Entrevista de Daniel Salgado a Kathleen March en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A súa estancia en Galiza coincidiu co Día de Rosalía de Castro. Nota mudanzas no impacto social da figura da poeta?
– Kathleen March (KM): Non sei exactamente, porque non vexo a televisión. Mais a xente amiga paréceme que se vai agrupando, festexan, celebran, participan en actos. E non sei se había tantos antes. Desde a Fundación Rosalía de Castro, a AELG, e un pouco a Mesa pola Normalización. E o Caldo de Gloria, que non sei se é novo ou non. Penso que si. Logo a libraría Lila de Lilith [en Santiago de Compostela], A Sega [asociación de crítica literaria feminista] fixo tamén un evento íntimo e curioso. Penso que si, que o impacto medrou. Non só no senso de Rosalía, senón no vínculo coa literatura galega, a lingua galega e a literatura de mulleres. É cousa do xénero, da nación, da lingua. Digo que si porque son optimista e son estranxeira. Os galegos, as galegas poderían se cadra dicir outra cousa.
– SG: E a maneira en que se percibe transformouse?
– KM: A Rosalía choromiqueira quedou moi atrás. Penso que desde o congreso do ano 1986 [refírese ao Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo] quedou atrás para case todo o mundo. Felizmente. Para os estranxeiros, para os de fóra, para os non coñecedores, non o sei. Mais os de aquí xa non falan diso. Rosalía xa é outra figura. Sei que existen moitas imaxes dela. Antes unicamente había as fotografías da casa museo de Padrón. Agora hai imaxes modernas, e nos congresos imos vendo máis traballos, xente que traballa arreo na súa figura. Como María Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez e outra xente.
– SG: Nos últimos anos houbo algunha lectura ou investigación sobre a escritora que chamase a súa atención?
– KM: A maneira de Rodríguez e García Negro de falar de Rosalía como feminista e nacionalista sempre tivo impacto en min. Admito as teses deles. As ideas de Rosalía eran moi pro Galiza, pro lingua galega. Antes dicíase que escribía un galego con castrapo, pero Rosalía estaba a facer unha lingua, a construíla. Era lóxico que metese na lingua escrita as palabras que meteu. Non se lle pode esixir que sexa como unha persoa de hoxe. Eu non o sei porque non estou nun instituto, non falo con nenos nin con mestras, pero Rosalía ten outra imaxe hoxe.”
Arquivos da etiqueta: Daniel Salgado
Monterroso: III Feira do Disco e do Libro Galego
Estes son os actos máis destacados:
– 11:30 h. Arantza Portabales presenta e asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
– 13:15 h. No Escenario. Cata literaria con Manuel Garrido, autor de A Ribeira Sacra. Guía práctica, publicado por Xerais.
– 13:45 h. Na Carpa. Palestra de Xurxo Souto “Océano para terrícolas”, baseada nos seus libros Contos da Coruña e Contos do mar de Irlanda, publicados por Xerais.
– 17:50 h. No Escenario. Presentación do libro Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez, publicado por Xerais.
– 19:15 h. No Escenario. Presentación do libro A contradición permanente, de Martiño Noriega e Daniel Salgado, publicado por Xerais.
– 21:45 h. No Escenario. O Instituto de Estudos Ulloáns presenta o segundo número da súa revista Cairón.
Pontevedra: Teñamos a poesía en Paz, con Daniel Salgado, Elvira Ribeiro e Míriam Ferradáns
Día de Rosalía de Castro 2018
O Día de Rosalía de Castro 2018 é unha actividade da AELG que conta co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e da Deputación da Coruña.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.
Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.
María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#AbrideAFiestra
Acto central
O 24 de febreiro terá lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre. Este é o programa previsto:
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Has de cantar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada
Negra Sombra Letra: Rosalía de Castro
Música : J. M. Capón
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias
– Lectura do Manifesto da AELG
María Reimóndez
– Lectura de poemas rosalianos.
- Pilar Reino e Xerardo Rodríguez Roca
- Chus Astray
- Patricia Porto
- Pilar García Rego
- Laura Caveiro
- Montse Dopico
- Daniel Salgado
- María Seijo
- Suso Seixo
- Isabel Vilalba
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Na morte de Castelao Letra: Ramón Cabanillas
Música: Francisco Tobar Cereijo
María Soliña Letra: Celso Emilio Ferreiro
Música: Antonio Paz Valverde (arr. Francisco Tobar)
– Ofrenda floral
– Interpretación do Himno
————
Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora María Reimóndez.
