Lugo: presentación de Un niño no xardín, de Xoán Neira

O venres 29 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Un niño no xardín, de Xoán Neira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado e Xosé Miranda.

Elena Gallego Abad: “Convivir tres anos cun dragón non resulta doado”

Entrevista a Elena Gallego en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“- Diario de Pontevedra (DdP): Vén de publicar con Xerais Dragal III. Canto madurou a triloxía?
– Elena Gallego (EG): Agardo que o suficiente para sorprender e conquistar aos lectores que xa se atreveron a mergullarse nas páxinas de Dragal I e baixar ás catacumbas de Dragal II. Coido que a Fraternidade do Dragón é un libro máis trepidante, máis completo. Dará resposta a moitas das cuestións que os seus personaxes deixaron pendentes de resolver… Pero tamén haberá sorpresas!
– DdP: A disciplina de libro por ano non parece fácil.
– EG: Convivir tres anos cun dragón non resulta nada doado, aínda que se trate dun ser fantástico como Dragal. Crear o seu universo levoume un traballo de documentación ao que dediquei máis horas que ao propio proceso de escribir. O maior reto partiu da miña premisa de situar a historia na Galicia actual e conectala coa nosa historia esquecida e as nosas tradicións. Se o mesmo Códice Calixtino recolle a existencia dun dragón no noso país, por que non imos aproveitalo para facer a nosa propia ficción?
– DdP: Verémola no futuro por un camiño parecido?
– EG: A tradición galega podería encher novelas aínda por escribir e coido que a ficción pode axudarnos a recuperar elementos da nosa identidade, pero non pretendo continuar por esa senda.”

Ramón Caride: “Eu son biólogo e miña relación co ambiente é primaria, son un rapaz da aldea como Neira Vilas”

Entrevista a Ramón Caride en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Hai moita diversidade de xéneros, ¿en cal se sente mellor?
– Ramón Caride (RC): Cada un ten as súas cousas. En infantil percibes moitas cousas mediante a relación cos lectores. O xénero infantil gústame moito porque os pequenos introdúcense moito na historia, teñen moita empatía co que len. O relato curto gústame pola liberdade que dá e a novela é xa un universo no que tes que inventar as súas propias leis, en épocas históricas ou futuras, inventas como funciona o mundo. Fixen cousas moi distintas como poesía, literatura infantil, teatro, ensaio, gústame variar. O curioso é a persistencia das cousas, por iso alégrame moito que unha obra de hai vinte anos se reedite, é moi gratificante e non acabo de entender por que. (…)
– LVG: O medio natural, a ecoloxía está sempre presenta nas súas obras ¿non?
– RC: No ano 92 xa estaba o tema da ecoloxía. O gran problema é como encaixar co medio, como sobrevivir. Eu son biólogo e miña relación co ambiente é primaria, son un rapaza da aldea como Neira Vilas.
– LVG: ¿Iso inflúe na súa escrita?
– RC: Si. A cultura mundial é de aldea, a alta cultura, da ópera, de Nova York, nútrese da cultura popular que para min son a mesma cousa: unha interpretación da presenza do ser humano no mundo e da maneira de entender a vida. (…)”

A Coruña: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O xoves 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Biblioteca González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, s/n) da Coruña, preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Che Turnes e Manuel Bragado.

Anxo Angueira: “Fago o meu traballo coa materia, coa madeira con que se fai literatura: a lingua”

Entrevista a Anxo Angueira en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Moito se ten falado da débeda que a literatura galega mantén coas xentes do mar. Aínda que Iria está protagonizada, máis que polo mesmo mar, polo río Ulla, vén ser esta, dalgún xeito e entre outra cousas, a homenaxe que Vde. lle fai á xente mariñeira de Galicia?
– Anxo Angueira (AA): O protagonismo correspóndelle a un galeón e outras embarcacións, como as dornas, que navegan a vela pola Arousa e polo río Ulla.No noso imaxinario, o repertorio labrego de arado ou sacho está moito máis afirmado que a náutica de embarcacións a vela tradicionais,que mesmo en vilas mariñeiras é desconsiderada. Neste sentido, segue tendo moita vixencia A fiestra baldeira de Dieste: odiamos o noso pasado mariñeiro, especialmente o da vela,por pobre. A homenaxe é para as asociacións que hoxe, cun grande esforzo, traballan para mantéreno vivo con publicacións coma Ardentía ou a organización dos encontros de embarcacións tradicionais. (…)
– FdV: Utiliza Vde. moitas expresións mariñeiras que transgreden a normativa actual do galego. O outro día, Xosé Neira Vilas, que tamén o fai, pero no eido rural, dicíame que era o seu xeito de enriquecer a nosa propia lingua con “novas (aínda que sexan vellas) palabras”. Tamén no seu caso é así?
– AA: Non teño claro que a lingua desta novela, nin a das de Neira Vilas, transgreda a normativa. A lingua literaria, xa Manuel Antonio dicía, non debe vivir sometida ás prisións empobrecedoras dos usos formais. En galego e noutras linguas: o caso de Valle-Inclán, ou mesmo Cela, en español, coas súas respectivas hibridacións galeguistas, son ben máis transgresores. O que si quixen foi navegar polos mares de palabras do noso mar e da nosa náutica tradicional, pola relinga, de couse, cazando escota. Mares de palabras e voces e ditos coma area que escasamente tiveron tratamento literario. A lingua do mar, a pesar de Manuel Antonio ou Bernardino Graña ou Fernández Rei, aínda non ten na literatura o peso histórico e cultural que realmente ten a Galicia mariñeira. (…)”

Cangas: presentación de Dragal III. A fraternidade do dragón, de Elena Gallego

O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, na sede da Federación de Comerciantes do Morrazo (FECIMO), na Avenida de Vigo, 91, baixo, de Cangas do Morrazo, preséntase o libro Dragal III. A fraternidade do dragón, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Xosé Bangueses e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero

O luns 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno) de Vigo, preséntase o libro Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Rubén Pérez, Alfonso Paz-Andrade e Manuel Bragado.

Santa Comba: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O venres 22 de xuño, ás 21:00 horas, na Libraría Ler (Rúa Rosalía de Castro, 32) de Santa Comba, preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Isabel Ares, José Manuel López Tuñas e Che Turnes.

Santiago: presentación de As meigas de Lupa, de María Solar

O xoves 21 de xuño, ás 19:30 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o libro As meigas de Lupa, de María Solar, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Xurxo Ayán, Manuel Bragado e Fran Pérez “Narf”.