Carlos Callón: “O activista que loita coas palabras”

EntrevistaCarlos Callón a Carlos Callón en La Voz de Galicia:
“(…) Para tratar de orientar ou axudar a aquelas persoas interesadas en vivir en galego, Carlos Callón publicou tres ensaios sobre o idioma: En castellano no hay problema; Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. O ribeirense refírese a este último coma o seu pequeno best seller e razón non lle falta. Tal é a demanda que rexistra esta obra que está a piques de saír a quinta edición.
A maiores, Callón ten outros tres libros publicados: Unha historia que nos pertence, que é un ensaio sobre a figura do poeta Lorenzo Varela; Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, obra que conta cos premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias; e Atravesar o fantasma, unha compilación de poemas que veu a luz a finais do ano pasado e da que se está a preparar unha exposición para o seu lanzamento.
Nesta batalla, na literaria, é na que o ribeirense quere seguir lidando a partir de agora: «Quero dedicarlle tempo a proxectos que levan moito tempo aparcados». Seguirá, como non, defendendo o idioma e a cultura de Galicia, aínda que descarta facelo desde un escano que non sexa o que emprega para escribir.”

Radiocrítica do 22-12-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 22 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López das obras de Álvaro Cunqueiro El año del cometa, Vida y fugas de Fanto Fantini e Flores del año mil y pico de ave (00:50); de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón (6:40), da Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (11:00) e de Ícaro, de Federico Delicado (16:25).

Pódese escoitar directamente aquí.

Taboleiro do libro galego XXIX (decembro 2014), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un mes máis, e un ano máis, velaquí o primeiro “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros de noso máis vendidos, neste caso no pasado mes de decembro, mercé á puntual e xenerosa colaboración dun total de trece librarías galegas como son Trama, Paz, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Pedreira, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith. Grazas ás librarías colaboradoras, ás editoriais que fan posible estes libros e, por suposto, ás creadoras e creadores que os conciben e nolos ofrecen.

NARRATIVA
1º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
2º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
3º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
6º-. Conduce rápido, de Diego Ameixeiras, Xerais.
7º-. Hostal Norte, de Xosé Duncan (ilustracións de José María Picón), Urco.

POESÍA
-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
2º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Tempo de exilio, de Joseba Sarrioinaindia, Faktoría K de Libros (tradución de Isaac Xubín).
5º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.

ENSAIO-TEATRO
-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora.
2º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
3º-. Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena, Xerais.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.

XUVENIL
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Xerais.
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais.
-. Os megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Chema Heras (e ilustracións de Kiko Dasilva), Kalandraka.
-. Antón e o Apalpador, Barafunda Animación.

LIBROS CD-DVD
-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. Cocido sinfónico, de Os tres TENedORES, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Historias de Icía e Avoa (condensadas), de Sabela Arias Castro, Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos.
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

OUTROS
1º-. Calendario Xerais 2015 (Xerais) e Luzes, nº 12, novembro 2014.
2º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.

Compostela: conversa de Yolanda Castaño con Carlos Callón arredor de A segunda lingua

O Yolanda Castaño foto YC A segunda lingua (por Pedro Castro)martes 23 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conversa de Yolanda Castaño con Carlos Callón arredor de A segunda lingua, co gallo da publicación da edición bilingüe da obra en Visor Libros. A foto da autora é de Pedro Castro.

Entrevista a Carlos Callón en Sen sentidiño

EntrevistaCarlos Callón a Carlos Callón en Sen sentidiño:
“(…) – Sen sentidiño (S): ¿Se tiveses 80 anos, que lles dirías aos nenos?
– Carlos Callón (CC): “Cando eu era pequeno, na miña parroquia todos os nenos menos un falaban en galego. De vós depende que esta lingua en que vos falo non se perda.” Sería un avó pesado con cousas coma esa.
– S: ¿Madrugarías un domingo para deixarte corromper por un político con un ramo de tulipas?
– CC: Non me recoñecería a min mesmo se fixese tal cousa.
– S: Carlos acaba de publicar un libro de poesía titulado Atravesar o fantasma que edita Xerais: “Agora estou a mirar algúns pequenos proxectos culturais relacionados co libro, sobre todo unha exposición de fotografías e uns videopoemas. Estou moi contento e moi agradecido coa resposta que estou a recibir. Ademais, continúo a apoiar como activista o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística. As persoas que lean isto e que amen o galego, que non dubiden en se afiliar canto antes, pois fai falta que lle deamos forza aos movementos sociais en defensa do noso idioma”.”

