O Gaiás exhibirá obras de Francia, Alemaña e Portugal na mostra máis ambiciosa sobre a Xeración Nós, con máis de 300 pezas

Desde a Xunta de Galicia:
“A exposición Galicia, de Nós a nós reunirá en outubro na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles deste outono, no que conmemoramos o centenario da publicación da revista Nós. Chegarán a Galicia –para seren exhibidas no Museo Centro Gaiás– obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
Galicia de Nós a nós será a segunda gran exposición do Xacobeo 2021 –tras Galicia, un relato no mundo– e inaugurarase a comezos do mes de outubro, despois de que tivese que ser reprogramada a data inicial –prevista para esta primavera– polos efectos da crise sanitaria da covid-19. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participaron nunha reunión de traballo cos comisarios da exposición –o investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña– e coa directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
Na reunión foi presentada tamén a imaxe gráfica da exposición, realizada por Álvaro Valiño, un deseño que contribuirá ao obxectivo da mostra de refrescar e actualizar a imaxe e relevancia de figuras como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, coa ollada posta no público xeral e especialmente nas xeracións más novas. (…)
Con Galicia, de Nós a nós, a Xunta contribúe tamén a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades, especialmente galegas. En conxunto ceden obra para a exposición un total de 51 institucións –catro delas internacionais, dúas do resto de España e as restantes 45 de Galicia– e 8 prestadores privados. Entre as institucións galegas que contribúen á exposición atópanse a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial e Arqueolóxico de Ourense, as fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Penzol, as tres universidades galegas, o Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense ou a Catedral de Ourense, a Biblioteca de Galicia, entre outras.
Ademais, Galicia, de Nós a nós, tralo seu paso pola Cidade da Cultura –onde se poderá visitar entre o 2 de outubro de 2020 e o 17 de xaneiro de 2021–, poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), entre febreiro e abril de 2021, e no Museo de Pontevedra entre maio e xullo de 2021.”

Do 26 ao 28 de xuño, I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV)

