Ferrol: actos destacados do mércores 22 e xoves 23 na Feira do Libro

OFeira do Libro Ferrol 2015 mércores 22 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Programa da Feira do Libro de Ferrol 2015:

Mércores 22:
18:00 h. Inauguración. Actuación do Real Coro Toxos e Froles. Pregón polo escritor Xabier P. DoCampo.

Xoves 23:
19:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso, de Nova Galicia Edicións.

Que debe ter unha obra literaria en galego para vender máis de 40.000 exemplares?

ReportaxeLetra en obras en Letra en Obras:
“Nun mercado interno pequeno, e por riba non normalizado como é o noso, que unha novela chegue a vender 2.000 exemplares é xa nova. Comentabamos en 2013 que a tiraxe media dunha novela era de 1.000 exemplares (agora a cifra sería incluso menor) e a dun libro de poesía apenas superaba os 250. Mais entres os títulos que se publican sempre hai algúns que conquistan o público e que se converten en auténticos “long-sellers”.
Un exemplo podemos buscalo nunha das principais editoras en galego. Edicións Xerais, fundada en 1979, conta con seis libros que ao longo de todo este tempo superaron os 40.000 exemplares vendidos. Este é o seu particular ranking (con datos de finais de 2014):
Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (1995) – 91.000 exemplares vendidos.
O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas (1998) – 85.000 exemplares vendidos.
Galván en Saor, de Darío X. Cabana (1989) – 52.000 exemplares vendidos.
Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo (1994) – 48.500 exemplares vendidos.
As flores radioactivas, de Agustín Fernández Paz (1990) – 48.000 exemplares vendidos.
A sombra cazadora, de Suso de Toro (1994) – 42.000 exemplares vendidos.”

Xabier P. DoCampo: “Sempre que alguén se manifeste a favor da lingua contará conmigo”

EntrevistaXabierDoCampo 2 de Carme Vidal a Xabier P. DoCampo en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): E se lle preguntara a cantas manifestacións pola lingua leva asistido?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Son incontábeis porque sempre que alguén se manifesta a favor da lingua, así sexa o mesmo demo, pode contar con que alí estarei. Niso son totalmente evanxélico. Aínda que se reúnan catro, alí estarei e estarei mentres sinta que a miña lingua non acada sequera o estatus de oficialidade que ten recoñecido, que é o mínimo.
– SG: A do domingo en Compostela ten especial relevancia?
– XPD: A forza que precisamos ten que quedar á vista. Agora mesmo estamos a ver a lingua atacada de fronte, sen ningún tipo de rubor e eu creo que o cen por cen dos galegos e galegas non consenten iso no seu corazón. Os negacionistas son moi poucos e, polo tanto, é necesario que todos estes que non negan a lingua -úsena ou non- se decaten da situación grave na que a están a poñer desde o goberno galego, do feito inaudito de que exista un goberno que traballa arreo contra a propia lingua.
– SG: Por que se atreve o goberno se, como vostede di, ten toda esa vontade en contra?
– XPD: Atrévese porque confía en que, mesmo que haxa oposición, o tempo fai que todas as falcatruadas queden, que perduren, e por iso actúa con esa aleivosía. O que acontece é que unha persoa que fala galego e desenvolve a súa vida na nosa lingua non é consciente dese perigo. Cómpre unha atención máis continuada e intensa para se decatar e reaccionar. Pouco a pouco a xente darase conta da gravidade da situación.
– SG: Como profesor que foi e pola súa continua relación pola literatura coas xeracións máis nova, coincide no diagnóstico da situación crítica da lingua?
– XPD: A situación de hoxe é peor que a de antonte e a de onte pola tarde. Cada día vai a peor desde que este goberno está no poder. O máis grave que fixeron non foi só lexislar en contra, senón desvalorizar o galego. Coas súas accións levan a que a xente pense: se eles son os encargados polo Estatuto e a Constitución de preservar a lingua, que vou facer eu se eles din que o galego non vale? A situación de hoxe é mellor que a de mañá con este goberno. Agora continúo indo aos centros de ensino e atópome con situacións que crin que xa non se darían, consideraba que estaba conseguido ter unha escola co galego como lingua vehicular de maneira que os nenos saísen competentes e preparados para escoller a lingua na que falaban e vexo que iso non só non é certo, senón que foi a peor. Con aleivosía crean situacións contra a lingua que son difíciles de reverter, mais eu son optimista e penso que todo ten remedio. Precisamos poñer mans no asunto.
– SG: Que significa poñer man no asunto?
– XPD: Simplemente con que se cumpra a lexislación actual, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización comezamos a reverter a situación. O que acontece é que eles non din que deixan o asunto. Cando a Real Academia Galega aproba a súa declaración institucional, o que di o goberno é que está de acordo e o está a facer Con esta resposta fan de menos á propia Academia.
– SG: O lema da manifestación é “Polas fillas dos nosos fillos”. Está aí o perigo, na perda da transmisión ás xeracións máis novas?
– XPD: Cando vou polos colexios e institutos encóntrome por vez primeira na miña vida con nenos e nenas que non saben a nosa lingua. Xa non é sequera cuestión de querer ou non. De toda a vida o cen por cen entendía o galego e sabía falalo, mais agora iso xa non se dá. Xa hai quen non coñece a nosa lingua na nosa terra. O lema está ben, como todos os das manifestacións, mais o que importa é todos os que imos detrás da faixa de saída. Temos que ir e non só polas fillas dos nosos fillos, senón tamén porque debemos coidar e preservar os moitos falantes infantís e mozos da lingua que quedan, temos que valoralos e facer que se mesturen con outros para que se contaxien.
– SG: De todas maneiras, vostede que é persoa optimista, tamén cre que poderemos saír desta situación?
– XPD: Está nas nosas mans. A xente nova ten que tomar conciencia. A situación é reversíbel e todos sabemos na man de quen está. O tema é se imos seguir tendo gobernando o futuro da nosa lingua a negacionistas lingüícidas.
– SG: Se a manifestación é multitudinaria, que tería que pasar o día despois?
– XPD: Non sei se podemos confiar en que pase nada con respecto a quen tivo o cinismo de ir polo peor camiño para a lingua. O que si teremos é a sensación de vernos reforzados no que estamos facendo. Por iso tamén son necesarias as manifestacións. Estamos, repito, no camiño de reverter a situación e para iso é preciso implicarse.”

