A Coruña: actividades destacadas do mércores 1 na Feira do Libro

Comeza a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do mércores 1 de agosto son:

13:00 h.: Pregón a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
18:30 h.: Presentación de Os poemas do río, de Cristina Corral e Aurora Cascudo, publicado en Everest Galicia.
19:00 h.: Presentación de O peizoque Roque, de Dores Tembrás, publicado en Galaxia. Participan Francisco Castro e Xosé Tomás.
19:30 h.: Sinatura de libros de As catro estacións de Vivaldi, de José Antonio Abad, publicado en Kalandraka.
20:00 h.: Lectura de Manuel Rivas: Conto inédito de O máis estraño, un capítulo de Todo é silencio e inéditos do libro de próxima aparición en Xerais titulado As voces baixas. Ao remate da lectura, Manuel Rivas asinará exemplares da súa obra.

Teo: presentación de O meu primeiro Celso Emilio

O venres 27 de xullo, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Teo, terá lugar a presentación do libro O meu primeiro Celso Emilio de Xosé e Xiana Lastra, publicado en Xerais. No acto participarán Carme Hermida, Manuel Bragado e o propio Xosé Lastra. Logo da presentación, María Manuela, Mero, Mini e Xiana darán un concerto das pezas do CD que acompaña ao libro.

Santiago: actividades literarias do 25 de xullo no Festigal 2012

Na Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o mércores 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro: A terra sabe a loita, de Emilio López Pérez (Milucho).
16:30 h. Presentación do libro O galego é uma oportunidade, de José Ramom Pichel e Valentim R. Fagim, publicado por Através Editora.
17:00 h. Presentación do libro Cartografías do derrubo, de Carme Adán, publicado por Difusora das Letras. Falarán no acto Tareixa Navaza, Xabier Paz e a propia autora.
17:35 h. Presentación de Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure, publicado en Galaxia. Coa participación de Carlos Lema xunto á autora.
18:15 h. Presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. No acto, acompañando ao autor, participan Suso de Toro e Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, que contará coa presenza de Víctor Freixanes e o autor, Xosé Ramón Fandiño lerá algúns fragmentos do libro.
19:45 h. Presentación do libro Crise e radicalización neoliberal, de Xavier Vence, publicado en Laiovento. Falarán Francisco Jorquera e o autor.
20:30 h. Presentación do libro Outramente…, de Maria Pilar García Negro, publicado en Laiovento, con intervención, xunto á autora, de Goretti Sanmartin.
21:15 h. Presentación do libro Carvalho Calero Atual. Coletânea de artigos de Carvalho Calero comentados por 11 especialistas, publicado por Através Editora.

Pontevedra: tertulia arredor da triloxía Dragal, de Elena Gallego

O xoves 26 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Frei Juan de Navarrete, 5, baixo) de Pontevedra, terá lugar unha tertulia sobre a triloxía de Dragal de Elena Gallego. Neste acto, organizado por Onda Cero Pontevedra, os lectores/as poderán conversar coa autora.

Santiago: actividades literarias do 24 de xullo no Festigal 2012

Na Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o martes 24 de xullo:

17:00 h. No Café Concerto, presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicado en Galaxia.
17:15 h. Presentación do libro Por uma democracia radical, publicado en Estaleiro editora.
17:45 h. Presentación de: Proel e O Galo de Amado Carvalho e Folhas Novas de Rosalia, da coleção Clássicos da Galiza da Academia Galega da Língua Portuguesa.
18:30 h. Presentación de Dezaoito, antoloxía de poetas galegos e portugueses publicada por Penúltimo Acto. Terá lugar un recital poético coa participación de Iolanda Aldrei, Alexandre Insua Moreira, Virgílio Liquito, Cruz Martínez Vilas, Jaime Moreda Santamaría e Rosanegra.
19:15 h. Presentación do libro A rota do sol, de Camilo Nogueira, publicado en Laiovento. Falarán: Xabier Macias, Ana Miranda e o propio autor.
20:00 h. Presentación da novela As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde, Che Turnes e Manuel Bragado.
20:45 h. Presentación do libro Carné de identidade, de Mahmud Darwix, publicado en Barbantesa.
21:30 h. Presentación do libro Mordida, de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora.
22:00 h. Presentación de Nântia e a cabrita d’ouro, de Concha Rousia.
22:00 h. No Café Concerto, Aid presenta o libro-disco Rapoemas, editado en Galaxia.

Castelao foi acollido como un debuxante revolucionario na URSS: entrevista con Xesús Alonso Montero en Radiofusión

“Entrevista con Xesús Alonso Montero sobre o seu libro Castelao na Unión Soviética en 1938. “Os soviéticos decatáronse da importancia política e artística dos debuxos de Castelao” afirma o catedrático de Lingua e Literatura Xesús Alonso Montero. O dirixente do Partido Galeguista, antes de rematar a guerra, visita tamén Cuba e Estados Unidos, dentro dunha campaña diplomática dirixida a lograr apoios para a Segunda República. “Castelao cambia logo a raiz do pacto xermano-soviético, que foi un golpe moi duro para vellos militantes do Partido Comunista, e para persoas que tiñan simpatía coa Unión Soviética, pero que se veu abaixo” salienta Alonso Montero. Aquí se pode escoitar a entrevista en mp3.” Vía Xerais.

María Reimóndez: “Gaia é unha ponte entre distintos mundos”

“O Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a María Reimóndez, sobre En vías de extinción. María Reimóndez fala de biodiversidade e diferencia para se referir á súa última novela, protagonizada por Gaia, unha persoa rebelde que non acepta a uniformidade. A entrevista pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.

Proxecto Actívate co galego, a partir de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

“Estase a preparar un proxecto baseado en persoas que conten cal foi o resultado da aplicación dos consellos para vivir en galego que aparecen no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, escrito por Carlos Callón e editado en Xerais. Por iso, se utilizaches nalgunha ocasión ese manual práctico, podes enviar a túa historia ou as túas historias ao correo electrónico dereitos@carloscallon.com
Non é necesario que o testemuño sexa longo. O que se considera esencial é que se compartan estas experiencias, xa que poden servir de espello e estímulo para que todas e todos nos activemos na defensa da nosa lingua. Porque falamos galego e temos dereitos!”