Taboleiro do libro galego XXVIII (novembro 2014), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos que gozaron dunha maior aceptación ao longo do pasado mes de novembro. A miña gratitude á ducia de librarías colaboradoras nesta ocasión:  Trama, Paz,  Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda,  Biblos,  Andel,  Cartabón,  Libros para soñar, Pedreira, Aira das Letras e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais; e Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
2º-. Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, Xerais.
3º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
4º-. A vinganza do defunto, de Carlos G. Reigosa, Xerais.
5º-. Somnámbulos, de Suso de Toro, Xerais.
6º-. Hostal Norte, de Xosé Duncan (ilustracións de José María Picón), Urco.

POESÍA
-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
2º-. Anamnese, de Eli Ríos, Sotelo Blanco.
3º-.Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
4º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-.Textículos dramáticos e posdramáticos, de Afonso Becerra de Becerreá, Laiovento.
2º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
3º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.

XUVENIL
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, Xerais.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Xerais.
-. Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey, Xerais.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. A casa da mosca chosca, de Eva Mejuto, Kalandraka.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. CoraSons, Kalandraka
4º-. Té, chocolate, café, de Golfiños, Gestión Cultural.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

OUTROS
1º-. Calendario Xerais 2015 (Xerais) e Luzes, nº 11, outubro 2014.
2º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.

Carlos Callón: “A poesía tenta expresar o que a linguaxe non pode”

EntrevistaCarlos Callón de Carme Vidal a Carlos Callón en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Despois de varios libros de ensaio e investigación sorprende cun título de poesía [Atravesar o fantasma], xénero maiormente iniciático. A que se debe darse agora a coñecer como poeta?
– Carlos Callón (CC): Estas semanas deume por pensar as razóns de que ensaio e poesía sexa o que máis escribo. A resposta que me din a min mesmo é que a través dos dous xéneros busco un saber novo e en parte unha verdade. No ensaio esa verdade preséntase como obxectiva, co semblante do investigador ou do ensaísta combatente na defensa da lingua. Mais hai outro novo saber, unha nova verdade no caso da poesía que descubro ao facer este libro, máis subxectiva, no que está o poeta e as súas cousas. Por que agora? Nas cinco partes que ten o libro hai poemarios embrionarios e que foron no seu momento proxectos de libro no meu computador mais nunca dei o paso de publicalos. Agora estou satisfeito de ter tardado. O resultado global é o que quería transmitir. Recoñézome neste libro e síntome afortunado porque desde que existe o proxecto de libro até que se publica demorou só un ano cando agora é moi difícil que iso aconteza. Non me forzo a publicar e só o fago cando estou convencido. Que ninguén se sorprenda se é o único poemario que publico na miña vida aínda que, claro está, poden vir máis. (…)
– SG: Do que se trata entón é de literaturizar “o medo para afrontalo e vencelo” como di nun dos seus versos?
– CC: A poesía pode servir para afrontar o medo que todos temos. É certo. Pode ser que esta sexa a explicación de por que escribo poesía. Medo en todos os sentidos da palabra. Medo primario, ao abandono, á perda daquilo que nos sostén na vida, mais tamén a como afrontar a sexualidade, que non é fácil para ninguén.
– SG: Ademais dese trasfondo tan presente da psicanálise, anímase a descubrir os seus referentes na poesía?
– CC: Na sexualidade bebo claramente das mulleres dos noventa que conseguiron romper cunha tradición literaria, o que case nunca se fai. Como nomes citaría a Yolanda Castaño, Lupe Gómez ou Antón Lopo que me fascinan e aos que lle debo moito. Os tres abriron vías novas e foron criticados con certo moralismo aínda que cada día son máis valorados. As súas figuras gañan peso e eu estou certo de que continuarán gañando. Son atrevidos e tamén auténticos. (…)”

Viveiro: conferencia Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, por Carlos Callón

ACarlos Callón quinta feira 6 de novembro, ás 20:30 horas, no andar baixo da Biblioteca Municipal de Viveiro (Praza Maior), terá lugar unha conferencia baixo o título Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, impartida por Carlos Callón, autor do libro homónimo, publicado en Xerais. O acto está organizado polo Colectivo Pensamento e Sementeira.

