodidades propias e de cousas que me intrigan, pero eu normalmente escribo personaxes e historias… isto é o que me interesa. No caso de MK, inicialmente era só a parella doutra personaxe principal, pero interesábame saber a composición desa identidade tan complicada, da migración, da raza, da exposición pública, da orientación sexual.. Como pode convivir unha persoa cunha situación tan complicada?. E por iso decidín contar a súa historia. Tamén me interesaba falar da colonización, dos procesos de independencia, das mulleres do Tamil Nadu rural que non teñen nada que ver cos estereotipos que temos sobre a India, e dunha migración diferente á galega, que é a que se tratou ata o de agora na literatura galega. O proceso migratorio de MK foi un proceso estereotipo para esa época, na que na India exportaban man de obra cualificada, que logo se atopaba cunha sociedade estraña, racista… E desa emigración naceu unha xeración de efervescencia cultural moi importante. Se falamos do contexto musical británico, na época na que nace MK como artista é unha época de proliferación de segundas xeracións de migrantes que atopan na arte unha maneira de dialogar coas súas sociedades e de enfrontarse ao que viven.
– CDN: E falando de cultura, como ves a situación da literatura en lingua galega?
– MR: Hai dúas partes. A literatura en lingua galega non existe sen que a lingua estea ben, e a lingua non está ben. Estamos vivindo un proceso de agresión extrema e ese é un problema que supera á literatura. O sistema literario ten unha responsabilidade en contribuír a que a lingua se manteña viva, pero é pequena comparada con outras estruturas como o sistema educativo ou a sociedade en xeral. (…)”

A Coruña: presentación de A música dos seres vivos, de María Reimóndez

OMaría Reimóndez venres 6 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro da Coruña (Rúa Enrique Dequidt, 12), preséntase A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Fran Alonso, e terá lugar unha intervención musical a cargo de Mercedes Peón.

Lugo: presentación de A música dos seres vivos, de María Reimóndez

OMaría Reimóndez venres 30 de outubro, ás 19:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, que contará coa presenza da autora, participan tamén Fran Alonso e Mercedes Peón.