Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Xosefa Arias Castelo

A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Xosefa finou o 6 de xullo de 2019 e descansa xa no cemiterio da parroquia de Santaballa, na que nacera hai 97 anos.

Xosefa Arias Castelo
Santaballa (Vilalba-Lugo),1921-2019

Naceu no albor do século XX, o 14 de setembro de 1921, nas terras chairegas de Santaballa, unha das parroquias do Concello de Vilalba. Criouse no seo dunha familia labrega humilde, nunha situación privilexiada como filla vinculeira.
Dende moi nena acudiu á escola da Liga, á que asistía cando podía, non cando quería, pois por aquel entón o traballo era moi necesario para sacar a casa familiar adiante.
Xa de moza, casou aos 26 anos con José Bermúdez, máis coñecido como Pepe do Fogaina, co que tivo seis fillos. Un deles morreulle ao pouco de nacer, pero conseguiu botar adiante cinco fillos nun contexto nada fácil como foi o da dura posguerra española.
Adicou toda a súa vida ao traballo na labranza e ao coidado das vacas que proporcionaban a pouca riqueza daqueles días.
Aos seus 90 anos lembraba con certa añoranza a escola daquela época, recoñecendo que lle gustaba moito asistir porque lle gustaba estudiar, pero a miseria daquela época non permitía que a educación fose primordial para as familias campesiñas do momento.
Lembraba unha anécdota da súa etapa final na escola, cando o seu mestre Don Antonio Quintela Ferreiro foi visitar persoalmente a seus pais para recomendarlles “que seguisen estudiando a súa filla porque era unha pena botar a perder unha nena tan intelixente”. É evidente que seus pais non puideron cumprir aquel sello, por razóns económicas pero tamén porque non desexaban quedar sós. Eran outros tempos e primaban outros valores.
Josefa foi unha muller loitadora que co seu suor e o do seu home logrou sobrevivir o infortunio dos tempos que lle tocou vivir.
Como boa santaballesa, mostrouse orgullosa de nacer nunha das parroquias máis prósperas da contorna, loada polo seu tío poeta Caetano Arias López, ao que tamén alababa por ser un dos cantores da Terra Chá de principios do século XX, que deixou un importante legado poético para a posteridade.
Caetano foi un dos poetas populares máis prolíficos da provincia de Lugo. A súa obra é intimista, social e, sobre todo, popular, reflexo da Santaballa dos primeiros anos do século pasado na que deixou fonda pegada a emigración a América. Boa testemuña delo é a construción da escola habaneira sufragada integramente polos veciños da parroquia, emigrados e non emigrados, que ansiaban un futuro mellor para as xeracións vindeiras.
Moitas das súas poesías chegaron aos máis diversos recantos do país como cantares de cego, transmitidas oralmente de vellos a mozos, e publicadas na prensa vilalbesa da época e en rifas que se facían nos festexos. Caetano, xunto co seu fillo, o pai de Josefa e un veciño, integraba un cuarteto de gaitas que amenizaba as festas e romaxes que se celebraban na comarca a mediados do século pasado.
Josefa coñeceu moi de preto a súa poesía e sentía fachenda de ser sobriña dun dos poucos poetas populares que viron parir as terras vilalbesas. Foi unha das poucas transmisoras da súa obra, e estes son algúns dos poemas que a Josefa máis lle gusta lembrar: “Encima de mel, filloas”, “A máquina de mallar”, “Adiós, meu Ricardo”, “Galicia, xardín de flores”, “As papas de Xacoba”, “¡Probe gaiteiro!”, etc…
Josefa aproveitaba con ledicia calquera ocasión, sobre todo as xuntanzas familiares e de amigos, para recitar e lembrar con gran emoción a poesía de seu tío Caetano, aínda que recoñecía que cada vez lle resulta máis difícil pois, dixera ela: “… agora xa son unha vella de 90 anos“. Aínda así, gozou dunha gran memoria para recitala con todo luxo de detalles e con gran forza interpretativa. Esta foi, xunto coa leitura, unha das grandes aficións de Josefa.

Adaptación de “Unha muller feita de terra”, artigo de Carme Pernas Bermúdez

Vexa aquí os vídeos da gravación que se lle fixo o 5 de novembro de 2011 co gallo do seu nomeamento como Mestra da Memoria. Vexa tamén aquí o fondo videográfico coas participacións de Josefa Arias Castelo no Proxecto Polafías.

Bases dos Premios da Crítica de Galicia 2019

“Como establece a base sétima «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 27 de setembro de 2019. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros».
A este teor as propostas poderán ser dirixidas ás secretarías de cada unha das modalidades escribindo a: premiosdacriticagalicia@gmail.com
Creación literaria: María López Sández.
Investigación: Jorge Mira Pérez.
Iniciativas Culturais e Científicas: Alba Nogueira López.
Música: Ernesto Sánchez Pombo.
Artes Plásticas: Xavier Limia de Gardón.
Artes Escénicas: Paula Cabaleiro Comesaña.
Cine e Artes Audiovisuais: Mariana Fernández Carballal.
Cultura Gastronómica: Inma López Silva.”

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga

A poesía necesaria

“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:

É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.

Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo

Pontevedra: Festa dos Libros 2019

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 6 de xullo

O 6 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Falando de libros con… Elba Pedrosa e Selina Otero. Modera Malores Villanueva. Sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, publicado por Do Peirao, na caseta de Nobel.
18:30 h. Brinca vai! De aquí para acolá, con Paco Nogueiras.
19:00 h. Sinatura de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka, na caseta de Libros para soñar.
20:00 h. Presentación de Sulagar o soño, de Montserrat Villar González, publicado por Lastura. Participa Carlos Da Aira.