Desde a Real Academia Galega:
“Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.
“A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras”, salienta a proposta aprobada. Nela enlázase a celebración vindeira coa deste ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza ese herdo transmitido dunha xeración á outra: “As coplas aprendidas na saia da avoa”.
Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.
Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda. Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.
Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular conseguiu chegar cheo de vida ao século XXI, e deixou unha fonda pegada na alta cultura, empezando polos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras dedicándolles a gran festa da cultura galega no que será o segundo 17 de maio colectivo, vinte e sete anos despois das Letras Galegas de 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. (…)”
Arquivos da etiqueta: Ricardo Marcos Casás Salgado
A Coruña: Celebrando a nosa música e literatura da man da A. C. Xermolos
Lugo: Faladoiros da Memoria 2023, o 26 de outubro

Vinculada aos actos dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2023, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
FALADOIROS DA MEMORIA 2023
Homenaxe a Dorothé Schubarth
O acto celébrase no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 26 de outubro ás 19:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
Coa participación de:
– Branca Villares, música, cantante e recompiladora.
– Richi Casás, músico.
– Sergio de la Ossa, musicólogo, profesor e guitarrista.
– Germán Díaz – Peche Musical
– Presenta e modera: Lois Pérez
Outeiro de Rei: IX edición do Convivio da Cultura Galega, o 9 de xullo
San Alberte, Parga: Festa da Fala 2022
Actos expansivos 25 anos con Lois Pereiro
Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020
Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria (II)
O
27 de maio tivo lugar en Lugo a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, actividade que contou co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo. Estes Premios concédense a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Laudatio de Poldo Cañizo ás Pandeireteiras da Alén:
– Entrega do Premio Mestras da Memoria ás Pandeireteiras da Alén:
– Segunda intervención musical. Con Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado:
Crónica da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017
Sobre
130 persoas asistiron a un emotivo acto de entrega dos diplomas acreditativos de MESTRAS DA MEMORIA ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e do diploma de MESTRE DA MEMORIA a Serafín Mourelle Bugallo, da Coruña. Lamentabelmente non puidemos contar coa presenza das tres mullerres homenaxeadas: a idade, a distancia e algún problemas de saúde tiveron a culpa. Os seus respectivos recoñecementos foron recollidos por persoas das súas familias.
Ademais das persoas homenaxeados, interviron no acto:
- Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta
- Isidro Novo, escritor (vexa aquí o texto da súa laudatio a Serafín Mourelle)
- Poldo Cañizo, escritor (vexa aquí o texto da súa laudatio ás Pandeireteiras da Alén)
- Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG
- Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG (vexa aquí o texto da súa intervención)
A música correu a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado, e o mantedor do acto foi Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo)

Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto)

A AELG pretendeu facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», tivo lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo
O obxectivo principal da Gala foi a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.
Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o 27 de maio de 2017 se sumaron as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.
Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017
A
AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, na Avenida Alcalde Anxo López Pérez, 34 (como chegar). Esta actividade conta co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo
O obxectivo principal da Gala é a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
Ademais das persoas homenaxeadas, intervirán:
- Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta.
- Isidro Novo, escritor.
- Poldo Cañizo, escritor.
- Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG.
- Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
A música corre a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado.
Presentación: Antonio Reigosa.
Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo).
Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto).
O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.
Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o vindeiro sábado se engadiran as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.













