A Coruña: VIII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, o 24 de outubro

A AELG organiza as VIII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, en colaboración coa Universidade da Coruña, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua, que nesta nova edición ten o título de A creación de Monstr3s. Un percorrido pola cadea do libro.

Terá lugar o venres 24 de outubro, ás 19:30 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André 36, 1º, A Coruña). A entrada é libre e gratuíta.

O obradoiro-coloquio contará coa presenza de:
Laura Parrula.
Óscar Villán.

Desde a Universidade da Coruña colaboran con esta actividade as profesoras Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente.

Andrea Maceiras, escritora: “Recomendo as obras de literatura infantil e xuvenil a calquera tipo de público”

Entrevista de Sergio Casal a Andrea Maceiras en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Este novo Premio Jules Verne únese a unha longa lista anterior. Como se sente ao respecto?
– Andrea Maceiras (AM): Para min foi unha sorpresa. É certo que é a segunda vez que gaño este premio, pero tamén é certo que esta novela é moi distinta de todo o que levo feito. A verdade é que precisamente por ser unha novela que se sae un pouco da miña liña habitual, era un experimento mandala. Saíu ben, pero non deixou de ter ese factor de sorpresa para min. (…)
– ND: A ficción moitas veces amósanos a realidade de forma máis sutil. Canta crítica temos entón á emerxencia climática nesta novela?
– AM: É unha obra crítica con este tema. Toda a historia desenvólvese nun contexto distópico glacial. É un mundo que está completamente xeado. Isto, que pode parecer absolutamente ciencia ficción, ten unha base científica. O quecemento dos mares podería afectar a corrente do Atlántico Norte, debilitándoa. Isto podería repercutir, de forma paradoxal, nun arrefriamento global. Hai moitas referencias a todas as cuestións que a min me preocupan a propósito da natureza dentro desta historia. (…)
– ND: Ademais do público xuvenil, a que perfil recomendaría O corvo sobre a neve?
– AM: Eu recomendo as obras de literatura infantil e xuvenil a calquera público. Non é tan habitual que alguén chegue a unha obra de narrativa adulta moi longa e moi complexa, pero un adulto sempre pode facer o camiño inverso. Penso que O corvo sobre a neve podería gustar aos adultos. Está feita de maneira extremadamente áxil porque busca ser unha homenaxe ás antigas novelas clásicas de aventuras, pero traídas aos novos tempos, onde todo é máis fragmentario e vivimos con máis présa. Por ritmo e por tema, pode interesar a máis públicos que ao que vai destinado na primeira instancia. (…)”

Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras, Premios Xerais 2025

A Coruña: VII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Compañeira, facemos a foliada, o 15 de outubro


Chegan as VII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Compañeira, facemos a foliada, organizadas pola Universidade da Coruña, coas que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

A actividade terá lugar o 15 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, con entrada libre e gratuíta. As profesoras coordinadoras da actividade son Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente, da Facultade.

O obradoiro-coloquio contará coa presenza de:
– Icía Varela e Xosé Manuel Varela, que falarán sobre Cantareiras.
– Bea Campos, arredor de Orella pendella: obradoiro para xogar cos ditos de sempre.

A Coruña: actividades do 7 de agosto na Feira do Libro 2024

A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2024

A Coruña: actividades do 1 de agosto na Feira do Libro 2024