A Coruña
Lugo
Vigo
O acto comezará cunha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel.
Vilalba
O 24 de Febreiro, Día de Rosalïa de Castro, Culturalia GZ, NPG Nova Poesía Guitirica e a Liga Santaballesa organizan dentro dos eventos que a Asociación de Escritores en Língua Galega AELG promove por toda Galiza, un recital poético feminino no que ademais das coñecidas poetas:
- Pilar Maseda (Vilalba).
- Emilia Martínez Fuentes (Vilalba).
- Luz Airado (Vilalba).
- Luz Darriba (Lugo).
- Montse González (Lugo/Verso a Verso).
- Silvia Pardo (As Pontes).
- Maria Pereira (Betanzos).
- Adolfina Mesa (Monterroso).
- Ana Vila Portomeñe (Taboada).
- Mar Beres (NPG Nova Poesía Guitirica).
- María Xosé Lamas (Vilalba).
- Ana Mar Fraga Rabade (Cospeito).
- Branca Villar (Labrada).
- Asun Blanco (As Pontes),
- e a presentadora do acto, Pas Veres (Os Vilares),.
Dúas rapazas de Santaballa darán lectura ao Manifesto #AbrideAFiestra, que compuxo a escritora María Reimóndez, primeira gañadora do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. O público asistente poderá tamén participar coa lectura de poemas de Rosalía. E para o remate do acto, o acordeonista de Lanzós, Manuel Figueira, pechará o acto coa interpretación de pezas coñecidas e habaneiras moi acaidas ao espazo no que se celebra, a Escola Indiana da Liga Santaballesa.
Santaballa será a protagonista da homenaxe chairega a Rosalía de Castro o próximo sábado nun lugar, a escola habaneira que simboliza a vinculación da poeta de Padrón coa emigración a través de innumerábeis e recoñecidos versos. Emigración e Muller serán, pois, parte central dun acto que terá tamén no rural o centro poético da Terra Chá.
Arteixo
A Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través de Rede Municipal de Bibliotecas, celebra o Día de Rosalía cunha serie de actividades para honrar á nai das nosas letras.
O primeiro dos actos ten como protagonista ao alumnado da ESO do IES Manuel Murguía que asistirá á representación da obra “Tecín soia a miña tea”, dramatizacións da obra Rosaliana e que correrá a cargo da actriz Ana Hermida. Terá lugar os días 21 e 22 e dará comezo ás 11:00 h.
O acto central será o “Concurso de poesía Homenaxe a Rosalía de Castro” que este ano xa vai pola cuarta edición. Está dirixido á infancia de entre 8 a 12 anos, que recitarán os seus propios poemas. Cada participante levará un agasallo, haberá ademáis un premio por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG e tamén se encargará de facer unha homenaxe poética feminina á Rosalía de Castro mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.
Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:00 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.
Betanzos
Venres 23, ás 19:00, na Aula de Cultura Xulio Cuns, no Edificio Liceo.
O Servizo de Normalización Lingüística coorganiza xunto á Asociación Cultura Eira Vella, coa colaboración do IES As Mariñas, o Coro Municipal de Coirós, o CPR Nosa Señora do Carme Atocha, Lar de Unta e a Asociación Cultural A Fuliada, o acto de homenaxe a Rosalía de Castro, presentado por Paula Mosquera e Sergio García, coa actuación musical de Adhara & Ritman.
A Estrada
Lousame
Moeche
O Concello de Moeche reservou un espazo do mercado no que poderemos ver todos xuntos os fondos da biblioteca municipal referidos á autora o sábado 24 de febreiro. Xunto co mostrario dos fondos bibliográficos sobre Rosalía, o Concello tamén agasallará cunha flor e un marcapáxinas a todas as persoas que fagan algunha compra no mercado. Ver máis información aquí.
Ourense
A programación do Día de Rosalía no campus de Ourense está organizada pola Área de Cultura, a biblioteca universitaria e polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño, Javier Blanco e Xosé Constenla. Recollendo o convite que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de animar a todo tipo de institucións a participar nesta conmemoración, as persoas implicadas deseñaron un amplo abano de actividades que culminará o día 27 de febreiro coa celebración dunha homenaxe no Edificio de Ferro.
