Crónica de Ramón Nicolás arredor do encontro sobre A crítica literaria en Galicia, proposto pola Sección de Crítica Literaria da AELG, desde o blogue Caderno da crítica:
“Resultou, ao meu ver, moi interesante e suxestiva a mesa de debate que se celebrou onte sobre a crítica literaria en Galicia, nun espazo que Culturgal brindou á Sección de Crítica da AELG, organizadora do evento. Os adxectivos veñen ao fío de que o encontro, alén de cumprir co obxectivo de visibilizar a existencia da devandita sección, posibilitou un intercambio de opinións, de perspectivas e puntos de vista sobre parte da crítica que se fai en Galicia e, ademais, tal e como desde o Culturgal se sinalou, contribuíu a desvelar as caras da crítica, cando menos algunhas delas.
A intervención inicial, que correspondeu a Roberto Pascual, comezou facendo referencia ao feito de que a tarefa crítica non remata na lectura individual. Ao seu ver, a crítica, entendida como creación, posúe unha función que vai máis alá do factor puramente mediador e informativo, engadindo que no caso da crítica teatral posúe a especificidade dun ámbito receptor particular que, no caso das críticas a espectáculos, se estende ás compañías teatrais e mais ao ámbito pedagóxico. Non faltaron as referencias á marxinalidade da crítica teatral nos medios, salientando a relevancia do papel que desempeña neste ámbito unha publicación como é a Revista Galega de Teatro.
Montse Pena, que viña tamén de presentar a revista dixital Criaturas, dirixida por Ledicia Costas e Daniel Landesa, da que forma parte do consello da redacción e que recomendo vivamente visitar, articulou a súa intervención partindo dunha posible definición da práctica crítica, acreditando na persecución dun obxectivo como é o de realzar a función estética do que se escribe e comunica. Nucleou, asemade, o seu discuso no que atinxe á crítica da LIX, sendo consciente de que escribe para persoas mediadoras e non directamente para a infancia. Concluíu, tras a referencia cumprida de onde ler crítica de LIX en Galicia, abrazando a intención de se presentar como unha “incitadora a ler”, lectura que debe ser inoculada, claro é, coa sedución pois tal e como Pennac deixou dito: “o verbo ler, como o verbo amar, non soporta o imperativo”.
Mario Regueira, pola súa parte, centrou boa parte da súa intervención en compartir unha reflexión sobre a autonomía real da crítica en Galicia, aludindo á súa propia experiencia como crítico, con periodicidade semanal nos dous últimos anos desde as páxinas de Sermos Galiza, e o que isto conleva como a procura dunha representación paritaria no que se refire a xéneros literarios e non só. Ao tempo, insistiu na necesidade de realizar unha autocrítica desta ocupación, apelando á necesidade de obxectividade e argumentación no traballo crítico, algo ben difícil -sobre todo o primeiro- ao facelo nun país non que non é difícil atoparse, antes ou despois e indefectiblemente, a quen se critica.
Lara Rozados fixo un repaso pola filosofía de traballo da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, plataforma que abraza o feminismo como marco de traballo e perspectiva de análise. Rozados desvelou parte dos obxectivos que se perseguen colectivamente como son “okupar” o espazo crítico para encher invisibilizacións nun ámbito dominado polo patriarcado, intervir con actividades que xeren debate e poñer en cuestión temas e perspectivas. Aludiu, asemade, á dinámica interna e colaborativa das publicacións da plataforma que pasan con anterioridade por un proceso horizontal de peneira, comentario e debate interno antes de saír á luz: un modelo que posibilita un proceso de aprendizaxe e debate para ir tecendo redes neste ámbito. Concluíu explicando o sentido de iniciativas como Día das Galegas nas Letras e os contidos que ata agora se deron coñecer na devandita plataforma.
Un diálogo, tamén enriquecedor, entre o público asistente e as persoas participantes pechou un acto que, de podermos desde a Sección de Crítica da AELG, repetiremos se se dá a ocasión. Grazas a todas e todos por compartir experiencias e reflexións.
