Henrique Rabuñal: “Interésame relatar unha paisaxe conflitiva”

Entrevista de Ana Loureiro a Henrique Rabuñal en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Un dos eixos argumentais é a realidade política. Considera que é unha temática ben representada na literatura?
– Henrique Rabuñal (HR): A literatura galega, para ser un país demograficamente pequeno, é moi diversa. Practicamente todos os xéneros e subxéneros teñen algún tipo de representación. A análise política ten tamén certa presenza. Quizais podería ter máis, mais hai moitos exemplos que corroboran o interese pola política.
– ND: Entón por que elixiu vostede esta temática?
– HR: Porque eu, aínda que son arteixán de nacemento, levo corenta anos vivindo na Coruña e non podo nin quero abstraerme dos acontecementos e persoeiros políticos de importancia na cidade. Ese interese pola política máis próxima é o que me levou a escoller un personaxe moi emblemático da política coruñesa das últimas décadas como un dos protagonistas.
– ND: O texto dá comezo cunha cita de Píndaro que di: “Aprendede a limitar as vosas ambicións; é un funesto delirio suspirar polo que non se pode ter”. Por que?
– HR: O meu relato intenta estabelecer ligazóns con outros textos da historia da literatura galega. En concreto con Rafael Dieste, que citaba tamén a este mesmo autor. Nesta cita hai xa unha mensaxe, advertencia e código ético que se transmite para que o lector teña en conta na lectura e que, dalgunha maneira, guía o texto.
– ND: Unha das premisas da historia é que non é posíbel fiarse dun retrato. A que se debe esta metáfora?
– HR: Ao longo do relato dise que cos retratos hai que ter certa precaución porque en certa medida, como acontece con moitas formas de arte, o retrato pode ser un labirinto, unha ocultación, unha mestura de elementos… A min gústame moito estimular a perspectiva crítica. Non temos que crer o que vemos porque, ás veces, hai que aprender a mirar as cousas de maneira que se observe o que non é tan evidente. Iso pasa tamén cos propios retratos; ocultan cousas, acentúan outras… (…)”

Marilar Aleixandre: “O relato é un rexistro de escrito moi galego e grandes da nosa literatura xa o trataron”

Entrevista de Antón Escuredo a Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que lle pareceu participar na colección Relatan… Nós?
– Marilar Aleixandre (MA): Estou feliz. Xa o estaba cando me propuxeron facelo, sen saber que outros autores escribirían nesta colección. E agora, ao ver quen me acompaña, estou moito máis feliz. Son grandes nomes da literatura galega e é unha ledicia participar. Considero que os relatos son un rexistro de escrito moi galego que grandes autoras e autores da nosa literatura, Castelao por exemplo, trataron. Tamén Rafael Dieste, que ten relatos impresionantes, e a mesma Rosalía.
Hai que recoñecer que o relato é un pouco a cincenta, na Galiza a poesía ten un status moi alto. Noteino por comezar escribindo narrativa e entrar na poesía bastante despois, nun proceso diferente ao que fai outra xente. Había quen me considerou escritora de certa categoría a partir da publicación de Catálogo de velenos, o meu primeiro libro de poemas.
Teño que dicir, como narradora, que é moito máis difícil armar e escribir unha novela. Nisto, seguramente, coincidirá máis xente. Gústame escribir relatos, é un rexistro no que me sinto especialmente feliz. Á hora de publicar e a consideración que se ten é diferente. Na literatura anglosaxoa anuncian onde se publicaron e teñen moita tradición.
– ND: No seu relato interpreta de maneira literaria a nosa realidade tomando como espazo temporal algo acontecido nos últimos dez anos. Foi complicado escoller o tema do relato?
– MA: A literatura é sempre outra forma de ver a realidade, distinta á que pode ser a opinión. Levo facendo un artigo de opinión en Nós Diario desde que comezou o xornal. Todas as persoas temos unhas teimas e cousas que nos preocupan especialmente. No meu caso pode ser o feminismo e todo o que ten que ver cos dereitos das mulleres.
O título da miña rúbrica, Desescribindo, é moi habitual en min. Tento desescribir moitas cousas da historia, entre elas o que foi escrito sobre as mulleres. Unha cousa é como iso se formula en opinión e outra cousa é como se formula literariamente. Poden ser algunhas situacións semellantes mais están tratadas doutro modo. No meu caso, penso que teño un estilo bastante oblicuo, indirecto, e na narrativa tamén. Hai moitas cousas que non digo explicitamente nas miñas obras.
Cando é un encargo hai un marco ao que tes que “asaldarte“. Neste caso había que cinguirse á extensión, moi curta, e eu mesmo pensei na maqueta no que iría. Neste aspecto sempre me gustou seguir na medida do posíbel ese encargo. Despois o marco temporal.
Entendo que nós vivimos na Galiza mais a nosa realidade está atravesada por moitas situacións que ocorren noutros lugares. Hai tempo que quería escribir sobre a situación das maquías, a situación das empresas que traballan noutros lugares do mundo e fan produtos que nós utilizamos. Quería falar de algo que é unha situación descoñecida. Moitas veces fixámonos nos dereitos e nas situacións das persoas que están próximas e ignoramos, ao non contalo ninguén, situacións que afectan en realidade a nosa vida.
– ND: Ese tema parte da actualidade máis recente?
– MA: Agora, a guerra e a pandemia puxeron de manifesto que o sistema capitalista non é funcional. A globalización e situacións que se daban por supostas en realidade distorsionan a vida da xente. Estámolo vendo nestes momentos que faltan algúns produtos. Xa era un tema que me preocupaba por ter oportunidade de escoitar algunhas historias desde dentro e quería contalas. Creo que as mesmas reivindicacións que temos aquí deberiamos telas para outros lugares.”

