Santiago Prol: “A Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo”

Entrevista a Santiago Prol en La Voz de Galicia:
“Maceda será o escenario, mañá, do cuarto roteiro cultural que organiza a asociación Amigos de Francisco Carballo para pasear polos lugares nos que o intelectual e sacerdote -falecido en Salamanca no 2014- deixou pegada e formaron parte importante da súa biografía. Desta volta, o roteiro céntrase na vila de Maceda, comezando ás 11.30 na cafetería Castillo, para continuar cunha visita ao Museo do Médico Rural e cun acto central na biblioteca municipal Francisco Carballo, ás 12.15 horas.
– La Voz de Galicia (LVG): Cal é a motivación dos roteiros?
– Santiago Prol (SP): Carballo morreu en 2014, o 29 novembro e daquela decidimos facerlle unha homenaxe en Maceda. Bieito Seara decidiu facer unha asociación e eu, roteiros polos seus lugares, unha palabra que el dicía moito. O primeiro foi pola contorna de Asadur, a casa natal, o cemiterio. O segundo, por Vigo, Madrid, o terceiro pola contorna de Maceda e o santuario dos Milagres e o este cuarto, centrado na vila. O próximo será en Pontevedra, Queremos vindicar a súa figura e o seu legado. Era relixioso pero viviu de ser profesor universitario de Historia, sabía moito e creou unha escola de historiadores. Foi presidente da empresa editora de A Nosa Terra. Carballo da moita cancha. Foi teólogo, xornalista columnista, historiador e político.
– LVG: É aínda actual?
– FC: Na miña intervención, ao presentar a bitácora da asociación, www.fcarballo.blogspot.es -que ten dous anos de vida e 170 achegas- recuperarei a noticia da exposición do cadro de Castelao sobre o mestre Alexandre Bóveda cun post vencellado con isto. Carballo era un home incrible, tiña a potencialidade de estar actualizado con todo. Foi un intelectual de intelixencia impresionante. Este acto será na biblioteca que leva o seu nome. El legou todos os súa biblioteca persoal ao Concello de Maceda. Alí se proxectará un vídeo de Tareixa Navaza, o último da serie “Arredor de nós”, sobre Francisco Carballo.
– LVG: Pero en Maceda si era coñecido, non si?
– FC: En Maceda, si foi alguén central. Pero a Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo por ser cura e nacionalista. Non se entendía. Viña dun teologado en Salamanca e renunciou á carreira eclesiástica e a ser bispo para vir a Vigo a un piso de curas obreiros, a facer igrexa de base. A Maceda viña cada ano, polo verán, e quedaba coa xente na cafetería Castillo. Alí montábase unha tertulia pois el era un grande orador.
– LVG: Céntranse este ano na faceta relixiosa del?
– FC: Cada ano dámoslle un enfoque. Intentamos convidar a xente vencellada con el. Intervirán dous teólogos, Manuel Peleteiro, un cura progre dos Milagres, e Antón Gómez, ex cura obreiro da etapa de Vigo. Nos seus últimos anos, Carballo volveu a unha etapa máis interior, máis ao pensamento relixioso aínda que sen descoidar os demais. Sempre participou no mitin do 25 de Xullo na Quintana.”

Luz Pozo Garza, nomeada Filla Adoptiva de Viveiro

Desde Xornal da Mariña:
“A poeta Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) foi nomeada este xoves Filla Adoptiva de Viveiro. A corporación aprobou por unanimidade a proposta para distinguir a autora presentada polo goberno municipal. O recoñecemento deu respaldo institucional a unha iniciativa a que se adheriron asociacións e colectivos de todo o concello ademais de persoas a título individual como o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal.
Durante o pleno do xoves 11 de outubro, todos os grupos políticos destacaron a traxectoria literaria e o compromiso feminista da autora, voz fundamental da poesía galega dende a publicación de O paxaro na boca (1952) ao que seguirían Concerto de Outono, Códice Calixtino, Prometo a flor de loto ou Deter o día cunha flor, entre outros poemarios e ensaios.
A autora mantivo desde a súa crianza unha estreita vinculación con Viveiro onde viviu e exerceu como docente nas décadas dos cincuenta e sesenta. A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro leva o seu nome desde o pasado mes de xuño. O claustro do centro solicitou o cambio de nomeamento para adherirse á campaña #NomearnosEnLila, impulsada polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade.”

A Pobra do Caramiñal: Xornadas de homenaxe a Anxo A. Rei Ballesteros

Allariz: Festival Internacional de Poesía Poemagosto

A Coruña: entrega de diploma ad honorem a Pilar García Negro na XVII Asemblea da AMIT

O 28 de setembro, ás 12.30 horas, no Paraninfo da Universidade da Coruña (Rúa da Maestranza, 9), terá lugar a entrega do diploma ad honorem a Pilar García Negro, no marco da XVII Asemblea da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT).

Pontevedra: Unha Lingua de Premio

Vigo: “Os mundos de Ferrín”, do 20 de setembro ao 18 de outubro