Antonio García Teijeiro: “Este libro é unha viaxe cara Rosalía e con Rosalía, e todo aquilo que un sente cando viaxa polos camiños do sentimento”
Desde Xerais:
“Televigo emitiu unha entrevista con Antonio García Teijeiro sobre o libro: Paseniño, paseniño, ilustrado por Marcos Viso.
A entrevista pode verse nesta ligazón.”
Entrevista a Yolanda Castaño arredor de O puño e a letra
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Falamos con Yolanda Castaño sobre a súa nova publicación, O puño e a letra. O primeiro “Comic Poetry” en galego editado por Xerais. 40 poemas interpretados en viñetas por outros tantos artistas da banda deseñada. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Compostela: visita á exposición “Con Galiza sempre no horizonte”
A Agrupación Cultural O Galo convídate ati e a só unha das túas amizades, a asistir á visita guiada que esta asociación realizará á mostra Con Galiza sempre no Horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. As explicacións da exposición correrán a cargo do seu comisario, Xosé Ramón Fandiño. Esta visita guiada levarase a cabo:
Lugar: Pazo de Fonseca da USC (rúa do Franco)
Día e hora: Sábado, 10 de novembro de 2018, ás 12h
É imprescindibel anotarse en ogalo.ac@gmail.com antes do próximo xoves 08.11.2018 ás 22h., indicando o nome, apelidos e email de quen/s acodirán. Só porán asistir 20 persoas, tendo preferencia @s soci@s da AC. O Galo, e as prazas asignarase segundo a orde dos email recibidos. Rogamos encarecidamente que non se apunten as persoas que xa realizaron esta visita o pasado día 30.
Betanzos: presentación de Certezas alumeadas
Tabela dos libros. Novembro de 2018
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Manuel Lourenzo: “O teatro leva moito tempo inventado e aínda ninguén puido con el”
Entrevista de María Obelleiro a Manuel Lourenzo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que é para vostede o teatro? Comezamos forte.
– Manuel Lourenzo (ML): (Ri) É unha forma de estar na vida, como pode ser outra. É unha forma moi activa de estar presente, de porte nun lugar, diante do público e mostrar comportamentos e expresarte a través dunha máscara que tes diante, aínda que non se vexa, e con ela falar das cousas que queres e tes necesidade de falar, e non de bobaxes.
– SG: Como foron os seus inicios no grupo de teatro do Facho, ligado á agrupación cultural homónima?
– ML: Eu viña reuníndome cun amigo meu, Pancho Pillado, falando horas, e horas e horas de teatro. Falando de que había que facer un teatro en galego, para Galiza, e de que a nosa xeración tiña que ser a que arrancase. Aquilo non podía ser, duraba demasiado, e había que espertar, non chegaba con ler libros e facerse culto, había que comunicarse cos demais en voz alta, é dicir, co teatro, e inventar unhas formas de expresión que permitisen que chegase esa mensaxe que queríamos dar sen que nos metesen no cárcere.
– SG: A estudosa Laura Tato marca a creación do grupo de teatro do Facho como o inicio do Teatro Independente Galego, comparte esa opinión?
– ML: Enteiramente. É a época en que a min me chamaron os amigos para que levase o grupo do Facho –eu non era socio– e usabamos un local na Cidade Vella da Coruña para ensaiar. Así comezou todo. Despois fixemos traducións, lecturas dramatizadas de Cousas, de Castelao… até que chegou o momento en que nos reunimos tres amigos en Fisterra, Alfredo Ferreiro, Xan Cejudo e eu, e dixen que había que facer un teatro que puidese saltar a barreira da censura e á vez que nos permitise contar o que queriamos contar.
– SG: Porén, o recital de Rosalía que organizaban prohibíronllo. Que aconteceu?
– ML: Estaba feito cunha forma de teatro da que gosto moito, o teatro central. Había exclusivamente como atrezzo unha luz nun cubo translúcido e iluminaba quen estabamos ao redor, uns oito ou dez. Esa luz era para traspasar as cousas que Rosalía dixera e que non tiñan nada de morriñento, era unha posta ao día sobre a situación das galegas e galegos ante a vida e a sociedade. Fíxose a estrea e aquilo prohibírono radicalmente. Conseguín saber por que. O papel non mo deron pero houbo un señor, en Información e Turismo, que mo deixou ler. Dicían que atentaba contra “la unidad de la común nación española” e que presentaba “una Galicia de emigración y cementerio que en absoluto se correspondía con la floreciente región actual”. Nese momento, decateime de onde estaba metido. Eu tiña a sensación de que o franquismo ía durar sempre e de que o tirano era eterno. Non podía explicarme a min mesmo como podía chegar a ser unha democracia. O que eu coñecera, en Alemaña, era unha sociedade que eu tampouco desexaba, en que o individuo estaba ninguneado, unha sociedade dos cartos, cartos, cartos, produción, produción, produción. Non quería iso aínda que se chamase democracia porque non deixaba respirar. Eu quería unha vida en que se respirase. A sombra dese señor aínda me dura hoxe, aínda teño que loitar contra ela e ser consciente de que loito contra ela, porque en calquera momento vén un sombrón deses e tápanos. (…)”
Mario Regueira gaña o certame de poesía erótica Illas Sisargas
Desde La Voz de Galicia:
“Mario Regueira (Ferrol, 1979) é o gañador da 13.ª edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado en Malpica pola asociación Caldeirón, co apoio do Concello. O seu traballo, Marco Livornio, foi seleccionado polo xurado de entre os vinte que concorrían, e o seu nome, como premiado, foi dado a coñecer durante a Cea das Letras celebrada na Casa da Cultura de Seaia, onde tamén se presentou a obra gañadora da edición pasada, Diáspora de amor balea, de Andrea Nunes e María Rosendo. Previamente, Xabier Xil presentara o seu libro Detéxtonos.”