O certame
No Concurso de Microrrelatos Día de Rosalía A túa Rosalía pode participar calquera persoa da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. O traballo consistirá nun microrrelato de tema libre que debe iniciarse ou pecharse cun verso dun poema de Rosalía de Castro, valorándose a elección de versos pouco coñecidos desta autora. Os traballos deben ser orixinais e non ter sido premiados en ningún outro concurso, sendo a extensión máxima de 134 palabras, unha por cada ano transcorrido desde o falecemento da escritora.
Os microrrelatos deben estar escritos en lingua galega. Concederase un único premio consistente nun vale de 150 euros para compras en librarías de Ourense, diploma conmemorativo e un agasallo. O xurado pode acordar, en función da calidade dos traballos presentados, asignar accésits que se recoñecerán con diploma conmemorativo e agasallo. O prazo de presentación está aberto ata o 23 de febreiro de 2018.
Máis programación
No marco da celebración do Día de Rosalía, tamén se levará a cabo na Biblioteca Rosalía de Castro do campus a actividade Escribíndolle a Rosalía. Nun mural coa silueta da cara da homenaxeada feito polo artista e profesor da Facultade de Ciencias da Educación Javier Blanco, convidarase ás persoas interesadas a deixar escrito algún verso da escritora, conformando todos eles en conxunto a súa faciana. O mural estará no centro ata o 26 de febreiro e na súa composición poderán participar todas as persoas que o desexen. Tamén na Biblioteca Rosalía de Castro habilitarase unha mostra bibliográfica sobre a escritora galega do 19 de febreiro ao 2 de marzo na que se visibilizarán os fondos dispoñibles dela neste centro.
O acto central de conmemoración do Día de Rosalía terá lugar no campus de Ourense o martes 27 de febreiro. Nel lerase o manifesto desta conmemoración AbrideAFiestra, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; entregaranse os galardóns do certame de microrrelatos; presentarase a exposición Imaxes de Rosalía, realizada por alumnado de Educación Infantil, e visionarase unha peza sobre a elaboración do mural feito na biblioteca. Pechará o acto unha intervención musical de Xosé Constenla e unha lectura poética aberta á comunidade universitaria. O acto será ás 12:00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.
Por outra banda, a A. C. Auriense organiza un roteiro pola rúas do centro da cidade con saída da Castañeira e chegada aos xardíns do Padre Feijóo. Haberá lecturas, música e algunha que outra sorpresa:
Pazos de Borbén
Pontevedra
A Deputación de Pontevedra organiza unha lectura institucional, que terá lugar o venres 23 ás 11:30 horas no vestíbulo do Pazo provincial, contará coa presenza de oito mulleres. Abrirá a quenda a autora Eva Mejuto, en representación da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega, que será a encargada de ler o manifesto desta edición titulado ‘Abride as fiestras’, da autoría de María Reimóndez. Seguiralle Mª de los Ángeles Lorenzo Prego, vicepresidenta do Consello Territorial da Once en Galicia, que lerá un poema escrito en braille. No ámbito da discapacidade tamén participarán representantes de XOGA, a organización de persoas xordas de Galicia, sendo Raquel González Novelle a que lerá o poema en lingua oral, mentres a presidenta da organización, María Jesús Monterde, realizará a lectura simultánea en lingua de signos.
Santiago de Compostela
Viana do Bolo
Madrid
O sábado 24 terá lugar unha procesión cívica que sairá, a partir das 18:00 h., da Cafetería Santander, en Santa Bárbara, coa compañía prevista de gaiteiros ata a rúa Ballesta, onde residiu Rosalía en Madrid. Alí abrirá o acto Vicente Araguas, Manuel Pereira Valcárcel lerá o manifesto da AELG e logo as persoas asistentes recitarán poemas da autora. O acto finalizará en San Ildefonso, onde casaran Dona Rosalía e Don Manuel, cantando “Negra sombra”.
Escocia
Este é o vídeo preparado desde a Universidade de Edimburgo para celebrar o Día de Rosalía de Castro, onde se le “Campanas de Bastabales” en 21 linguas diferentes. Vaise compartir a través das redes sociais tanto polas e polos participantes, como polas contas de Twitter e Facebook da universidade. Pode verse aquí. Tamén pode descargarse o vídeo nesta ligazón.
