O venres 10 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada, preséntase o libro O Padre Seixas desde dentro. Unha aposta progresista, galeguista e universalista, publicado en Galaxia. No acto participan David Otero, Francisco Domínguez, Silvestre Gómez Xurxo e autor Manuel Cabada Castro.
Arquivos da etiqueta: David Otero
Cuestionario Proust: David Otero
Desde
 o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a David Otero:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Comunicativo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A claridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Firmeza.
4.– A súa principal eiva?
– Dubidar.
5.– A súa ocupación favorita?
– Educar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Soberanía.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a liberdade.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un exemplo.
9.– En que país desexaría vivir?
– En GZ por sempre.
10.– A súa cor favorita?
– Brancazulvermella.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da mimosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O melro.
13.– A súa devoción na prosa?
– O conto en xeral e como autor Don Ramón Otero Pedrayo.
14.– E na poesía?
– A social.
15. Un libro?
– Neste momento Memorias de un profesor malhablado (en defensa de la escuela pública), de Matías Escalera Cordero
16.– Un heroe de ficción?
– Alberte Quiñoi e Ramón de Lirípio.
17.– Unha heroína?
– A princesa Rosamunda.
18.– A súa música favorita?
– Clásica.
19.– Na pintura?
– Isaac Díaz Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As nais dos paseados.
21.– O seu nome favorito?
– Alexandre.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Certas teimosías por convencer con mentiras e falsedades.
23.– O que máis odia?
– Aos mentiráns caralavadas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O funeralísimo Franco e comparsa.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Así e de golpe… a creatividade.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Ao redor dos meus.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Nestes tempos e momentos o de moi encabronado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Menos exposicións de infinitas paciencias e tira…”
Vilalba: inauguración do 8º Hectómetro literario e mesa redonda arredor da obra de Xesús Rábade e Helena Villar, o sábado 26 de outubro
A poeta Elvira Riveiro gaña o premio Avelina Valladares
Desde
 La Voz de Galicia:
“Elvira Riveiro Tobío é a gañadora da décimo sétima edición do premio de poesía Avelina Valladares. Así o acordou onte o xurado integrado por María Xesús Nogueira, David Otero e Xosé Luna -con Noni Araújo como secretaria-. Despois de hora e media de deliberación sobre os 27 traballos presentados, os membros do xurado decidiron por unanimidade concederlle o premio á obra presentada baixo o lema Corpos transitivos.
O fallo destaca «a indagación levada a cabo sobre a perda do territorio e do lugar, a reflexión sobre a escritura e o poema, a forza do discurso e a orixinalidade na creación de xogos verbais non exentos de ironía».
«A obra é capaz de profundar en cuestións contemporáneas como a perda do lugar e do territorio, a expropiación. É íntimo, pero tamén tén unha dimensión social», explicou María Xesús Nogueira, que tamén subliñou «a tensión da lingua» e a «ironía sutil que ás veces deriva en dimensión crítica».
David Otero relatou unha anécdota persoal coa poetisa en clave intuitiva. A gañadora participou hai uns anos na Festa da poesía da Estrada. «Cando a escoitei souben que para ela xogar era máis ca dicir palabras, era algo serio», dixo Otero. Cualificou o traballo de Riveiro como «poesía delicada, cristalina e chea de verdade que ós lectores alégranos os ollos, pero sobre todo a vida».
Xosé Luna lembrou que a gañadora será a pregoeira da próxima edición da Festa da poesía, que se celebrará en decembro. O poemario será publicado por Edicións Fervenza e distribuído entre os participantes na festa.
A gañadora viviu en Cequeril (Cuntis) tres anos e agora reside en Vigo. Ademais de escritora é mestra. Na Estrada ten impartido cursos de galego. Obtivo o primeiro premio no certame Rosalía de Castro de Cornellà no 2003 e gañou no 2011 o certame de poesía erótica Illas Sisargas.
Segundo Elvira Riveiro, o título do poemario «fai referencia ós corpos en mutación, que deben transmutar para adaptarse a este mundo». O poemario «fala da perplexidade ante este mundo» e agocha unha «crítica ó sistema capitalista, depredador e falsamente democrático, apostando por outra forma de vida».
Elvira Riveiro aporta unha visión crítica do momento e aposta polo inconformismo.”
Un souto do Val do Mao leva xa o nome da escritora Marica Campo
Desde
 Sermos Galiza:
“Acompañada e querida tívose que sentir a escritora Marica Campo ao ir recibindo ás máis de duascentas persoas que se trasladaron de todas partes da Galiza para partillar na xornada que a República das Letras lle tributou. E non só desde o país. Desde Granada desprazáronse Aurora López e Andrés Pociña e desde o País Vasco chegou o amigo Xosé Estévez. Amigas e amigos da poesía como Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Marta Dacosta, Medos Romero, Margarita Ledo ou o propio Cesáreo Sánchez Iglesias participaron nos actos durante toda a xornada nos que tamén tomaron parte coñecidas figuras non só das letras senón tamén da política e o sindicalismo. Polo Incio estiveron Pilar García Negro, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Mario Outeiro, Cosme Pombo, Silverio Rivas, Montse Prado, Mercedes Queixas, Estravís, Carme García Negro, Ramón Varela, Saleta Goi, Anxo Louzao, David Otero, Xosé Ramón Freixeiro Mato -autor da laudatio- e moita familia e veciños do Incio, a terra na que naceu Marica Campo e na que garda lembranzas da súa infancia e do seu achegamento á literatura.
