


Desde Erregueté:
“Carlos Labraña é o gañador do II Premio Platta de Teatro Breve – Galicia coa peza Descociñando. O texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador.
O xurado –composto por María Armesto, José Breijo “Topo” e Mercedes Pardavila, actuando de secretario con voz pero sen voto Xoán Carlos Riobó, da erregueté– valorou de xeito especial “a prolífica configuración dos personaxes e a identificación con eles, a utilización de mecanismos como a intriga que mantén o interese e a curiosidade da lectora, o uso de metáforas que ilustran os estados de ánimo do peronsaxe principal e o sorprendente final purificador tinxido pola comicidade deste drama”.
Ademais da súa publicación, o texto será o material de traballo das lecturas dramatizadas que terán lugar no mes de novembro dentro do marco do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.
O Premio PLATTA de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Platta Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana e erregueté). O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: I Premio PLATTA de Teatro Breve – de Castilla y León (castelán), I Premio PLATTA de Teatro Breve – Galicia (galego), I Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro – Portugal (portugués).”
O sábado 29 de xuño, a partir das 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Cangas:
Presenta: María Armesto.
– 19:15 h. Feminismos. A historia cóntana as vencedoras, de Anna R. Figueiredo
A historia cóntana as vencedoras é un traballo divulgativo para animar ás mulleres máis novas a coñecer o movemento feminista e profundar nel.
– 19:30 h. Chámame señora pero trátame coma a un señor, de Inma López Silva.
Chámame señora pero trátame coma a un señor, lonxe de ser un ensaio ao uso é unha memoria personal do machismo na cultura, se se quere, unha perda da inocencia, unha ruptura con certos silencios, mesmo un balance de máis de vinte anos de dedicación á literatura.
– 19:45 h. Ám@me. Pensar o amor no século XXI, de Chis Oliveira e Amada Traba.
Ám@me é un traballo divulgativo sobre a complexidade do amor nestes tempos onde todo cambia á velocidade da luz e nos que compre desaprender os modelos nocivos baseados nos mitos románticos e nunha sexualidade condicionada pola pornografía.
– 20:15 h. Debate. Conduce: Gaila Fernández Mariño.
– 21:00 h. Espectáculo: 15 minutos. Actriz e Directora: Mónica Sueiro.
– 21:20 h. Clausura.
Representante da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello de Cangas. Colabora: Dª Paula Tenorio, Directora do CIM de Cangas.
Desde Cultura Galega:
“A Revista Galega de Teatro ten xa na rúa o número 75, o de verán, que este ano inclúe o texto Unha corrente salvaxe. Trátase da peza coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) gañou o do XXXVII Premi Born de Teatre (que convoca e resolve o Cercle Artistic de Citadella de Menorca). Neste número, a directora e dramaturga María Armesto e a titiriteira Amparo Ibarra reflexionan sobre a situación das mulleres nas artes escénicas e o teatro como unha ferramenta para a igualdade. Ademais, na sección RVB: Furia e razón, creada co galo do Ano Roberto Vidal Bolaño, este número inclúe un traballo do escenógrafo Eufrasio Lucena sobre a montaxe de Días sen gloria na República Checa. Críticas, análises e entrevistas completan o último número dunha publicación que edita a Asociación Cultural EntreBambalinas.” Máis información aquí.