Arquivos da etiqueta: Montse Pena Presas
A Sección de Crítica da AELG no Culturgal
A Comisión Xestora actual da Sección de Crítica da AELG, coa intención de visibilizar a súa existencia e dinamizar as súas actividades, decidiu propor un encontro onde se lles dese voz a diferentes persoas, pertencentes ou non á propia sección pero representantes da práctica da crítica literaria galega en diferentes plataformas, medios e xéneros. Culturgal, a quen lle agradecemos a predisposición tan positiva que desde o primeiro momento prestou a esta iniciativa, será o espazo que acollerá esta mesa redonda que contará cunha breve participación de cada unha das persoas convidadas para logo abrirse ao debate co público asistente.
As persoas que foron convidadas a expor as súas experiencias no ámbito da crítica desde as súas particulares perspectivas, e que igualmente aceptaron con entusiasmo o convite, serán Lara Rozados -representante da plataforma dixital de crítica literaria feminista A Sega-, Montse Pena Presas -como especialista en crítica de literatura infantil e xuvenil e colaboradora no “Faro da Cultura”-, Mario Regueira -crítico literario en Sermos Galiza– e mais Roberto Pascual, como representante da crítica teatral e colaborador en numerosas revistas teatrais. Ramón Nicolás será o moderador e presentador desta actividade.
Esperámosvos neste acto aberto.
Pontevedra: Presentación do número cero da revista dixital de Literatura Infantil e Xuvenil Criaturas
O sábado 6 de decembro, ás 13:30 h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro das actividades do Culturgal, terá lugar a presentación ao público do número cero de Criaturas, a nova revista dixital galega especializada en Literatura Infantil e Xuvenil.
No acto estarán Xabier P. DoCampo, Montse Pena Presas, Ledicia Costas, Daniel Landesa e Laura Sáez. Será un pracer contar con todas e todos vós e poder celebrar o nacemento desta criatura.
Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014
Tabela dos Libros de decembro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como todos os primeiros de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»
Compostela: presentación de Tes ata as 10, de Francisco Castro
Tabela dos Libros de novembro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»
Tabela dos Libros de outubro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»
Madrid, 18-19 setembro 2014: Xornadas Internacionais UCM-UNED Literatura galega: identidade, alteridade e exilio, do 18 ao 19 de setembro
As Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 Literatura galega: identidade, alteridade e exilio pretenden facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos Centros Galegos das universidades do mundo e noutras institucións, nomeadamente no ámbito da literatura galega fóra de Galicia e do estudo da identidade, a alteridade e o exilio. Procúrase, por outra parte, favorecer o contacto entre profesores, investigadores e estudantes interesados no coñecemento e no estudo da literatura galega, así como fomentar o intercambio científico entre os relatores e os asistentes. Ademais, con estas Xornadas quérese abrir e estimular o diálogo entre as distintas xeracións pertencentes á colectividade galega.
Os seus destinatarios son: profesores, investigadores e estudantes, Departamentos de Romanística, Centros Galegos en España, Portugal, Hispanoamérica e no resto do mundo, Escolas Oficiais de Idiomas e outras institucións interesadas no estudo da lingua, da literatura e da cultura galega.
Está organizado pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), Centro de Estudos Galegos e a UNED, está dirixido por Carmen Mejía Ruiz (UCM) e Xavier Frías Conde (UNED). O comité científico está formado por Ana Acuña (Universidade de Vigo), Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega), Antonio Domínguez Rey (UNED), Alberto Gómez Bautista (Universidade de Aveiro), María Victoria Navas Sánchez-Élez (UCM), André Pociña López (Universidad de Extremadura), Eugenia Popeanga Chelaru (UCM) e Juan Miguel Ribera Llopis (UCM).
Pódese descargar o programa definitivo aquí.
Tabela dos Libros de setembro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados dende o comezo do verán ata aquí.»