O pleno da Real Academia Galega reelixe a Víctor F. Freixanes presidente

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega reelixiu o sábado 24 de abril a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións. Acompañarano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría. O equipo traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova. “A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, poñéndoo ao servizo da sociedade”, salientou Víctor F. Freixanes ante o pleno.
Víctor F. Freixanes foi elixido presidente por primeira vez en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino. A catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. O presidente agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos no posto de vicesecretario.
Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Víctor F. Freixanes expresou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións. Insistiu así na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación como para promover o seu uso e o mellor coñecemento. Nesta liña, nos vindeiros catro anos seguirase a procurar colaboracións con novos creadores audiovisuais, como as desenvolvidas nos proxectos Novas voces para a lingua ou a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada; e a creación de espazos de divulgación da riqueza lingüística na Rede, entre outras iniciativas, ademais de avanzar en experiencias como a plataforma colaborativa de recollida de microtopónimos Galicia Nomeada ou o Portal das Palabras. “A lingua, en todas as súas manifestacións e demandas, é o noso principal activo. A súa continuidade nas novas xeracións de falantes, non coma un elemento arqueolóxico nin exclusivamente sentimental, senón como algo operativo, rendible cultural, social e economicamente, é un desafío que nos compromete e no que cómpre afondar”, concluíu.
A RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego e tendendo pontes con outras linguas e culturas próximas, moi principalmente coa área lusobrasileira; e no fortalecemento das relacións con outras academias e institucións análogas na procura de obxectivos comúns.
A maior visibilización do traballo dos distintos seminarios da Academia, a posta en marcha do dicionario en liña castelán-galego e os traballos de dixitalización de fondos históricos do arquivo e a biblioteca da RAG e das publicacións propias serán tamén parte das actuacións estratéxicas do mandato que comeza. A institución confía ademais en afrontar neste período a rehabilitación da súa sede, na rúa Tabernas da Coruña, de acordo co proxecto financiado polo Ministerio de Cultura.”

O pleno da RAG elixe o historiador Lourenzo Fernández Prieto académico de número

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega elixiu a Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) novo académico de número no pleno ordinario celebrado na tarde de onte. O historiador, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza en abril do ano pasado. Na mesma sesión declarouse a vacante producida polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG entre 2001 e 2009, e oficializouse a finalización do mandato da comisión executiva presidida por Víctor F. Freixanes. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.
Lourenzo Fernández Prieto é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural, Histagra, e dirixe tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.
En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco na que presta especial atención á análise da memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que se converteron nunha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.
Ao longo da súa carreira, ten sido investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography). O académico electo é ademais director do Departamento de Historia da USC, onde se licenciou e doutorou con premio extraordinario, e vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA). Como historiador, tamén colabora adoito en medios de comunicación, e publica semanalmente un artigo en La Voz de Galicia.
No pleno do venres tamén se oficializou, de acordo cos estatutos da institución, a conclusión do mandato de Víctor F. Freixanes, elixido presidente da RAG fai catro anos, o 28 de marzo de 2017. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.
Segundo a normativa da institución, ata o momento da nova elección ocupará interinamente o cargo de presidente o secretario da executiva saínte, Henrique Monteagudo, a quen lle corresponde poñer en marcha o proceso electoral. A candidatura ou candidaturas á presidencia da RAG que poidan concretarse deben ser presentadas ata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do pleno extraordinario de elección.”

