Entrevista a Anselmo López Carreira en Radiofusión sobre Historia de Galicia

Entrevista a Anselmo López Carreira en Radiofusión:
“Hermerico convértese no ano 410 no primeiro rei de Galicia. Os suevos instálanse na Gallaecia romana e asinan un pacto de hospitalidade co emperador de Roma. Coa teórica aceptación da superior autoridade imperial e co compromiso de prestar asistencia militar, constitúen de facto un reino. Afirmao así o profesor Anselmo López Carreira, autor do libro Historia de Galicia que ven de publicar Edicións Xerais. (…)
A entrevista completa pódese escoitar aquí.”

Marcos Calveiro: “Este recoñecemento abre ás portas a que a miña obra se traduza a outras linguas do mundo”

Entrevista a Marcos Calveiro en Radio Obradoiro:
“(…) O autor de Palabras de auga explicou en Radio Obradoiro que pasar a formar parte da Lista de Honra do IBBY “é unha honra, sobre todo polo feito de que se elixa esta obra entre todo o publicado nos últimos dous anos na literatura infantil e xuvenil galega”. Segundo dixo, este recoñecemento “fai posible que o libro teña unha maior visibilidade, porque se vai expoñer nas feiras más importantes do mundo” e “abre ás portas a que se traduza a outras linguas do mundo” ademais do castelán, o euskera e o catalán.
Palabras de auga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, conta a vida dun neno en África “nunha rexión abatida pola fame, a guerra, pola falta de auga e a violencia. Trata do seu periplo e do da súa familia tratando de mellorar a situación terrible na que viven”. O punto de partida desta historia, cun “final aberto á esperanza”, foi un artigo publicado nun xornal. “Hai uns anos lin unha nova que relataba que hai mulleres no Chad con tan poucas posibilidades de alimentar aos seus fillos que buscan formigueiros, sáchanos e collen o gran das formigas para elaborar a fariña coa que fan as tortas aos seus fillos”.
Calveiro vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado, aínda que recoñece que “nos últimos tempos traballo máis como escritor”. En setembro chega ás librarías unha nova obra súa dirixida a lectores mozos, a novela Todos somos.”

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o sábado 10 e domingo 11

O sábado 10 e domingo 11 de agosto serán os últimos días desta edición da Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para eses dous días:

Sábado 10
19:30 h. Francisco Pillado asina exemplares das súas obras na na caseta da Libraría Couceiro.
21:00 h. Presentación do libro Los mejores poemas de amor, editado por Pigmalión. Participarán no acto: Luz Pozo Garza, Olga Patiño Nogueira, Miguel Anxo Fernán-Vello, Chema Paz Gago, Basilio Rodríguez Cañada e Antonino Nieto Rodríguez. Xosé Taboada e Paco Campos intervirán coa música e voz no acto.

Domingo 11
13:00 h. Encontros da literatura fantástica entre Contos Estraños e Urco Editora.
18:30 h. Presentación do libro pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias, publicado por Toxosoutos. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro na caseta da Libraría Cartabón.
19:30 h. Presentación do libro Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
20:00 h. Na Ponte ao vivo. O radio … visual de Ponte nas Ondas, conducido por Xurxo Souto con convidados/as do disco/libro/DVD.
20:00 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado en Redelibros.
21:00 h. Presentación do libro Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado en Redelibros.
Xesús Bermúdez Tellado, Puri Ameixide e Francisco Castiñeira asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Raquel Marco faise co Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico con Chovencartos

Desde Cultura Galega:
“O uso da linguaxe dramática e recursos da comunicación radiofónica son algunhas das características que o xurado destacou de Chovencartos, o texto co que Raquel Marco Mejuto recibe o premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. O galardón está dotado con 3.000 euros, mesma contía que o premio da audiencia. Os oíntes da Radio Galega concederon o seu premio á obra O demo nunca dorme, de Jesús Lista Neira.”

Anxo Angueira: “A de Cantares é unha Rosalía de alborada”

Entrevista a Anxo Angueira en Radiofusión:
“Un século e medio despois e séguese a revelar inesgotable. “Cómpre lelo en claves distintas ás que se veu lendo, porque para nada é folclórico nin costumista”, explica Anxo Angueira, autor dunha nova edición crítica de Cantares Gallegos que vén de editar Xerais co gallo do 150 aniversario da publicación dos poemas que alumearon o Rexurdimento das letras galegas. “Rosalía era unha intelectual do seu tempo. Utiliza os cantares como un vestido, como un disfrace para lanzar o seu pensamento social, político, crítico e feminista, que é o importante”, abunda o tamén presidente da Fundación que preserva o legado rosaliano. En conversa con Radiofusión, Angueira resolveu que en Cantares Gallegos Rosalía “fala dun novo tempo, di “fóra a noite”, que acabaron os séculos escuros”, chama a vivir unha nova etapa con esperanza e, ao cabo, “esa é a mensaxe final do libro e que debemos recoller tamén nestes tempos nosos de tribulacións”. (…)”

A entrevista pode escoitarse completa aquí.

Antonio Reigosa: “Debemos actualizar a tradición”

Desde Xerais:
Radiofusión publicou unha entrevista con Antonio Reigosa sobre O aprendiz do home do saco, o seu novo álbum infantil. A entrevista pode escoitarse aquí.
Un rapaz de hoxendía, fillo do seu tempo, non conta con moitas opcións profisionais, nen é moi bó estudiante. O seu pai só lle pode ofrecer o seu oficio. A realidade porálle os pés no chan e a cabeza no saco. Antonio Reigosa explica así a sipnose do seu libro O aprendiz do home do saco, unha reflexión que trata de conectar a tradición con situacións posibeis na realidade.”

O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.”

Para visibilizar a vida das lesbianas

Desde Radiofusión:
A novela En vías de extinción quere contribuir a visibilizar a vida das lesbianas. Construir un imaxinario de igualdade e de liberdade, e traballar para eliminar prexuízos, segundo a súa autora María Reimóndez. Gaia protagoniza a novela (…) Ela é unha desas persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante. Así é o vehículo que Reimóndez emprega na súa última obra.
A entrevista pódese escoitar completa aquí.

Redondela: lectura pública de textos de Rosalía en Radio Redondela

Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística promoven a homenaxe a Rosalía de Castro para conmemorar o aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro, e os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Para iso organizan a lectura pública de textos da autora durante esta semana, de 12:30 a 13:30 h. na Radio Municipal.”

Literatura en Ames Radio

Artigo no blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O pasado martes día 22, os amigos de Ames Radio, capitaneados pola extraordinaria Nazaret López e mais o incombustible Juan Luis Silva, convidáronme a conversar sobre a crítica galega e outras cuestións literarias anexas. O resultado foi unha distendida charla de máis de tres cuartos de hora, na que foron xurdindo moi interesantes temas sobre o noso presente letrego. Deixo hoxe aquí un arquivo de audio cun extracto da conversa. Nel trátanse asuntos como o tempo de lectura, o papel das grandes editoras e os pequenos selos e aínda algunhas recomendacións poéticas, narrativas e ensaísticas que se deslizaron contra o final da entrevista.

Agardo que sexa do voso agrado.