I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV), do 26 ao 28 de xuño

“Despotismo do século XXI”, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Terra e tempo:
“Nestes días, a raíz dos debates que se están a producir no ámbito cultural, dei en repasar o tempo que me tocou vivir. Nese repaso, recalo nos anos 90, por suposto, naquel tempo colectivo en que a lingua o era todo e ao redor dela iamos construíndo coleccións, publicacións, recitais… Porque tiñamos unha urxencia e unha prioridade, a normalización do feito literario galego, algo que xa comezara con quen denominanos promoción dos 80.
Desde a distancia de hoxe, podemos ver que as autoras e autores nacidos nas décadas de 50 e 60, plenamente creativos no final do século XX, abrimos as portas a unha nova realidade cultural en que a creación en galego fose plenamente visíbel. E isto é así non só no ámbito literario, éo tamén no musical, no do deseño, no do teatro…
Aínda máis. Son xustamente estas xeracións nacidas a mediados do XX as que crearon as entidades que loitan e traballan pola nosa cultura, as que buscan canles e espazos, as que promoven e visibilizan as creadoras e creadores galegos.
E a pesar de todo isto, un cuarto de século máis tarde, permanecemos invisíbeis. E escollo conscientemente este termo para traer aquí a referencia á entrevista ao presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, en Nós diario. Unha entrevista que non é unha reportaxe máis, senón a voz das escritoras e os escritores galegos, o lugar en que se recolleron a diagnose e as reivindicacións que a AELG fixo neste período.
E afirmo, como integrante que son do seu consello directivo, que está a ser un período moi difícil. Difícil porque se multiplican as reunións virtuais de diferente tipo, porque a información se cruza e non sempre é doada de seguir, porque mentres resolvemos unha parte da oferta cultural galega, estamos afogados economicamente polas demoras na percepción de convenios e subvencións fiscalizadísimas, porque a parede á que nos diriximos é xustamente iso, un muro que dedica os seus esforzos a ser cada día menos franqueábel.
E rematamos por ser vítimas dos danos colaterais desta pandemia.Vítimas porque non é que sigamos a ser invisíbeis, é que procuran directamente borrarnos ao tempo que nos utilizan.
Vénme á cabeza agora as palabras do presidente da Xunta nunha desas sesións do mediodía que realiza en vivo e en directo. Dixo que tiña un plan de cultura consensuado con todos os sectores.
Case me caen os pratos que estaba a fregar. Pola sorpresa. Sorpresa polo que dicía. Sorpresa porque sabía que a AELG non fora consultada. Foron décimas de segundo. Dúas frases despois dixo que lle ían presentar o plan a todas as entidades nunha próxima reunión. E tan campante. Digo, digo; digo Diego. Que foi esa manobra? Alienación. Imposición. Democracia aparente.
Despotismo do século XXI, Nada para o pobo e sen o pobo.
E así, fan pasar por consensuado un plan cultural que non ten o seu fulcro na cultura galega. Unha plan cultural posto ao servizo dos “eixes de traballo estratéxico da Consellería de Cultura e Turismo”.
Mais, se non me engano, ese traballo estratéxico é incrementar o turismo e facelo a través do Xacobeo. A modernización e o envoltorio da vella táctica colonialista de vender o país a anacos en lugar de potenciar a súa riqueza.
Esaxero?
Xulguen. Na páxina 10 do documento “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” recóllense as oportunidades para a recuperación do sector cultural e turístico (o sintagma é sempre esta coordinación copulativa), son tres: o modelo turístico galego, o camiño de Santiago e o Xacobeo 21. A santísima trindade, tres oportunidades para un único obxectivo verdadeiro: o turismo.
A estratexia é converter cultura e turismo en sinónimos. Repetirano cantas veces sexa necesario, até que a sinonimia aniñe nas nosas cabezas e acabemos aceptando a desaparición da cultura, polo menos da cultura galega. E polo camiño crear un repositorio dun mínimo de 150 eventos culturais (un millón e medio de orzamento para proxectos que poden acadar os 10.000€) dos que a Consellaría se apropia impoñendo a cesión dos dereitos patrimoniais da propiedade intelectual. Madía leva, xusto unha das lacras contra as que temos loitado, tamén desde a entidade que a todas as persoas escritoras nos representa, a AELG.
Todo para a cultura (e turismo) e sen a cultura.
E todo isto filtrado por unha troika (tres persoas expertas) designada dixitalmente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Escribo. Utilizo a escrita para razoar e entender. E o único que saco en claro é a frustración de ver metendo as mans na nosa cultura aos mesmos que a negan e renuncian ao idioma que a pariu. Así que me vai nacendo nas entrañas a sensación de que esta é “a cidade da cultura” desta fin de década, a nova hipoteca que pagaremos cunha nova desfeita da nosa cultura. Outra herdanza envelenada.Tácticas do novo despotismo do século XXI.
Non esquezamos. A memoria é unha arma poderosa, necesaria cando nos convidan a exercer o noso dereito nas urnas. E as urnas tamén son nosas, tamén son a nosa ferramenta para pular pola cultura que queremos, galega e feita desde Galiza.”

Webinario profesional: “Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021”

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura e Turismo organiza este encontro dixital para presentarlle a:
– Profesionais autónomos
– Empresas e cooperativas
– Entidades privadas sen ánimo de lucro con persoal empregado
dos sectores cultural e/ou turístico de Galicia o novo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 incluído no “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” promovido pola Xunta de Galicia.
No encontro adiantaranse as principais liñas previstas nas bases para adquisición de produtos culturais, bens ou servizos, que configurarán un fondo de contidos creativos de interese lingüístico, cultural, artístico e turístico, así como os prazos de presentación de iniciativas por parte de autónomos e empresas pertencentes aos sectores cultural e turístico.
Participarán nel o conselleiro de Cultura e Turismo e os membros do Equipo Directivo da Consellería de Cultura e Turismo.
O webinario terá lugar o sábado 23 de maio, ás 11:30 h., a través da plataforma institucional para videoconferencias da Xunta, Cisco Webex.
Se vostede desexa participar deberá inscribirse facendo clic no seguinte botón.”