Arquivos da etiqueta: María do Cebreiro
María do Cebreiro: “O neoliberalismo quere rachar coas redes que tecemos ao ser nais”
Entrevista a María do Cebreiro na Televisión de Galicia:
“Poñer no foco o tema da maternidade é en si mesmo un acto de valentía. Calquera debate arredor deste tema suscita sempre opinións moi diversas e moi polarizadas. Di María do Cebreiro Rábade neste ensaio sobre maternidades virtuosas, que, para exercer os roles de crianza, as nais deben converterse, simultamente, en nutricionistas, pediatras, asesoras, de sono, asesoras de lactación, psicólogas, coaches emocionais e neurocientíficas. A entrevista pode verse aquí.”
“As nais saen do armario e elevan a literatura galega”
Artigo de Ana Abelenda en La Voz de Galicia:
“A reflexión en torno á maternidade, a escolla de ter ou non ter fillos, é xa un relato central nas nosas letras. Hai desexo, conciencia, reflexión e debate. Elas aleitan outra forma de rebeldía. (…)
Ser nai ou non ser nai é a cuestión, é cuestión candente na literatura. Como muro para conter a forza das novas propostas en torno a ela, resiste ben armado o canon dun sistema que mira para outro lado ou observa, ollos mouchos, como se afonda no discurso. Elas seguen no seu, creando, desbotando o canon.
Nos últimos anos, a maternidade botou a andar pasiño a paso cara ao centro do relato, a defender o seu oco sen ollarse no espello doutros, sen temer a represalia, sen pedir permiso. Ese lugar é un útero, que se dilata e dá vida a unha diversidade de fillas, visións sobre a muller en relación coa súa liberdade, co embarazo, o parto e a crianza, dende a descuberta á fin de que a realidade supera toda ficción herdada e os ditames ata a reflexión sobre novas formas de crianza ou a decisión de non traer fillos ao mundo.
As nais e as non nais non se perden no backstage literario, saen ao encontro, cunha literatura diversa. Só para nais e non nais, de mulleres? Non debera… (…)”
Compostela: rolda de prensa arredor de Maternidades virtuosas, de María do Cebreiro
A Coruña: actividades do 10 de agosto na Feira do Libro 2022
Ciclo en liña “Ler mulleres galegas”, Maternidade e literatura, con Inma López Silva e María do Cebreiro
Ribadeo: Letras no Campo. VIII Feira Ribadense do Libro 2022
A Coruña: “Gosto de vivir a poesía”, recital de poemas de María do Cebreiro
Beatriz Maceda Abeleira, en representación da AELG, presentará a vida e obra desta poeta. A entrada é libre e gratuíta.
María do Cebreiro: “A maternidade é unha experiencia tan forte que me obrigou a escribir para poder aterrala”
Entrevista de Clara Rial a María do Cebreiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace Maternidades virtuosas?
– María do Cebreiro (MC): Nace xunto á nena, como quen di. O proceso de escrita estivo moi condicionado pola maternidade, aínda que eu, en xeral, teño unha forma de escribir bastante impulsiva e pouco premeditada. É dicir, teño moitas temporadas de barbeito e de repente as cousas cando agroman parece que xa estaban escritas na cabeza.
É unha cuestión relevante porque cando nace a crianza hai moi pouco tempo para poder escribir. Mais tiven a sorte de que, a través de todas as reflexións me ían pasando pola cabeza durante o embarazo, foron saíndo cousas nas que levaba un tempo matinando. Realmente foi un proceso moi rápido e ao mesmo tempo moi fragmentado, por ese motivo. Moitas das cuestións xa as levaba escribindo, dalgunha maneira, desde hai moito tempo.
– ND: Xorde entón da súa propia experiencia como nai?
– MC: Por suposto. Era un tema que nunca me tiña tentado e tampouco era lectora de reflexións sobre a maternidade. O que ocorre é que é unha experiencia que te atravesa dunha maneira tan forte, tan revolucionaria e tan radical que case me obrigou a escribir para poder aterrala.
– ND: Que temáticas atopamos na obra?