Estes son os centros que nos confirmaron a súa participación:
- CEP Carlos Casares, en Alxén (Salvaterra).
- CEP Antonio Magariños Pastoriza, de Cambados (Pontevedra). Pode verse a súa actividade aquí.
- CEIP Montemogos, O Beluso, Bueu. Pode verse esta presentación e o seguinte vídeo:
- CEIP Torre-Cela de Bueu. Durante toda a semana trabállase nas aulas a figura literaria da Autora, escoitando as súas obras musicadas por diferentes autores e durante a hora de ler estos días contamos cunhas mochilas viaxeiras especiais: agochan no seu interior obras de Rosalía. Máis información aquí.
- CEIP Mosteiro de Caaveiro, A Capela.
- CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril.
- CEIP Curros Enríquez, da Coruña.
- CEIP Plurilingüe Lagostelle, de Guitiriz. As actividades para primaria son a elaboración por cada alumna/o dun conto de peto con datos biográficos e algúns poemas de Rosalía, e a creación dunha rosa para que leven de homenaxe a unha exposición sobre a autora no corredor do centro. O día 23 cada un levará para a súa casa a rosa e o conto de peto. Para infantil, cada nena/o pintará un debuxo que conta cun pequeno fragmento dun poema de Rosalía, e cando os finalicen realizaremos un libriño con todos os debuxos sobre poemas da autora. Nalgunhas aulas faranse marcapáxinas con debuxos de Rosalía. O día 23 procederase a ler o manifesto por parte do alumnado e recitarase un poema de Rosalía, no que cada estrofa será dita por unha aula diferente. Ademais, lerase un poema da autora traducido ao inglés. Despois do recitado realizarase a final do torneo de brilé en honor a Rosalía de Castro.
- CEIP A Carballeira, de Lourizán. Aquí poden verse as actividades deste 2018.
- CEIP Plurilingüe Isaac Parga Pondal, de Oleiros.
- CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos. Tendo en conta o lema, deseñamos unhas contras similares ás do deseño, detrás das que o alumnado escribirá un poema (ou un fragmento), e o lugar da ventá será ocupado por unha ilustración que ese poema lles inspire. Podedes acceder á noticia sobre a actividade no blogue da nosa biblioteca.
- CEIP San Ramón, Moeche (A Coruña).
- CEIP plurilingüe de Frións, Ribeira.
- CEIP Os Tilos, Teo. Para conmemorar o Día de Rosalía de Castro 2018, o EDLG, coa colaboración do equipo da biblioteca, extraescolares e TICS, sumámonos ás actividades propostas pola AELG, para o que pedimos a colaboración das familias do colexio. Ao longo da semana, o alumnado foi elaborando uns soportes con algún elemento iconográfico de Rosalía e algún verso ou estrofa dela. Máis información aquí.
- CEIP Pintor Laxeiro, Vigo. Poden verse aquí as imaxes da actividade.
- Colexio Eduardo Pondal, de Cangas do Morrazo.
- Colexio da Mercede, Sarria.
- Colexio Miralba de Vigo. O venres 23 de febreiro, ademais de obradoiros e dun espectáculo lúdico-musical, terá lugar a lectura de textos de Rosalía de Castro (sobre as 11:30-12:00). Prevese que participen no encontro 200 alumnas e alumnos de 5º de Educación Primaria.
- CPI As Revoltas, Cabana.
- CPI de Cuntis.
- CPI Pontecarreira, de Frades. Realizamos lecturas de Rosalía durante esa semana. Estannos a chegar as primeiras fotos enviadas polas familias, ademais de construír a Casa de Rosalía na entrada do cole, chea de fiestras para que, por cursos ou ou grupos de alumnos, enchamos ditas fiestras de poemas da autora. Aquí poden verse xa varias fotos.
- CPR Cardenal Cisneros (Ourense).
- CPR San José de Pontedeume. Unha alumna, caracterizada de Rosalía, vai ler no patio o manifesto, mentres que o resto do alumnado levará unha máscara da autora. En cada aula tamén se traballarán textos rosalianos.
- CRA Amencer Ribadavia. Poden verse as actividades desenvoltas aquí.
- IES Aquis Celenis de Caldas.
