Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 22 de xullo

O 22 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 12:00 a 14:00 horas, e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Acto de inauguración. Pregón a cargo de Montse Fajardo.
18:30 h. Montse Fajardo asina A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, publicada polo Concello de Pontevedra.
20:30 h. Arantza Portabales asina A vida secreta de Úrsula Bas, publicado por Galaxia.
21:30 h. José Carou Rey asina Hemisferio auga, publicado por Medulia.

Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 22 de xullo

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 22 de xullo:
Tarde 18:30
Abracadáver, de AsSircópatas
Duración: 45 minutos
Idade recomendada para todos os públicos
Volve Rogelio, cun espectáculo desde a súa casa. Unha cura colectiva para perder o medo. Unha terapia de choque. Cos números de circo máis terroríficos que xamais se viron e que nos porán os pelos de punta. Malabares, faquirismo, acordeón, equilibrios e moitas sorpresas máis non aptas para cardíacos.

Tardiña 21:00
Vigo-Xinzo-Lalín-extravío
Chus Pato, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón e Leo Arremecághona
Cómpre transitar o verso como unha estrada do mar, unha pista forestal, a segunda vía. Apartarse do camiño na procura da promesa, coma situacionistas de Debord. Chus Pato, unha das voces fundamentais e de máis percorrido internacional da poesía galega contemporánea, a poética críptica e exploratoria de Oriana Méndez e o ensamble de versos con ecos do Delta de Matamá: a reivindicación do rural coa poesía lúcida de Xabier Xil Xardón e a transgresión rebelde do Leo Arremecághona. Extravío para respirar.”

Antonio Tizón: “Pretendo desmontar a imaxe que relaciona aos enfermos mentais con actos violentos”

Entrevista a Antonio Tizón en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Aborda a investigación dun crime onde o asasinato non é o centro da trama. É unha revisión do xénero de novela negra?
– Antonio Tizón (AT): Fálase das novelas muleta porque é unha mestura do policial con outros xéneros literarios. Os Incurábeis é a novela máis convencional da saga; na segunda, Un home estraño, hai dous narradores distintos e un apéndice de 73 páxinas coas cancións dun dos personaxes, un cantautor de rúa. Máis que policial, eu considéroas novelas sociais, onde a intriga funciona moi ben, con varios sospeitosos. O aspecto gastronómico é moi importante, na última novela saen mencionados máis de 40 restaurantes reais.
– AD: A enfermidade mental, unha constante na saga, tamén aparece nesta última publicación.
– AT: A abordar as doenzas mentais é moi importante para min. É un compromiso persoal. Eu padezo trastorno bipolar e quero dalo a coñecer a través destas cinco novelas. A primeira ten moito de autobiográfica pero non me deu para explicar todo que quería polo que o repartín en cinco entregas. Moitas veces se crean estereotipos dos enfermos mentais en relación cos actos violentos, eu pretendo desmontar esa imaxe. Son doenzas que aínda que non teñen cura, si contan cun tratamento farmacolóxico coa que se pode levar unha vida normal.
– AD: En Os Incurábeis retrocede ata 2001 para situar a trama no 11-S. Como o xustifica?
– AT: Cada novela ten un marco histórico concreto. A partir do 11-S, Aznar, Bush e Blair concebiron o termo de guerra preventiva, nesta novela levo ese concepto á mundo da psiquiatría, que pasaría se se tomasen esas medidas? Nese contexto abordo o tema da eutanasia. O último capítulo acaba en 2004 para enlazar coa seguinte novela, contextualizado no 11-M co tema da vinganza. As cinco son novelas, aínda que se complementan, son independentes. (…)”