Rexina Vega é distinguida como Cunqueiriana de Honra de 2021

“A escritora, profesora da Universidade de Vigo e estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Rodríguez Vega (Rexina Vega), foi designada como Cunqueiriana de Honra de 2021. Así o decidiu este sábado 30 de xaneiro por maioría a comisión designada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, entidades promotoras da distinción, durante unha reunión telemática na que os membros deliberaron despois de que cada un presentara unha candidatura e a promovera de forma argumentada.
Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 años a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa Guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutorado, defendida na Universidade Autónoma de Barcelona e centrada no Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000).
Ademais destes volumes e teses, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación.
Por todos estes motivos, a comisión congratulouse pola súa designación como Cunqueiriana de Honra e quixo transmitir as súas felicitacións á distinguida, ao tempo que manifestou a súa satisfacción pola alta calidade das diferentes candidaturas presentadas.
A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro de 2021, data do 40 aniversario do falecemento de Álvaro Cunqueiro. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra.
Trala recepción da distinción (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo), Rexina Vega pronunciará unhas palabras de agradecemento, que irán precedidas da laudatio coa que a presentará, en nome da comisión, Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.
Formaron parte desta comisión: César Cunqueiro (fillo do escritor, que asistiu vía telefónica), Alberto García (concelleiro de Cultura de Mondoñedo), Víctor F. Freixanes (Cunqueiriano de Honra na convocatoria do pasado ano e presidente da Real Academia Gallega), Antonio Reigosa (cronista de Mondoñedo), Miguel Somovilla (periodista e estudoso da obra de Cunqueiro), Abel Vigo (técnico de Cultura do Concello de Mondoñedo) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro).”

“Publícase o epistolario entre Carvalho Calero e Otero Pedrayo”

Desde Nós Diario:
“O Pazo do Hórreo acolleu a presentación do volume Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, editado pola Real Academia Galega co apoio do Parlamento galego.
Interviñeron no acto o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o coordinador da obra, Henrique Monteagudo; unha das persoas responsábeis da edición, Patricia Arias; e a filla do homenaxeado, María Victoria Carballo-Calero Ramos.
Trátase, en opinión de Santalices, dun libro “necesario e esclarecedor” que contribúe a render tributo a “dous dos grandes persoeiros da nosa historia contemporánea”.
A obra compila 167 misivas intercambiadas por estas dúas figuras da cultura galega entre 1949 a 1974, que están depositadas no Parlamento e na Fundación Penzol. Foron editados por Patricia Arias Chachero, Adrián Estévez Iglesias e Nélida Cosme. Arias e Estévez asinan ademais o estudo introdutorio e as notas do libro, coordinado por Monteagudo.
Freixanes salientou a importancia das cartas para entender a historia e, sobre todo, a intrahistoria, “esa parte do iceberg que case sempre permanece debaixo da superficie da auga e que non conta, mais que explica moitas cousas”.
Así pois, “a través deste diálogo entre dous xigantes podemos reconstruír, ou cando menos enriquecer, algúns capítulos significativos na historia da cultura galega do pasado século XX”, engadiu.
Santalices aproveitou para lembrar que aínda é posíbel visitar a Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero no Parlamento, xa que foi prorrogada até o 31 de marzo. Na exposición, alén dos fondos propios, tamén se poden apreciar documentos senlleiros da nosa historia recente, como un exemplar do Anteproxecto do Estatuto do Seminario de Estudos Galegos de 1931, ao que deron forma Carvalho Calero e Lois Tobío.”

