Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Infamia, de Ed. Xerais, esgotou a súa primeira edición en menos de quince días. A novela de Ledicia Costas achégase ao lado máis escuro da condición humana. A entrevista pode verse aquí.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Amador Castro e conversa interxeracional
Desde Un País Mundial, da Radio Galega:
“Coñecemos o gañador do último premio Xerais de novela, Amador Castro, nado en Chantada e emigrado a Barcelona de neno. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Cambados: actos destacados do 22 de xuño na Feira do Libro 2019
O 22 de xuño finaliza a Feira do Libro de Cambados (no Paseo Calzada, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 11:30 h. Ramón Caride asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
– 12:30 h. Antonio Magariños asina A escola do convento na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
– 18:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
– 19:00 h. Presentación-recital de Street Poems, de Fran Alonso, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Presentación de Memoria da represión franquista en Cambados, publicado polo Concello de Cambados. Participan Víctor Caamaño, Tino Cordal e Quico Paz Antón.
– 21:00 h. Mesa redonda O Cambados da miña obra. Con Miguel Anxo Fernández, Sabela Pillado e Xosé María Vila Ribadomar.
Eduard Velasco: “A literatura faise con palabras, non con historias ou con ideas”
Entrevista de Montse Dopico a Eduard Velasco en Praza:
“(…) – Praza (P): En relación con iso, os dous personaxes [Os días felices de Benvido Seixas] responden bastante a estereotipos. Sobre todo o dela, no que é se cadra máis esaxerado, mesmo ata non resultarás veces crible. Nese sentido, parecen caricaturas feitas adrede. Era a túa intención?
– Eduard Velasco (EV): Os personaxes poden ser caricaturas pero, que non resultan cribles? E por que teñen que selo? A literatura ten que ser literatura. Ademais, se ollamos a realidade, que é o crible? Por exemplo, un empresario galego que funda un medio de comunicación en galego e que desaparece do mapa deixando débedas e salarios sen pagar, que marcha para Formentera, que ten unha empresa á que lle pon o nome en castelán -podía poñerllo en galego, xa que era independentista-… Pois iso é realidade. E a literatura, como dicía, é literatura: non é escribir un informe ou facer de notario.
– P: Nos dous personaxes hai un certo ocultamento inicial -e un cuestionamento posterior- pero el mantena a ela enganada. No xogo del -aínda que ela lle gusta de verdade- hai unha actitude que, se estivese a novela situada noutro tempo, podería ser por exemplo o clásico engano do señor á criada -gústalle, pero tampouco “tanto”-. Desde esta perspectiva, pódese ver maltrato, relación de poder… Mais se cadra non era tampouco a túa intención.
– EV: Pois, como diciamos antes, non me corresponde a min interpretar a novela. E claro que unha rapaza coma Mariña pode meterse nunha relación desigual que acabe levando a unha situación de maltrato -que neste caso non é físico-, pode meterse nunha relación que acaba sendo destrutiva para ela.
E un rapaz novo e posicionado co feminismo na loita contra o patriarcado pode acabar maltratando unha rapaza, ou sendo maltratado el mesmo. Todas as persoas podemos acabar nunha situación de maltrato ou de desigualdade nas relacións. E si é algo sobre o que debemos reflexionar, e sobre o que hai que falar aos adolescentes… Mais non era o meu obxectivo falar diso, non. (…)
– P: En canto a como está escrita, a estrutura é bastante lineal, aínda que a voz narradora vai alternando, sen transicións, o relato do que lles pasa aos dous personaxes. Despois hai moito diálogo… Supoño que o que buscaches é que fose unha novela áxil.
– EV: Si, a voz narradora vai falando primeiro dun personaxe e despois do outro, pero iso non é máis que unha técnica moi básica, dun autor principiante, que é o que son. Si que quixen que quen lea a novela se sinta cómodo, que resulte áxil, que poida lerse ben, que flúa, que soe ben: que estea ben escrita en canto a riqueza, vocabulario… Si que quixen que houbese axilidade, pero iso non significa que teña que haber pobreza. Ademais, a literatura faise con palabras, non con historias ou con ideas. (…)”
A Coruña: presentación de Mnemea, de Xosé Duncan
Cambados: actos destacados do 21 de xuño na Feira do Libro 2019
O 21 de xuño continúa a Feira do Libro de Cambados (no Paseo Calzada, con horario de 10:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Concerto-presentación de Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Sindo Mosteiro asina exemplares de A torre e a sombra, na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
– 19:15 h. Presentación de Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, de Pepe Barro, publicado por Xerais. Con Víctor Caamaño.
– 19:30 h. Ledicia Costas asina exemplares de Infamia na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:00 h. Presentación de Singamia 1.1, de Ramón Caride, publicado por Xerais. Coa participación do ilustrador Manuel Bustos.
– 20:00 h. Maribel Iglesias asina exemplares de Asorey, escultor galego na caseta da Libraría Ramón Cabanillas.
– 21:00 h. Presentación de Por puntos, de Manuel Portas, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estará Francisco Martínez Bouzas.
Entrevista a Patricia Mallo sobre Os Fantom
Entrevista de Fervenzas Literarias a Patricia Mallo:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Vén de publicar Os Fantom (Galaxia), onde relata os disparatados sucesos que acontecen a unha familia de fantasmas durante as súas vacacións. A súa primeira novela, Os Cabezombis na Mansión Espello (Galaxia), estaba protagonizada por uns zombis un pouco toleiráns. Que é o que lle atrae destes seres tan pouco convencionais para que sexan os protagonistas das súas novelas?
– Patricia Mallo (PM): Gústame facer rir aos lectores, por iso procuro crear personaxes orixinais que vivan situacións moi divertidas. Penso que os cativos teñen moito sentido do humor e agradecen atopar persoas ou seres que saen do convencional.
Para a miña primeira novela imaxinei cinco zombis inquedos que metían en problemas ao protagonista, creando situacións cómicas. Na segunda obra os protagonistas son unha familia de fantasmas que non entende o modo de vida das persoas vivas, polo que van de enredo en enredo.
– FL: A mestura do mundo fantástico coa realidade cotiá desempeña un papel destacado na súa obra, incluso para ensanchar literariamente os límites da realidade.
– PM: A propia infancia funciona deste modo. Os cativos teñen unha imaxinación tan ampla e creativa que lles permite mesturar realidade e ficción de forma natural. Cando crecemos, a fantasía queda a un lado e por iso a buscamos nos libros ou nas películas.
Eu trato de escribir dese modo, mesturando o mundo real e o mundo imaxinario como se fosen complementarios.
– FL: “O mellor de estar morto, é que xa non podes morrer de novo”. É a frase coa que abre Os Fantom. Saca a relucir dunha forma clara, directa e desenfadada o tema da morte. Pensa que é bo que o neno se achegue ao tema da morte?
– PM: O primeiro que pensei cando tiven a idea desta novela era que os fantasmas deben ser xente moi feliz, xa que poden facer todo o que lles pete. Ademais, viven moi tranquilos porque nada lles pode facer dano.
O tema central do libro non é morte, pero como a morte forma parte da vida a trato dun xeito desenfadado.
De todos modos, os cativos se achegan ao libro con moita naturalidade. Para eles os fantasmas son uns personaxes completamente normais. (…)”