Arquivos da etiqueta: Uxío-Breogán Diéguez Cequiel
A Coruña: Seminario de Memoria Histórica, os 27 e 28 de xuño
Compostela: presentación de Cando pasou o que pasou, de Rosario Regueira
A Coruña: conversa Pasado e presente da colonialidade e dos pobos sen estado
Justo Beramendi: “As Irmandades da Fala modificaron a dinámica política galega”
Entrevista
de Daniel Salgado a Justo Beramendi en Sermos Galiza:
“Repensar Galicia. As Irmandades da Fala é o título do volume colectivo, coordinado por Uxío-Breogán Diéguez, Carme Fernández, Pilar García Negro, Xosé Manuel González Reboredo e Justo Beramendi que recolle as achegas ao simposio do mesmo nome organizado en novembro de 2016 polo Museo do Pobo Galego, a revista Murguía, o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) coa colaboración da Xunta.
Sermos Galiza disponibiliza agora os vídeos que rexistraron as intervencións nas xornadas. O historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941) explica con concisión o papel fundamental das Irmandades da Fala para a Galiza contemporánea.
– Daniel Salgado (DS): Cal é a importancia histórica das Irmandades da Fala?
– Justo Beramendi (JB): É altísima. Por suposto foron moi importantes para a articulación do galeguismo político. E para o salto do rexionalismo a un nacionalismo pleno e moderno. Ademais, contribuíron a que se xerase en Galiza un espazo sociopolítico diferenciado e a apontoar un segundo Rexurdimento, coa consolidación da lingua e a literatura galegas.
– DS: A súa influencia excedeu o campo galeguista?
– JB: Aínda que o desenvolvemento do nacionalismo foi lento, ou non tan vizoso coma o vasco ou o catalán, aquí foi decisivo para a historia de Galiza. As Irmandades modificaron cualitativamente a dinámica política galega. Sen elas non se entende, por exemplo, a aprobación do Estatuto na II República. (…)
– DS: Que falta por saber das Irmandades?
– JB: En historia nunca se acaba, aínda que coas Irmandades eu creo que xa está cuberto o 80% do terreo. O que falta son cousas menores. Pero outra cousa é que este traballo chegue á xente.”
A Coruña: mesa redonda “150 anos da publicación d’O Capital“
Unha obra que reflicte “a entrada do século XX de Galiza” gaña o Manuel Murguía de Ensaio
Desde
Sermos Galiza:
“Os investigadores Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó son os gañadores do XI Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña – dotado cun galardón de 6.500 euros e a edición da obra gañadora- coa súa obra O son que coñeceu Ramón Caamaño.
O xurado estimou a “contribución social á historia da fotografía galega e da modernidade” ao combinar “fontes orais e arquivísticas, facendo unha descrición con mestría e amenidade, que parte do local para dirixirse a un público xeral. Desta maneira mesmo coas raíces do traballo no concello de Porto do Son, o ensaio acada unha dimensión moito máis abranxente e vincúlase ao conxunto do país
Destaca tamén que o traballo “combina dun xeito acertado o ensaio e a reportaxe fotográfica, tocando distintos planos e sectores, como a demografía, o mundo do traballo, os conflitos sociais ou mesmo a rede viaria”. Así mesmo, O son que coñeceu Ramón Caamaño reflicte, para o xurado, “a entrada do século XX de Galiza”.
Ademais da obra gañadora, o xurado decidiu destacar como finalista o traballo de Ana Naseiro Ramudo, titulado Revisión da Historia da Coruña. A fábrica de tabacos e a fábrica de mistos.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e composto pola doutora en Filosofía África López, a psicóloga e orientadora educativa Ana Torres, o historiador Uxío Breogán Diéguez, a filóloga Helena Miguélez e o gañador da última edición do certame, o catedrático de Filosofía, Marcelino Agís,”.
Raúl Soutelo é doutor en Historia pola Universidade de Vigo, profesor de ensino secundario e de didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en historia social contemporánea. Pola súa parte, Vázquez Lijó é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais é profesor asociado da área de Historia Moderna da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade de A Coruña dende 2007 ata a actualidade, unha plaza que compatibiliza coa de técnico de xestión do Museo marea do Porto do Son.”
Rianxo, Celanova e Allariz: VIII Seminario sobre a memoria histórica
A Universidade da Coruña presenta unha edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra
Desde
a Universidade da Coruña:
“Para aglutinar seguidores e difundir o seu pensamento, os promotores das Irmandades da Fala lanzaron a cabeceira A Nosa Terra no remate do ano fundacional de 1916.
A Universidade da Coruña pechou o 29 de decembro a súa conmemoración do centenario das Irmandades coa publicación dunha reprodución facsimilar daquel primeiro número do boletín irmandiño.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.
Na presentación do facsímile, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.
“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque os promotores se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.
Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala, entre outras cousas para levar a distintas vilas da provincia a exposición conmemorativa que este ano percorreu as sete principais cidades galegas.”