Conmemórase o 60 aniversario das Memorias dun neno labrego

Desde Nós Diario:
“O día 5 de xaneiro de 1961 publicábase a primeira edición dun libro que faría historia nas nosas letras. Nas súas páxinas despregábanse as palabras de Balbino, que narraba, en primeira persoa, remedando a escrita nun caderno, as vivencias cotiás da infancia na aldea. Esta elemental premisa é abondo para identificar de que falamos –Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, por se fica alguén no despiste-, pois tal é o impacto que pasaría cos anos a converterse na novela galega máis popular da segunda metade do século XX.
En conmemoración do 60 aniversario da obra, un lustro após o falecemento do autor, tivo lugar en Compostela no auditorio que leva o seu nome (no Gaiás) un acto, que tivo lugar, puxo de relevo a importancia desta obra emblemática. A el asistiron o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o da Editorial Galaxia, Antón Vidal e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Era a editora Follas Novas a que sacaba esta primeira edición, a quinta da súa curta andaina, da man do propio Neira Vilas e da súa compañeira, Anisia Miranda. Sacaba unha tirada de 2.000 volumes que tivo boa acollida, vendida tamén nunha pequena porcentaxe na Galiza, mais que non chegou a esgotarse.
Un dato curioso tendo en conta a difusión que posteriormente tería, reeditada por Ediciós do Castro -logo dun intento frustrado por constituílo como o primeiro título da editora Rúa Nova- con ilustracións de Isaac Díaz Pardo, en 1968 nunha tirada de 1.000 exemplares que xa se esgotou, e que a partir da quinta edición pasan a imprimirse 5.000 ou, máis adiante, até 10.000.
As amplas vendas da primeira metade da década dos 70 anticipan así a forte demanda dun libro que se vendía “como roscas”, segundo lle contaba Manuel María ao autor nunha carta en 1971. No proemio de Alonso Montero cualifícaa de “obra máis lida da literatura galega”.
A día de hoxe cóntanse 35 edicións cun total de 700.000 exemplares, aos que se suman traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, o ucraíno, o búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso, así como a publicación en braille, que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado. Seis décadas após a publicación, segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 por Galaxia.
Memorias dun neno labrego retrataba a dura realidade da Galiza rural dos anos 40, enfrontando temas como a desigualdade ou a emigración. A obra de Neira Vilas tivo precisamente neste último tema un dos piares fundamentais. Así se manifesta desde a ficción até os artigos xornalísticos, ademais de nas dúas obras que compuxeron a triloxía que abriu Memorias: Aqueles anos do Moncho e Cartas a Lelo.
Unha preocupación que bebe, en parte, da súa propia experiencia vital. Nado en Gres (Vila de Cruces) en 1928, de familia labrega, criouse na aldea e traballou a terra até os 16 anos, cando entrou como contable nun serradoiro. Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. En 1961 trasladouse a Cuba e non sería até 1992 que volveu a Vila de Cruces.
As Memorias dun neno labrego beben, xa que logo, como o propio autor manifestou en vida, da súa biografía, que coincidía coa de tantas outras crianzas da época. “Sentía a necesidade íntima de sacar de min aquelas vivencias. Vía que na literatura galega non se trataba o tema ou facíase de esguello, por autores que non triparan lama nun sabían coller unha legoña”, admitía entrevistado por Nora Longhini en 2008, como recolle o volume de Galaxia Neira Vilas. Os anos da Arxentina (1949-1961).
A conmemoración completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre o autor, a súa época e a súa obra. Aliás, houbo unha especial lembranza das numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas que configuran e completan o universo Balbino e que dan conta dun patrimonio que continúa vivo na actualidade.
Dolores Vilavedra denominaba Memorias dun neno labrego como “primeiro bestseller da literatura galega”, condición á que contribuíu o feito de ter acompañado a introdución da lingua galega no ensino. Con todo, non se considera de maneira consensuada unha peza de Literatura Infantil e Xuvenil, malia unha certa orientación dalgunhas edicións a este público ou a súa propia dedicatoria -“a todos os nenos que falan galego”-, senón que tende a identificarse como literatura de fronteira e mesmo asociada ao bildungsroman (novela iniciática). Sen entrarmos en tecnicismos, trátase dun relato que poden gozar crianzas e persoas adultas, que logrou manter as vendas de maneira regular durante moitos anos, polo que podería considerarse, segundo propón Iolanda Galanes, como longseller.”