Xabier P. DoCampo, José Luis Mascareñas, Ana Romaní, Mercedes Peón, Javier Alonso de la Peña, Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas, Álvaro Lago e Boaga, Premios da Crítica Galicia 2018
“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 3 de novembro o ditame da cuadraséxima primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Baixo o lema “ESPIGAR”, xuntáronse trescentas corenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de políticas culturais; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Afonso Vázquez Monxardín, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo a pervivencia da lingua galega como o seu celme.
A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo, Premio de Creación Literaria
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Antonio Manuel Fraga, escritor, gañador da edición 2017; Yolanda Castaño, poeta e xestora cultural; María Xesús Fernández Fernández, profesora e crítica; María Xesús Nogueira, profesora da USC e crítica; Susana Sánchez Arins, profesora e crítica; Miro Villar, profesor e crítico; Ramón Nicolás Rodríguez, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar finalistas as obras A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais), Nomes de fume de Miriam Ferradans (Espiral Maior), Camuflaxe de Lupe Gómez (Chan da Pólvora), Cervatos de Lucía Novas (Faktoría K). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais).
O xurado salientou que «esta obra culmina unha traxectoria creativa, recollendo o corolario dunha serie de aprendizaxes que aquí se espellan. Ao tempo que salientamos o coidado da súa estrutura, a viveza e naturalidade dos diálogos, a construción dunha atmosfera que repara na presenza das ausencias, a reflexión sobre a maldade, a referencia ao cine como refuxio da inocencia e a súa riqueza lingüística, elementos que o converten, ao noso xuízo, na mellor novela do ano».
José Luis Mascareñas, Premio de Investigación
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Clara V. Álvarez, profesora de Fisioloxía na Facultade de Medicina da USC e directora do Grupo de Investigación sobre Neoplasias e Diferenciación Endocrina no CIMUS; Ángel Manuel Sánchez Bermúdez, catedrático de Enxeñería Química da UVigo; Felipe Criado-Boado, profesor de investigación do CSIC e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT); Nieves Lagares, profesora da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC; Rubén Lois González, catedrático da facultade de Xeografía e Historia da USC e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional; Victoria Otero Espinas, matemática e Vicerreitora de Titulacións da USC e Malores Villanueva, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar como finalistas a Ramón Villares, José Luís Mascareñas e a da Rede Interdisciplinar Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDali). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por consenso o premio a José Luis Mascareñas.
O xurado salientou que «José Luís Mascareñas ten unha exitosa traxectoria investigadora no ámbito da Química, que se aplica a outras áreas de coñecemento como a Bioloxía e a Biomedicina. Destaca tamén que é o único investigador en Galicia que, traballando dende o país, conseguiu un Advance Grant do ERC, o que supón a atracción de fondos europeos para fomentar a investigación en Galicia. É director do CICUS, un dos centros punteiros de investigación competitiva e dende esta posición favorece a creación e a continuidade de novos grupos científicos que xeran unha rede de traballo, así como garanten o seu futuro e, por ende, o da investigación. Con este recoñecemento salientamos a importancia da ciencia galega feita dende Galicia, nesta caso na área de Química biolóxica e na persoa de José Luis Mascareñas. O xurado quere manifestar a gran dificultade que supuxo decantarse por un dos finalistas dada a súa valía en ámbitos tan diferentes e tan importantes para a investigación galega».
Ana Romaní, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Jorge Mira, catedrático da USC, gañador da edición anterior polo programa ConCiencia; Alberto Barciela, xornalista; Hakan Casares, Observatorio da Cultura Galega; Delfín Caseiro Nogueiras, catedrático de Lingua e literatura; Sonia Díaz, comunicadora e xestora cultural; Xulia Santiso, xestora cultural, directora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán e Malós Cabrera Iglesias, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Revista feminista Andaina, Portal GCiencia e Ana Romaní polo seu traballo en Diario Cultural. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Ana Romaní.
O xurado salientou «o seu labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura, nas súas diversas manifestacións ou expresións, así como a súa defensa e uso do galego. Labor que desenvolveu maiormente como directora do programa Diario Cultural da Radio Galega dende o seu inicio, no 1990, ata mediados do presente 2018. O xurado quere salientar, tamén, a súa declarada vontade de intervención e perspectiva feminista».
