Mondoñedo entrega os premios Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome 2022

Desde Xornal da Mariña:
“O XI premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro recaeu este ano en Xurxo Alonso García, residente en Vilagarcía de Arousa. O premio está convocado polo Concello de Mondoñedo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto de 100 orixinais recibidos. O traballo presentado pola gañador, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten como lema O Outro Lado.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Na ferradura interna do lóstrego, da que é autor Tito Pérez Pérez.
María Soledad García Riveiro acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra presentada baixo o rótulo Aposiopese.
A entrega do premio terá lugar o xoves, 8 de decembro segundo o seguinte programa:
12.30 horas; Recepción oficial no Cemiterio Vello e Ofrenda Floral ante a tumba do poeta.
13.00 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.

Alba Doval Rodríguez foi a gañadora do XXIII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo. O traballo presentado pola gañadora, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título A herba que crece sobre nós.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra Cando brotan no campo rebelións, da que é autor Ciro Fernández Briones (A Pobra do Caramiñal, 1996).
Clara Vidal López acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Os Caracois Alpinistas.

A entrega do Premio terá lugar o sábado, día 10 de decembro segundo o seguinte programa:
Ás 12.15 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
Ás 12.30 horas; Entrega de Premios do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome no Salón de Plenos do Concello.”

Fallo do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba

Desde CulturaliaGZ:
“O pasado venres, 11 de novembro, celebrouse a xuntanza do xurado do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ e a Xunta de Galicia, e acordou conceder por maioría de votos o seguinte fallo:
1º Premio: Cartografía dos tránsitos, de Maurizio Polsinelli.
2º Premio: Caeiro, de María Mercedes Rodríguez Bolaño.
Da obra gañadora, Cartografía dos tránsitos, o xurado salientou que se trata dun traballo artesanal da palabra poética, dentro dunha proposta desenvolvida con técnica e elegancia. Ademais de destacar a súa riqueza en recursos expresivos e referencias cultas e evocadoras, acaídas con moi acertada habilidade. Estruturalmente equilibrado e cunha excelente musicalidade.
De Caeiro citou a súa plasticidade e emprego de imaxes poderosas. En ocasións presenta un ritmo sincopado, e unha contención que evita a saturación ornamental, cunha forza metafórica suxestiva.
O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, artista multidisciplinar; Andrea Fernández Maneiro, escritora e gañadora da pasada edición do certame; Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario; Beatriz Dourado, escritora e profesora, e Xosé Otero Canto, escritor e profesor.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro, ás 18:00 h. no local social de Pino, onde previamente, ás 17:00 h., se realizará a inauguración da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino.”

Diana Kurich recibiu o XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas nunha emotiva Cea das Letras

Desde Que pasa na Costa:
“Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento culural promovido pola Asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. Máis dunha trintena de persoas asistiron á entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi Feitas ao sisel, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra Corpo nómade, de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro Persistencia da música en novembro, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Raíña Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.”

Javier Rodríguez González gaña o XIV premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o xurado do XIV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Marica Campo, Oriana Méndez e Arancha Nogueira, gañadora da edición anterior; así como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, en nome do IEM, resolve por maioría que o libro gañador desta XIV edición sexa o presentado co título Xeración (Breve tratado de males inespecíficos), que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Javier Rodríguez González.
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma, chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro. O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas As palabras do sur, 831-urb, Para a misa do can esta torsión e Porque a noite é longa e é a noite.”

Gisela Mato Rivera obtén a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

“Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, obtivo a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades, de entre 74 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio. (…)
O xurado deste ano estivo composto por: Tamara Andrés, Oriana Méndez e Sara Plaza.”

Advertencias para un traxecto boreal, de Natalia Alonso Ramos, gaña o III Premio de Poesía Filomena Dato

Desde A Coruña na rede:
“Natalia Alonso Ramos resultou gañadora do III Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo co poemario Advertencias para un traxecto boreal. O xurado valorou do texto “o traballo coa linguaxe, a pericia no uso dos adxectivos, a promesa desde o primeiro poema e a ofrenda de imaxes de grande potencia poética e cheas de contido, a tenrura e a perspicacia”.
O Salón de Plenos da Casa do Concello de Bergondo acolleu a deliberación do xurado que estivo composto por: Alejandra Pérez Máquez, presidenta; e Elvira Ribeiro Tobío, Tamara Andrés Padín e Dores Tembrás como vogais.
O certame de poesía Filomena Dato pretende asentarse no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega. (…)
O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros. A maiores, o poemario ganador pasará a ser publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía. (…)”

Beatriz Dourado gaña o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Desde Somos Comarca:
“«Beatriz Dourado naceu en Barcelona pero é de Lugo, porque os de Lugo nacen onde queren». Así introducía Anxo Baranga —o conductor da gala do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán— á que despois se revelaría como a gañadora do certame deste 2022. O seu poema, Ancorar toda esta auga, foi o escollido polo xurado entre as máis de cento setenta propostas recibidas.
A entrega do galardón estivo a cargo de Emilio Vega, o único membro do xurado que onte estaba presente no Teatro Lauro Olmo do Barco. Os cinco restantes, non acudiron por diferentes circunstancias e mandaron vídeos celebrando que existise o certame e saudando ao público e aos finalistas. Entre eles, tamén faltaron dous ao evento, Fran Fernández Davila, a quen representou un amigo no acto, e Lois Pérez.
Estas ausencias arrancaron as bromas de Baranga, quen tirou de retranca convidando aos presentes a apostar: «O seguinte veu ou non? Que credes?». En todo caso, quen si estivo foron a premiada, Beatriz Dourado e as outras dúas finalistas, Ana Barja e Patricia Carballal, que tamén leron os seus poemas no escenario e recibiron o trofeo de finalista co rostro de Florencio de mans dos alcaldes da comarca, do Instituto de Estudos Valdeorreses e da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo.
Ademais da creación poética contemporánea, a outra protagonista da velada foi a comunidade educativa, moi activa neste ano de Florencio e a quen se lle quixo recoñecer a súa implicación na promoción das Letras dándolle un lugar especial no acto. (…)