Xesús Fraga gaña o Premio Nacional de Narrativa 2021 con Virtudes (e misterios)

Desde Galaxia:
“Xesús Fraga vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa 2021 pola súa obra Virtudes (e misterios). Unha gran noticia e un galardón máis que se suma ao libro gañador do Premio Blanco Amor 2019.
Este premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros. O xurado escolleu esta obra “por amosar cunha prosa moi coidade, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís, e adentrarnos nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América”.
Ademais, o xurado sinala: “Con esta novela contemplamos a inmigración, cos seus claros e escuros, desde as súas dúas beiras, a dos que marchan e a dos que quedan e tamén desde o punto de vista dos que viven a cabalo entre dous mundos”.
Xesús Fraga constrúe en Virtudes (e misterios) unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.”

Pontevedra: Festa dos Libros 2021

Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 6 de agosto

O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. José Luís Graña Muíño asina Verso plural, publicado por Medulia.
19:00 h. Manuel Esteban asina A vinganza dos homes bos, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:00 h. Henrique Dacosta asina Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:00 h. África López Souto asina Mulleres que (nos) dan que pensar, publicado por Galaxia.
20:00 h. Rosalía Fernández Rial asina Árbores no deserto, publicado por Galaxia.
20:00 h. Xesús Fraga asina Virtudes (e misterios), publicado por Galaxia.
20:00 h. Fuco Paz Souto asina Versos que recenden a mar, publicado por Medulia.
21:00 h. Eduardo Estévez asina [sen-fin], publicado por Positivas.
21:00 h. Serxio Moreira asina Lugares de incendio, publicado por Caldeirón.

Do 26 ao 28 de xuño, I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV)

I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV), do 26 ao 28 de xuño

Tabela dos libros. Xuño de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Tras dous meses de ausencia por mor da crise vírica, a Tabela dos Libros retoma a súa andaina. Velaquí a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Xesús Fraga, premio Blanco Amor de novela 2019

Desde Fervenzas literarias:
“O xornalista e escritor Xesús Fraga foi o gañador do XXXVIII Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra Virtudes (e misterios).
O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, elixiu por maioría, de entre os 23 orixinais presentados ao premio, a obra de Xesús Fraga, que recrea as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. “Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai”, sinala a acta.
O epicentro narrativo da obra sitúase nun Londres percorrido polas pegadas familiares e as do colectivo galego emigrante, subliña o xurado, salientando que como contrapunto está Venezuela, a través do avó ausente, do que pouco ou nada se sabe ata o final. “Resulta salientable –valora o xurado- a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións”, e tamén destaca “o tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros, entre os que non falta a empatía coa actualidade; unha novela para todo tipo de lectores”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, felicitándoo polo éxito acadado con este traballo literario, que reflicte elementos autobiográficos na súa escrita, e que mantén, precisamente, un paralelismo coa obra Blanco Amor, quen tamén destacou por introducir características autobiográficas nalgunhas das súas obras.
Xesús Fraga, nado en Londres e residente en Betanzos, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Salamanca, e traballa como redactor na sección de Cultura de La Voz de Galicia, contando cunha ampla traxectoria no ámbito literario.
O xurado, que fixo constar na acta os seus parabéns ao escritor desexándolle “moitos máis éxitos na súa faceta literaria”, estivo integrado por Luís González Tosar, como presidente; Laura Caveiro, secretaria, e Luís Menéndez Villalba, Xosé María Dobarro Paz e Eulalia Agrelo Costas, como vogais.
A entrega do galardón tivo lugar o vindeiro 30 de novembro, ás 20.30 h., nunha cea literaria, organizada pola Fundación “Eduardo Blanco Amor”, que tivo lugar no Liceo de Ourense, coincidindo esta edición co 40º cabodano do autor de A Esmorga, acto que contou coa participación de representantes institucionais e dos ámbitos social e cultural, e onde o premiado recibiu, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.”