Por aí discorreron os seus dous discursos, o primeiro na Casa do Concello, coa alcaldesa como anfitrioa e o segundo no Campo da Festa que leva xa o seu nome, pola relación co Val do Mao que fixo que se remitise á infancia feliz no que a literatura comezaba a gañar espazo. Marica Campo falou de maneira íntima e persoal, lembrando episodios familiares para os amigos e amigas, recoñecendo a súa intensa relación da lingua que coñeceu no Incio, o seu compromiso co idioma e as primeiras achegas a un mundo literario que a había acompañar ata hoxe. En diversas ocasións, a escritora tivo que parar, interrompida polas palmas que se manifestaron, de maneira especial, nos fragmentos nos que a autora reparaba na reivindicación do uso da lingua en tempos nos que as dificultades se incrementan.
No souto, o Campo da Festa, xa queda prendida unha placa que lle dá o nome da escritora a ese espazo que tantas lembranzas ten para ela, boas e malas, intensas fixo, daquelas que quedan para toda a vida porque forman parte da biografía de cada quen. Ao pé da igrexa, do singular camposanto cuberto e do campo de lecer e encontro, no que a música ecoa a través do tempo. Alí queda tamén o monolito cun poema da autora labrado na pedra, o Val do Mao, primeira composición do primeiro libro, poema inaugural da traxectoria literaria da ilustre veciña do Incio.
“Na súa traxectoria literaria e cívica transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade. Espírito libre, aberto e xeneroso, Marica Campo comprométese en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua, máis outra forma, en fin, de fidelidade e amor á Terra” dixo Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor da laudatio coa que homenaxeou á autora.
Tamén Cesáreo Sánchez, que pronunciou dous discursos nos dous actos da xornada, se dirixiu a Marica Campo para dicir: “Na túa palabra que é idioma na súa máis fonda raíz vai a tranparencia do río primeiro de primavera, vai o noso presente que escoitamos nos ecos da memoria que son patria. E no teu Eu cabe o Nós que contén todos os seres que somos sen nós saber”.”
A Estrada: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O
 mércores 22 de maio, ás 21:00 horas, no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (Avenida Benito Vigo, 92), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello da Estrada, a Biblioteca Antón Losada Diéguez, e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Losada Diéguez, participan, xunto ao autor, Xoán Carlos Garrido, David Otero e Manuel Bragado.
Convocado o I Concurso de Microrrelatos OZOCOGZ
O<img class="alignleft size-full wp-image-33719" title="I Concurso Microrrelatos  I Concurso de Microrrelatos OZOCOGZ está promovido por esta entidade, coa colaboración de Libraría Escolma do Carballiño, Libraría Aira das Letras de Allariz, Livraria Suévia da Coruña, Marta Dacosta, Paula Carballeira e David Otero. O prazo para participar remata o 25 de abril de 2013, realizándose desde o seu perfil de facebook.
As bases completas pódense consultar aquí.
Sigüeiro (Oroso): presentación de Perspectivas sobre Bóveda
O 
venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Sigüeiro-Oroso (Rúa da Cultura, s/n.), preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, publicado pola A. C. Alexandre Bóveda, no que participaron os seguintes autores: Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Xusto Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. No acto intervirán Manuel Mirás Franqueira, Xosé Manuel Sanchez Rei, Presidente da Asociación e editor do libro; Uxío Breogán Diéguez-Cequiel e Valentín García Bóveda.
Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo
Desde
 Praza:
“En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, Varela escribe que “gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás”.
Iso é o que un grupo de amigos e admiradores de Isaac queren facer este sábado 5 de xaneiro a partir das 12:30 h. do mediodía no cemiterio compostelán de Boisaca, onde Díaz Pardo foi soterrado hai agora un ano. O acto cívico, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo, contará coa participación de poetas, escritores e outras figuras destacadas, unidas pola estreita relación que tiñan co intelectual. Falarán Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro Paz, Inma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Xesús Redondo Abuín ou Fernando Salgado. E porán a música A Quenlla, as gaitas de Manuel Castro Basteiro e Elisardo González López e os violins de Laura e Marina Quintillán.
O poema de Lorenzo Varela será recitado por Xosé Ramón Fandiño. E como afirma Xesús Alonso Montero “morrese Díaz Pardo de morte morrida ou de morte matada, Lorenzo Varela non lle furtaría o agasallo das mazás e das pombas”. E Alonso Montero conclúe “nese intre as pombas recuperarán a liberdade e as mazás, co seu recendo, traducirán , ao seu xeito, o agarimo e a admiración dos asistentes ó acto. Valle Inclán, soterrado a poucos metros, aplaudirá sen reservas a nosa admiración e o noso agarimo, que serán perpetuos”.”
Santiago: presentación do libro Premios Pedrón de ouro 2010-2011
“O 
xoves 25 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Premios Pedrón de Ouro, publicado por Toxosoutos, volume que engloba os relatos premiados nas edicións correspondentes aos anos 2010 e 2011. No acto intervirán Agustín Agra, Xosé Alfredo Naz, Amancio Liñares, David Otero e Xosé Ramón Fandiño, e posteriormente haberá unha sesión de contacontos con Celso Fernández Sanmartín.” Desde Fervenzas Literarias.
							