Arquivos da etiqueta: Pegerto Saavedra
Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares, Premio Mondoñedo 10 2019 de Ensaio
Carlos Meixide gaña o premio Camiño de Santiago coa novela Camiño de paixón
Desde Sermos Galiza (foto da Editorial Galaxia):
“A primeira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago ten gañador: Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977). A súa obra Camiño de paixón foi a vencedora dun certame que busca “impulsar desde a creación literaria a vertente física, histórica, cultural, social ou mesmo imaxinaria da Ruta Xacobea”.
A de Meixide foi a proposta gañadora de entre 16 nun premio que admite orixinais en galego e en castelán. A súa dotación económica é de 6.000 euros e está organizado pola Academia Xacobea, Naturgy e a Editorial Galaxia, que publicará a obra gañadora.
O xurado formárono o presidente da Academia Xacobea Xesús Palmou; o escritor Ulises Bértolo: a responsable de relacións institucionais de Naturgy en Galiza, Amalia Baltar; o catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Pegerto Saavedra; a escritora Rosalía Morlán; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.”
Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza gañan o Losada Diéguez de ensaio e creación
Desde Sermos Galiza:
“A biografía de Manuel Antonio e Terradentro, unha novela con misterio sobre a desaparición do mundo campesiño, veñen de ser recoñecidas co premio Antón Losada Diéguez. O galardón, que se fallou este sábado na Casa do Concello de Boborás, outórgase a obras publicadas e atinxe así a súa edición número 33.
Xosé Luís Axeitos (Asados, Rianxo, 1945), académico e ensaísta, é o autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017). O primeiro repaso integral á obra e á vida do autor de De catro a catro valeulle o Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio. “Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de nos presentar a Manuel Antonio”, di a xustificación do xurado, “o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismos, sempre á procura da liberdade”.
Este “extraordinario traballo de investigación” acompaña a primeira novela de Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) nas distincións do Concello de Boborás. Terradentro (Xerais, 2017), unha obra atravesada de memoria e certa intriga, “escrita nun galego de grande riqueza e cunha firme raíz na variante lingüística ourensá”, “achega un mundo a piques de desaparecer”.
Para o xuri, o traballo de Benito Reza inclúe “personaxes moi ben trabados” cun “ritmo áxil e atractivo”. “Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galiza interior”, conclúe.
Os premios entregaranse o vindeiro 9 de xuño en Moldes. Do xurado da XXXIII edición dos Losada Diéguez fixeron parte Ana Patricia Torres, Diego Fernández, Manuel Doval, Chus Pato, Francisco Calo, Pegerto Saavedra, María Teresa López, Xosé Manuel Salgado e Henrique Costas.”
A colección de pergameos enriquece os fondos da RAG dispoñibles na Rede
Desde a Real Academia Galega:
“O Arquivo da Real Academia Galega acaba de completar unha importante incorporación aos seus fondos dixitalizados dispoñibles na Rede. A colección de pergameos da institución, 285 escritos do século XII ao XVIII, inclúe bulas, privilexios reais, foros, doazóns, contratos de compravenda, sentenzas xudiciais e outros manuscritos, de orixe pública e privada, agora dispoñibles para todo o público no Arquivo Dixital de Galicia. A RAG celebra así o Día Internacional dos Arquivos e, nas vésperas da conmemoración, propón unha viaxe á Idade Media, guiada polos académicos Pegerto Saavedra e Henrique Monteagudo, a través de dous destes pergameos destacados: o máis antigo e o máis vello dos escritos en galego que custodia da institución.
Desde o ano 2008, cada 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos, unha data para concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos e facilitar o seu acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. Composta por escritos en latín, galego ou castelán, parte dos pergameos que a RAG Galega fai públicos pertencen a diferentes fondos persoais. Outros son pezas separadas dos seus fondos orixinais que conforman unha colección facticia de orixe descoñecida.
O pergameo máis antigo da RAG, redactado en latín e datado en 1117, é un privilexio de Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro no que define o seu couto xurisdicional. Tamén ten a súa orixe neste mosteiro un escrito en galego de 1259, o máis antigo nesta lingua de todos os datados da colección. Relativo a unha venda de eguas, é un bo exemplo da época na que o galego aínda se estaba a introducir na linguaxe notarial. Ambos os escritos pertencen á colección facticia da RAG aínda que varios historiadores os sitúan no Fondo Murguía. (…)”
A Órrea, Riotorto: presentación de Eloxio da Terra de Miranda, de Xulio Pardo de Neyra
Compostela: presentación de Historia das historias de Galicia, edición de Isidro Dubert
O martes, 26 de abril, ás 19:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago, terá lugar a presentación do libro Historia das historias de Galicia, editado por Isidro Dubert, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao editor, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra, Manuel Gago e Manuel Bragado.
