Arquivo da categoría: Encontros e Xornadas
Santiago de Compostela: V Xornadas de Literatura e Ensino. Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016)
As
V Xornadas de Literatura e Ensino levan o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), están organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). A coordinación corre a cargo de Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Carlos Negro Romero, vogal.
Santiago de Compostela (IES Fontiñas – Rúa Estocolmo, 5) –como chegar–
15 de outubro
*
Matrícula
Dende o 15 de setembro até o 13 de outubro en www.as-pg.gal.
Homologación
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 8 horas.
Prezos
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG.
Nesta V edición, baixo o título Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), apostamos por partillar un menú completo e equilibrado que alimente os tempos de lectura, ociosa e formativa, pairando a nosa ollada na cartografía literaria máis actual, aquela que actúa como imprescindíbel activo, lector e coeducador, na escola construtora da utopía do futuro.
Os obxectivos xerais desta edición son achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula, ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea, facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente e incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.
En 2011 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) abría unha nova porta, a Xornada de Literatura e Ensino, dentro da casa común que abeira o seu Espazo Didáctico, vinculada á necesaria reflexión sobre a relación comunicativa entre escola, literatura e pensamento/expresión creativa, que, desde perspectivas actuais, dinámicas e próximas á realidade vivencial do alumnado e mais do profesorado, reactualizase a pedagoxía da literatura de noso nas aulas.
Analizar o presente literario na escola, cada vez menos presente nos currículos escolares oficiais; adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos; concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado; reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura; partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e a mocidade, da man dos escritores e escritoras da literatura galega contemporánea ou valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa, foron algúns dos obxectivos que guiaron os pasos transitados nas sucesivas edicións das xornadas.
Programa
Café para tres
9:30 – 11:30
Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?
– Dolores Vilavedra
– Isaac Lourido
– Teresa Seara
Sesión vermú
11:30 – 13:30
Ficcións narrativas para conquistar novos públicos.
– Xosé Monteagudo
– Ledicia Costas
– Xosé Duncan
Sobremesa en acción
16:00 – 18:00
Obradoiros literarios con propostas de textos contemporáneos para as aulas
– Rosalía Fernández Rial (teatro / poesía)
– Antía Otero (poesía / videocreación)
– Francisco Castro (narrativa)
Hora da merenda
18:00 – 20:00
Que literatura galega nos piden os tempos?
– Camilo Franco
– Helena González
– Álex Alonso
*
Obxectivos
– Achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula.
– Ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea.
– Facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente.
– Incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.
Xornadas As Irmandades da Fala en Compostela, 2016
Isabel Mociño: “Faltan ferramentas que contribúan a levar as aulas a LIX de calidade”
Entrevista
a Isabel Mociño en Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores e Lingua Galega (AELG) organiza o ciclo de literatura infantil e xuvenil que leva por lema “Música e poesía desde a primeira infancia” e que comezará esta cuarta feira en Ourense. Conversamos con Isabel Mociño, profesora da Universidade de Vigo e coordinadora das xornadas.
(…) – Sermos Galiza (SG): Por que nacen estas xornadas?
. Isabel Mociño (IM): Desde que estou aquí [é profesora da Facultade de CC da Educación do Campus de Ourense] vin necesidade de que alumnado puidese coñecer de primeira man os autores e autoras que crean literatura infantil e xuvenil, que é quen vai ter que traballar no futuro como mestres e mestras. Percibo que existe pouco coñecemento en xeral que poida fornecer criterios para seleccionar obras coa que traballar nas escolas. Faltan ferramentas que contribúan a levar as aulas esa LIX que se publica e que ten tanta calidade literaria, e que, pola outra banda, moitas veces se ignora. Eu vexo sistematicamente que, ano tras ano, o alumnado chega a terceiro de carreira e non coñece nada: autores, obras… e ao cabo dun ano esas persoas van estar opositando para ser mestres.
– SG: Entón, cal é o obxectivo?
