O 9 de outubro, ás 19:30 horas, no Hotel Bahía de Baiona preséntase o libro Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona. Delimitación do seu conxunto histórico, de María Paz Sáez Pérez e Ana Simóns Sánchez, publicado por Edicións Fervenza. No acto participa, xunto ás autoras, Valentín García.
A novela Eternity, de Xosé Monteagudo, é a gañadora do XV Premio Repsol
Desde Galaxia:
“A obra Eternity, de Xosé Monteagudo, resultou gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o voceiro do xurado, Xavier Senín, na sede da Real Academia Galega na Coruña
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades participantes do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas, como son, a escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou no acto que “Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen: “As historias de vida enfíanse construíndo unha estrutura narrativa complexa, adquirindo un atractivo e engado de seu, pero integrándose na globalidade dunha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital”. (…)”
Vigo: presentación de O cemiterio de barcos, de Francisco Castro
Vigo: presentación de Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo, de Alberte Blanco Casal
Compostela: táboa redonda sobre O escudo do Reino de Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional, de Héitor Picallo
Allariz: presentación de Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, de Narciso de Gabriel
Berdoias, Vimianzo: presentación de libros do Colectivo A Rula
Ferrol, Vilagarcía e A Coruña: presentacións de Aldara. A lenda do cervo branco, de Inés Vázquez
Lugo: Letra das Festas. San Froilán 2021 (Revista oral do San Froilán)
Chega unha nova edición da Letra das Festas. San Froilán 2021 (Revista oral do San Froilán) é unha actividade da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, baixo o título de San Froilán En-foco. Memoria das festas tras o visor dunha cámara fotográfica.
Terá lugar o mércores 6 de outubro, ás 18:30 horas, no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada é de balde até completar capacidade.
Proxección de imaxes comentadas por:
– Pepe Álvez
– Óscar Cela
– Eduardo Ochoa
– Adra Pallón
– Bego Pérez
– César Quijada
– Aída Soengas
Ambientación musical:
– Luís Monsalve
Coordinación e presentación:
– Lois Pérez
– Antonio Reigosa
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Para ler (n)un mundo sustentábel, con Xabier Domínguez e Alba de Evan, o 6 de outubro
A AELG colabora co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Para ler (n)un mundo sustentábel ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).
Desenvolverase os mércores 6, 13, 20 e 27 de outubro, sempre ás 17:00 horas, na propia Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. A capacidade do espazo está limitada a 100 persoas, polo que as persoas interesadas na actividade deben inscribirse previamente cubrindo un formulario, ao que se pode acceder nesta ligazón ou ben a través do pdf interactivo das Xornadas.
Os obxectivos do Ciclo son:
– Dar a coñecer estratexias, recursos e ferramentas para achegar os principios da sustentabilidade a través da literatura á infancia e adolescencia.
– Divulgar experiencias e producións de Literatura Infantil e Xuvenil galega da man das propias creadoras/es (autoras/es, ilustradoras/es).
– Reforzar as carencias dos currículos académicos en materias específicas para o traballo coa literatura infantil e xuvenil na etapa da Educación Infantil e Primaria.
– Desenvolver coloquios/conversas coas creadoras/es participantes (autoras/es textuais, da ilustración, escenógrafas/os, directoras/os…) para contrastar as liñas de creación das persoas participantes coa percepción que os/as usuarios-as/consumidores-as teñen da súa produción.
– Valorar as potencialidades da lectura e da literatura infantil e xuvenil e as súas múltiples dimensións na práctica docente e na formación da infancia, en particular na toma de consciencia sobre a sustentabilidade.
– Tomar conciencia entre o alumnado, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer a literatura para os máis novos, saber recomendar as obras de calidade e, sobre todo, aquelas que promovan valores en positivo, como os da sustentabilidade.
– Valorar o papel dos/as docentes e a escola como dinamizadores, programadores e normalizadores dunha cultura da sustentabilidade.
O programa previsto é o seguinte:
6 de outubro
Xabier Domínguez e Alba de Evan
Gozar e aprender. Salvar o mundo a través da LIX
13 de outubro
Ramón Caride
Onde sustentamos as nosas ficcións? (Ciencia, tradición e actualidade na miña obra)
20 de outubro
Andrea Maceiras
Palabras para o mundo verde
27 de outubro
Federico Fernández
Tecnoloxía arcaica