– MC: O meu libro é un ensaio crítico sobre a maternidade, sobre a crianza. Non é exactamente unha obra en primeira persoa, pero tampouco me despeguei dela. É dicir, fun ao ensaio consciente de que non quería facer trampas, de que quería asumir o feito de que o meu interese pola cuestión viña dado pola miña propia experiencia. De feito, iso atravesa moita da escritura sobre a maternidade, ese elemento do xogo co “eu”. Trátase dun “eu” en construción, posto que cando un cativo nace, non só nace un cativo, senón que nacemos nós como nais e, polo tanto, tamén precisamos escribir para comprendernos. Sexa por medio da escrita, do pensamento, da creatividade ou do que sexa.
En realidade, é un ensaio crítico sobre a crianza no neoliberalismo. Busca describir como unha serie de procesos, que eu entendo que pertencen á vida íntima, foron, hoxe en día, coartados polos dispositivos do neoliberalismo no mundo do traballo, particularmente no mundo da empresa. Aparentemente son cuestións antagónicas, pero en realidade, a característica do neoliberalismo neste momento é coartar a vida íntima das persoas. Vou estudando unha serie de trazos e de mecanismos da crianza contemporánea, que mesmo moitas veces se venden como mecanismos progresistas, e vou tratando de facer visíbel até que punto obedecen a dispositivos do réxime neoliberal. Como se transvasan ferramentas do neoliberalismo empresarial e do traballo ata esas íntimas da crianza. É unha denuncia crítica diso.
– ND: O movemento feminista, entón, tamén toma presenza?
– MC: Por suposto, é inevitábel. O feminismo é o lugar desde o que está escrito o libro, sen dúbida algunha. Calquera reflexión crítica e consciente sobre a maternidade penso que ten que ser unha reflexión feminista. Case diría que é imposíbel facelo doutra forma. Esa crítica tamén se articula desde a perspectiva crítica ao neoliberalismo. Digo isto, porque tamén hai un tipo de feminismo liberal que está totalmente integrado no réxime e que é un tipo de feminismo moi particular.
– ND: Cre que, a través deste tipo de premios, as figuras femininas están a ser máis recoñecidas hoxe en día?
– MC: A min sempre me gusta dicir que, na Galiza, iso non é nada novo. Eu penso que o discurso feminino e feminista é dominante e foino durante momentos representativos da nosa historia. Isto non significa que non haxa motivos para loitar, porque os temos a diario. Pero no plano intelectual e cultural, a Galiza é un modelo de produción dun espazo de pensamento e de creatividade moi marcado desde o xénero feminino.”
De vella a bella. Entrevista con Amauta Castro
Entrevista a Amauta Castro en De vella a bella:
“(…) – De vella a bella (DVB): Es un poeta cunha ampla formación cultural que adquiriches fundamentalmente de forma autodidacta e que non ten nada que ver coa túa profesión, podes contarnos como e cando xorde en ti esa necesidade de coñecer e indagar no mundo da cultura en xeral? Supoñemos que os anos que dedicaches a viaxar axudarían a complementar esa formación. Foi así? Practicaches a filosofía da maior parte dos escritores galegos do primeiro terzo do XX (nomeadamente os homes da Xeración Nós): a necesidade de europeizar a nosa cultura, de beber en máis fontes que as propias?
– Amauta Castro (AC): Non fun un bo estudante, bastante indisciplinado, nada organizado, etc. Pero a curiosidade e a necesidade de coñecemento téñoas desde neno. Sempre penso que tiveron que ver con ter desde sempre á miña disposición unha biblioteca. Xa fora a de meus pais ou a de meu avó. Porén o acceso aos libros alimentou moitas viaxes mentais.
Viaxei todo o que puiden desde 2004 até 2016, que naceu meu fillo. Logo viñeron as restricións pola pandemia, que tamén detiveron un chisco a miña urxencia viaxeira que xusto nestes meses estiven a retomar. Neste século que comezamos as posibilidades de desprazamento parecían case infindas. A pandemia reubicounos, e probablemente a crise do modelo enerxético incida con novas restricións nas nosas vidas. Pero as posibilidades de verdadeira viaxe non están ligadas á mobilidade unicamente.