Mercedes Peón, Premio de Música
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por María Costas, cantante e actriz; Xulia Feixoo, etnomusicóloga, percusionista de Rodrigo Romaní Trío; Sonia Lebedynski, cantante; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, codirector da revista Luzes; Mercedes Rosón, subdirectora da Área de Cultura da USC; Maximino Zumalave, director de orquestra e Paz Raña Lama, secretaría, APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantos na Maré, Mercedes Peón, Xabier Díaz e Sés. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Mercedes Peón.
O xurado salientou «a súa traxectoria de compromiso coa investigación e documentación do patrimonio musical de tradición oral, un aspecto no que un claro referente. Mercedes Peón é creadora dunha sonoridade propia innovadora sempre na procura de fórmulas abertas, fóra de corsés, cualidades que foron apreciadas en escenarios de todo o mundo».
Javier Alonso de la Peña, Premio de Artes Plásticas
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por María Luísa Sobrino, gañadora da edición anterior; Alberto González Alegre, comisario e crítico; Fran Herbello, fotógrafo, director do IES Audiovisual de Vigo; Chelo Matesanz, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Andrés Meixide, ilustrador e humorista gráfico; Ruth Varela, arquitecta e investigadora e Ledicia Costas, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berio Molina, Pamen Pereira, Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago e Rosalía Pazo Maside. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago.
O xurado salientou que «é insólito que un xurado dun premio teña a oportunidade de valorar a intervención nunha das obras mestras da arquitectura de todo o occidente europeo: a catedral de Santiago de Compostela. Consderamos que é de xustiza valorar o importante compromiso asumido por Javier Alonso de la Peña, o nivel de responsabilidade e a súa implicación durante máis dunha década. Esforzo que cristalizou no ano 2017 coa finalización da restauración das torres da Fachada do Obradoiro, así como a tribuna e o pórtico. Valoramos tamén a recuperación da poética do monumento e do lugar sagrado e o traballo simbólico que abordou».
Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), Premio de Artes Escénicas
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Flor Maceiras, directora da Escola Municipal de Teatro de Narón, gañadora da edición anterior; Carlos Sante, actor, coordinador do proxecto internacional en técnicas de clown Hangar Manicómico; Irene Moreira Fontán, directora en Sala Ingrávida, profesora da ESAD; Antón Lopo, crítico e editor; Begoña Cuquejo, directora escénica e coreógrafa; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro e Mariana Fernández Carballal, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Manuel Lourenzo Pérez, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e Festival Internacional de Títeres de Redondela. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
O xurado salientou que «nacendo da fusión entre o tecido teatral popular e o profesional, a MITCFC é espazo de encontro desde o tan necesario humor para a promoción das Artes Escénicas, baseada nunha programación de calidade na procura de novos públicos e espazos. A aposta da mostra de Cangas por manter unha mirada comprometida a prol da Igualdade desde as súas orixes, hai 35 anos, materializouse nas últimas edicións no Proxecto Mulleres en Accion, que lle devolve á sociedade unha concepción paritaria das Artes Escénicas, irrenunciable, ao entender deste o xurado».
Matria de Álvaro Lago, Premio de Cine e Artes Audiovisuais
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Ángel Rueda, gañador da edición anterior; Tamara Canosa, actriz; Pepe Coira, guionista; Ángeles Huerta, directora; Avelina Rodríguez, crítica de cine do Faro da Cultura; Marta Villar, directora de arte e Xavier Senín, secretaría, en representación do APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matria de Álvaro Lago, Trinta lumes de Diana Toucedo e á revista A cuarta parede. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar o premio a Matria de Álvaro Lago.
O xurado salientou «a dificultade á hora de escoller as obras finalistas debido á calidade e diversidade das propostas. Matria representa o mellor do noso cinema: o risco narrativo ao fusionar a ficción e recursos documentais. Bota unha ollada poética sobre a realidade que tenta desmitificar o matriarcado galego».
Boaga, Premio de Cultura gastronómica
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Alberto González Prelcic, cociñeiro, en representación do Grupo Nove, gañador da edición anterior; Teresa Cuíñas Lavandeira, xornalista da TVG; Taciana Díaz Mariño, xornalista; Manuel Hermo Piñeiro, profesor da escola de Hostelaría de Pontevedra; María Mosquera Leal, e-asesora, colaboradora da revista Benbo; Alejandro Rubín Carballo, director de Expourense e Luís Marconi Suárez, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Galega e Mexillón de Galicia D. Orixe Protexida.
O xurado salientou que «todas as propostas presentadas son un reflexo da riqueza, innovación, compromiso e posta en valor da identidade gastronómica do noso país. O produto é o protagonista nas tres finalistas. Representan todo o proceso, que vai dende a produción, onde ten un peso importante o traballo das mulleres, ata o prato. Ademais m poñen o acento na recuperación de especies e produtos propios e únicos na nosa terra.
O xurado acordou outorgar o premio por maioría a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). «A gañadora ten impacto en todo o territorio, asenta poboación en contornas rurais, incorpora xente nova ao traballo gandeiro, coida colateralmente do medio ambiente e fai chegar o produto oso mercados máis selectos de España».
Vigo, 3 de novembro de 2018″