Arquivos da etiqueta: María Obelleiro
A Coruña: encontro sobre “Situación e futuro da prensa en Galiza”
Compostela: encontro sobre “Situación e futuro da prensa en Galiza”
A Coruña: actividades do 4 de agosto na Feira do Libro 2023
Compostela: presentación de Feminismo en cen palabras, de Luca Chao
Arcade, Soutomaior: presentación de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV) Tomo I. A relevancia do reino galego medieval, de Francisco Rodríguez
Compostela: presentación de Pérez. Historia dun triunfo, de Llerena Perozo Porteiro
Premios da Crítica de Galicia 2021
Héitor Picallo: “As primeiras representacións do escudo galego son realmente fabulosas”
Entrevista de María Obelleiro a Héitor Picallo en Nós Diario:
“Héitor Picallo (Cuntis, 1974), investigador, debuxante e escritor, é o autor de O escudo do Reino da Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional, a nova publicación que Nós Diario sacará do prelo a semana que vén. A completa investigación de Picallo restaura unha parte chave dun noso pasado condenado ao ostracismo. A investigación transita por diversos espazos da xeografía europea como Bélxica, Francia, Dinamarca, Austria ou Alemaña, ou da americana, con especial incidencia en Cuba ou na Arxentina.
– Nós Diario (ND): As primeiras representacións coñecidas do escudo da Galiza proceden do século XIII. Quere isto dicir que con anterioridade a esa data non existía?
– Héitor Picallo (HP): No armorial Segar’s Roll fica a primeira representación coñecida do escudo do Rei da Galiza, se ben hai que precisar que na actualidade só se conserva unha fermosísima copia daquel pergameo orixinal datado en 1282. Mais que exista nesa época unha estampa coas armas da nosa nación, a piques de falecer o rei Afonso IX ‘O Sabio’, non quere indicar que con anterioridade non houbese máis emblemas galegos. A heráldica tiña por esas alturas uns 150 anos de existencia.
– ND: Ten adiantado a tese do borrado da representación do escudo galego na documentación medieval a partir dalgún momento de mediados do século XIV. Concretamente cita o caso do Tombo B da Catedral de Santiago de Compostela. A que intención respondía esta operación?
– HP: Realmente o que sinalei é que os signos rodados que acompañan os documentos do tombo B, cando levan as armas de Castela e León, se non todos, si a maioría, sempre aparece un león borrado. Esta acción debeuse efectuar non antes do ecuador do século XIV, que é cando se remata de escribir o referido libro. Que isto aconteza responde a dúas circunstancias bastante obvias: por unha banda, ao borrarse só un dos leóns non se censura o reino que representa, pois aínda fica outro cuadrúpede no signo rodado.
Por outra banda, eliminalo supón unha intención de substituílo por outro símbolo (tamén heráldico). Se a persoa ou persoas responsábeis buscan incorporar o emblema doutro reino, este tiña que ser un dos que formaban parte da coroa castelá, polo que só habería unha opción válida ao se tratar de textos galegos. Ora ben, ao non sabermos cando acontece ese borrado, non dispomos dun contexto para poder entender a que puido ser debido, quen presidía o capítulo catedralicio e que pontífice ocupaba a cadeira metropolitana. Do que non hai dúbida é da intencionalidade “política” que se intentou levar a cabo.
– ND: Se tivese que quedar cunha representación do escudo da Galiza desta primeira época, cal escollería?
– HP: As primeiras representacións do escudo galego son realmente fabulosas. A letra miniada do Sherborne Missal (c. 1399-1407) é unha verdadeira alfaia iconográfica que estimula a nosa identidade nacional. Porén, eu quedaríame con calquera das versións do escudo galego provisto de trevos, eses vexetais que han ser o xermolo das futuras cruces do brasón moderno da Galiza. E se aínda queremos concretar máis, quedaríame con aquel cáliz en campo de goles (ou vermello) que se acompaña de trevos de ouro. Quizais algún día poidamos adiviñar quen foi a persoa ou persoas que o puideron deseñar, así e todo a man do rei de Xerusalén René d’Anjou (1409-1480) fica nun libro do que é autor e no que tamén aparece Galiza. Refírome ao Livre du Cœur d’Amour épris, comezado a escribir cara a 1457 e no que se conxuga heráldica e literatura.
Na parte que nos afecta, e analizando un dos manuscritos que se conserva na Bibliothèque nationale de France, o fantástico cabaleiro Ponthus, fillo do rei da Galiza, que namora de Sidoine, filla do rei da Bretaña, para o seu emblema liga as armas negras de bágoas brancas (facendo unha chiscadela ás orixes da súa amada, a Bretaña) coas propias da Galiza daquel entón: sobre un pano vermello, cálices e trevos de ouro. Para min, sen dúbida, ese é o emblema que máis me emociona, pois ten que ver non só co que Europa vía en nós, senón tamén con relatos literarios vinculados coa matière de Bretagne, o que nos engarza con outras nacións atlánticas: Inglaterra, Escocia, Irlanda e a mesma Bretaña. (…)”
“Xoán Costa, cos pés na terra”
Entrevista de María Obelleiro a Xoán Costa en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Coñece de primeira man Carvalho Calero. Que destaca das súas múltiplas facetas? Que supuxo para vostede o contacto de perto con el?