- IES Lamas de Castelo, de Pedrafigueira, Carnota. Celébrase desde hai moitos anos o Día da Poesía en febreiro por asocialo á figura de Rosalía de Castro. Este ano, organízase un sinxelo recital no que participará parte do alumnado e algún profesorado voluntariamente. Editouse tamén un boletín especial de recomendacións sobre a obra de Rosalía. Vaise elaborar, igualmente, unha serie de marcapáxinas para agasallar aos participantes
- IES de Carral. Concurso de avións de papel para celebrarmos o Día de Rosalía.
- IES Agra de Raíces, de Cee.
Para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, no IES “Agra de Raíces” de Cee, levan a cabo,o venres 23 de febreiro, estas actividades:
– Lectura en todas as aulas dos poemas de Rosalía de Castro: “Tecín soa a miña tea” e “Unha vez tiven un cravo” de Follas Novas e “Adiós ríos, adiós fontes” de Cantares gallegos.
– Nun grupo de 1º ESO, actividade “Ilustrando poesías de Rosalía”: a) división en cinco subgrupos que len, respectivamente “O pazo d’A…”, “Agora cabelos negros”, “Vanidade” e “Meses de inverno fríos” de Follas Novas e “Campanas de Bastavales” de Cantares gallegos; b) cada subgrupo fará nunha cartolina grande un debuxo que intentará ilustrar a súa poesía.
– Lectura en todas as aulas do relato “Falar” de Made in Galiza de Sechu Sende.
– Audición en todas as aulas do poema “Deitado frente ao mar” de Celso Emilio Ferreiro interpretado polo grupo de música rap Dios ke te crew.
- IES Laxeiro, de Lalín. Aquí pode verse o vídeo da actividade neste 2018.
- IES Leiras Pulpeiro de Lugo. O alumnado de ESO e BAC enviará postais de Rosalía de Castro na que escribirá versos da autora. As postais serán franqueadas e remitidas a familiares, amizades… que vivan en distintos lugares do planeta.
- IES Plurilingüe Fontexería, en Muros (desde o EDLG). O alumnado de 1º da ESO ata 2º Bac está a escribir en folios de cores frases/versos de Rosalía que logo se pecharán cunha cinta para logo ser entregado xunto ao texto e unha rosa en diferentes lugares da vila de Muros, coa axuda do Concello, o venres 23.
Xa no centro, exporanse os traballos que o alumnado de 4º ESO e 1º Bac TICs están a facer: montaxes da imaxe de Rosalía sobre obras de arte, persoeiros coñecidos ou carteis de cinema, actividade que recibe o nome de “Rosalíarte”. Poden verse as actividades previstas aquí.
- IES As Insuas de Muros. A idea é gravar en vídeo poemas, recitados e lectura, así como a interpretación musicada por parte de dúas alumnas que decidiron poñer acordes a un dos textos de Rosalía. Na entrada do centro escoitaranse e proxectaranse poemas musicados por diferentes cantaur@s, con exposición das súas obras.
- IES Miraflores, de Oleiros.
- IES O Couto, Ourense.
- IES do Camiño, de Palas de Rei. Este curso, para socializar a figura e a obra de Rosalía, lévase a cabo a actividase “Postais para Rosalía”.
- IES Félix Muriel, de Rianxo.
- IES Nº 1 de Ribeira.
- IES de Salvaterra. Poden verse as actividades levadas a cabo aquí.
- IES Arcebispo Xelmírez II, de Santiago de Compostela.
- IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo. O venres 23 celébrase un recital poético-musical co alumnado de Secundaria e Bacharelato.
Para expandir o poder da palabra de Rosalía de Castro entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG:
Educación Infantil e Primaria
Para estas etapas de ensino o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.
Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto faríanse fotos do alumnado, acompañado ou non das súas persoas maiores, portando entre ambos outro pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno e mostrándoo nesas fiestras que, coa axuda de Rosalía, abrimos a un mundo e un tempo novo.
A documentación gráfica xerada por estas actividades sería subida á rede polo centro de ensino e polas familias antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #AbrideAFiestra. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais.
Educación Secundaria e Bacharelato
Propoñemos para o venres 23 de febreiro a escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía e contribúa a espallala colectivamente, quebrando os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron. Para estes efectos, suxerimos traballar sobre o texto do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro.
Estas accións, en calquera formato que prosperen, serían subidas polo centro á rede antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #AbrideAFiestra. Desde a web e as redes da AELG contribuiriamos a as expandir.
Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.
Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na nosa web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual…) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.
A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:
Allariz, Ames, Baiona, Bergondo, Bueu, Burela, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, A Coruña, Entrimo, A Estrada, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
Suso de Toro: “Non leo literatura, nin galega nin non galega”
Entrevista de Daniel Salgado a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“No escritorio de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) hai dous libros no medio do camiño, unha novela e unha comedia teatral “de enredo”. Outro máis, un ensaio, talvez nunca acabe de nacer. “Xa non creo que o escriba”, confesa. Título si tiña: Cómo intenté ser español y no me dejaron. Porque De Toro busca agora “o gozo de escribir unha historia”. Desa paixón alegre xurdiu Fóra de si (Xerais, 2018), a historia do neurocirurxián Ricardo Marzoa coa que, orgulloso, se desdí. Hai oito anos anunciara o seu abandono da literatura. “Recuperei a fe”, explica. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 284.
– Sermos Galiza (SG): En Fóra de si, como noutras obras súas, hai un axuste de contas. A literatura como axuste de contas?
– Suso de Toro (SdT): Si, porque, que significa un axuste de contas? Ir ao pasado resolver algo. O axuste de contas significa que alguén decide mirar atrás e ir ao pasado solucionar algo que estaba sen solucionar. E iso é o que fan os personaxes dos meus libros. Xa en Land Rover, que é unha novela escrita no ano 87, publicada creo que no 88. Pero en case todos os meus libros hai protagonistas que viaxan ao pasado para solucionar problemas que estaban non ocultos pero si arrombados, ou sepultados, ou mal enterrados.
– SG: Os anos en que estivo sen publicar novela…
– SdT: Saquei aquel libriño de Somnámbulos, en que aparece un psicanalista que volve aparecer en Fóra de si.
– SG: …foron os anos da gran crise do neoliberalismo. Percíbese na literatura galega?
– SdT: Sabes que pasa? Que non leo literatura, nin galega nin non galega. Raramente. Leo libros soltos en función dun tema que me interesa nese intre. A xente non o entende e cre que é por soberbia ou menosprezo, e non é o caso. Se te ves obrigado pola profesión, ou porque es un puramente un lector e non desencadeas un proceso creativo, podes seguir a actualidade. Pero se non, non. Eu non a sigo. Non hai que mirar para os lados. Ao principio é inevitábel: cando encetas un camiño tes que estabelecer o valor do que fas e comparalo co mundo real. E o mundo real ao principio é un mundo moi doméstico. É inevitábel ler os coetáneos. Pero logo non hai que facelo, entre outras cousas porque son demasiado parecidos a ti, porque o espírito da época é semellante. É desconcertante, e faiche dubidar da túa orixinalidade. Eu tiven fortuna de estabelecer unhas referencias moi altas, grazas a don Benito Varela Jácome. Afacerte a admirar é fundamental. O autor que non o faga non poderá emular, para construírse como autor. Se só te move a envexa dos veciños, non vas emular. Trátase de non mirar os veciños, senón o que admiras e intentar emular as súas proezas cos teus desafíos. Nese sentido fun a por todas. Por iso nunca me vin como autor galego. Eu son autor. Eu quero ser un autor en serio e o meu problema é que vou ficar limitado polos condicionamentos históricos da miña lingua. Estou fodido.”
“A exploración lírica do desexo”
Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“No espazo que debuxa o triángulo entre desexo, amor e sexo sucede Home invisíbel. O último libro de Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) é unha investigación singular na lírica amorosa, décimo segundo premio Illas Sisargas de poesía erótica. “Foi tigre salvaxe. / Agora é tigre invisíbel, / sen riscas e sen poutas, / sen mensaxes cifradas e sen cairos lacerantes”, afirma no poema Tigre.
A escrita, relata Queipo vía electrónica desde Bruxelas -onde hai anos que reside-, nace do pulo do poeta galego residente en Bélxica Ramón Neto. “En 2013 propuxo un proxecto de poesía erótica como parte do traballo do Colectivo de Poetas de Bruxelas. Así escribín os primeiros poemas”, apunta, “ese foi o xermolo, tres poemas e un par de performances. O libro foise conformando con tempo e maduración”.
