O
luns 18 de maio, ás 20:30 horas, na Cervecería New York en Bertamiráns (Ames), terá lugar a presentación da novela Amor en alpargatas, de Manuel Portas, publicada en Xerais. No acto, organizado por Ames Novo, participa, xunto ao autor, María López Sández.
Arquivos da etiqueta: María López Sández
Tabela dos Libros de maio de 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 2, domingo 3 e luns 4 de maio
O
sábado 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 2, domingo 3 e luns 4:
Sábado 2
– 19:00 h. Presentación do novo libro de Manuel Núñez Singala, Instrucións para tomar café, publicado en Galaxia. Estará acompañado por Arturo Ponte.
– 20:00 h. Concha Blanco e Dani Padrón asinarán exemplares de As pantuflas de Celia, na Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Presentación de O faro escuro, de María López Sández, publicado en Galaxia. Acompañarán á autora Inma Otero e Víctor F. Freixanes.
Domingo 3
– 19:00 h. Encontro de Fantasía Galega, organizado polas editoriais Urco e Contos Estraños.
– 20:00 h. Xurxo Souto presenta Océano para terrícolas, espectáculo baseado no seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais.
Luns 4
– 19:00 h. Séchu Sende presenta A República das Palavras, publicada por Através. Xunto ao autor, participan no acto Miguel Penas, Elba Baldomir Turnes e Alba María.
Radiocrítica do 06-04-2015, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 6 de abril en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de O faro escuro, de María López Sández (1:21); de Escritoras na Galicia do século XIX, editado por Carlos Andrés González Paz (10:00), de Dos días escuros, de Carmén Caramés Gorgal (14:12) e do disco-libro A gramola gominola (20:50).”
Pódese escoitar directamente aquí.
Pontevedra: actividades do venres 17 na Feira do Libro
O
venres 17 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:
– 19:00 h. Xesús Constela asinará na caseta da Libraría Paz.
– 20:00 h. María López Sández presenta O faro escuro, publicado en Galaxia. Participarán, xunto á autora, Xosé Monteagudo e Carlos Lema.
Inma Otero entrevista María López Sández en Insula Europea
Entrevista
de Inmaculada Otero a María López Sández en Insula Europea:
“(…) – Inmaculada Otero (IO): Defendes que a creación dun imaxinario nacional nun sistema minorizado sempre se tenta desmitificar desde os sistemas hexemónicos, acusándoos de falsos, ficticios ou manipuladores, quizais porque non existe a consciencia de que os seus sistemas tamén naceron así. Pensas que se segue esta dinámica na actualidade? As lecturas da literatura galega que se realizan desde fóra fanse desde esta perspectiva?
– María López Sández (MLS): Habería que diferenciar dous niveis. O nivel máis teórico, do pensamento, dos intelectuais, e o nivel da ficción e dos lectores. Nas nacións asentadas, ese proceso de asentamento nacional a través dos textos foi anterior, e precisamente polo propio asentamento deixa de ser percibible o mecanismo, está naturalizado. Pero na propia historia da inclusión das literaturas nos plans de estudos, a perspectiva nacional que no século XIX se inseriu nos sistemas educativos é moi reveladora do papel que se lle deu á literatura como construtora de identidades. O que ocorre novamente é que no galego o proceso está moito máis próximo, ponse case en marcha trala morte de Franco e polo tanto a día de hoxe segue sendo visible. No plano dos lectores, eu creo que en boa parte dos receptores espontáneos non hai un pensamento tan explícito sobre estes problemas. O que pode haber é unha dificultade de que os textos en galego cheguen dunha maneira pouco contaminada a un número amplo de lectores.
Eu creo que se realmente houbese un mecanismo áxil e fluído de traducións, moitos textos galegos serían perfectamente recibidos sen apenas disonancias derivados de todo isto. E posiblemente fóra do Estado español sería máis doado porque hai maior distancia respecto a todas estas cuestións.
– IO: E que precisaría, na túa opinión, a literatura galega para darse a coñecer noutros
contextos?
– MLS: Unha aposta decidida polas traducións e tamén unha República das Letras máis universal. Agora mesmo creo que hai unha evolución nos programas de estudo, aínda tímida, pero ese mesmo paradigma do que se deu en chamar o posnacional e a perda da independencia curricular da literatura para fusionarse co lingüístico supuxo o desdebuxamento dese canon nacional tan estrito, e penso no ensino de literatura castelá. Cada vez se incorpora unha visión máis universal. No ámbito da literatura galega tamén se fai pero quizais aínda en menor grao, ao mellor porque aínda se percibe máis a necesidade de asentar iso que non está aínda totalmente asentando.
