O
venres 17 de novembro, ás 11:00 horas, no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da tese de doutoramento Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, por parte de Miguel Anxo Seixas. O tribunal está formado polo seu presidente, Ramón Villares Paz, o secretario, Borja de Riquer, e como vogal. Alicia Alted Vigil.
Arquivos da etiqueta: Miguel Anxo Seixas Seoane
Miguel Anxo Seixas: “Facer de Castelao unha estatua é un fracaso, había que baixalo á terra”
Entrevista
de Daniel Salgado a Miguel Anxo Seixas en Sermos Galiza:
“Biografía dun construtor da nación é o título da máis extensa e profunda tentativa sistemática de pescudar na vida e na obra de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950). O historiador Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) vén de depositala na Universidade de Santiago de Compostela como tese de doutoramento aínda pendente de lectura.
(…) – Sermos Galiza (SG): Por que a estas alturas non existía unha biografía de Castelao?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Porque o xénero biográfico é moi difícil. Esixe moita entrega, esforzo e tempo de investigación. Podes facer unha biografía literaria en que contas didacticamente e con talento a vida de calquera. Por exemplo, as que fixo Carlos Casares de Otero Pedrayo ou de Risco. Pero unha biografía científica, de buscar datos, documentalos, localizalos no seu contexto, é un esforzo moi grande. Ian Gibson ao escribir sobre Lorca ou Buñuel se cadra pasa anos e anos á procura dun dato nunha hemeroteca. Con Castelao, ademais, hai outra cousa. Castelao é un naufraxio. Tes que andar ás crebas, a ver que quedou en Rianxo, en Pontevedra, na Arxentina, en Nova York, en Moscova, en Cuba… Non hai un arquivo. (…)
– SG: Existe Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade, pero non é exactamente unha biografía senón máis ben unha interpretación.
– MAS: Eu agradecín moito ese libro cando saiu no 82. Foi moi revelador. Sempre é de agradecer, nun país que non constrúe nada, alguén que constrúa algo, poña catro andamios… Outra cousa é que teña ausencias. Pero despois é máis doado completar. Este país ten que ser máis construtivo, ten que recoñecer que o esforzo dos demais suma. (…)
– SG: Falaba de que é unha figura esnaquizada pola guerra e o século XX, pero máis alá desta dispersión consecuencia da súa vida de compromisos, ¿cales foron as dificultades coas que bateu á hora de traballar este material?
– MAS: O gran labor dunha biografía é, primeiro, coller o personaxe e buscar toda a documentación que exista. Canto máis íntima mellor. É importante ter cartas e epistolarios doutros compañeiros e cruzalos. Niso Galiza avanzou moito nos últimos anos. Foron saíndo biografías doutros personaxes, diarios, cartas, que axudan a cruzar os datos. Pero para min o máis complicado non era o personaxe en si. Se fas unha biografía e sóbelo como unha estatua, que é o que fai moita xente, daquela está fóra do mundo. Para min é un fracaso. Había que baixar Castelao á terra e poñelo como unha persoa normal. O complicado era: como era Rianxo en 1886? Como era a vida mariñeira? Como é o mundo agrario? Por que emigra a xente? Como é Madrid cando vai a Madrid? Como é Pontevedra cando chega a Pontevedra? O contexto era o máis complexo. Porque el non está no mundo, está en moitos mundos. Por exemplo, se falas de Manuel Antonio só tes que falar de Rianxo e de Buenos Aires, aínda que viaxou tamén a Levante. Pero quero dicir que é moi acoutábel. Pero dun personaxe que se moveu en tantos sitios como Castelao non podo chegar e dicir: “Agora chega a Rusia”. Que pasa alí, por que vai, con quen vai, quen o chama?
– SG: O contexto é fundamental para describir a existencia dunha persoa.
– MAS: Moitas veces tes que buscar a relación do personaxe. Por que acaba en Pontevedra? Porque anteriormente tivo unha crise de cegueira a causa dunha tuberculose. A tuberculose obrígao a pensar que vai quedar cego e a presentarse a unha oposicións. Un cuñado que estaba en Estatística, Camilo, probabelmente lle dixera: “Preséntate aí, que é a única maneira de que teñas unha paga se che pasa algo”. Vai a oposicións en Madrid e quedan dúas prazas, Cuenca ou Pontevedra. Hai unha serie de relacións que se estabelecen na vida que, cando as persoas desparecen, desaparecen con ela. Daquela, o importante é saber por que colabora en El Sol, por que colabora en A Nosa Terra? Quen o chamou? Eu intentei documentar todo o que existe. Por exemplo, non fun capaz de saber por que casa con Virxinia. Pero si sei por que abandona a súa primeira moza. Porque lla cambian. El saía con Eva. Eva ten unha irmá que morre e, daquela, o viúvo, para non quedar só cos fillos, cóllelle a moza a Castelao. E na familia del dixeron, “pois Virxinia, que é da familia”. Sabémolo. Pero como a coñeceu? Hai cartas? Non, probabelmente foran destruídas. Hai moitos fíos que non fun quen de anoar de novo. (…)”
O Día de Rosalía de Castro no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
““Hai unha filantropía galega que está por estudar e é grandiosa”. #DiaDeRosalía. Cumpriría 180 anos. O seu monumento 100. Del fálanos Miguel Anxo Seixas. Conversamos tamén con Anxo Angueira, presidente da Fundacion Rosalia De Castro e con Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras-es Lingua Galega. #RosaliaTe”
Santiago: Xornadas As Irmandades da Fala en Compostela, 2016, do 21 ao 25 de novembro
Compostela: Simposio Repensando Galiza: As Irmandades da Fala (1916-1931), do 17 ao 19 de novembro
Xornadas As Irmandades da Fala en Compostela, 2016
Miguel Anxo Seixas: “Ten que haber dous orixinais do Álbum Nós”
Entrevista
a Miguel Anxo Seixas en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Que che parece a aparición dos orixinais do Álbum Nós?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Polos datos que eu tiña para min é unha sorpresa, porque o último rastro que se nos transmite por escrito a través de Núñez Búa e de Isaac Díaz Pardo é que o álbum orixinal, ou un dos álbums orixinais, estraviouse en Bos Aires. Extraviouse non, foi entregado a unha persoa e non llo devolveu a Castelao e este morreu un pouco entristecido con esa pena, ao ver que non llo devolvían porque ía facerse unha edición da súa obra gráfica completa.