– IM: O obxectivo é que a partir dunha serie de autores e autoras o alumnado teña ideas para poder traballar a literatura infantil e xuvenil nas aulas. Nesta ocasión, con “Música e poesía desde a primeira infancia”, queremos que o alumnado coñeza obras de poesía, coleccións en que se combine poesía e música, como traballar eses materiais nas aulas, cal é a importancia de achegar a música e a poesía á infancia… O alumnado é quen actúa como mediador entre os produtores (os autores e autoras) e o destinatario principal (a infancia). (…)
– SG: Como é o estado de saúde da nosa literatura infantil e xuvenil?
– IM: En termos xerais, goza dun estado de saúde moi bo, mais hai algunhas feblezas. Seguimos tendo unha produción anual onde hai unha serie de autores e autoras moi destacados a nivel galego e internacional; segue habendo editoras que apostan e seguen innovando; segue habendo un papel da tradución moi importante ao achegársenos clásicos que é necesario ter en lingua galega… mais é importante ver que houbo un baixón moi importante a respeito da calidade da produción. Falo en xeral. Os autores consolidados seguen mantendo a calidade, pero hai moita produción para nenos que non ten unha calidade mínima, nin a nivel literario nin a nivel visual (todo o que ten a ver coa ilustración). E tamén me preocupa a visibilización da produción. Antes da crise había suplementos de xornais en papel que lle daban unha visibilidade moi importante á LIX, pero nos últimos anos foron desaparecendo todos. É realmente preocupante ver que algúns medios emigraron á rede e non sempre é fácil chegar á rede. É necesaria unha crítica máis ampla e pormenorizada que cribe máis a produción que chega ás librarías, que, pola outra banda, non sempre ten a literatura galega en lugares visíbeis. (…)”
O Pindo: V Simposium A memoria dos fuxidos, con Darío Xohán Cabana, Antón Dobao e Luís Lamela
Compostela: Xornada Kathleen March, ler como feminista, o xoves 27 de outubro
O xoves
27 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, terá lugar a Xornada Kathleen March, ler como feminista.
A inscrición pode facerse aquí.
Kathleen Nora March (Rochester, NY, 1949) é catedrática emérita de Español na University of Maine. En 1975 veu a Galiza para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio e aquí quedou prendida, galega por elección. Logo virían estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía, que nos ensinou a ler como a literata consciente que foi, en diálogo permanente co pensamento e coa literatura universal do seu tempo.
As súas traducións de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo son outra faceta dun traballo académico imprescindíbel, que axudou á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón.
Nos anos 80 fundou e presidiu a Galician Studies Association (a actual Asociación Internacional de Estudos Galegos), unha ferramenta para impulsar os estudos galegos na academia norteamericana, sentando as bases para a súa posterior expansión no ámbito internacional.
Coñecermos mellor o seu traballo e pór en valor os seus contributos son os obxectivos dunha xornada que pretende tamén proxectar cara ao futuro un legado intenso e vivo: o de Kathleen March, galega, feminista, universal.
As editoras reunidas no Galeusca en Valencia demandan plans integrais de fomento da lectura
“As
empresas editoras galegas, vascas e catalás, reunidas os días 16 e 17 de xuño no Galeusca de Valencia, demandan plans integrais de fomento da lectura nos que estean implicados todos os axentes sociais. Para os editores que formaron parte deste encontro, a escola, as familias, as bibliotecas e o sector do libro no seu conxunto deben participar de forma activa e responsable na implantación efectiva de hábitos de lectura.
De igual xeito, os representantes editoriais presentes na cita manifestaron a súa incerteza ante o novo modelo de negocio dixital malia que apostan por profundar en novas vías que garantan a sustentabilidade do mesmo.
Antes de rematar a xuntanza, os editores acordaron que sexa Galicia a sede do encontro Galeusca 2018 na que será a súa novena edición, unha cita que será organizada pola AGE coa colaboración da Associació d’Editors del Pais Valenciá, a Euskal Editoreen Elkartea e a Associació d’Editors en Llengua Catalana.