Pero si que houbo un dinamismo de tradución moi importante, entón, igual que aquí hai ese achegamento en galego a literaturas de fóra, debería suceder á inversa; que haxa máis circulación de textos, que poidan chegar a lectores de distintos espazos. Iso
lévanos a mecanismos de mercado, a apostas de editorias, con todo o problema que ten neste momento. Eu creo que esta propia iniciativa, facer recensións, presentar textos, facer circular ideas, podería ser útil. E igual tamén dependemos dese editor que atope unha faísca de interese e queira apostar por textos. Por exemplo, non vou mencionar Italia, pero sempre intuín que o meu texto funcionaría moi ben no mercado francés (…)”
María López Sández: A escritora á que lle gustaría ser unha nube
Entrevista
de Carlos Loureiro a María López Sández en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E aquí encontramos a Galiza personalizada nun corpo de muller: beleza e tamén machismo… unha Galiza sometida igual que a muller está sometida a un patriarcado social…
– María López Sández (MLS): Ningunha escolla do imaxinario é inocente e toda elección, independentemente da intención primeira que a guíe, pode ter efectos inesperados. Cando Rosalía constrúe a percepción da paisaxe galega como feminina faino cunha intención dignificadora, tanto da paisaxe como das súas xentes -cómpre ter en conta que isto en Rosalía ía ademais unido a unha postura feminista, como se ten salientado nos achegamentos críticos recentes-, pero o discurso dominante usou este trazo para desartellar a potencia política desa construción. Neste sentido compréndese mellor a suposta misoxinia pondaliana, o feito de que el intentase unha construción de signo diferente, que procuraba a asimilación cos valores masculinos da agresividade e a loita. O éxito instaurativo correspondeu á imaxe rosaliana, pero o discurso dominante, patriarcal e antinacionalista, atopou unha vantaxe en asociar Galicia co estereotipo feminino, sen dúbida. (…)
– NG: Ultimamente vemos que a viaxe está moi presente nas tramas da novela galega (Rosa Aneiros, Xavier Queipo… e ti mesma nesta novela). Como xustificar o emprego desta viaxe (persoal, física…) na trama novelesca?
– MLS: En realidade non é algo que suceda ultimamente, senón que vén ocorrendo desde sempre, desde a Odisea homérica. O camiño, a viaxe, é a máis potente e ubicua metáfora existencial. Nas novelas de formación, a viaxe adoita acompañar o traxecto interior, e diso hai tamén exemplos sobranceiros entre os clásicos da literatura galega, como non podería ser doutro xeito. A viaxe é aventura, exploración, saída do eu e autocoñecemento. Hai xéneros enteiros, como a picaresca ou a novela de aventuras e exploración que se constrúen sobre este motivo. A viaxe exerce unha forte atracción e está chea de potencial narrativo. Xa en Propp toda narración adoitaba unha forma de viaxe, de saída ao outro reino, porque todo crecemento implica saír dunha mesma e iso é xa, en si mesmo, viaxar. A iso hai que sumar que nas narracións clásicas, e aí está outra vez a Odisea, a muller adoitaba ficar estática, encarnar esencias, agardar; o xiro dos últimos tempos é esa incorporación da muller á viaxe e á aventura, á vida, en suma, como reclamou Xohana Torres nese poema que chegou a ser un auténtico manifesto do feminismo galego e co que titulou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. (…)”
María López Sández e Francisco Castro falaron de literatura en Alemaña
Desde
Galaxia:
“Dende o pasado mércores 14 de maio ata o domingo 18, María López Sández e Francisco Castro tiveron ocasión de participar no Europäisches Festival des Debütroman de Kiel que se celebra nesa cidade alemá.
A literatura galega tivo presenza, na semana das letras galegas, neste importante festival que concentra escritores de toda Europa para cinco días nos que partillar ilusións, establecer contactos, falar de libros e edición e, en definitiva, compartir os asuntos do oficio das letras.
María López Sández e Francisco Castro mantiveron encontros co alumnado da Universidade de Kiel, tanto co grupo de estudantes de galego da profesora e investigadora Antía Marante, como co estudantado de español. Ao tempo, e dentro das actividades do Festival, tiveron ocasión de debullar asuntos relacionados coa creación literaria. (…)”
Cuestionario Proust: María López Sández
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María López Sández:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A alegría (aínda que non haxa motivos).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O respecto da liberdade allea.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto respectuoso.
4.– A súa principal eiva?
– Querer abranguelo todo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pensar, ler, bailar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un verán inacabable, con libros, mar, nenos, xogos e erotismo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A que non me atrevo a pensar ou nomear.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha nube.
9.–En que país desexaría vivir?
– Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– A gaivota.
13.– A súa devoción na prosa?
– Kazuo Ishiguro.
14.– E na poesía?
– Aínda estou na procura.
15.– Un libro?
– Non me deixes nunca.
16.– Un heroe de ficción?
– Holden Caufield.
17.– Unha heroína?
– Kath (en Non me deixes nunca).
