Manuel Veiga: “A miña novela é a memoria dos que nos fixemos adultos na Transición”

Entrevista a Manuel Veiga en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que supón este libro [Os xornalistas utópicos] no conxunto da súa obra?
– Manuel Veiga (MV): A visión do autor con respecto aos seus libros é máis subxectiva e tamén máis arriscada, pero creo que esta é a miña obra máis elaborada e a que máis satisfeito me deixou ata agora. A fin de contas, escribir non deixa de ser un oficio e como en todos os oficios, cos anos aprendes a profundizar e a facer mellor as cousas, e creo que iso se nota nesta novela. Espero que sexa un salto na miña obra, por dicilo así. (…)”

Carballo: actividades do sábado 24 e domingo 25 na Praza dos Libros

Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal neste fin de semana, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos destacamos os seguintes para cada día:

Sábado 24
19:30 h. Presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar Gándara, publicado por Embora. No acto, xunto ao autor, participan Miguel Toval, Xosé Manuel Varela e Evaristo Domínguez
20:30 h. Presentación, recital poético e concerto musical de Versus, coa participación, entre outros, de Antón Borrazás, Miguel Queipo e Óscar de Souto.

Domingo 25
12:00 h. Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas e do resto das súas obras.
18:00 h. Xosé Neira Vilas presenta os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais e Aquel neno, publicado por Embora. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e Miguel Toval.
20:00 h. Presentación e concerto de Rosalía pequeniña, de Uxía, publicado en Galaxia, coa participación, xunto á súa autora, de Samira Remuiñán, Xan Remuiñán e Rosalía Fernández Rial.

Monforte: presentación de Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga

O venres 23 de agosto prosegue a Feira do Libro de Monforte (na rúa Cardeal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), coa presentación, a partir das 20:00 horas, do libro Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicado en Xerais. Xunto ao autor, participan no acto César Lorenzo e Manuel Bragado.

Cee: actividades destacadas do sábado 17 e domingo 18 na Feira do Libro

Chega á súa fin a Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Destacamos destes derradeiros días as seguintes actividades literarias:

Sábado 17
12:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, editada por Xerais, que estará acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro.

Domingo 18
12:30 h. Na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Beatriz Maceda: Man. O alemán de Camelle, e obradoiro de materiais creativos.

Cee: actividades destacadas do domingo 11 e luns 12 na Feira do Libro

Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o domingo 11 e luns 12 de agosto:

Domingo 11
20:00 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación das obras Cancela aberta (Ed. Xerais) e Aquel neno (Embora Ed.) de Xosé Neira Vilas, acompañado por Francisco Rodríguez López de Embora Edicións.
21:00 h. Na Praza da Constitución, pregón da Feira do Libro, a cargo de Xosé Neira Vilas, acompañado por Valentín García.
22:30 h. Noite de terraza literaria con Xosé Iglesias, o mariñeiro poeta: Transfusión oceánica na rúa Domingo Antonio de Andrade (Bar A Parada).

Luns 12
20:15 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Costa do Solpor de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Víctor Manuel Castiñeira Castro e o poeta Alexandre Nerium.
De seguido, Serán de Música e Poesía, Versus Cianuro, recital coa presenza, entre outros, de Paco Souto.
22:30 h. Noite de terraza literaria con Xaime Trillo: Anatomía da ira na Praza da Constitución (Bar Expréss).

Mercedes Queixas presenta Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, na Feira do Libro da Coruña

Desde o blogue de Manuel Bragado, Brétemas:
“Na segunda xornada da Feira do Libro da Coruña, encantoume a presentación que Mercedes Queixas fixo da biografía de Celso Emilio Ferreiro que escribiu Ramón Nicolás. Unha lectura e relectura interesantísima, que nos descubriu novidades neste libro multipremiado que levamos presentado xa en numerosas ocasións ao longo do último ano.
Comezou Queixas salientando que «no edificio do sistema literario galego, onde xa podemos falar dunha certa normalización, o cuarto dedicado ás biografías medra máis lentamente.» «Un xénero de investigación ao que me sinto vinculada e polo que cómpre apostar, xa que é indispensable para a construción literaria e para a construción do propio país.» Definiu Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «unha obra de gran envergadura e grande intensidade que amplifica a figura humana, literaria e política de Celso Emilio.» «Esta é a crónica dunha vitoria gañada aos silencios que de maneira intermitente semella ter acompañado a CEF. Un mundo de sombras onde se ten iluminado e onde se lle ten colocado no seu xusto lugar.»
Salientou Mercedes Queixas o paralelismo existente entre o Celso Emilio Ferreiro biógrafo de Curros Enríquez e o de Ramón Nicolás como biógrafo do poeta de Celanova. Lembrou o concepto que Celso Emilio manexou cando fixo a súa biografía de Curros, que se repite agora na de Ramón Nicolás: «un relato vivo, para nada unha cronoloxía plúmbea.» Identificou tamén paralelismo sobre as fontes utilizadas por ambos os dous biógrafos: «testemuñas de coetáneos do poeta, cartas, revistas e xornais, algunhas notas biográficas inéditas e, sobre todo, a colaboración do fillo do poeta.» Para Queixas o traballo de Ramón Nicolás, utilizando estas fontes, permitiu aquelar «unha obra magna, tanto pola extensión coma polo contido, sometendo a unha revisión global a figura de Celso Emilio por dúas vías, a das relacións epistolares, nun volume que ten unha enorme documentación, así como das múltiples conversas con persoas moi diversas que conviviron ou mantiveron relación amical con CEF. Así foi posible desvelar sombras e silencios. Celso Emilio Ferreiro é outro tras a lectura desta biografía. Unha persoa grande do seu tempo. Un referente en vida, mais tamén buscado por xente moza. Un libro que axuda a coñecer os círculos concéntricos que tivo a seu arredor, dende figuras como Otero, Del Riego, Piñeiro…, conformando así unha grande galería.» Rematou Mercedes Queixas parabenizando ao autor tamén polo feito de ter «inserido nun relato de corte ensaístico fermosísimas narracións», o que para ela constitúe «outro mérito máis da biografía», xa que «acrecenta a dimensión humana de CEF.»”

Fornelos de Montes: presentación de Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida

O venres 9 de agosto, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Fornelos de Montes (Casa do Concello, Praza da Igrexa, 1), preséntase Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, publicado en Xerais. No acto, coorganizado polo Concello, a Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e Edicións Xerais, participan Ramón Nicolás, Xesús Alonso Montero, Emiliano Lage Rodríguez, Carme Carreiro, Modesto Hermida e Manuel Bragado.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o mércores 7

O mércores 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

Mércores 7
18:00 h. Presentación do libro O carballo, de Calros Silvar, publicado por Baía Edicións. O ilustrador explícanos como debuxar una árbore. Tamén participa no acto a editora Belén López Vázquez.
19:00 h. Presentación do libro Man, o alemán de Camelle, de Beatriz Maceda Abeleira, publicado por Galebook. Participan no acto a autora do libro e un representante da editorial.
19:00 h. Sinatura de libros de Manuel Portas na caseta de Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación do libro Faneca Brava, do escritor Manuel Portas, publicado por Xerais. Participan no acto Ramón Nicolás, Manuel Bragado e o autor.
20:00 h. Antonio Seijas asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Nós.
21:00 h. Teatro Antroido representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o sábado 3 e domingo 4

O sábado 3 e domingo 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 3
12:00 h. Presentación do libro Nicomedes o pelado dos autores Pinto & Chinto, publicado por Kalandraka. Xunto cos autores, participará no acto o escritor e profesor Xosé Manuel González “Oli”.
13:00 h. Contacontos: O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
18:30 h. O escritor, xornalista e académico Xosé Neira Vilas presenta os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais e Aquel neno, publicado por Embora. Xunto co autor, participarán na presentación os directores das editoriais, Manuel Bragado e Miguel Toval. Ao remate do acto o escritor asinará exemplares dos libros e do resto das súas obras.
19:00 h. Alberte Blanco Casal asina libros na caseta de Libraría Nóbel Universal.
19:00 h. Xosé María Lema Suárez asina exemplares de Costa do Solpor na caseta da Librería Nós.
20:00 h. Pedro Feijóo asina exemplares do seu libro Os fillos do mar na caseta da Libraría Nós.
20:00 h. Presentación do libro Raíz de fenda, de Berta Dávila, publicado por Xerais. Participan no acto Dores Tembrás, Manuel Bragado e a autora do libro.
21:00 h. Presentación do libro As pontes do ego sum, de José Manuel Ledo Santiso, publicado por Ir Indo.

Domingo 4
12:30 h. Rocío Leira asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
20:30 h. Presentación do libro A cociña dos Cunqueiro, publicado por Editorial Galaxia. Participan no acto César Cunqueiro, Miguel Vila e Víctor Freixanes.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o día 2

O venres 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

Venres 2
13:00 h. Presentación do libro Depor Vida, dos xornalistas Rosabel Candal e Xerardo Porto, editado por Son Radiofusión e a Asociación de Amizade coa Radio Local. Participarán no acto os autores e Henrique Sanfiz, de Radiofusión.
18:00 h. Tucho Calvo asina libros na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
18:30 h. Francisco X. Fernández Naval asina na caseta de Librería Arenas.
19:00 h. Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Luís Ferreiro, Mercedes Queixas, Luís Ferreiro e Manuel Bragado.
20:00 h. Presentación do libro Bagoa de Lúa, de Sabela González, publicado por Galaxia. No acto participa, xunto á autora, Francisco Castro.
20:00 h. Luís García Soto asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
20:00 h. Firma de Antón Riveiro Coello na caseta de Libraría Pedreira.
21:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Xerais, e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado por Galaxia. O moderador será Xerardo Agrafoxo.