– Xoán Costa (XC): Coñecino primeiro como profesor. Despois traballei con el, sobre todo na definición da revista Agália. Destacaría del, primeiro, o seu pouco afán de protagonismo. Tamén destacaría a coherencia de pensamento, que era total e que nunca o levou a renunciar aos seus principios ideolóxicos, aínda que os tivese que adecuar ás circunstancias do momento. El prefería pór diante de todo a visibilidade da causa que defendía a ser protagonista principal dela. Vese perfectamente nas cartas a Fernández del Riego. Aí deixaba ver como era necesario constituír grupos de presión que influísen na Academia para levala cara a un determinado sentido na defensa da lingua e da literatura ou a idea de influír no sistema educativo coa edición de materiais alén dos clásicos libros de texto. Despois de Agália coincidín moito con el na preparación da edición de Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).
– SG: Participou moi activamente nos inicios da Associaçom Galega da Língua (AGAL), nun momento en que estaba moi candente o debate da normativa. Tamén foi autor de varias gramáticas.
– XC: Cando se fundou a AGAL eu estaba en Lisboa, polo que o meu carné de socio é posterior. Como membro da AGAL estiven na Comisión de Redacción do Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Tamén participei na redacción do Prontuário Ortográfico Galego. Era o tempo en que ten lugar a primeira polémica relativa á norma. O reintegracionismo mantivo unha posición moi forte contraria ás normas ILG-RAG (Instituto da Lingua Galega-Real Academia Galega), posición expresada desde o ponto de vista teórico mais tamén desde o ponto de vista do uso, sobre todo no ensino. Foi ese o primeiro paso do que foi a normativa de mínimos. Case todos os libros de texto que tiveron impacto no ensino foron publicados baixo esa norma da Asociación de Profesores de Lingua e Literatura, en cuxa primeira asemblea Carvalho pronunciou a conferencia de clausura. Creo que a batalla normativa non se inclinou da parte da norma oficial até que a Administración conseguiu implantala no ensino.
– SG: Desde 2001 preside a AS-PG. Que representa para o ensino galego?
– XC: Sen dúbida ningunha, a AS-PG supuxo poñer diante da sociedade a evidencia de que as galegas e galegos temos particularidades específicas que deben ser representadas no ensino. As orixes da AS-PG remóntanse ás xornadas, interrompidas pola Garda Civil, que se ían celebrar no santuario dos Milagres de Maceda, auspiciadas por Francisco Carballo. Falamos de 1976. De alí xurdiu o primeiro sindicato de profesores de ensino, a UTEG (Unión de Traballadores do Ensino da Galiza) e a AS-PG, que desenvolveu un traballo centrado primeiramente na formación do profesorado para o adaptar ou o situar nas técnicas pedagóxicas que os tempos demandaban. Tamén se ocupou de traballos máis sociais, como conferencias para pais e nais. Editamos materiais que non foron acollidos por outras editoras, como os libros de Francisco Rodríguez sobre Rosalía, e discos dos nosos autores e autoras; convocamos concursos de relato oral e de vídeo; organizamos semanas do libro e da lectura. De feito, a primeira xornada de formación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para o profesorado organizounas a AS-PG en Pontevedra. E a Historia da Literatura Galega. (…)
– SG: Dirixiu Agália nos seus comezos, colaborou en A Nosa Terra, participou do nacemento de Sermos Galiza, onde é presidente do Consello de Administración, ademais de conselleiro delegado. Que representa para vostede o xornalismo galego?
– XC: A miña participación en A Nosa Terra era como representante da AS-PG en tanto que esta entidade formou parte do capital social da empresa. Na Agália asumín a coordinación e a dirección nos primeiros números e agora, Sermos. O xornalismo galego é unha necesidade que este país aínda non asumiu de maneira axeitada. Unha sociedade normal ten que estar informada na súa propia lingua e para iso son imprescindíbeis medios de comunicación que respondan tanto a criterios lingüísticos como a unha óptica galega. No caso galego, non se chegou a cubrir esa demanda, malia que o xornalismo galego arranca no século XIX. Na actualidade aínda estamos carentes dese medio que nos informe a diario e en papel. E digo en papel porque, a pesar de ser a forma máis tradicional, é a que segue a ter máis credibilidade. Estou en Sermos Galiza porque acredito en que é un proxecto imprescindíbel para o desenvolvemento do país. (…)”