Falando con Miro Villar de Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano

Desde Letras Galegas 2022:
“(…) – Letras Galegas 2022 (LG): 1.- A escolla de Florencio Delgado Gurriarán como autor homenaxeado nas Letras Galegas deste 2022 pon enriba da mesa a débeda que Galicia ten coa escrita do exilio republicano. Pensas que pode servir como un punto de partida para recuperar a memoria e obra doutras figuras para o gran público e que conforman esa diáspora non tan recoñecida nin coñecida?
Miro Villar (MV): Na nosa historiografía en xeral, e en particular na nosa historiografía literaria, non abondan os estudos sobre o exilio republicano. Con todo hai achegas importantes como algúns textos do profesor Xesús Alonso Montero ou como o volume que sintetiza a tese de doutoramento de Xosé Manuel Maceira Fernández, A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural (1995). Tamén a propia celebración do Día das Letras Galegas ao analizar a obra de Eduardo Blanco-Amor en 1993, de Luís Seoane en 1994, de Rafael Dieste en 1995 e de Lorenzo Varela en 2005 aproveitouse para achegamentos á diáspora galega na Arxentina, tanto da emigración como do exilio. Porén o exilio mexicano estaba (e aínda está) moi desatendido. Certo é que menos numeroso que o radicou no cono sur americano, mais do punto de vista cualitativo é un exilio tamén moi importante cono nomes tan significativos como o musicólogo Xesús Bal y Gay, o actor (amado por Lorca?) Serafín Ferro, o xornalista Luís Soto, o pintor Arturo Souto, o cineasta Carlos Velo ou, entre outros, Alexandre Finisterre, pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez, inxustamente máis coñecido por ser o inventor do futbolín ou por ser custodio e testamenteiro do poeta León Felipe do que é como poeta e como editor. Na miña opinión xa tarda a recuperación do legado e da memoria de moitas destas persoas. Oxalá se produzan, máis cedo que tarde, novas investigacións que nos deiten luz sobre este e outros exilios escasamente coñecidos. É unha débeda que temos co seu espírito democrático e co seu talento intelectual e creativo.
– LG: Pareceunos moi interesante o acceso que ten, dende moi novo, a unha biblioteca bastante ben surtida tanto de clásicos galegos como de revistas que viñan de alén do mar, o que xa fala dun certo compromiso familiar coa cultura galega. Como era, que coñecemos deste ambiente familiar ou a súa ligazón cultural?
– MV: A verdade é que, de facermos caso ao propio poeta corgomés, habería que matizar (eu mesmo) esa afirmación de que tiña unha biblioteca ben nutrida de clásicos da literatura galega. Na entrevista que lle fai Dolores Plá a Florencio Delgado Gurriarán realizada na cidade mexicana de Guadalajara os días 23, 24 e 25 de agosto de 1979 (e que recuperou o Consello da Cultura Galega no seu Álbum de Galicia, ao falar sobre a orixe do seu galeguismo afirma textualmente: “Pues en parte, como le digo … las lecturas de, de un único libro que teníamos entonces en casa en gallego que era Ay da miña Terra de Carlos Enríquez, que parte de un contacto con el pueblo”. (Plá transcribe incorrectamente o título Aires da miña Terra e o nome do poeta celanovés Curros)
E engade na mesma entrevista: “estando en Valladolid, precisamente, conocí … me dieron, me regalaron un número de A Nosa Terra que era un boletín de las hermandades de La Coruña, las hermandades gallegas. Y para mí fue una revelación, porque yo no sabía que había más gente que se preocupara del gallego -aparte de los vijos- ¿verdad?, aparte de los del siglo pasado, digamos, Carlos (sic por Curros) Enríquez y Rosalía ¿verdad?”.
Polo tanto, na casa familiar había unha boa biblioteca, de certo, mais a literatura en galego era anecdótica, por moito que ese libro de Curros fose moi importante no seu labor creativo. E será anos máis tarde, cando vive en Valladolid, e grazas ás publicacións periódicas, nomeadamente, A Nosa Terra, cando Florencio coñeza e descubra con abraio toda a nosa tradición cultural e literaria. De feito, a aproximación a todo este acervo vai ser fundamental naquel mozo para a súa afectiva aproximación ao galeguismo da época que o levará a militar no Partido Galeguista.
– LG: 3.- Un aspecto que sinalas na biografía é ese vencello coa terra dende moi noviño malia as mudanzas impostas polo traballo do pai. Esa Arcadia infantil ten a súa materialización no uso da lingua galega (que tamén foi a lingua na que se iniciou nos estudos) e que nunca abandonou, ligando, tempo polo medio, con ese “niño de galeguistas” como dis ti no libro, que será a revista Saudade, publicación mexicana en galego…podes comentar un pouco deste vencello non soamente coa cultura galega, senón coa lingua como instrumento?
– MV: Saudade, aínda que con menos calidade estética que a posterior Vieiros, é unha revista que convido a (re)ler, hai unha boa reedición facsímile feita polo Centro Ramón Piñeiro (que se pode consultar en papel na Biblioteca Xeral, como eu fixen hai anos, mais agora tamén en pdf na rede. Os dous proxectos, fundamentais na biografía de exiliado de Florencio Delgado Gurriarán, teñen como norte a lingua e a cultura galega. Saudade, que citas, tiña un subtítulo abondo significativo Verba Galega nas Américas. Entre os seus presupostos está a continuada defensa da lingua galega como símbolo identitario, até boa parte da publicidade está en galego, inaudito naquel tempo, e para ese obxectivo de dignificar o noso bota man de numerosas colaboracións, case medio cento de nomes que van desde os clásicos do noso Rexurdimento até autores contemporáneos do poeta corgomés, tanto do exilio e da emigración, como do denominado “exilio interior”. Por certo, alén de Rosalía tan só dúas mulleres, Chita Lamas (dona de Ramiro Illa Couto, membro do consello de redacción) e a poeta ourensá Pura Vázquez. Malia predominar a creación literaria, sobre todo a poética, na revista tiveron acubillo todas as temáticas, desde a antropoloxía até as diferentes manifestacións artísticas, música, pintura… (…)”

Suso de Toro: “A vitoria do franquismo foi tan grande que non só gañou a guerra, tamén a Transición”