Cuestionario Proust: Carlos Callón

DesdeCarlos Callón o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Callón:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sempre é difícil responder estas cousas. Supoño que certo optimismo que tenta estar advertido.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Como universal, a cordialidade. Canto máis próximas as persoas, máis agradezo tamén a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Das amigas e dos amigos, comprensión, apoio (aínda que sexa crítico) e confianza. Das amizades, a cordialidade xa dita e algo de compañía mutua.
4.– A súa principal eiva?
– Seica dicía Cunqueiro que os galegos temos un sentido árabe do tempo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Entusiásmanme os pequenos traballos intelectuais en que a curiosidade carbura a plena potencia. Ademais, gusto de lle dar á cabeza por volta da intervención social nas causas en que estou máis implicado.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Desentronar a felicidade como ideal e orientarme polo desexo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non poder buscarlle un sentido á vida. Por exemplo, pola perda das persoas que amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Chegar de pleno ás miñas vocacións sería abondo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, con mellores condicións. Gusto tamén da idea de pasar un tempiño de xeito en varios lugares de Francia e Italia, porén regresando aquí.
10.– A súa cor favorita?
– Talvez a verde clara.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os campos de chuchameles son tan evocadores!
12.– O paxaro que prefire?
– Estou entre os periquitos e as píllaras.
13.– A súa devoción na prosa?
– Castelao, Cunqueiro, Marguerite Yourcenar, Borges, Pascal Quignard, Antón Lopo… Se hai que escoller un nome, hoxe diría… Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Lupe Gómez, Benedetti, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, Rosalía, Pessoa, o trobadorismo galego, Fermín Bouza Brey… Non, non podo escoller un. Xa bastante é non pasarme citando, he he he.
15.– Un libro?
– O que máis veces lin e relín desde a puberdade até hoxe é Follas Novas. Un clásico dos que palpitan, aínda que hai quen o preferiría momificado.
16.– Un heroe de ficción?
– Estou entre o magnífico Hadriano que nos retrata Yourcenar e o Neville Longbottom da saga de Harry Potter (defendo que el debería ser o verdadeiro protagonista).
17.– Unha heroína?
– Tamén estou entre dúas respostas: ou a viúva do Eleuterio das Cousas de Castelao ou calquera das mulleres afoutas a quen dá voz Rosalía.
18.– A súa música favorita?
– No meu carro os que máis están a soar nos últimos meses son Stromae, Caxade e Els Amics de les Arts. Miña nai dicía de min de pequeno: “a Carlos na música gústalle de todo”. Pois iso.
19.– Na pintura?
– Atrápame O neno das piñas de Castelao e podo pasar horas mirando reproducións de miniaturas medievais.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Daniel Castelao. O seu papel no exilio para que permanecesen vivas as reivindicacións nacionais galegas –non só fronte á destrución fascista, senón tamén ante a incomprensión e os paus nas rodas do republicanismo español e do piñeirismo– é un testemuño que nunca deberiamos esquecer.
21.– O seu nome favorito?
– Éme moi difícil seleccionar un. Vénme á cabeza o hipocorístico Porfica, que era como lle chamaban a unha das avoas da miña queridísima avoa Pepa (ou sexa, que era miña tataravoa). Porfica fai serie con moitos nomes familiares de noso que non deberían esmorecer, como Lela, Carmucha, Mingos, etc.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Supoño que, coma todos, aqueles en que vexo reflectido algo de min que me desagrada. Por dicir algo en que claramente non estou metido: non aturo a xente que fai ruído no cinema.
23.– O que máis odia?
– A crueldade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Moitas do pasado e do presente. Polas súas fondas ramificacións nos nosos días direi o repugnante nome de Francisco Franco Bahamonde.
25.– Un feito militar que admire?
– A perseveranza da guerrilla galega, que batallou contra o franquismo canto puido, mais sen ter o apoio exterior con que contaron as resistencias antifascistas doutros países.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O canto, mais acaparou miña irmá toda a capacidade melódica da familia, e o do debuxo, mais iso repartírono entre todos os meus irmáns precedentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Como Emiel Pauwels: con 95 anos, preparado para recibir a eutanasia após darlle á champaña coa xente que amo. Supoño que hai niso tamén algo da ansia de Hadriano: saber despedirse, entrar na morte cos ollos abertos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Talvez enérxico.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Remítome á resposta vinte e dúas e doulle a volta. Por continuar no mesmo exemplo, son indulxente coa xente que por fin para e che deixa ver o resto do filme en paz.
30.– Un lema na súa vida?
– A frase de Lacan que máis ecoa en min nos últimos tempos é que un só pode sentirse culpábel de traizoar o seu desexo. Se se matinar algo nela, verase que hai aí un compromiso ético que se alicerza no individual mais que o trascende.”