Entrevista
de Montse Dopico a Xosé A. Neira Cruz en Praza:
“Unha igrexa que garda, na Costa da Morte, un incrible segredo. Unha familia de mulleres condenadas a vivir mortas en vida. Tres estraños que veñen de fóra, e que son os únicos que poden tentar desennovelar o misterio. Destes ingredientes parte O sono das sereas, a última novela de Xosé A. Neira Cruz, coa que gañou o premio de narrativa breve Repsol. Mais, baixo a intriga, -con elementos de medo-, agóchanse outras capas. A consciencia da morte como final ineludible das nosas vidas. As dúbidas sobre como vivilas. A procura do lugar propio no mundo. E unha sociedade patriarcal que condenaba, e condena, as mulleres que saían do rego. Falamos co autor deste libro e da súa obra en xeral.
– Praza (P): Estou lendo agora en internet que a Igrexa de Santiago de Traba, en Laxe, ten un retablo cunha imaxe da virxe con dúas sereas. Foi dalgunha maneira o punto de partida da historia?
– Xosé A. Neira Cruz (XANC): Esa imaxe tivo importancia, si, foi unha chamada para empezar a pensar cousas. En realidade non son dúas sereas: son Adán e Eva, pero iso sóubeno despois. A idea inicial era máis suxestiva e continuei con ela. Foi, si, semente da novela.
– P: A figura da serea interesábache por algunha razón especial?
– XANC: É unha figura moi suxestiva que percorre todas as mitoloxías, todas as culturas. Na cultura galega, ademais das súas raíces históricas e do seu desenvolvemento literario, foi unha figura recuperada por Castelao para crear unha nova heráldica de Galicia, supoño que recuperando a heráldica dos Mariño de Lobeira, unha familia de Rianxo, na que unha serea sostén o escudo. Ten que ver ademais cunha lenda medieval na que un mariñeiro namora dunha serea e os seus descendentes están condenados a volver ao mar. Pois seguramente Castelao coñeceu esta historia. E o que fixo foi recuperar esta figura da serea e vencellala á modernidade, converténdoa nun símbolo identitario de Galicia. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Bonus Track, a primeira novela de Rosalía Fernández Rial
Compostela: presentación de Baleas e baleas, de Luísa Castro
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 18 e 19 de agosto
O
domingo 19 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:
Sábado 18 de agosto
– 18:00 h. Luísa Castro asina Baleas e baleas na caseta da Libraría Bahía.
– 21:00 h. Presentación de Atlantidae. Mulher d’Água, de Adela Figueroa, publicado por Fundación Eira. No acto, a autora estará acompañada por Pilar García Porto.
Domingo 19 de agosto
– 20:00 h. Presentación de Hai mulleres, de Alfonso Otero Regal, publicado por Regal Cerámica.
“Frankenstein e outros monstros”, por Armando Requeixo
Artigo
de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“(…) O Frankenstein de Shelley, xa bicentenario, foi traducido ao galego por Fernando Tato Plaza, quen deu a coñecer unha estupenda versión no ano 2000 na Editorial Galaxia.
Doutra parte, vampiros, zombis e, sobre todo, licántropos son monstruario adoito nas nosas letras. Concomitante co mundo propio da literatura vampírica (aínda que con personalísimo selo) amósase Un ollo de vidro (1922) de Castelao, relato de seres de ultratumba, entre o terror e o humor de agre lucidez. O rianxeiro aproveita esta atmosfera para a máis debeladora crítica social: “Quixen saber quen fora o vampiro nos mundos dos homes. Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco, dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era, ¡era un cacique!”.
Mortos viventes habitan tamén as páxinas de, por exemplo, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) de Vicente Risco, o protagonista da cal acaba por compartir unha danza macabra coa mesmísima momia de Tutankamón.
Tamén foi o escritor ourensán un dos que mellor abordou entre nós a licantropía literaria, como demostra O lobo da xente (1925), ficción narrativa sobre o mundo do lobishome que logo tratou ensaisticamente en Un caso de lycantropía. O home lobo (1929), onde estudou a vida de Manuel Blanco Romasanta, o célebre lobishome de Allariz.
Nos últimos anos, salienta a obra de Paula Carballeira por ser a única que compuxo un ciclo teratolóxico completo coas tres figuras: o vampiro da novela O ganso pardo (2002); os zombis do relato A era de Lázaro (2004) e o licántropo da narración O lobishome de Candeán (2009).”
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 9 de agosto
O
9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Charo Pita presenta No país do vento, libro-CD publicado en Galaxia. Na carpa infantil.
– 18:00 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta da Libraría Cartabón.
– 19:00 h. Presentación de Catro cartas a un amigo alemán e outros textos, de Albert Camus, publicado por Trifolium. Presentan Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Laura Caveiro e Xan Arias.
– 19:00 h. Presentación de As lembranzas perdidas do Lago Antelväri, de Xosé Duncan, publicado por Galaxia.
– 19:00 h. Carlos Meixide asina Guitiriz, na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:30 h. Óscar Villán e Manuel Lourenzo González asinan na caseta da libraría Lume.
– 19:45 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Manuel Pérez e Carlos Babio (Fundación Galiza Sempre). Participan Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.
– 20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina …as neuronas irmás…, na caseta da Libraría Berbiriana.
– 20:00 h. Pura Tejelo na caseta da Libraría Azeta.