Entrevista a Suso de Toro en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Como xurdiu a idea de escribir sobre os Baltar [Un señor elegante]?
– Suso de Toro (ST): As miñas historias sempre son inventadas, polo que este é un libro distinto. Eu xa tiña referencias de hai anos, moi vagas, da familia Baltar cando investigaba sobre o levantamento militar do 1936 e a posterior represión, xa que algúns membros da familia foran expulsados da Universidade e represaliados, aínda que non vía aí a oportunidade dun libro. De casualidade, cruceime con Juan Ramón Baltar e deixoume caer un par de referencias ao seu tío, que se exiliara, e á relación da súa familia coa de Castelao e Rosalía de Castro. Quedoume entón a idea para un libro, pero non literario, porque pensaba que había unha historia que debía ser contada.
– LO: Foi difícil conseguir os datos sobre a familia?
– ST: Si, foi un proceso cheo de cautelas porque unha parte das historias eran boas de contar, como que os seus antepasados protexeran a Rosalía de Castro e Murguía e que Ramón Baltar protexera ás familias de Castelao e Dieste, ou como a familia construíu unha biblioteca enorme. Pero para un escritor iso é pouco traballo literario, dábame para un libriño, que era o proxecto inicial, no que se contaran eses asuntos. Pero cando fun tirando dos fíos atopeime con que si que había unha historia familiar interesante e o que me levou á literatura foi a figura de Ramón Baltar, que non era o personaxe brillante da familia en apariencia, pero conseguín que os seus fillos me facilitasen información oral e documentación sobre el.
– LO: Por que estaba na sombra a figura de Ramón Baltar?
– ST: Pola historia do nos país, polo que aconteceu a partir de 1936. Nunha Galicia republicana, Ramón Baltar tería sido non só un cirurxián eminente como foi, senón tamén que con seguridade formaría parte dos grupos que asumirían responsabilidades, probablemente políticas tamén, xa que pertencía a esas elites que estaban preparadas para dirixir Galicia para transformala nun país dinámico e próspero. Ese era o plan do galeguismo republicano e a ese mundo pertencían Ángel Baltar e os seus dous fillos, Ramón e Antonio. Este último marchou para que non o matasen, pero Ramón permaneceu aquí, aínda que o papel social que podía ter non puido ser, xa que como republicano foi castigado. Cando despois do 1945 os aliados apoiaron a Franco, pódese dicir que, ao igual que houbo topos, as persoas que quedaron agochadas durante o franquismo, Ramón Baltar tivo que esconder unha parte da súa vida, polo que o libro é o desvelamento desa parte da súa vida. En parte foi por vontade súa, pero habería que saber por que deixou todos eses papeis que ilustraban esa vida clandestina. (…)”

“Xohana Torres, a muller navegante que rachou coas viúvas de vivos”

Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
“”Éste vaise i aquél vaise, / e todos, todos se van. / Galicia, sin homes quedas / que te poidan traballar”, ecoan os versos de Rosalía en Follas Novas. Mais esa hemorraxia migratoria, como retrataba a autora, deixaba atrás “corazóns que sufren / longas ausencias mortás, / viudas de vivos e mortos / que ninguén consolará”. Desta figura versa precisamente o ensaio gañador do Premio Xohana Torres 2019. Co título Xohana Torres: Das viúvas de vivos á muller navegante, a investigadora Ana Garrido salta entre dúas iconas da literatura galega, mais tamén do feminismo.
O estudo sobre a obra de Torres enmárcase nun traballo moito máis amplo, co que Garrido persegue esas “viúvas de vivo” na literatura galega, opostas ao que se chegou a converter no modelo dominante, que identifica con Díaz Castro e a idea da Penélope que espera eternamente o retorno do emigrante. Fronte a isto, Garrido segue a liña de denuncia rosaliana da muller como parte silandeira da emigración, que sofre ao “caer sobre ela unha carga de traballo xigantesca”.
Nos textos do período das Irmandades da Fala ou do exilio, a profesora detecta como se mestura a imaxe desa muller que agarda coa da “tola consciente”, pois “hai pouca saída para a viúva de vivo que non se conforma coa súa situación”, comenta, o que a condena a esa posición de demencia. Isto aparece, por exemplo, no conto final das Historias e invenciones de Félix Muriel (1943), escrito por Rafael Dieste en Bos Aires.
Deste traballo, moi extenso e disperso en diferentes revistas como Madrygal ou Abriu, Xohana Torres vólvese elo fundamental porque “é a que acaba de revolucionar o tema que enunciara Rosalía: a viúva de vivo como denuncia social”. Porén, a investigadora percibía un baleiro de coñecemento arredor da autora, focado sobre todo na súa faceta poética, esa muller navegante que se opón á espera permanente da Penélope idealizada.
“Dos 80 en diante está super estudada, tense falado moito e moi ben dela”, afirma, mais da etapa anterior, nos poucos artigos que atopaba as cousas que non lle cadraban. É o caso de textos de críticas feministas que ven na nai de Maxa, a protagonista de Adiós, María, unha muller que “claudica ante as necesidades do home e deixa atrás os fillos”, explica Garrido.
Iso non tiña senso desde a perspectiva activa e implicada da Torres da época, para alén de que na realidade do momento “moitas mulleres estaban saíndo á emigración; entón Galiza estaría chea de abandonadoras de fillos!”. O que fai a escritora, pola contra, é ofrecer “outros modelos de muller, moi en relación coa emigración ou co exilio -presente tamén no teatro-, que non se resignan ao papel asignado”, opina Garrido.
Neste senso, entende que Maxa comeza a ser “unha orfa de vivo consciente, aínda que non sabe saír da situación”, chegando a se contemplar a si propia como un cristo ou unha virxe crucificada. “Esa figura comeza a rachar coa idea de muller galega unida á viúva de vivo, esa matriarca sacrificada que o deixa todo pola familia, que só vive para os demais”, di Garrido.
O que ás veces pode mesmo semellar unha imaxe moi feminista, para ela non o é -nin cre que o fose para Torres- porque “agocha a situación opresiva e de traballo excesivo que viven elas, á parte de que non teñen opción”. Dentro desta gama, a nai de Maxa aparece marcada como a primeira muller que escolle marchar, opción non vencellada aos designios masculinos. “Ela decide non ser viúva de vivo”, afirma a investigadora.
