Arquivos da etiqueta: Xunta de Galicia
Gañadoras e gañadores dos Premios Xuventude Crea 2014
Desde Fervenzas Literarias:
Coñécense os nomes dos gañadores do Xuventude Crea 2014, un certame para creadores novos que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e moda. A este certame, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, poden participar mozos ou mozas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2014.
Nas categorías máis vinculadas ao literario, os gañadores foron:
– Categoría Relato Breve.
1º Premio. Daniel Barral Calvo, coa obra Stalingrado.
2º Premio. Raquel Fernández González, coa obra 1987.
3º Premio. Irma Pérez González, coa obra Zapato.
– Categoría Poesía.
1º premio (compartido). Maria Rosario López Sánchez, coa obra Do quotidiano (RANDOM); e Brais González Pérez, coa obra Robeson, calquera.
2º premio (compartido). Ismael Ramos Castelo, coa obra O grande pecador; e Fabián Freijedo Fariñas, coa obra In-herencias, anacos de familiaridade.
3º premio (compartido). Raquel Iglesias Gándara, coa obra O meu patio de luces é moi feo; e Olalla Liñares García, coa obra Pirroto.
– Categoría Banda Deseñada.
1º Premio. Xulia Vicente Jiménez, coa obra Se os productos son bos…
2º Premio. Paloma Tarrío Alves, coa obra O pescador de tempos.
3º Premio. José Nuno Martins Pinto Fraga, coa obra Apicultor de homes.
– Categoría Teatro.
1º premio. Os Farsantes Teatro, coa obra Vincent.
2º premio. Asociación Cultural Pinchacarneiro Teatro, coa obra Tralo telón.
3º premio. Teatro La Passoire, coa obra Fétide nettoyage.”
Santiago Cortegoso, Antón Cortizas, Andrea Bayer e Xavier Lama, premios de literatura dramática da Agadic
Desde a Xunta de Galicia:
“Santiago Cortegoso, coa obra Raclette, é o gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón foi comunicada o luns 10 de novembro canda a do VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Antón Cortizas por Xogando con gatos, e a do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que foi para O lobo e a lúa, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama, na modalidade para adultos. (…)
O xurado, presidido por Roberto Salgueiro, e do que formaron parte como vogais Xosé Manuel Fernández Castro, Inacio Vilariño, Dani Salgado, Artur Trillo e Dolores Vilavedra, seleccionou os catro textos vencedores entre os 69 orixinais recibidos: 28 para o Álvaro Cunqueiro, 17 para o Manuel María, 12 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 12 para a modalidade de teatro para rapaces deste último galardón.
No caso de Raclette, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseouse tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección. (…)
De Xogando con gatos, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas…) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato.
A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer conseguiu o Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con O lobo e a lúa, unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo a propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.
Así mesmo, dela subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.
Tamén destaca o tribunal as posibilidades escénicas de Ela, piedade dos suicidas, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos para monicreques na modalidade de teatro para adultos. De acordo coa súa valoración, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.
O seu autor (…) define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun “espellismo do amor”. Segundo se recolle na acta, o autor materializa aquí “aquel vello soño de Rafael Dieste de atopar o sublime estilo oral das estatuas, recuperando a paradoxal estratexia das derradeiras montaxes de Teatro Antroido, onde unha opulenta disposición de aparellos se batía contra o desposuimento reinante no seu contorno”.”
XI Simposio O libro e a lectura nos medios, o xoves 20 de novembro
A edición número once do Simposio anual O libro e a lectura, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores organizada por vez primeira no 2003, terá lugar o 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición estará aberto até o 17 de novembro. O libro e a lectura nos medios será o tema baixo o cal 14 relatores expoñerán as súas propostas e experiencias relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de CEDRO, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.
Este é o programa:
Pontevedra, Vigo e Redondela: Con barqueira e remador
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador reúne na súa terceira edición e durante unha semana na Illa de San Simón, en Redondela, sete recoñecidos poetas e, á vez, tradutores literarios procedentes de diversos países.
Baixo a coordinación de Yolanda Castaño e do vindeiro 13 ao 18 de outubro, Karlis Verdins (Letonia), Katerina Rudcenkova (República Checa), Leire Bilbao (Euskadi), Marilar Aleixandre (nacida en Madrid e cuxa obra literaria desenvolveu en galego), Alvin Pang (Singapur), Catharina Gripenberg (Finlandia) e Cosmin Perta (Romanía) terán oportunidade de compartir un enriquecedor traballo de transvasamento lingüístico dos seus textos aos distintos idiomas presentes no obradoiro, co inglés como lingua vehicular.