Novidades de Galicia Encantada

“Para  Galicia encantada celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia, na rede desde marzo 2005, fixemos (de momento) dúas cousas:
– Renovamos a estética e a organización dos contidos da web.
Nova imaxe con debuxos de Noemí López. Novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”, e melloramos a presentación das categorías de sempre, coa axuda de Desarrollos Lugonet.
– Publicamos un libro: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, unha edición con ilustracións de Noemí López e que publica Edicións Xerais de Galicia na colección LibroX.
Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía, Isidro Novo ou Adela Figueroa.”

Lugo: Somos os libros que soñamos, Xornadas de Conmemoración dos 25 anos de Gálix

GALIX SOMOS OS LIBROS QUE SOÑAMOS 1GALIX SOMOS OS LIBROS QUE SOÑAMOS 2

A Coruña: Xabier P. DoCampo e Marcos Calveiro intervirán no ciclo A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores

Desde2014-09-24-656x403 Xerais:
“Os escritores Xabier P. DoCampo e Marcos Calveiro intervirán o vindeiro xoves 11 de decembro ás 18:30 horas no Salón de actos da Uned de Coruña, dentro da actividade A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores. Organiza estes encontros o Centro de Formación e Recursos da Coruña, baixo a coordinación de Javier Pintor. Intervén como interlocutor na mesa de debate, Xavier Seoane, recoñecido autor galego. Estas xornadas pretenden propiciar un diálogo literario e cultural con algúns dos autores máis relevantes do momento presente. Ademais de comentar textos, aproveitase a presenza dos escritores para establecer vías de diálogo e pontes de debate, tanto sobre as súas obras como sobre aspectos culturais da actualidade dentro dun ambiente distendido e participativo. A intervención será retransmitida en directo a través desta ligazón.”

Pontevedra: Presentación do número cero da revista dixital de Literatura Infantil e Xuvenil Criaturas

OCriaturas sábado 6 de decembro, ás 13:30 h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro das actividades do Culturgal, terá lugar a presentación ao público do número cero de Criaturas, a nova revista dixital galega especializada en Literatura Infantil e Xuvenil.
No acto estarán Xabier P. DoCampo, Montse Pena Presas, Ledicia Costas, Daniel Landesa e Laura Sáez. Será un pracer contar con todas e todos vós e poder celebrar o nacemento desta criatura.

Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014

PROGRAMA-CULTURGAL-2014

A Coruña: presentación de O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca

OJorge Llorca xoves 9 de outubro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado.

O autor acompaña o lector: Xabier P. DoCampo

DesdeXabierDoCampo 2 o blogue Trafegando ronseis:
“Dende hai dous cursos tiña en mente este proxecto, unha serie de vídeos que amosasen que o autor está detrás das páxinas que lemos, que imos avanzando polas liñas que el escribe para cada un de nós. Pero para levalo a cabo os atrancos foron máis dos esperables.
Desta volta, un par de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a amabilidade e xenerosidade de axudarme a que este proxecto vexa a luz e editaron unha serie de vídeos que vos irei presentando ao longo destes días. Pouco a pouco, de seguro, iremos mellorando. Teremos que ir superando algunhas eivas obvias.
Nesta ocasión será Xabier P. DoCampo que nos preste a súa voz mentre lemos O país adormentado.