Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega. Congreso de Poesía da AELG

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título deste Congreso de Poesía organizado pola AELG, co que se pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

OBXECTIVOS
Preténdese facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético.

INSCRICIÓN
A asistencia ao Congreso para o público interesado é libre e de balde, mais pedimos que fagan a inscrición previa, a efectos organizativos, no correo electrónico oficina@aelg.org ou ben no teléfono 981133233 (neste caso, en horario de 09:30 a 14:00 horas, de luns a venres).

FORMATO
O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.

PROGRAMA

VENRES 6 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n. –como chegar-)

Tarde
– 16:00 Recepción dos/as congresistas.
– 16:15 Inauguración do Congreso, coa presenza do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Carme Fouces.
– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 1. Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta.
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 2. Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.).
Coordinador: Afonso Becerra.
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas.

Espazo Multidisciplinar Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11, 1º –como chegar-).
– 21:15 Recital de poesía e música, coa participación de: Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro, xunto á música ao vivo de César Morán. Presentado por Lucía Novas.

SÁBADO 7 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra

Mañá
– 10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 3. Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
Coordinadora: Mercedes Queixas.
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa.
– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 4. Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos.
Coordinador: Ramiro Torres.
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa (Lusofonia).

Tarde
– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 5. 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: Chus Nogueira.
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 6. Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.
Coordinador: Carlos Negro.
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz.

“Olga Novo, a guímara do Amor”, por Carlos Negro

Artigo de Carlos Negro en Sermos Galiza:
“Trataremos de non estorbar as palabras da poeta. Deixaremos que o discurso vital de Olga Novo (Vilarmao, A Pobra de Brollón, 1975) flúa como un regato de aldea, nítido e cantareiro. Non diremos, pois, todo o que a poeta lucense leva escrito, traducido ou pensado. Non diremos que obras súas merecen ser máis ou menos lidas, cando todas elas constitúen retallos incandescentes, impactos que apelan á reivindicación dunha beleza radical, ceiba de restroballo retórico e peaxes académicas. Erótica e oracular, labrega e surrealista, libertaria a través do Amor. Guímara desde o xenoma da infancia.
Ler Olga Novo non permite a indiferenza. Os seus poemas abrasan, apelan á memoria colectiva, á linguaxe orixinaria do paraíso, reclaman a intensidade dos afectos como unha revolución política; e cada verso que emite resoa no noso interior como o eco dun tambor de madeira delicada, como o ruído cóncavo que fan as vogais cando entran en contacto co sangue. E a verdade dos seus versos crávase nas entrañas como unha agulla, doendo para que sintamos.
Olga Novo: a deusa campesiña que hoxe comparte con nós retallos dun diario de lava. Ese que nos vai levando desde A teta sobre o sol (Edicións do Dragón, 1996) ata Cráter (Toxosoutos, 2011), con Nós nús (Xerais, 1997) e A cousa vermella (Espiral Maior, 2004) como chanzos esenciais no camiño. E sen renunciar nunca á unión libre con outras artes e pescudas filolóxicas. (…)”

Carlos Negro: “As revolucións poden comezar polos detalles máis pequenos”