Quince textos, en que a experimentación formal viaxa do poema prosa aos xogos case caligráficos, conforman Home invisíbel. “Ten unha compoñente de lírica amorosa que vai alén da propia elección formal e da reflexión sobre o desexo, o amor potencial se así se quere”, afirma, “en varios poemas explóranse as relacións entre desexo, sexo e amor, como un trípode vital”. Que compara co corazón, os pulmóns e o cerebro: “[Ese trípode] latexa, respira e manda en toda a obra”. (…)”
Justo Beramendi: “As Irmandades da Fala modificaron a dinámica política galega”
Entrevista de Daniel Salgado a Justo Beramendi en Sermos Galiza:
“Repensar Galicia. As Irmandades da Fala é o título do volume colectivo, coordinado por Uxío-Breogán Diéguez, Carme Fernández, Pilar García Negro, Xosé Manuel González Reboredo e Justo Beramendi que recolle as achegas ao simposio do mesmo nome organizado en novembro de 2016 polo Museo do Pobo Galego, a revista Murguía, o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) coa colaboración da Xunta.
Sermos Galiza disponibiliza agora os vídeos que rexistraron as intervencións nas xornadas. O historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941) explica con concisión o papel fundamental das Irmandades da Fala para a Galiza contemporánea.
– Daniel Salgado (DS): Cal é a importancia histórica das Irmandades da Fala?
– Justo Beramendi (JB): É altísima. Por suposto foron moi importantes para a articulación do galeguismo político. E para o salto do rexionalismo a un nacionalismo pleno e moderno. Ademais, contribuíron a que se xerase en Galiza un espazo sociopolítico diferenciado e a apontoar un segundo Rexurdimento, coa consolidación da lingua e a literatura galegas.
– DS: A súa influencia excedeu o campo galeguista?
– JB: Aínda que o desenvolvemento do nacionalismo foi lento, ou non tan vizoso coma o vasco ou o catalán, aquí foi decisivo para a historia de Galiza. As Irmandades modificaron cualitativamente a dinámica política galega. Sen elas non se entende, por exemplo, a aprobación do Estatuto na II República. (…)
– DS: Que falta por saber das Irmandades?
– JB: En historia nunca se acaba, aínda que coas Irmandades eu creo que xa está cuberto o 80% do terreo. O que falta son cousas menores. Pero outra cousa é que este traballo chegue á xente.”
Entrevista a Daniel Salgado sobre O Gran Rexeitamento. Flores para Albert Ayler
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Daniel Salgado publica con Apiario a plaquette O Gran Rexeitamento. Flores para Albert Ayler. Un ritmo salmódico, como de ladaíña. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Xunta renuncia a catro das cinco feiras internacionais do libro en que participaba
Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza (foto da Feira de Boloña):
“O Goberno galego cancela a súa presenza en catro das cinco feiras internacionais do libro en que viña participando. Así o publicou nunha resolución asinada polo secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Jesús Oitavén o pasado 29 de decembro.
O documento expón que a Xunta de Galiza non licitará os catro dos cinco “lotes” destinados á “organización dos actos que vai desenvolver a Consellaría nas feiras do libro internacionais que terán lugar no ano 2018” por 157.024 euros. A presenza institucional só se manterá na Feira Internacional do Libro de Bos Aires.
Nin a Feira do Libro para Cativos de Boloña -considerada a máis importante no que respecta ao libro infantil e xuvenil, en que a industria editorial galega é potente-, nin a de Barcelona, nin a de Frankfurt, nin a de Guadalajara (México) contarán co habitual posto da Xunta. A Administración suspende in media res o proceso iniciado o 28 de setembro do pasado ano e acusa “dun crecente desinterese” os axentes implicados nos certames, “fundamentalmente do sector editorial”.
Desde a Asociación Galega de Editoras (AGE), que agrupa empresas produtoras de máis do 90% dos libros que se publican en Galiza, cualifican de “falsidade” a argumentación da Xunta. “É unha vella historia”, explica o seu presidente, Xosé Ballesteros, en declaracións a Sermos Galiza, “hai tempo que lle manifestamos á Xunta que non estabamos de acordo co sistema de presenza institucional nas feiras”. De feito, o 19 de decembro -dez días antes da inesperada resolución gobernamental-, remitían unha carta ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en que expuñan as súas razóns.