Antón Riveiro Coello: “A miña avoa materna tiña moita maña para contar e unha imaxinación hiperbólica”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Antón Riveiro Coello en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela o reconciliou coa literatura?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, impresionoume cando eu abandonaba a adolescencia e tívome absorto durante uns días. Volvín a ela non hai moito e o efecto xa non foi o mesmo, pero sigo pensando que é unha novela xenial. En galego, impresionárame a forza narrativa de O triángulo inscrito na circunferencia, de Vítor Freixanes.
– B: Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
– ARC: A morte de Virxilio, de Hermann Broch.
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– ARC: Por pedir, conformábame con algunha noveliña curta como A esmorga, de Blanco Amor, Lulú, de Mircea Cartarescu, O bosque da noite, de Djuna Barnes, Ancho mar de argazo, de Jean Rhys ou Pedro Páramo, de Juan Rulfo. (…)
– B: Leva vostede un diario ou un dietario?
– ARC: Non. Só cadernos para apañar anécdotas e historias que despois van parar aos libros.
– B: Escribirá as súas memorias?
– ARC: Son amante das rutinas e a miña vida non creo que sexa moi interesante para os demais. Agora ben, hai unha parte da miña obra que se alimenta moito das miñas experiencias e desa paisaxe psicolóxica da familia que nos acompaña sempre. Por iso, creo que estou, e moito, en Casas Baratas, A esfinxe de Amaranto, A ferida do vento, mesmo en O paraíso dos inocentes, a miña última novela.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– ARC: A miña avoa materna que, malia non publicar, tiña moita maña para contar e unha imaxinación hiperbólica. (…)”

Víctor Freixanes di que o Día das Letras non se dedica a Carvalho Calero por escoitar “ao conxunto da sociedade”

Desde Nós Diario:
“A Real Academia Galega (RAG) estudou ampliar o Día das Letras dedicado ao autor ferrolán Ricardo Carvalho Calero pero finalmente decidiu que “estaba ben mirar cara a adiante” e non deixarse “derrotar pola propia situación” da Covid-19, que desluciu e recortou o número de actividades de homenaxe ao escritor e mesmo creou certas polémicas. A pesar da defensa da decisión que fixo este sábado o presidente da RAG, Víctor Freixanes, nunha entrevista concedida a Radio Nacional moitas entidades xa viñeron anunciando nas últimas semanas que seguirán a lembrar a Carvalho Calero.
Se ben é certo que ninguén se opón a que a poeta Xela Arias teña o seu protagonismo e un Día das Letras na súa honra, o que agardaban moitos colectivos é que se adiara calquera mudanza no homenaxeado para que este ano puidesen decorrer máis accións reivindicando a figura do ferrolán. Neste sentido, Freixanes asegurou que esa medida de ampliar a dous anos a dedicatoria estivo sobre a mesa.
“A RAG non está cega e tamén escoita”, dixo, mais puntualizou: “Pero escoita ao conxunto da sociedade, non a un sector da sociedade”. Aliás, ao seu parecer, “ningunha figura recibiu tanta atención como este ano Ricardo Carvalho Calero” porque se fixeron estudos, publicacións e outras iniciativas.
“Non sei que máis podíamos dicir del desde a Academia”, defendeu, se ben afirmou que “non enterra a unha persoa, senón que pon enriba da mesa o canon de figuras que constrúen entre todas capas sucesivas”. Polo tanto, a escritora Xela Arias será a homenaxeada nun ano no que tamén haberá que “botarlle traballo, imaxinación, entusiasmo e mesmo compresión”.
Na súa intervención radiofónica, Freixanes tamén opinou sobre o destino que se lle debe dar ao recentemente recuperado pazo de Meirás. A institución que preside é partidaria de que se compatibilice a mirada á historia apegada a Emilia Pardo Bazán coa parte da memoria histórica.
“Creo que as Torres de Meirás deben ser, por unha banda, a memoria de Emilia Pardo Bazán, porque foi a súa familia quen as construíu e, ao mesmo tempo, non podemos mirar cara a outro lado, porque aí hai un capítulo da historia da Galicia contemporánea que foi a ditadura”, explicou na entrevista recollida por Europa Press.
Respecto do debate sobre o modelo lusista do galego, do que precisamente Carvalho Calero era máximo ideólogo, Freixanes vinculou a postura reintegracionista á teoría de que “a lingua galega é un dialecto do portugués” .
“O tema do debate ortográfico está aí, encima da mesa. Segue vivo e debe seguir vivo, porque o que hoxe é, mañá pode sufrir transformacións”, engadiu. Mais “a lingua galega é a lingua galega, non é un dialecto de ninguén. Nin do portugués, nin do castelán, nin do inglés”.”