Foto de Alfredo López, “Tokio”.
Desde o Magazine Cultural Galego, de Montse Dopico:
“Esta é a versión completa do texto que lin, resumido tras unha interrupción por un problema co micro, na Gala das Letras. Fala da importancia de apoiarnos entre nós, como sociedade, sen agardar polo poder.
Primeiro, compartir o primeiro cos todos os meus compañeiros, e en especial con aqueles que pertencemos á especie en perigo de extinción dos xornalistas culturais. Eu non vou reivindicar a lingua e a cultura porque sería como reivindicar o dereito a respirar, algo que é parte de min de xeito natural, como ter mans ou ter voz. Mais si vou reivindicar o dereito a traballar, os nosos dereitos como traballadoras e traballadores. O dereito a traballar facéndoo, ademais, nunhas condicións dignas nun sector, o da cultura, que é o primeiro que se recorta coa escusa da crise-estafa.
Mais tampouco estou aquí para queixarme do mal que nos vai aos xornalistas. Senón para facer, por unha parte, unha denuncia. Pola outra, unha proposta. A denuncia ten que ver coa cada vez máis escasa presenza da cultura nos medios de comunicación, nos que a pouca información cultural que se mantén faise polo empeño persoal dalgúns profesionais. E non sei de ningún medio, público nin privado, no que non haxa polo menos algún traballador ou traballadora ao que a cultura lle guste e lle importe como para dedicarlle o tempo que merecen os lectores, moitas veces a costa do tempo propio, por moito que as empresas tenten desincentivalos.
As empresas tentan xustificar os poucos recursos dedicados á cultura co argumento de que non vende. E se cadra a literatura non “vende” tanto como os partidos de fútbol, mais tampouco incrementan as vendas as múltiples roldas de prensa de nulo contido informativo que se cobren para que quen reparte subvencións e asina convenios poida saír na fotografía. Subvencións que, en si, non terían por que ser un problema, pero que acaban conducindo á censura e á autocensura cando as empresas dependen delas para a súa sobrevivencia e o poder que as sustenta confunde información con propaganda.
Mais hai máis. Porque tomar en serio a cultura podería alterar a estrutura do ADN de parte dos medios do país, representantes das elites económicas e políticas, cando non das burguesías herdeiras do franquismo, para os que a cultura galega só pode entenderse como un apéndice subordinado e dependente da cultura en castelán e inglés sancionada polas televisións de maior audiencia ou como unha marca de clase a exhibir en certos espazos.
As mesmas burguesías que temen as palabras inconvenientes dos profesionais da cultura que lles restan a lexitimidade simbólica que a eles só lles dan as súas relacións co poder. Alén diso, adoptar unha liña crítica coa política lingüística e cultural da Xunta de Galicia pode ameazar a continuidade dunhas subvencións que, moitas veces, sustentan estruturas mediáticas fondamente desiguais nas que se producen despedimentos masivos para que as cúpulas poidan seguir cobrando como 10, 50 ou 100 xornalistas da base.
Mais eu teño detectado, por parte do poder, máis que medo a eses escritores e escritoras que non son controlables, desprezo. Desprezo á cultura. Por considerala superflua, molesta. E a miña proposta é que non permitamos ese desprezo. Que demostremos, entre todos e todas, que a cultura interesa. Que lles digamos, con feitos, aos que nos gobernan e aos que mandan nos medios de comunicación que si hai demanda. Porque a cultura lémola, escoitámola, compartímola, debatémola. Porque non esperamos dos medios só que promocionen o noso novo produto (o noso libro, a nosa obra de teatro), senón que nos axuden a pensar a cultura e a facela, sobre todo, máis forte e máis libre.
E eu creo que a sociedade foi neste, como en moitos outros contextos, por diante das empresas de comunicación e dos gobernos. (Diante, desde logo, da Xunta que recortou o apoio á creación e difusión cultural nun 60 por cento). Desaparecidas as seccións culturais de Vieiros, A Nosa Terra, Xornal de Galicia ou Galicia Hoxe, ou suplementos como o Luzes de El País, produciuse unha multiplicación crecente de blogs e webs culturais que se uniron á información cultural prestada por medios alternativos de estruturas máis modestas, pero tamén en xeral máis libres que as empresas de maior tamaño, e tal como está a situación non menos precarias.
Aínda que é certo que nos falta compartir, e non competir, para ser todos máis fortes. A sociedade é tamén a que impulsa os centos de proxectos culturais que se desenvolven cada día no país, contra vento e marea e sen tutela de ninguén. E teño claro tamén que, nese aspecto, témonos a nós mesmos. A nós mesmas. Non podemos agardar por ninguén. Temos que apoiarnos entre nós. Os da novela aos do teatro. As do cine ás da arte. Os da educación aos da lingua. As da música ás da poesía. Todos e todas aos demais. Creando unha masa crítica que demostre que si. Que tomamos en serio a nosa cultura. E, sobre todo, que non temos medo. Que non vamos calar. E que imos moito máis alá da resistencia.
Grazas aos socios e socias da AELG polo premio, á miña familia e amigos por aturar as miñas ausencias e, en especial, a miña nai, por terme ensinado que os libros son importantes para a vida.”