Santiago: ingreso de Pegerto Saavedra na Real Academia Galega
Desde a Real Academia Galega:
“(…) Despois da preceptiva lectura da certificación da celebración do acto de ingreso por parte do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o novo membro numerario, Pegerto Saavedra, deu comezo ao seu discurso titulado Demarcacións, topónimos, papeis, memoria: sobre a división e o control do territorio na Galicia moderna cunha evocación do seu antecesor na cadeira, o catedrático lucense de Xeografía na universidade compostelá, Francisco Xavier Río Barja, discípulo de Otero Pedrayo e continuador da súa obra de pescuda e análise científica da nosa xeografía. O novo catedrático salientou a contribución decisiva de Río Barja á modernización dos estudos xeográficos no noso país, quer mediante o seu labor docente na universidade, quer mediante as súas publicacións na Revista de Economía de Galicia. (…)
Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Villares salientou a importancia das investigacións do novo membro numerario sobre as condicións de vida no rural galego durante o Antigo Réxime, exemplificada en obras como A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850, publicada en 1992, e que había merecer o Premio da Crítica ao ano seguinte. Villares Paz subliñou tamén a influencia que estudosos marxistas como Pierre Vilar e E. P. Thompson tiveron na súa formación como historiador, un maxisterio que se fai patente na súa dedicación ao estudo da vida das clases populares galegas, e das súas estratexias de resistencia á autoridade dos estamentos superiores durante o Antigo Réxime. Ramón Villares rematou o seu discurso trazando unha análise comparativa entre os obxectos de estudo de Otero Pedrayo e Pegerto Saavedra: o primeiro, centrado no esplendor e decadencia da fidalguía; o segundo, na comprensión do papel histórico do campesiñado galego. (…)
O discurso completo pódese descargar aquí.”
Pegerto Saavedra: “É unha falsidade dicir que Galicia non ten pasado industrial”
Entrevista a Pegerto Saavedra en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como definiría a relación entre lingua e historia?
– Pegerto Saavedra (PS): Desde a fundación da Academia foi habitual que os historiadores formasen parte dela, e eu fun elixido precisamente para ocupar a vacante producida polo falecemento do xeógrafo e historiador Francisco Río Barja, de quen tiven ocasión de aprender moitas cousas. No tocante ás relacións entre lingua e historia, hai que dicir que son disciplinas que teñen que camiñar xuntas (lingua e historia son atributos dos humanos) e máis no caso de Galicia: a historia explica o nacemento e traxectoria da lingua desde o século XIII ata hoxe, e ao mesmo tempo a lingua, escrita e falada, constitúe un capítulo fundamental da nosa historia.
– LVG: ¿Como encara o seu traballo como académico?
– PS: Eu son un historiador dedicado ao estudo dos séculos XVI-XIX. A Academia ten unha sección de Historia e conta xa con historiadores (os profesores Xosé Ramón Barreiro e Ramón Villares) aos que considero mestres, porque verdadeiramente o son. Eu tratarei de facer aquelas tarefas que se me encomenden no ámbito da miña especialidade, como poden ser investigacións sobre a onomástica, sobre o uso do galego e en xeral sobre os diversos problemas que presenta a cultura galega nos “séculos escuros”. E por suposto, apoiarei, na medida das miñas posibilidades, á Academia no cumprimento de todas as súas finalidades, pois o galego, e polo tanto a nosa cultura, atravesa unha situación moi difícil e que aínda pode ir a peor. Todo o que se faga é pouco. (…)”
O historiador Pegerto Saavedra ingresará na Real Academia Galega
“Pegerto Saavedra Fernández (A Fonsagrada, 1951), catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, será o novo membro da Real Academia Galega. A entidade tomou esta decisión no plenario desenvolvido o venres 30 de setembro, no que decidiron que sexa este historiador o que ocupe a vacante deixada por Francisco Xavier Río Barja. Nesa mesma xuntanza, o plenario tamén acordou facer oficial as propostas de Giulia Lanciani como Académica de Honra, e de Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez como Académicos Correspondentes.” Vía Cultura Galega.