Taboleiro do libro galego (XIV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Retorna, tras o período estival e uns días en que esta bitácora non actualizou os seus contidos, a sección do Taboleiro do libro galego recollendo os libros máis vendidos en lingua galega na derradeira quincena do mes de setembro. O meu agradecemento, outra vez, ás librarías colaboradoras que foron nesta ocasión:  Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil,  Andel, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Torga, Paz, Libros para Soñar,  Livraria Suévia, Carricanta e Biblos Libraría.”

NARRATIVA
1º-. Aquel neno, de Xosé Neira Vilas, Embora e Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
2º-. Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, Edicións Xerais.
3º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
4º-. Días que non foron, de Luís Rei Núñez, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
3º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
-. Historia de Galicia,  Anselmo López CarreiraEdicións Xerais.
2º-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
3º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
-. Verdedades, Yolanda Castaño e Xosé Tomás, Biblos.
-. Os Megatoxos e os templarios da luz, de Anxo Fariña, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
2º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
3º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. Vida de nai, por Gemma Sesar, El Patito Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Palestina / Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.

Tempo Catro presenta en Ferrol o disco Os ollos que falan con once cantares de Rosalía

Desde Sermos Galiza:
Os ollos que falan é o título do disco que o sexteto Tempo Catro presenta o 20 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol, nun concerto organizado pola Asociación Cultural Medulio. O novo traballo de Tempo Catro, proposta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, musica once cantares de Rosalía de Castro. Suso Iglesias e Andrés Pazos, profesores do Conservatorio de Ferrol, forman parte de Tempo Catro canda Antonio Romero (contrabaixo) e Javi Cedrón (violín). Begoña Lorenzo pon a voz a este proxecto que busca difundir os cantares de Rosalía neste ano no que se fai o 150 aniversario da súa publicación. Andrés Pazos e Suso Iglesias son autores dunha música no que se senten ritmos de valse, fado, salsa, mazurca, xota ou pasodobre.”

Lugo: recital con poesía e música e presentación de Versus cianuro

O venres 20 de setembro, ás 20:00 horas, no Club Clavicémbalo de Lugo (Rúa Paxariños, 23), terá lugar a presentación do libro Versus cianuro. Na parte poética recitarán Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán, María José Fernández, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Rochi Nóvoa Vázquez, Miro Villar, Paula Sánchez Lourido, Montse González Álvarez, Lupe Bao e José Estévez. E na parte musical Anxos, Branca, Pepa, Carolina, Os Fokgazais, e Foolmakers. A Plataforma contra as minas (Adega, Comisións Labregas e Fruga) lerá un comunicado como fin de festa. O acto será presentado por Lois Pérez e José Estévez.

Crónica da entrega do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Desde o blogue de Alfredo Ferreiro, O levantador de minas:
“Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior. (…) Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.
O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.”