Intensa actividade da Asociación Galega de Editoras, con doce editoras presentes, na Feira de Frankfurt

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras participa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, que se celebrará nesta cidade alemá a vindeira semana, entre o 19 e o 23 de outubro, e que este ano terá a España como cultura convidada. A Asociación Galega de Editoras participará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España, coa colaboración de CEDRO, no que doce editoriais desenvolverán un intenso programa de actividades profesionais: Alvarellos Editora, Baía Edicións, Kalandraka, Galaxia, Hércules de Ediciones, Xerais, Positivas, Laiovento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Ediciones del Viento, e a distribuidora Arnoia.
A AGE elaborou o catálogo “Galician Books”, específico para esta Feira, cunha selección de 90 títulos das doce editoras presentes, e o audiovisual “Unha edición poderosa” onde se recollen os máis de 20 Premios Nacionais galegos en todos os xéneros dos últimos 40 anos.

ACTIVIDADES PROFESIONAIS A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS EN FRANKFURT
Editar en catalán, éuscaro e galego
20 de outubro, ás 11:00 (Pavillón 4.1, stand D4)
Coorganizada pola Associació d’Editors en Llengua Catalana, a Associació d’Editorials del País Valencià, Euskal Editoreen Elkartea (Asociación de Editores en Lingua Vasca), o Gremio de Editores de Euskadi, e a Asociación Galega de Editoras, celebrarase a mesa Editar en catalán, éuscaro e galego, para poñer en valor a edición nas demais linguas do Estado. Participarán Joan Abellà (presidente da AELC, e Enciclopèdia Group), Henrique Alvarellos Casas (presidente da AGE ), Carmen Elvira Balsalobre (presidenta do gremio vasco, Pamiela editorial), Àfrica Ramírez Olmos (presidenta do gremio de editores valenciano, directora de Balandra Edition); moderada por Laura R. Herrera (Hércules de Ediciones)
Henrique Alvarellos, presidente da AGE, conversa co autor Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021, arredor da obra Virtudes (e Misterios), editado pola Editorial Galaxia, gañadora do Premio Nacional do Libro de Narrativa 2021
O 22 de outubro, ás 10:00, no pavillón 4.1, stand D4, habilitado para actividades profesionais da Federación de Gremios de Editores de España, o presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, manterá unha conversa co autor galego Xesús Fraga, cuxo último libro, Virtudes (e Misterios), editado pola Editorial Galaxia, gañou en 2021 o Premio Nacional do Libro de Narrativa.

«UNHA EDICIÓN PODEROSA», LEMA DO VÍDEO PROMOCIONAL QUE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS LEVARÁ A FRANKFURT
«Unha edición poderosa» é o lema do vídeo promocional que a Asociación Galega de Editoras preparou para a Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a cargo da produtora Illa Bufarda.
O audiovisual reúne os máis de vinte «Premios Nacionales» da literatura galega logrados nas últimas décadas en todos os xéneros, galardóns concedidos anualmente polo Ministerio de Cultura de España, e que demostran a enorme calidade creativa e editorial de Galicia.
Concibido como unha homenaxe ao Libro, en só noventa segundos aparecen, nesta creación, dende as últimas persoas premiadas  ata as máis veteranas. Un recoñecemento continuo, dende a década dos 80, ao sistema literario e editorial galego. (…)

A EDITORIAL GALAXIA ORGANIZOU UNHA ACTIVIDADE ARREDOR DA ESCOLA DE LETRAS
A Escola de Letras, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das poucas existentes no Estado, será presentada ao sector e aos medios alemáns o  xoves 20 de outubro, ás 10:00, no stand D4 da Federación de Gremios de Editores de España. No encontro participarán o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, a escritora Inma López Silva, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.”

A Coruña: III Congreso As outras protagonistas da Transición, o 30 de setembro e 1 de outubro

Varsovia: XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, do 21 ao 24 de setembro de 2022

A Asociación Galega de Editoras percorre os cen anos de edición moderna en Galicia no Simposio O libro e a lectura, o 22 de setembro

Desde a Asociación Galega de Editoras:
100 anos de edición moderna en Galicia é o lema do XIX Simposio sobre o libro e a lectura que organiza en setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
Celebrarase no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o xoves 22 de setembro. O encontro reúne a diferentes representantes das editoras galegas e destacadas figuras da investigación e da docencia coa finalidade de percorrer os 100 de edición moderna en Galicia. O encontro profesional viaxará a través das distintas etapas da edición no país, desde os selos pioneiros Nós, Lar e Céltiga ata a edición dixital.
Hai xusto un século, editores como Xaime Quintanilla en Ferrol, e Ánxel Casal e Leandro Carré na Coruña e Compostela, puxeron en marcha, por vez primeira, innovadores proxectos editoriais. Tiñan como obxectivo conquistar amplos públicos lectores, para o que se deseñaban capas atractivas, se poñían en marcha coleccións temáticas, e se elaboraban estratexias de mercado e publicidade. Foi o nacemento do libro galego moderno. Unha época intensa e feliz que quedaría tronzada na guerra civil.

Dúas conferencias, e senllas intervencións vertebran un programa que se celebrará nunha única xornada, o xoves 22 de setembro. Na sesión da mañá, ás 10:30 horas, a historiadora e docente, Encarna Otero, encargarase da conferencia de apertura: “O libro galego moderno: Ánxel Casal”. Seguiranlle as intervencións presentadas por Ana Guerra (Obradoiro Edicións): “Os precursores: século XIX”, a cargo do filólogo, investigador e escritor, Xurxo Martínez (12:30 horas); o papel de Céltiga como precursora da edición moderna do país, por Miguel Toval, director de Embora Edicións; e X. M. Dasilva (revista Grial) e Charo Portela (Ediciós do Castro) falarán da edición no Franquismo e no exilio, respectivamente.
Na sesión da tarde, moderada por Paz Castro (Kalandraka), abordarase “A edición comercial nos anos 60: Xosé María Álvarez Blázquez e Castrelos”, a cargo do docente e editor, Manuel Bragado (16:30); Laura R. Herrera, directora de Hércules de Ediciones, analizará a etapa da Transición (17:00), e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, “O papel do libro na revolución dixital”.
O sociolingüista e ensaísta, Xesús Alonso Montero, pechará o Simposio ás 18:30 coa conferencia de clausura: “Un libro clandestino sobre o franquismo e a represión en Galicia: Galicia Hoy (Ruedo Ibérico, París, Buenos Aires, 1966), deseñado e coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”.

As inscricións ata completar aforo faranse en s.tecnica@editorasgalegas.gal”

Compostela: Xornada “Perante a nova Lei do Audiovisual: Análise e perspectivas”

Compostela: Xornada Roberto Vidal Bolaño. Fálanos sempre

Pontevedra: I Jornada de Estudo Clara Corbelhe. Crise, conflito e antagonismo

Máis información aquí.