“A presenza e a participación activa nestas feiras ten importancia para o sector do libro galego, e consideramos que a AGE non pode continuar a ser un invitado máis no stand de Galiza”, sinalaban, “producimos máis de 90% dos libros que se publican no país, afrontamos os custos de manter o sector do libro galego vivo, mais somos espectadores do agravio comparativo”. Lamentan que “outras micro empresas”, adoito que nin sequera publican en galego, “ocupan o mesmo espazo que calquera das que máis publica no país”.
Tampouco comparten os editores que “persoas alleas ao sector, que non coñecen a súa realidade nin a do mercado internacional do libro” xestionen e atendan o stand da Xunta. “Dificilmente poden realizar o labor que o libro galego precisa neses foros tan competitivos, malia a súa amabilidade cara ao público asistente”, engadían.
A misiva da Asociación de Editores solicitaba á Secretaría Xeral de Cultura “procurar vías de colaboración que dean contas dos intereses institucionais e profesionais. Trataríase de sumar esforzos públicos e privados a fin de acudir ás feiras internacionais cun espazo colectivo compartido, ou con varios espazos contiguos, que permitan mostrar o mellor da escrita e da ilustración galega e o máis salientable da industria editorial galega, ao resto do mundo”.
Nesa mesma comunicación, que constataba a falta de interese da Xunta por atender ao diálogo sobre as súas consideracións, as empresas editoras anunciaban que asistirán á Feira do Libro para Cativos de Boloña cun posto propio, en que se “mostrarán as novidades das empresas asociadas que o desexen, desenvolveranse actividades profesionais e estará atendido e xestionado pola secretaria técnica da AGE”. E expresaban a súa intención de “valorar en cada momento as formas de participar ou non no resto das feiras internacionais programadas”.
A resposta de Cultura foi anular a súa presenza en Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara. Só estará en Bos Aires, coa xustificación de alí existir “unha importante colectividade galega que recomenda continuar aproveitando este evento para fomentar e promover a cultura galega”.
A lei do libro e da lectura 17/2006 afirma que “a Xunta fomentará a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais, sempre que estes teñan interese para a comercialización ou difusión das publicacións ou servizos de empresas, ou sexan de interese para o país”. A Consellaría de Cultura bórrase agora do medio e deixa o labor en mans do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e das cámaras de comercio.”
Margarita Ledo Andión: “Galiza é un país subexposto, moi censurado”
Entrevista de Daniel Salgado a Margarita Ledo Andión en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O premio Otero Pedrayo é oficialista…
– Margarita Ledo (ML): Si, moi oficialista.
– SG: …como se evita que este tipo de recoñecementos domestiquen a cultura?
– ML: Esta é unha cultura tan anómala que está ateigada de premios. En troques de haber eses premios nacionais a algo que en determinado momento che fai avanzar, hai toda esta sucesión de recoñecementos. Eu fiquei sorprendida. Porque non é un mapa que teña na cabeza. Cando me chama Carmela Silva, a presidenta da Deputación que convocaba este ano, sorprendeume. Despois o nome, Otero Pedrayo, fíxome sentir a gusto. Logo dígome que son a primeira muller e obrígome a saber por que. Ten a ver co rol da muller no terreo da proxección cultural. Logo descubro que, para alén das entidades convocantes, hai un xurado máis amplo, de 20 persoas. Pero podemos darlle a volta e, en honor a Junqueras, dicir “hai que recuperar as institucións”. Calquera sociedade se dota de instrumentos institucionais, que son xusto ese mundo de relación entre o diferente: diferentes intereses, diferentes tácticas, diferentes prioridades. Aquilo que é urxente para que unha sociedade non desapareza, que é o noso risco: que desapareza aquilo que Otero representa para converternos en reclamo turístico. Esa función como única posíbel. Nunha situación normal, nas institucións entrarían os recoñecementos. Na nosa, creo que hai unha sobreexposición dos premios.
– SG: Esa é a sensación.
– ML: E ao tempo hai aspectos da cultura absolutamente abandonados. Agora traballamos nun programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas. Traballamos con diferentes países europeos e con Catalunya e Euskadi. Galiza é o único país que non ten política de subtitulado. Hai áreas absolutamente abandonadas e outras sobreexpostas. Galiza é un país subexposto, moi censurado. Para a visibilización da cultura galega é necesaria unha institución como o Ramón Llull catalán ou como o Etxepare vasco. Hai subexposición nalgun Hai subexposición nalgunhas cousas e sobreexposición noutras. E seguramente o mundo dos premios está sobreexposto.”