Coa redacción das conclusións pechouse un encontro que xa se consolida logo de 20 anos de reunións e debates conxuntos.
CONCLUSIÓNS GALEUSCA DE EDITORES 2016
Os editores en lingua catalá, galega e vasca, reuníronse no Centre do Carme de Valencia os días 16 e 17 de xuño no encontro GALEUSCA de editores, organizado pola Associació d ́Editors do País Valencià, en colaboración coa Asociación de Editores en Lingua Vasca, a Asociación de Editores en Lingua Catalá e a Asociación Galega de Editoras.
Ditas asociacións de editores agrupan a máis de 200 empresas editoras, cuxa produción anual supera os doce mil cincocentos títulos entre as tres linguas, valoran moi positivamente estes encontros e acordan as seguintes conclusións:
1. Posibilitar unha maior colaboración entre as empresas editoras, compartindo experiencias e estratexias, apostando pola calidade e a biodiversidade.
2. Manifestar a incerteza ante o actual modelo de negocio da edición dixital e profundar en novas vías que aposten pola sustentabilidade do mesmo, así como polos mecanismos que dean visibilidade á edición nas linguas cooficiais.
3. Manter a nosa responsabilidade como editores de achegar á sociedade contidos de máxima calidade, sexa cal for o seu soporte.
4. Instar novamente as administracións públicas á racionalización do IVE cultural e a adoptar medidas efectivas na loita pola defensa da propiedade intelectual e a erradicación da piratería.
5. Avaliación periódica dos modelos de préstamo dixital, solicitando ás administracións públicas que os recursos se destinen á compra de contidos.
6. Solicitase as administracións públicas que os programas de fomento do libro e a lectura conten coa corresponsabilidade e participación de todos os axentes sociais: familia, escola, sector do libro, bibliotecas, etc.
7. Establecer un maior diálogo e implicación de todos os sectores da cadea de valor do libro coas administracións públicas para implantar políticas culturais efectivas que poñan en valor o libro e a lectura como principais elementos dinamizadores dos procesos culturais. Ditas políticas deben materializarse na posta en marcha de plans estratéxicos dirixidos ao fomento ao lector e deben facer un especial fincapé na lectura en lingua propia, así como o desenvolvemento e aplicación da lexislación vixente as diferentes comunidades autónomas.”
A Asociación Galega de Editoras participa en Valencia no Encontro Galeusca
A
Asociación Galega de Editoras estará presente na vindeira edición do encontro bianual Galeusca que terá lugar na Aula Capitular do Centre del Carme, Valencia. Esta cita, que se celebrará o xoves e venres, días 16 e 17 de xuño, reunirá a editores vascos, cataláns, valenciáns e galegos entorno a cinco sesións de traballo nas que se abordarán distintos aspectos relacionados co mundo do libro e a lectura.
Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, será o encargado de afondar nos casos de acertos e fracaso na colaboración entre editoriais. Pola súa banda, Francisco Castro, da Editorial Galaxia, falará sobre promoción da lectura na segunda e derradeira xornada. Completará a representación galega no Galeusca Xosé Ballesteros, Presidente da AGE. Xuntos redactarán e aprobarán as conclusións dunhas xornadas nas que tamén se abordarán outros temas como o préstamo dixital bibliotecario ou as entidades de xestión de dereitos.
Barcelona: Foro Edita Barcelona, os 6, 7 e 8 de xullo
Os
días 6, 7 e 8 de xullo, o Gremi d’Editors de Catalunya e o Máster de Edición da Universitat Pompeu Fabra organizan o Foro Edita Barcelona, un encontro entre os profesionais do sector editorial e da universidade para compartir inquedanzas e retos desde unha perspectiva global e cun enfoque profesional e práctico.
Carral: Xornadas O Teatro de Manuel María, o 17 e 18 de xuño
A inscrición pode facerse aquí.