Cabe destacar que “Torres escribe en paralelo á emigración dos anos 60 e 70 a Europa, cando a muller comeza a coller as maletas, moitas mesmo marchan soas”. Este gran cambio “aínda hoxe se ve pouco na literatura galega”, observa Garrido, se ben destaca autoras como Eva Moreda que si o trataron.
Xohana Torres foi unha muller “rodeada polos homes de Galaxia”, que participa activamente da vida cultural. “Pero cando miras as críticas que fai das súas obras Carvalho Calero, por pór un exemplo, ás veces non parece que falen da mesma obra”, indica. As referencias á súa “sensibilidade” ou a tópicos como “que se nota que comezou coa poesía”, moi vencellados á escrita feminina.
“Tampouco comprende por que a protagonista de Á outra banda do Íberr (1965) é unha muller exiliada, cando a el lle parece máis interesante o seu home”, comenta Garrido. “Nin sequera chega a ver que o principal nesa peza teatral é o dilema que ela vive, non sobre volver ou non volver, senón de ser capaz de decidir por si mesma que quere facer”, algo que aparece explícito no texto.
A investigadora atribúe isto a que os intelectuais do momento “non estaban preparados para entendelo”. Logo, moitas críticas beberían deste pouso, pois “non é tan doado recuperar o potencial tan forte que ten toda a obra de Torres, incluída a anterior aos 80, porque se escureceu na ditadura e nunha época con ese peso machista tan forte”.
A da propia Garrido é unha experiencia de emigración, pois desenvolve este traballo desde a Universidade de Varsovia (Polonia), onde comezou en 2010 a traballar como lectora. Logo ficou a facer o doutoramento cunha oferta do centro. Actualmente está en dous grupos de investigación: GENIA, máis centrado no feminismo, e (Outra)Iberia, que traballa sobre linguas minorizadas (o galego entre elas) con integrantes de diversas facultades. Outra navegante, nuns tempos distintos nos que a emigración, doutro modo, continúa moi presente. Pero iso é xa outra historia.”

A Coruña: XXIII Memorial Ibán Toxeiro

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: resposta á Laudatio, por Pilar Pallarés

“Na casa da infancia non había libros. O primeiro que tiven foi un para ir á escola. Meu pai comproumo un día en que chovía moitísimo. Cando chegou con el na súa Lambretta, os dous, pai e libro, estaban enchoupados, así que tivo que se facer con outro exemplar, que xa correspondía a unha edición diferente. Eu tiña unha querencia especial polo pobre libro estragado, como se fose un dos cadelos abandonados que tanto me facían chorar. Por iso, cando por fin souben debuxar unhas cantas letras, recompuxen pacientemente a súa capa, cartón macerado pola agua: Leyendas y narraciones del herrero. Non é só que non tivese nin idea de cando escreber un erre e cando dous; é que aquela palabra do final era para min un puro enigma. Tiña ouvido falar de ferreiros e ferradores, mais herrero era só música, suxerencia, a porta de entrada a un mundo próximo ao da poesía. Non comprender o significado libertábame das limitacións da lóxica e facíame pairar sobre o espazo e o tempo. Era o mesmo misterio das cancións que cantábamos saltando á corda, o das palabras en inglés ou alemán nas revistas que traían os emigrantes.

