I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV), do 26 ao 28 de xuño

Boiro: presentación de Selected Poems/Poemas escollidos, de Douglas Dunn, o 12 de xuño

Debido ás medidas preventivas polo COVID-19, o aforo é para 80 persoas e cómpre confirmar asistencia ao acto para reservar asento. Podes confirmar a túa reserva neste correo: pastor@barbantia.es antes das 19:00 h do venres, 12 de xuño.

Foros #Aculturasegue: “Os retos do sector do libro na era post Covid-19”

“Rinoceronte e Turner son, respectivamente, a primeira editora especializada en tradución ao galego e unha das máis renomeadas editoriais en lingua española de libros de ensaio, arte e outras materias de non ficción, cunha exquisita factura que lles ten valido o calificativo de “a elegancia feita libro”. Dúas formas de entender o mundo editorial que o xoves 4 de xuño ás 17:00 horas nos achegan a súa visión sobre os desafíos do sector ante as consecuencias da covid-19.
No cuarto webinario dos foros #aculturasegue, conducido polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, vas poder escoitar as reflexións de Anxa Correa e Santiago Fernández de Caleya e trasladarlles as túas inquedanzas.
Conéctate á videoconferencia, de balde e sen rexistro previo, na web da Cidade da Cultura.
Organiza: Xunta de Galicia | Cidade da Cultura de Galicia | No marco do Xacobeo 2021″

Eduard Velasco le un fragmento da súa tradución de Palabras de Opoton o Vello, de Avel.lí Artís-Gener

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento da tradución de Palabras de Opoton o Vello, de Avel.lí Artís-Gener, por parte de Eduard Velasco, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Chus Pato, Manuel Rivas, Luz Pozo: poetas galegas no portal internacional ‘Asymptote’

Desde Nós Diario:
“Escritoras recoñecidas como Chus Pato, Luz Pozo ou Manuel Rivas conforman unha selección de autoras e autores galegos entre os que tamén figuran algunhas voces máis novas da literatura galega. É o caso de Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo.
As súas obras, traducidas ao inglés, pódense consultar no portal internacional de poesía Asymptote, coa colaboración do Consello da Cultura Galega.
Baixo a etiqueta Galician Poetry Feature e a coordinación do tradutor Jacob Rogers, a entidade cultural destaca que coa achega destas escritoras o sitio web “ofrece una mostra ampla de temas, contidos e estilos que amosan a riqueza” da poesía galega.
O Consello da Cultura salienta, ademais, que Asymptote é un dos espazos en liña “de referencia mundial” da literatura de tradución, nun momento de incremento da lectura en soportes dixitais. Trátase dun escaparate mundial de novas traducións que conta con cinco millóns de seguidores. Desde su creación, en 2011, a web recompila obras de 121 países en 103 idiomas diferentes.
Na mesma plataforma, á escolma das escritoras galegas súmase tamén a tradución ao inglés dos poemas de autores como Kathleen March, Erin Moure, Jonathan Dunne ou o propio Jacob Rogers.”

Raúl Gómez Pato le un poema de Robert Burns traducido por el

Desde a AELG recollemos a lectura dun poema de Robert Burns, traducido por Raúl Gómez Pato, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Lecturas fantásticas para o confinamento

“En Urco Editora sempre pensamos que a apocalipse tería máis que ver con zombis, coches a reacción feitos de entullo, ou plans secretos para abandonar este mundo e colonizar os satélites dos xigantes gasosos.
Porén, como nos tocou vivir esta praga caracterizada polas longas horas de feche, queremos achegar un pequeno gran de area para que todas pasemos estes tempos escuros o mellor posíbel.
Por iso, en colaboración co departamento de deseño de Sacauntos Cooperativa Gráfica decidimos ir “liberando” algúns dos nosos textos máis senlleiros en forma de ebooks de balde que podedes descargar desde o noso web.
Polo momento están dispoñíbeis os seguintes dous:
“A cidade sen nome”, de H.P. Lovecraft, publicado no volume 1 da nosa Biblioteca Lovecraft.
http://urcoeditora.com/titulos/a-chamada-de-cthulhu-e-outros-contos-de-terror-cosmico/
“A pedra negra”, de Robert E. Howard, publicado no volume Relatos de terror sobrenatural.
http://urcoeditora.com/titulos/relatos-de-terror-sobrenatural-segunda-edicion/
Prestade atención ás redes sociais, pois iremos publicando máis a medida que pasen os días.
Como non, todos eles están publicados baixo licenzas libres que permiten a súa difusión e lectura. Daquela xa sabedes, sentídevos libres de espallalos pola rede de redes!”

Estíbaliz Espinosa le un poema traducido de Wislawa Szymborska

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Estíbaliz Espinosa dun poema traducido de Wislawa Szymborska, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Á caza do bestseller galego

Desde La Voz de Galicia:
“A diferenza pódese ensinar cos dedos dunha man. Se hai dez anos servían para contar os nomes de escritoras e escritores galegos de narrativa traducidos con éxito ao castelán, hoxe as dez falanxes non chegan. Ao grupo das firmas consolidadas, Manuel Rivas e Domingo Villar entre eles, hai que engadir fenómenos emerxentes, coma o de Inma López Silva ou Arantza Portabales, dúas apostas de Lumen, unha das marcas do xigante Random House, que tamén fichou a Pedro Feijoo con Ediciones B. Mentres, o Grupo Planeta fixo o propio con Ledicia Costas. Carlos Meixide, Diego Ameixeiras, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello, María Xosé Porteiro, Begoña Caamaño, Xesús Fraga -que publicará este ano a tradución ao castelán do seu Premio Blanco Amor, Virtudes (e misterios), en Xordica-, María Solar ou Manuel Gago son outros dos autores que van abrindo camiño. Nesta exportación da cultura galega mesmo a poesía agasalla unha das últimas alegrías. A protagonizada por Ismael Ramos, cuxa versión en castelán de Lumes (Apiario), Fuegos (La bella Varsovia), foi premiada este 2020 polas librerías independentes españolas. As letras galegas están de moda, será esta pasaxeira?
«Non é unha sensación, é un dato que se pode constatar na axencia española da base de datos do ISBN», responde Francisco Castro. O director xeral de Galaxia participa deste boom. Este 2020 publicou en galego, castelán, catalán e vasco Tantos anos de silencio. Algo que nunca sucedera cun título orixinal de narrativa en galego. (…)
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coinciden na relevancia das últimas traducións, pero o seu presidente, Cesáreo Sánchez, matiza ao respecto: «Está a haber máis traducións de libros galegos ao castelán e a outros idiomas cualitativamente importantes. Cuantitativamente, creo que aínda non son os que unha literatura, coa capacidade e a fortaleza creadora como a galega, debera ter».
O apoio institucional, máis forte en literaturas como a catalá, é unha das eivas que apunta Sánchez: «Merecemos que as nosas editoras teñan todo o necesario para internacionalizar a obra dos nosos escritores. Máis que ingresos cuantitativamente importantes, significan o recoñecemento da necesaria profesionalización do sector». Ademais, hai outro punto positivo: «Este non é un camiño só de ida, tamén trae retorno. As traducións sempre conlevan visibilidade social e cultural». (…)”