A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical, o 25 de setembro

Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical é unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña.


O 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014. A entrada será libre, até completar capacidade.

O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán.

Pola súa vez, intervirán lendo textos arredor de Luísa Villalta:
Ana Romaní
Antía Otero
Daniel Asorey
Estíbaliz Espinosa
Eva Veiga
Francisco X. Fernández Naval
Henrique Rabuñal
Marga do Val
Marica Campo
Marta Dacosta
Miro Villar
Pilar García Negro

Deste xeito, neste 2024, onde foi recoñecida como autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, reafirmámonos no indicado nas anteriores homenaxes levadas a cabo desde a AELG:
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, Luísa foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole, entre as que destacamos a súa participación no Consello Directivo da AELG durante varios anos.
Foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua. Formada na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.

Pontedeume: Vila do Libro 2024

Celebrado o I Encontro do Livro Galego

Desde o Projeto Livro Galego:
“Os dias 18-19 de julho de 2024 decorreu na Faculdade de Filologia da Universidade da Corunha (UDC) o 1º Encontro do Livro Galego. O encontro tencionava reunir um conjunto amplo de perspetivas sobre o setor editorial na Galiza. Deste modo, a primeira mesa de debate congregou pessoas representantes das instituiçons culturais: Cristina Rubal, da Subdirección Xeral do Libro, Dolores Vilavedra, em representação do Consello da Cultura Galega, e Natividade Fernández, da área de Cultura da Deputación da Coruña.
As duas mesas a seguir reuniram pessoas envolvidas em projetos académicos relacionados com o setor editorial. Na primeira destas sessões participaram Roberto Samartim, apresentando o nosso projeto Campo Editorial e Cultura Autonómica, e Carme Fernández Pérez-Sanjulián, apresentando “A edición literaria na Galiza (1975-2000)”. Por sua vez, na segunda sessão académica expuseram Ana Luna Alonso, em representação do projeto BITRAGA, e Marta Neira e Carme Ferreira, do projeto Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.
No dia seguinte compareceram agentes dos setores profissionais. De manhã, contámos com a presença de Miguel Toval, da Asociación Galega de Editoras, e de Ramón Domínguez, da Federación de Librarías de Galicia. Por motivos de saúde, não foi possível contar com a representante do Consorcio Editorial Galego, María Belén López Vázquez. A seguir, participaram no encontro Marta Dacosta, em representação da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Augusto Metztli, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e, por último, Patricia Buxán, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación.
A última atividade do encontro consistiu numa jornada de trabalho para os membros da equipa. Nesta sessão foram resumidas as conclusões do encontro e distribuidas as tarefas para os próximos trabalhos; entre eles, destaca um documento de trabalho que será remitido às pessoas e coletivos interessados. Algumas das conclusões de conjunto foram a escasa profissionalização do setor, a necessidade de reconsiderar as estratégias de internacionalização do livro galego, ou a falta de diálogo entre o ámbito profissional e o institucional. Quanto ao formato do encontro, a avaliação por parte do Projeto é mui positiva: os amplos espaços para o debate que contemplava o programa deram lugar a conversas profundas e mui produtivas para uma diagnose do setor, a partir da qual trabalhar de acordo com os nossos objetivos.”

Festigal 2024

I Encontro do Livro Galego

Marta Dacosta representa a AELG nesta actividade.

“Os dias 18-19 de julho terá lugar na Faculdade de Filologia da Universidade da Corunha (UDC) o 1º Encontro do Livro Galego, que congregará investigadoras e profissionais do setor da edição na Galiza. Aproveitando os cinquenta anos da publicação de O libro galego a discusión, considerado o começo da reflexão contemporânea sobre a indústria do livro na Galiza, este encontro pretende servir para partilhar diagnósticos e estratégias de futuro em relação ao mundo editorial nos seus distintos eixos: institucional, profissional, associativo e académico.
Com este fim são organizadas quatro sessões de trabalho distribuídas em duas jornadas, que reunirão pessoas representantes das instituições culturais (Subdirección Xeral do Libro, Consello da Cultura Galega, área de Cultura da Deputación da Coruña), da investigação (Universidade da Coruña, da Universidade de Vigo, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades) e do âmbito profissional (Asociación Galega de Editoras, Federación de Librarías de Galiza, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, Consorcio Editorial Galego).
Este evento é organizado no seio do projeto de investigação “Campo Editorial e Cultura Autonómica: institucionalização e industrialização do livro na Galiza (1978-2026)”. Pode consultar-se mais informação sobre o Projeto e sobre o Encontro em Livro Galego.”