Entrevista de Montse Dopico a Carlos Negro en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Masculino singular] está dedicado ao teu tío Ramón. Por que?
– Carlos Negro (CN): As revolucións poden empezar polos detalles máis pequenos… Eu preguntábame cal fora o meu primeiro flash, o meu primeiro recordo relacionado co que despois sería o proceso de revisión da masculinidade tradicional no que estou. Nas festas familiares estaba naturalizado que os homes saísen tomar o vermú e as mulleres quedasen na casa cociñando e despois se levantasen para fregar. Unha vez, o meu tío Ramón colleu un mandilón de flores, apartou a miña nai e a outras mulleres e púxose a fregar os pratos. É unha imaxe que me quedou, e que dalgunha maneira deu orixe a este libro… (…)
– P: Falabas antes de intertextualidade. É habitual que ás poetas novas lles pregunten polas súas influencias. Mais se cadra pasou ao revés: sempre hai un intercambio, e ademais aquí non habería poemarios coma o teu -ou coma parte das obras dos 90 e máis alá da chamada xeración dos 80-, sen a obra das tamén chamadas “poetas dos 90”. Entre outras.
– CN: Claro, se eu non me situase ante as miñas contradicións, e se non tivese lecturas sobre o feminismo, se non coñecese a obra de María Xosé Queizán, de Xohana Torres, de Rosalía, de Ana Romaní, de Xela Arias, de Lupe Gómez, de Olga Novo… non habería Masculino singular. Non son só as poetas dos 90. Claro que teño unha débeda aí. Hai un conglomerado de voces poéticas de mulleres moi forte, que cambiou a nosa forma de ver a linguaxe, a relación co corpo, coa identidade…
Se cadra agora xa estamos noutra etapa, con xente máis nova que tamén mudará a nosa maneira de escribir. Como dicía antes, hai moito diálogo, con outros textos, con elementos da nosa cultura… Eu só poño o foco no que me parece que estaba pouco tratado na literatura galega contemporánea, que é como desaprender a masculinidade tradicional dominante.
– P: Se pensamos en literatura feminista en Galicia, non saen moitos nomes -e menos de homes- se a identificamos con autores e autoras que se definen como feministas. Pero son moitas máis se analizamos os textos…
– CN: É que a situación ideal sería que non fosen necesarios os epítetos, que o feminismo estivese interiorizado, incorporado ao que escribimos, en todos os aspectos: a linguaxe, a estrutura, os roles dos personaxes… Despois tamén é certo que, cando te preguntas por autoras feministas moi conscientes e moi marcadas, tamén te cuestionas se son aceptadas fóra do ámbito intelectual no que o feminismo é asumido como algo imprescindible. É un risco, supoño, con toda literatura de intervención.
E despois hai outra cousa, e nisto falo como lector, que é que a min non me gusta que me vendan ideoloxía, quero dicir, non me gusta que me tenten convencer de algo a través da literatura de ficción. Penso que non se debe ser demasiado explícito, que se debe manter un pouco de distancia. Claro que tamén os textos que se pretenden inocuos son ideolóxicos…
– P: Se cadra aí pasou algo, que é que, durante un tempo, facer literatura de reivindicación nacional foi case coma unha obriga. Mais pasado ese tempo, se cadra tamén hai un exceso no intento de desmarcarse diso. Como se a poesía non fose parte da sociedade e, por tanto, da política. Como se fose só unha sorte de técnica. Por iso se cadra lles din a algunhas autoras feministas que fan “ideoloxía”.
– CN: Sorpréndeme iso, mais o que eu quería dicir é que non pode deixar de estar a estética, non pode desaparecer o texto literario en favor da ideoloxía persoal de cada un. Non pode haber un desequilibrio entre o discurso, o razoamento, a parafernalia intelectual, e a calidade do poema, que non pode quedar afogado, no aspecto estético. O meu é un libro político, claro. E hai moitas maneiras de facer libros políticos. Tamén Cunqueiro facía literatura política, ou o que facía podía lerse como literatura política, facendo o que facía, en galego, naquel tempo. Pero ese é un debate que vai existir sempre. (…)
– P: Gañaches o Fiz Vergara con Tundra. Un poemario moi diferente a Masculino singular. O verso funciona, se cadra, mellor. Ten máis forza…
– CN: Son dous libros moi diferentes, escritos tamén en momentos distintos. Pasaron uns catro ou cinco anos entre un e outro. Cando escribín Tundra quedara canso da poesía de intervención, tras mergullarme, como explicaba antes, na linguaxe dos mass-media, da publicidade… para escribir Masculino singular. Así, despois da poesía social, veu Tundra, que é unha viaxe de indagación interna. E iso esixíame reformular toda a linguaxe do poema. Xa non me valía coa de Masculino singular, nin coa de Penúltimas tendencias nin coa de Makinaria. (…)”

Piloño, Vila de Cruces: XIII Forxa Literaria da Fundación Paco Lareo

Crónica videográfica da II Gala do Libro Galego (IV)

A II Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

– Premio de Ensaio: Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta.

– Premio de Tradución: Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución: Henrique Harguindey Banet.

– Proxecto literario na rede: A Sega. Plataforma de Crítica Literaria.

Tres alumnas do CEIP Alcalde Xosé Pichel entrevistan a Carlos Negro e María Solar

Desde Xerais:
“No derradeiro programa de radio do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco neste curso, tres alumnas entrevistaron a Carlos Negro e María Solar despois de ler Penúltimas tendencias, Masculino singular e As horas roubadas, a iniciativa da profesora Mercedes Queixas:
Nesta ligazón pode verse a visita de Carlos Negro ao centro, que participou no club lector. E noutrouta ligazón, vemos o peche da tempada radiofónica no centro.
O audio da entrevista radiofónica pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”

Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía infantil promove unha actitude comprometida cara ao noso idioma”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): De onde nace a idea de Versos para conversar?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Da necesidade de tocar esa vertente e tamén dun reto proposto polas miñas fillas, que me dixeron hai dous anos: “Papá, está moi ben iso que fas, pero a ver cando fas algo específico para nós”. A raíz diso nace este libro e outros que se están a facer.
– SG: Versos para conversar indaga na tradición popular e contén algún dialectalismo da fala. Cal é a intención?
– XCDA: Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente. O galego é unha lingua viva e nosa, unha lingua moderna adaptada a calquera situación comunicativa do presente e do futuro, de aí esa vertente de reivindicar o trazo dialectal. (…)
– SG: E quizais tamén para fomentar novas e novos poetas, non?
– XCDA: As editoriais, en xeral, apostan polo máis vendíbel, e promoven que o máis vendíbel sexa a narrativa e descóidase, por exemplo, a poesía. É necesario que haxa máis textos e desde logo traballar a cotío con ela. Na miña experiencia nas aulas, son profesor de secundaria de Lingua e Literatura Galega, decátaste que moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía. Isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural. Este ano no meu centro propuxen traballar coa poesía a todos os niveis educativos. Todos os anos traio un autor e este ano veu Carlos Negro, que estivo esta semana con nós. Os rapaces implicáronse moitísimo coa poesía de Carlos Negro. O ano pasado, coa de Manuel María, o mesmo. Entón ves que a poesía é algo que lle hai que ofrecer e que hai que traballar axeitadamente e que o público, neste caso o adolescente, responde moi satisfactoriamente. (…)”

Lalín: entrega do XLII Premio Modesto R. Figueiredo

Coñécense as obras premiadas no XLII Certame Nacional de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo

Desde Sermos Galiza (foto do Concello de Lalín):
“(…) A vinganza de Valdedeus valeulle ao escritor e xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña o Premio Modesto R. Figueiredo, organizado pola Fundación Padroado do Pedrón de Ouro, que nesta ocasión acolle o Concello de Lalín.
Nun comunicado de imprensa, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, que formou parte do tribunal, salienta a “unanimidade na escolla”. O relato do premiado resultou, segundo a edila, “o favorito de todos os representantes cando se fixo a posta en común”. O texto vencedor do que se considera o certame literario máis antigo de Galiza está dotado cun premio en metálico de 1.000 euros.
Aliás, o xurado concedeu dous accésits -dotados con 400 euros cada un- ás autoras Iris María Gey López por Cranios privilexiados, e a Emma Pedreira, por Poder de alumear.
A entrega dos premios terá lugar o día 3 de febreiro ás 20:30 horas, na Biblioteca municipal Varela Jácome.
Composición do xurado
O xurado que seleccionou as obras estivo formado por Carlos Negro, Adolfo Caamaño, Luís Menéndez, Lara Rodríguez Peña e por David Otero, secretario de O Pedrón de Ouro, con voz pero sen voto.
En total, presentáronse ao concurso 75 traballos. Os relatos elixidos son publicados nun libro cada dúas edicións.”