Así evocaba eu hai poucos anos o meu encontro inicial cos libros e coas palabras. Estes días, dándolle voltas ás circunstancias que me trouxeron até aquí, lembreinas e púxenme a desenredar un pouco o fío do novelo. Agora vexo que dese coup de foudre co libro como obxecto procede a miña incapacidade para me desfacer deles, de aí que moitos teñan acabado nunha especie de casa de acollida compartida con algúns felinos; tamén que para ficar ensarillada para sempre nas palabras só había que engadir uns cantos ingredientes: que pelón, na época en que a miña mestra Toñita xa me tiña ensinado os sufixos aumentativos, fose paradoxicamente o mesmo que careca, o cal non facía máis que aumentar o misterio (e como se pode resistir unha cativa ao misterio?); que unhas cantas operacións me retivesen na casa e na cama longos meses (cantos escritores infantís teñen nacido da soidade e do aburrimento!).
Falo de escrita, mais eu fun primeiro, evidentemente, ávida leitora. Misterio, aburrimento e uns pais que se botan a comprar libros para os fillos. A Biblia, unha colectánea de Xulio Verne, a colección RTV. Era xa no inicio da pubertade, en Vigo, e o que máis me impactou foi La busca, de Baroja, que inxenuamente tentei copiar nun amago de noveliña.
Foi nesa cidade onde, só uns anos despois, me tomou por asalto a literatura para sempre. Entre ecos da Revolução dos Cravos e do golpe de Estado contra Allende, nun cuarto usurpado ao irmán con vistas ás illas Cíes, unha adolescente solitaria, exiliada xa dos lugares da nenez e dalgunha das persoas máis amadas, educada polos pais cunhas expectativas que sobardaban amplamente os límites do feminino, caía no fascinio de Neruda, e Vallejo, e Rosalía. Os primeiros poemas imitan torpemente a paixón vital e a exuberancia de Pablo Neruda.
Estaba aínda mui lonxe do ponto en que me encontro aquí, convosco, e non só temporalmente: escrebía adoito, mais sen lle prestar moito interese, pois o que anseiaba en realidade era ser pintora; alén disto, a lingua en que compoñía os poemas xamais me iría levar a ser homenaxeada, nun acto de xenerosidade louca, por ningunha Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. De familia galego falante, por ambas as partes, eu pertenzo á primeira xeración de nenas (non os nenos, aínda) de Culleredo educadas en español para mellor estarmos armadas fronte á vida, que é o que cuidaban facer os adultos.