– SG: Entón ti cres que hai dous orixinais?
– MAS: Claro. Por que nos falan dun orixinal que el tiña alá e que lle causou disgusto que non llo devolveran? Probablemente tivese outro álbum onde elaborou os seus debuxos, ao mellor imprimiu con eles a edición do 31 de Hauser y Menet e ese regaloullo a alguén, quedou en Pontevedra, e ese segundo orixinal, por chamarlle dalgunha maneira, é o que se expón despois en Moscova, en Montevideo, en Nova York… Non creo que andivera exhibindo un álbum en copia. O problema é: como lle chega a Castelao, que vai cun cepillo de dentes, por usar unha metáfora, a Madrid en 1936 a entregar o Estatuto? Eu sospeito que a irmá de Virxinia, que se chamaba Clemencia, como tiña acceso á chave, que vivían porta con porta, puido acceder durante algún tempo a esas cousas, rescatouno e fíxolle chegar un montón de cousas a Castelao, porque -insisto- tivo que ir cunha muda. Descubrimos que Castelao en Bos Aires ten As Cruces de Pedra, o Álbum Nós, o álbum de autocaricaturas… É dicir, alguén apañou estas cousas e fíxollas chegar. Non sei se a Madrid ou a Bos Aires, e a única persoa que creo que puido acceder por ter a chave é a súa cuñada. (…)
– SG: Para alguén que non sexa experto na materia, cal é a importancia destes dous orixinais?
– MAS: Importancia ten, porque é revelador da historia da cultura galega. Ti podes pintar unha Galiza bonita, como facía Lloréns, ou unha Galiza ideal, como a que pinta Álvarez de Soutomaior, pero el fai unha radiografía da realidade galega, que non se vía, cos seus problemas, coas súas eivas, coas nosas propias culpabilidades. É a primeira vez que se presenta unha Galiza que se ocultaba. E hai outra Galiza que estaba aí e el tivo a valentía de poñela. Antes púxoo Rosalía, Curros e Lamas Carvajal en forma de poemas? Si, pero en imaxe ninguén o expuxera así. E iso impactou, claro. E ao mesmo tempo, con pé, facendo pensar. El non se posiciona, é o espectador o que ten que tomar posición. É unha síntese de moitos anos. Antes de facer o álbum, foi lanzando eses debuxos na Nosa Terra, na Voz de Galicia de Buenos Aires, e ao final fai unha síntese, como unha especie de radiografía, de informe da realidade galega, moi independente, moi intelixente, cuns pés que fan pensar. (…)”
Xornadas Castelao. De onte a hoxe, os 16, 21 e 30 de outubro
A Estrada: Encontro Castelao. Nova interpretación do seu pensamento, do 16 ao 18 de setembro
Rianxo: curso Ó redor de Castelao, dirixido por Carlos Mella, do 28 ao 31 de xullo
O
curso da Universidade de Santiago Ó redor de Castelao terá lugar entre o 28 e o 31 de xullo, no Auditorio do Pazo de Martelo en Rianxo, sendo cofinanciado pola Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo e a Fundación Castelao.
Tendo como director a Carlos Mella, e secretario a Marcial Gondar, contará cun total de 15 horas lectivas, co seguinte programa:
28 de xullo
– 11:00 h. Inauguración do curso.
– 12:00 h. Castelao e a política, por Xusto Beramendi.
– 13:30 h. Coloquio.
– 17:00 h. Mesa redonda: A visión política de Castelao, moderada por Amancio Liñares Giraut, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e David Otero.
– 18:30 h. Ruta guiada polos lugares máis importantes na vida de Castelao.
29 de xullo
– 10:00 h. Castelao e o home galego, por Marcial Gondar.
– 12:00 h. Castelao e o mundo da muller, por Encarna Otero.
– 13:00 h. Coloquio.
– 17:00 h. Mesa redonda sobre os retratos de negros, moderada por Miguel Anxo Seixas, cos relatores Amancio Liñares Giraut, David Otero e Anxo Tarrío
– 19:00 h. Ruta guiada pola ría.
30 de xullo
– 10:00 h. A manifestación artística en Castelao, por Miguel Anxo Seixas.
– 11:30 h. Coloquio.
– 12:30 h. Mesa redonda sobre o relato curto en Castelao, moderada por Esperanza Mariño Dávila, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e Encarna Otero.
– 17:00 h. Ruta guiada polos museos de Dieste e Manuel Antonio.
31 de xullo
– 11:00 h. A visión económica de Castelao, por Carlos Mella.
– 11:30 h. Coloquio.
– 13:00 h. Clausura do curso.









