Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o VI Premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán

Desde Somos Comarca:
“O Barco acolleu o sábado 20 de setembro unha noite de homenaxe á poesía no Teatro Lauro Olmo do Barco, onde se entregou o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán dotado con 3.000 euros. O galardón recaeu no escritor Miguel Anxo Fernán Vello, que se impuxo coa obra A porta da casa que se abre, nun certame que tamén tivo como finalistas ás autoras Cristina Ferreiro (A casa de barro) e Saray Rodríguez Pérez (Deixará de pasar algún día).
A cerimonia, que este ano tivo carácter solidario e por primeira vez contou cun prezo simbólico de entrada (5 euros), destinou a súa recadación a iniciativas de recuperación ecolóxica nas zonas queimadas polos incendios forestais no verán na comarca.
O nome do gañador foi anunciado polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, nun acto presentado pola actriz Iria Pinheiro e o músico Davide González. Ambos deron vida ao evento cunha posta en escena íntima e artística que combinou poesía, música e moito humor.
Segundo o xurado —composto por Emma Pedreira, Inma Núñez e Aleixandre Lago (gañador da edición anterior)—, a obra premiada destaca “pola súa intensidade lírica, imaxes evocadoras e a súa capacidade de emocionar ao lector”. Durante a súa intervención, Pedreira fixo referencia á traxedia ambiental vivida recentemente nos montes de Valdeorras e expresou o seu desexo de que “o vento semente esperanza e flores no futuro desta terra”.
O público asistente, entre os que se atopaban os alcaldes de Vilamartín, Enrique Álvarez, e Petín, Raquel Bautista, recibiu como detalle unhas bolsas con landras e castañas recollidas polos veciños de Alixo e Rubiá, simbolizando o compromiso coa reforestación e co medio ambiente.
Os poemas finalistas foron recitados en escena polos seus propios autores, agás no caso de Cristina Ferreiro, quen enviou un vídeo por non poder asistir ao acto. No seu discurso de agradecemento, Miguel Anxo Fernán Vello evocou a figura de Florencio Delgado Gurriarán e condenou “o xenocidio do pobo palestino por parte de Israel”. (…)”

Acta da reunión do xurado do XXII Certame Literario Concello de Ames

Clara Martín faise co VII Premio de Poesía Eduardo Pondal da Editorial Medulia

Desde Que pasa na Costa:
“A Editorial Medulia, que coordina a cormelá Diana Varela, vén de dar a coñecer a obra gañadora do VII Premio de Poesía Eduardo Pondal.
Tras o debate do xurado, aberta a plica pola secretaria, a obra elixida resultou ser Asfixia, de Clara Martín, presentada baixo o pseudónimo de “Isué Ajrú”.
A poeta e artista plástica, nacida en Verín, foi galardoada anteriormente con múltiples premios literarios. E conta no seu haber con diferentes publicacións que atinxen xéneros como o teatro, o relato curto ou o colaxismo.
Trátase dun libro que conxuga unha perfecta composición global do conxunto de poemas, concibidos como un todo; sen perxuizo de que cada un dos textos teña entidade, singularidade e sentido propios.
O xurado destaca a elevada cantidade de manuscritos presentados ao certame, e a alta calidade dos mesmos.”

Acta do Xurado do VIII Certame de debuxo e poesía Avelino Díaz

Acta do fallo da XXX edición do Certame Literario Manuel Orestes Rodríguez López

Elba Pedrosa e Cátia Cardoso vencen nos Premios aRi[t]mar á Mellor Poesía de 2024

Os Premios estatais da Crítica galardoan Manuel Rivas e Daniel Salgado

Desde Nós Diario:
Manuel Rivas e Daniel Salgado son dous dos gañadores dos Premios estatais da crítica 2025, que se deron a coñecer o sábado 26 en Salamanca. O Premio da Crítica é o único que se concede nas catro linguas oficiais do Estado, e celebra as mellores obras literarias publicadas no Estado tanto de narrativa como de poesía, un galardón sen dotación económica pero con prestixio entre escritores, editores e lectores.
Os premiados na categoría de lingua galega foron Tras do ceo, de Manuel Rivas, en narrativa; e Poemas realistas, de Daniel Salgado, en poesía.
Tras do ceo é a primeira novela dunha serie histórica que Rivas quere vertebrar sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Con Tras do ceo, o autor coruñés adéntrase no xénero negro cunha novela “radical, salvaxe e sen edulcorantes” e que, segundo o propio Manuel Rivas, “é diferente a calquera outra”.
Poemas realistas é a nova entrega de Daniel Salgado, un poeta fundamental na poesía galega última, e nela explora as posibilidades do poema como testemuña dunha época ou a devoración dunha época que impón o poema. (…)”