Non vos quero cansar estendéndome excesivamente no percurso. Moitas persoas e circunstancias me teñen traído até aquí, mais algunhas foron determinantes. Foino coñecer sendo adolescente a Moncho Valcarce, o cura das Encrobas e de Sésamo e Sueiro. Con el tomei conciencia deste país, a Galiza, e da súa opresión, que era e é tamén unha opresión de clase. Mudar de lingua, na escrita e na vida, era inevitábel. E os poemas foron deixando de ser exercicio solipsista para neles coexistiren a reflexión existencial, cun certo tremendismo adolescente, e a mistura de indignación e esperanza que a situación do país me provocaba.
Xa teño contado en moitas ocasiónsque a decisión de argallar un libro e publicar non foi miña. A finais dos setenta a miña amiga Isabel Balaca, que tiña sido secretaria do propietario de La Voz de Galicia, comezou a levarme ás tertulias na casa de Francisco Pillado Rivadulla, o mellor director que tivo o xornal. Fíxolle coñecer os meus poemas e un día Paco organizoume unha encerrona. Andaba polo país o inmenso Luís Seoane e convencéronme para eu lle ler os meus versos, que tiña escritos a man en cadernos. De alí saín, bastante abraiada, con dúas encomendas: recitar os poemas de Lonxe, de Lorenzo Varela, que acababa de falecer, nunha homenaxe do Ateneu da Coruña e levarlle ese mesmo día a Seoane un libro que publicaría, por decisión del, Ediciós do Castro. A noite anterior á homenaxe Seoane morreu subitamente. Foron a súa viúva, Maruxa, e Isaac Díaz Pardo os que se ocuparon de que Entre lusco e fusco existise.
Esa foi a miña entrada no mundo literario. Non coñecía aínda outros poetas da miña idade, nin lidos nin en persoa. Lera a Rosalía, Castelao, Lamas Carvajal, Elipsis e outras sombras de Ferrín, xa nos anos de Vigo. Tamén A esmorga, e antes Los miedos, baixo a impresión provocada polo encontro con Blanco Amor nunha feira do libro coruñesa. Era a primeira vez que tiña diante un escritor de carne e óso, aínda que non soubese mui ben quen era.
Blanco Amor, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Dieste. Este último era tamén grande amigo e contertulio de Paco Pillado. Rifoume unha vez por afirmar nun poema de Entre lusco e fusco que tiña podre a alma. Como podía dicer tal cousa unha rapaza tan nova! Mais aínda así acolléronme el e Carmen Muñoz na súa casa, na que tamén había tertulia. Os vencidos da guerra, os exiliados. Escoitarde viva voz a defensa do cuartel da Montaña; a fuxida a Franza entre ringleiras de mulleres, nenos, vellos e soldados feridos; as angueiras en México e na Arxentina e a loita por sobreviveren.

A vida ten sido xenerosa comigo en amigos e en mestres. Foi decisivo nos meus anos de formación Ricardo Carvalho Calero. Tiven a sorte de coñecer a Seoane unha semana antes da súa morte e a don Ricardo un ano antes da súa xubilación. Fun a súa aluna o derradeiro curso en que impartiu aulas na vella faculdade de Mazarelos. Con el o humilde idioma familiar recuperado convertíase no da espléndida lírica medieval e abríase a un mundo que pasaba polo Alentejo e chegaba até o Brasil.
Pouco sabíamos entón os seus alunos de Carvalho, aínda que impresionaba, polo menos a min, ter como libros de estudo a súa Gramática e a súa Historia da Literatura. Mais, claro, tíñase omitido a si propio nela… Algúns fómolo coñecendo de pertonos anos seguintes. En tanto o “holding”, como el dicía, o silenciaba, eran as asociacións culturais de base ou esta mesma AELG as que solicitaban a súa colaboración. Tivo a xenerosidade de nos considerar “colegas”, esa palabra de que gostaba tanto, como se fose posíbel estar á súa altura.

Findo xa. Sempre tiven claro o que para min significa(ba) dar aulas de literatura ou analisar a obra de outr@s. É tentar transmitir o deslumbramento, contaxiar a paixón, confirmar que a literatura axuda a viver e transforma a vida. É ademais, cando da nosa literatura se tratar, oferecer o que á miña xeración lle foi escamoteado e negado, as palabras nas que facer niño para logo botármonos a voar.
O de escreber poesía é xa outro cantar, máis sinuoso, ás veces quebrado en ecos, case sempre contraditorio. Confeso que cando escrebo non penso en vós. Ando a procurar un espello que me reflicta, a min no mundo ou contra o mundo, sen piedade e que revele o que aínda nos sei mais talvez é un fragmento de verdade. Quero coñecerme e coñecer, e que ese coñecimento fale coa voz de sangue. Non me importa agradarvos ou que me entendades, porque aínda non me entendo eu. Estou no alén das fronteiras e dos xéneros, como un gromo que rebenta nun continente novo, no que todo está por nomear. Teimo en achar a palabra exacta, como se fose eu quen a inventase, cousa miña. Mais anda Dieste a susurrarme no ouvido que hai que aspirar a construír unha lingua que poida ser falada por unha estatua, os viciños de Arzúa oude Bergantiños a facerme o galano do seu léxico, as devanceiras a carrexar paxes de palabras que quizais non sabían escreber. Estou soa e en lexión perante o espello. Planeaba un soliloquio e véxome, ao cabo, dialogando convosco.

Pilar Pallarés
Auditorio do Centro Ágora, A Coruña
29 de xuño de 2019

A resposta á laudatio pode descargarse aquí.

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga

A poesía necesaria

“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:

É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.

Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo