Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro

Contos Estraños aposta na literatura fantástica galega cunha nova colección

Desde Nós Diario:
“Contos Estraños vén de lanzar un micromecenado a través da plataforma Verkami para poder sacar adiante “A miña primeira novela de…”, unha ambiciosa colección de novelas ilustradas de xénero fantástico e de aventuras dirixidas ao público infantil e xuvenil. Conversamos con Alba Rozas, unha das impulsoras deste proxecto que aposta no fantástico da literatura galega.
– Nós Diario (ND): Como nace a colección “A miña primeira novela de…”?
– Alba Rozas (AR): Após unha reunión con Tomás González Ahola, coordinador de Contos Estraños, e Fernando Cimadevila, que é o director da colección a canda min, decidimos dar un salto cualitativo no proxecto e avanzar na procura de novas e novos lectores de fantasía e ciencia ficción. Así xorde “A miña primeira novela de…”. Trátase dunha colección coa que procuramos explotar os clixés de cada xénero. Cada un dos títulos conta con ilustracións de Iago Torres París e compleméntase cunha serie de fichas didácticas e interactivas con información relativa á temática tratada. Pola súa traxectoria literaria, botamos man de autoras da canteira, que lles chamo “xeración Estraña”. As dúas primeiras, que sairán finalizado o micromecenado, son Pegadas de búfalo, de Tomás Rivera, e As probas do mago, de Vanesa Santiago. As dúas seguintes serán A caída de Guiomar, que asino eu, e Visitantes da estrela vermella de Tomás G. Ahola. A de maxia atopará moitas reminiscencias da cultura galega, mais dunha forma reelaborada, pois actualizamos e reformulamos os mitos ao noso gusto. Na miña novela, por exemplo, parto do Dicionario dos seres míticos galegosAntonio Reigosa é un dos autores que máis sigo-. A idea é moi ambiciosa, queremos que as narrativas vaian acompañadas de unidades didácticas para as crianzas e as mediadoras, que estean moi coidadas. Queremos achegar a nosa propia imaxinación e pór un pouco ao nivel da literatura fantástica europea para crear novas sinerxías e vínculos.
– ND: Que opina sobre a literatura fantástica galega?
– AR: Ademais de escritora de fantasía son investigadora de fantasía. Na Galiza, á marxe destas editoras especializadas en fantasía, como foi Urco na súa primeira etapa, o xénero foi pouco explorado e por iso quizais tamén sexa tan necesaria esta colección. Desde o meu punto de vista, a literatura fantástica foi interpretada como literatura de evasión, mais iso non é certo. Se lemos e profundizamos en Tolkien, por exemplo, non hai evasión, hai crítica, reivindicación, análise social… por enriba da mesa unha serie de valores. Son moi poucas as obras deste xénero na literatura galega e algunhas están subxugadas ao politicamente correcto, porque moitas dependen de premios. Na literatura fantástica hai máis crítica social da que se pensa e o que se pretende facer é trasladar esta imaxe. Na Galiza contamos con narrativas que realmente non chegaron ao público como deberían.
– ND: Como xorde o Verkami?
– AR: O Verkami (no que se pode colaborar aquí) xorde como posibilidade de consolidar unha base de subscritores da colección para poder financialas e mantela en vigor. Somos unha asociación cultural sen ánimo de lucro, feito con traballo voluntario. Mais agora quedamos sen ese feedback, co paro da pandemia. Dada a boa acollida do primeiro día do Verkami, temos esperanza. Contos Estraños é un selo editorial que nace de Urco Editora, da que se desvincula posteriormente. O proxecto ten tres liñas editoriais fixas: a publicación dunha revista periódica, que vai polo número 14, infantil e xuvenil para promover a lectura en galego de xénero fantástico e de aventuras, e outra de fantasía adulta, como poden ser O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío, ou Manual de medo, noxo, vicio e morte, de Tomás González Aloha. Vivimos nun momento social que explica por que triunfa o fantástico, por que Marvel é un éxito, por exemplo, en pantalla. E é que hoxe por hoxe necesitamos superheroes. Nese sentido o xénero de aventuras e fantasía que ofrecemos achega iso. Necesitamos fantasía, ficción e superheroes, mais non necesariamente só como novelas de evasión. Por exemplo, a novela de Tomás G. Ahola é unha crítica ao sistema político que tende a instaurarse despois das crises e as pandemias, que é o fascismo.”

Gañadoras/es da XV edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde o blogue dos Premios Frei Martín Sarmiento:
“O día 3 de maio coñecéronse os gañadores da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, foi conducido pola comunicadora e locutora Paula Pájaro, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente de Escolas Católicas, Juan Manuel Buján.
Os gañadores desta XV edición do Premio Frei Martín Sarmiento foron:
Educación Infantil
Olalla González; Un máis; Ed. Kalandraka.
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
María Lado; 5 minutos; Ed. Auga editora.
– 2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
Pere Tobaruela; Catro pedras vellas; Baía Edicións.
– 3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Ledicia Costas; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
– 4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Fernando M. Cimadevila; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos Estraños.
– 5ª categoría: 3º e 4º de ESO
David Lozano Garbala; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
– 6ª categoría: bacharelato e adultos
Lito Vila Baleato; Campus Morte; Ed. Galaxia.”

Convocatoria do número 13 da revista Contos Estraños

Desde Contos Estraños:
“Abrimos unha nova convocatoria para que nos fagades chegar os vosos relatos, poemas e ilustracións, que formarán parte do novo volume da revista Contos Estraños, “Visitantes de alén da morte“. A nosa procura desta volta vai dirixida a textos e debuxos enmarcados dentro do tema dos aparecidos, pantasmas, casas encantadas, mediums, ouijas e demais fauna e flora que teña algo que ver con esas almas en pena que se resisten a abandonar a nosa compaña despois de mortas.

BASES DE PARTICIPACIÓN
Os relatos e poemas deben estar escritos en galego.
Enviaranse en formato OpenOffice, LibreOffice ou Word ao correo electrónico:
revistacontosestranhos@gmail.com
baixo o asunto: “Contos Estraños – volume 13”.

TEXTOS
Cada relato disporá dun espazo de entre 5000 – 8000 palabras, mentres que no caso dos poemas marcaremos un rango de entre 20 – 150 versos. Podes usar ese espazo como gustes, cun só relato/poema ou con varios, mais deberá cumprir o mínimo de palabras (5000) ou de versos (20).
Cada relato/poema debe ir acompañado dunha presentación da túa vida e obra (prégase o uso do humor e do frikismo para a devandita presentación) de non máis de seis liñas de texto e unha foto que, tamén, sexa unha oda á falta de vergoña (iso si, que poida ser editable). Ambas as dúas cousas, a bio e a foto, serán a túa carta de presentación na revista.
Os relatos e poemas deben ser orixinais, nunca antes publicados (publicacións electrónicas non contan).

ILUSTRACIÓNS
As ilustracións terán o seu propio espazo e lugar na revista polo que deberán ser obras autónomas e non irán supeditadas nin a un relato nin a un poema.

EXEMPLARES
As persoas seleccionadas recibirán un exemplar independentemente do número de relatos, poemas ou ilustracións realizadas, así como un desconto do 40% para a adquisición de exemplares que poderán comercializar pola súa conta.”