Efectivamente tentei, sen ser unicamente europeo, ampliar as fontes da lingua na que escribo tentando romper cunha certa autorreferencialidade e autoconsumo existentes no sistema literario en lingua galega. De todos xeitos, isto de ampliar horizontes converteuse case nunha obriga no momento no que deixei Galiza. Decidín con convecemento non tentar perseguir a actualidade literaria galega senón tentar aportar algo diferente e en certo grao desapegado das liñas de escrita maioritarias, que naquel momento (e neste!) xulguei que era preciso crebar.
– DVB: Sempre te defines como poeta, un poeta que escribe en galego desde Catalunya. Pregúntome cando comezaches a escribir? Sempre poesía? Sempre en galego?
– AC: Comecei a escribir na pre-adolescencia. Pero non o fixen dun xeito sistemático e continuado até tranquilamente os 26 anos. Sempre escribín poesía, nun primeiro momento puido haber uns cantos poemas en castelán pero axiña apareceu o galego e sorprendentemente o achado foi moi sorprendente. É curioso que malia ser o castelán a miña lingua materna, no poema todo funcionara dun xeito tan áxil en galego. Así que perseverei, porque ademais estaba a dar o cambio de idioma e porque tamén descubrira poetas en lingua galega que me impactaran (desde a lírica medieval até os poetas que se levaban daquela, que eran as poetas dos 90, e como precedente quizabes Rompente). Así que entrei de cheo na poesía en lingua galega a través dunha colección que fixera Xerais, e que se chamaba “Ablativo Absoluto” e que moitas de vós lembraredes. Alí estaban Olga Novo, Eduardo Estévez, María do Cebreiro, unha retrospetiva de Rompente, Rafa Vilar, Lino Braxe, etc.
Reitero, sempre escribín poesía. Non entendín a escrita desde outras posibilidades, quizabes porque é a miña forma de expresión máis fluída; esa estraña condensación, o símbolo, a linguaxe como posibilidade infinda. (…)
– DVB: Amosas unha clara preferencia polo poema breve, mesmo de un verso ou dous. O bo se breve…?
– AC: Ao comezo os meus poemas eran de verso moito máis longo, algo barrocos, requintados mesmo. Se cadra froito de lectura de poetas que funcionaban neses metros dun xeito natural: Lezama Lima, Olga Orozco, Pablo de Rokha, Whitman, Oroza, …
Logo dei o paso cara ao destilado poético, cara á compresión. Unha vez comecei a reducir, sentín que me atopaba moito máis perto do que verdadeiramente precisaba expresar. Foi unha identificación froito dun proceso nada inmediato. Foron anos de escribir e cortar, de tirar poemas á papeleira ata que finalmente un acada a voz que cre que se achega máis a esa liberación total da linguaxe. No meu caso inflúen varias cousas, o contacto coa poesía oriental, con certos casos de compresión na poesía en lingua galega (Baldo Ramos, Uxío Novoneyra), e a lectura dalgúns poetas que proveñen do misticismo relixioso. Un día descobres, ou redescobres, que un simple verso pode ter un sentido pleno. Para que tanta palabra inexacta? “Non escribas páxinas innecesarias, non escribas versos innecesarios, non escribas palabras innecesarias” [en Poesía (modelo para romper)].
– DVB: Dis que a escrita é resultado do traballo, non cres na inspiración?
– AC: Creo que obviamente pode existir un momento de claridade, e que mesmo existe xente talentosa que é quen de expresarse dun xeito moi espontáneo. Trátase de equilibrar a forza inicial que move un poema co traballo que hai de depuración do mesmo. Velaí a miña teima. (…)
– DVB: Falas da complexidade da creación do poema “Crear un poema é complexo para o poeta”. E que me dis da complexidade da súa comprensión por parte do posible lector? É necesaria esa comprensión para gozar do poema?
– AC: Obviamente debe haber un diálogo. O bo do poema, a diferenza doutras expresións, é que o intérprete é o lector. E na medida en que eses versos se incorporan ou non á súa aprendizaxe vital, o poema trunfa ou fracasa. Trátase diso, dese eu-plural que acada o poema. “Adiós ríos, adiós fontes”, sinxelo, non si? (…)”