– 20:30 h. Presentación de Contra todo isto, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Fran Alonso.
O Carballiño: presentación de Campus morte, de Lito Vila Baleato
Xavier Alcalá: “Na actualidade, o drama de Galicia é que a diáspora aínda non acabou”
Entrevista
a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Na súa obra xa ten tomado Arxentina como espazo literario. Por que regresar de novo?
– Xavier Alcalá (XA): Para min existe un atractivo vivencial. Pasei moito tempo noutros sitios como Bruxelas, pero non me chegaron da mesma forma que Arxentina. As Américas en xeral, e as inmensidades do Brasil e da Arxentina en particular, lévanme a que non poida parar de buscar ambientacións. A enormidade deses territorios vastos e baleiros xa me arrastra. Esta é unha novela que debía ter escrito hai bastantes anos, pero polo medio se me meteron outras historias. Non é que eu volvese á Arxentina, todo isto xa viña de atrás. Teño unha relación persoal e familiar co país que me facilita moito as cousas.
– LVG: Na novela hai dúas historias que conviven en tempos distintos, unha ten que ver co recordar e a outra co sobrevivir. Como se relacionan entre si?
– XA: En The making of hai dúas novelas de viaxe que transcorren en paralelo. Está o escritor que vai e vén á Arxentina, que é onde transcorre a historia do outro personaxe, que é o que fai a gran viaxe. O que sae dunha aldea da Ferrolterra, pasa por Buenos Aires e acaba en Comodoro Rivadavia, que é a capital do petróleo na Arxentina xusto no momento da Segunda Guerra Mundial, no que todas as potencias se están pelexando polos recursos escasos. Todo o que se refire aos tempos antigos, é dicir, o que transcorre entre o ano 33 e o 43, é a historia dun tipo que anda a sobrevivir ata que algo lle falla, mentres que logo hai dous tipos, un xornalista e un novelista, que viven nos anos 90 e que non teñen necesidade de sobrevivir. Estes dous aínda están conectados cos vellos que quedan vivos e que saben da historia que nunca se contou, porque non é conveniente contar historias de cacos na emigración, e menos aínda se eses cacos se dedican a traballar para os nazis. Un dos personaxes da novela di que tamén hai que contar a cara B da emigración para que a cara A sexa máis nobre. Por outro lado, foi moi fácil meterme no ambiente da época grazas ao que me contaron os vellos, as revistas e xornais do momento e ao traballo da xente da universidade da Patagonia.
– LVG: Hai unha parte da emigración galega que aínda non se coñece?
– XA: Na actualidade, o drama de Galicia é que a diáspora non acabou. O peso da emigración dos galegos polo mundo, sobre todo polas Américas, pero sen esquecer Europa e Asia, dá como para facer cátedras de historia da emigración. O que se conta na novela está baseado nunha documentación que eu creo que debería estar nas mans dos historiadores, non dos novelistas, xa que aínda queda un labor inxente neste campo.”
Anna R. Figueiredo gaña o I Premio Viadutos de Novela
Desde
Galaxia:
“Reunido no edificio Multiusos da Xunqueira, en Redondela, o pasado luns 23 de xullo, o xurado do I Premio Viadutos de Novela decidiu declarar gañadora por unanimidade a obra Os bicos feridos que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Anna R. Figueiredo.
O xurado, composto polas escritoras Inma López Silva e Tamara Andrés, as libreiras Mercedes Corbillón e Esther Gómez, e a editora Malores Villanueva, salientou a orixinalidade dos temas tratados na novela, a depuración do estilo “poderoso” e “por veces lírico”, “a utilización da ironía e a personalidade das voces”, así como a complexidade da trama.
En Os bicos feridos a través da historia dunha moza, Olivia, emigrante en Londres vanse debullando temas de fondo calado como a importancia das redes sociais nas nosas vidas, a complexidade das relacións familiares, entre as que destaca a maternidade, a soidade nas grandes cidades ou o medo á morte. (…)
Anna R. Figueiredo convértese así na primeira gañadora do premio, dotado con 3.000 euros, e a súa novela Os bicos feridos será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 3 de agosto
O
3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Presentación de Home invisíbel, de Xavier Queipo, e Labirinto ou memoria, de Marta Dacosta, publicados por Caldeirón.
– 18:00 h. Contacontos sobre Xandra, a landra que quería voar, con Mercedes Queixas, libro publicado por Urco Editora.
– 18:00 h. Lucía Cobo asina Coas miñas mans, na caseta de AENEA.
– 19:00 h. José Manuel Ledo Santiso presenta o seu libro de relatos Camiño, publicado por Ir Indo.
– 19:00 h. Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinan Doce cartas a María Victoria Moreno, na caseta de Hércules Edicións.
– 19:00 h. Siro López asina Falemos de caricatura, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Presentación de O ladrón de soños, de Sabela Fernández e contacontos a cargo de Tamara Lema e Yago Espasandín, xunto ao músico Eloi Mato.
– 19:30 h. Alberte Momán Noval asina Tripas, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:30 h. Manuel Vilariño asina Animal insomne na caseta de Cascanueces.
– 20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina na Libraría Azeta.
– 20:30 h. Presentación de A través do espello e o que Alicia encontrou alí, de Lewis Carroll, en tradución de Xavier Queipo, con ilustracións de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Participa Valentín García.
– 21:15 h. Presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, na colección Biblioteca de Mesopotamia, de Chan da Pólvora.