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador constitúe unha iniciativa pioneira en Galicia, concibida a semellanza das que se realizan noutros países, que se completa cunha programación de actividades abertas a todo o público e gratuítas. A primeira delas terá lugar o 15 de outubro, ás 20:00 horas na Casa das Campás de Pontevedra, onde terá lugar un recital poético multilingüe en colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra, cunha mostra do traballo poético dos autores e autoras do obradoiro como do labor de tradución ao galego durante o proxecto.
Ao día seguinte, ás 13 horas, celebrarase na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo unha mesa redonda sobre a tradución poética, que se acompañará cun recital. Outra lectura poética, neste caso de cada un dos poetas no seu idioma orixinal xunto coas versións en galego dos textos recitados, poralle o broche de ouro ao obradoiro o venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, no Multiúsos da Xunqueira de Redondela.
Frankfurt: Do 7 ao 12 de outubro celébrase a Feira Internacional do Libro
Desde a Asociación Galega de Editores:
“Do 7 ao 12 de outubro o sector galego estará representado na Feira do Libro de Fránkfurt por profesionais de Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Ouvirmos, Baía Edicións, Hércules de Ediciones, KNS Ediciones, Arnoia Distribucións e Asociación Galega de Editores. A Cámara de Comercio de Santiago colabora na organización da visita cunha importante axuda á presenza individual dos editores e dos seus stands. A institución cameral despraza a Fránkfurt a unha das súas profesionais. A Asociación Galega de Editores ten previstas diversas reunións e entrevistas con axentes editores do sector internacional. (…)”
Polafía en Arteixo: Músicas, cantos, contos e historias do Concello de Arteixo, o xoves 18 de setembro
O xoves, 18 de setembro, ás 19:30 horas, no Centro Cívico Cultural (Paseo Fluvial, s/n) de Arteixo, e con entrada de balde, terá lugar unha nova Polafía, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello de Arteixo, Asociación Cultural-Deportiva “Polos Camiños de Arteixo”, Asociación Cultural “Monte da Estrela” e Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo.
O acto contará coas intervencións de:
Purificación García Borrazás e Manuel Caridad Martínez (de Armentón).
Carmen Martínez Fuentes (antiga percebeira).
Carmen Furelos (recitadora).
Baldomero Capelán (poeta popular).
Pilar Añón Dopico (narradora).
Xabier Maceiras (historiador).
Francisco A. Vidal (escritor).
Josefina Souto Pan (narradora).
Jesús Miranda Iglesias (construtor de gaitas).
Xosé Iglesias (poeta e mariñeiro).
María Rozamontes (investigadora).
Gonzalo García (presidente da Asociación de Xubilados e Pensionistas).
Isidro Novo (recitador).
Música:
Óscar Miranda Lodeiros.
Proxección:
Durante o desenvolvemento da polafía proxectáranse fotos antigas cedidas pola Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o patrimonio oral, literario e musical. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber. O que sucede nas polafías é gravado e logo difundido a través da web da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
As polafías teñen unha duración aproximada de 120 minutos.
Xosé Neira Vilas, Premio da Cultura Galega 2014
Desde Galaxia:
“O escritor Xosé Neira Vilas, a Galería Trinta, o actor Cándido Pazó, o Festival de Ortigueira, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o profesor David Mackenzie, o Grupo Marcelo Macías e o Centro PEN Galicia son os galardoados deste ano cos Premios da Cultura Galega, que constitúen un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural.
Conformado por representantes das principais institucións culturais e profesionais independentes, baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o xurado dos premios reuniuse onte na Cidade da Cultura de Galicia para determinar, entre un total de preto de 40 candidaturas, os galardóns das oito modalidades que conforman os premios: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua.
Na modalidade de Letras o premiado foi o escritor e académico Xosé Neira Vilas, un dos nomes máis destacados e dos escritores máis lidos da literatura galega actual. Autor de numerosos artigos en revistas e xornais, e fundador da Editorial Follas Novas con Anisia Miranda, Neiras Vilas é un dos narradores que mellor describiu a dureza da vida campesiña e o sentimento de desarraigo do emigrante galego. (…)
Xunto co titular de Cultura e Educación formaron parte do xurado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Maximino Zumalave Caneda, en representación do presidente do Consello da Cultura Galega; Henrique Monteagudo e Manuel Quintana Martelo en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes, respectivamente; e Gloria Pena Uris, secretaria xeral da Universidade de Vigo, por delegación do reitor.
Completaron o xurado tres persoas de prestixio no ámbito cultural como son a profesora e investigadora de literatura galega Blanca-Ana Roig Rechou; o produtor e presidente do Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé Riesco; e a pianista e directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez González. Actuou como secretaria Cristina Fabeiro, subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural.
Na edición 2014, o premio para distinguir a excelencia cultural en cada unha das modalidades consiste nunha obra do pintor ourensán Antón Pulido, que lles será entregada aos premiados nun acto a final de ano. (…)”