18.– A súa música favorita?
– Rítmica, sensual e bailable.
19.– Na pintura?
– Caspar Friedrich.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Malala.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maledicencia.
23.– O que máis odia?
– O paternalismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia pasiva.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para o baile.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Vella, sentada nunha cadeira, cun libro fronte ao mar.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ilusionada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A preguiza.
30.– Un lema na súa vida?
– A vida mídese fronte á nada.”
Coñécense os gañadores dos Premios da Crítica Galicia 2013
O
sábado 19 de outubro, no Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer o ditame da trixésimo sexta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema Auga limpa en fresca fonte, recollido dun verso de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Manuel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a singularidade desta triséxima sexta edición, que coincide co sequiscentenario da publicación en Vigo de Cantares gallegos e coa homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.
– O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Agustín Fernández Paz, Antonio García Teijeiro, Marta Neira, María Xesús Nogueira Pereira, Chus Pato Díaz, Cesáreo Sánchez Iglesias e María do Cebreiro Rábade Villar, que actuou como secretaria, acordou declarar finalistas as obras A noite branca de Francisco X. Fernández Naval (Xerais), Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño (Galaxia) e transmuta de Xabier Cordal (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a transmuta de Xabier Cordal editada por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado quere salientar a capacidade do libro para conciliar a lealdade á linguaxe poética coa expresión de contidos de fondo alento humano. transmuta anoa a intimidade e o sentido comunitario. A súa dignidade e a súa altura emanan da potencia de lle dar voz á vida núa, á vida que resiste sendo pura existencia.
– O xurado da modalidade de Investigación, formado por Patricia Fra López, Eulalia Agrelo Costas, Xosé Luís Axeitos, Francisco Campos Freire, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María Pilar García Negro e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou declarar como finalistas as obras Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Galaxia), Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás (Xerais) e Artigos sobre Rosalía de Castro de Francisco Rodríguez. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández editada por editorial Galaxia.
O xurado salientou a súa relevancia, o rigor metodolóxico, a combinación do traballo de investigación co atractivo da dimensión narrativa dunha biografía necesaria que apela tanto ao estudoso como ao lector/a non especializado. Constitúe, pois, unha achega decisiva á cultura galega, á reflexión e aos estudos rosaliáns e á reconstrución dun período e unha figura esenciais para comprender a historia e a cultura galegas.
– O xurado da modalidade de Música, formado Margarita Viso, Felipe Agel, Lorena López Cobas, Marta Fernández Pan, Raquel Gamallo, Belén Regueira e Xavier Senín Fernández, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantigas de Mulleres, Mercedes Peón e Taller Atlántico Contemporáneo. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio a Taller Atlántico Contemporáneo. O xurado quere salientar que o Taller Atlántico Contemporáneo durante o 2012 ofreceu o ciclo “Os seráns do TAC” na Cidade da Cultura, unha aposta interdisciplinar na que se aglutinaron teatro/humor, música e gastronomía. O interesante desta agrupación é que está a innovar constantemente na procura da normalización da escoita da música contemporánea, que durante moito tempo permaneceu nun eido marxinal e elitista. Cos seus espectáculos conseguen aproximar a todo tipo de público propostas de autores galegos do último século xunto ás doutros compositores consagrados do mundo contemporáneo.
– O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Margarita Vázquez Corbal, Isabel Mociño González, Xaime Domínguez Toxo, Branca Novoneyra, Sergio Lago, Encarna Lago e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Editorial Kalandraka e Culturgal. Feiras das Industrias Culturais de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións e logo de ausentarse Sergio Lago, acordou outorgar por maioría o premio a Culturgal. Feira das Industrias Culturais de Galicia.
O xurado fundamenta a súa decisión no papel que o Culturgal está a ter na profesionalización das industrias culturais galegas, no fomento da cooperación intersectorial, no empoderamento cultural da sociedade civil, e por conformarse como o principal espazo de encontro e reflexión da cultura galega, así como polo esforzo que implica o seu mantemento malia a crise económica actual e a conseguinte redución de apoio institucional.
– O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Carmen Nogueira, Antón Castro, Pilar Corredoira López, José Manuel García Iglesias, César Portela, Enrique Velasco e Antón Pulido Novoa, que actuou como secretario, tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Xulio Gil, tendo en conta a calidade e orixinalidade da súa obra fotográfica, no marco dun longo proxecto de corenta anos que sigue vivo.
– O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Nuria Sotelo, Roberto Pascual Rodríguez, María Yáñez, Camilo Franco, Ramón Rozas, Sabela Hermida e Antón Sobral, que actuou como secretaria, acordou acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Voadora, Arraianos de Eloy Enciso e Quico Cadaval. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Voadora polos seus espectáculos Waltz e Tokio 3. O xurado quere salientar a súa linguaxe escénica asentada na musicalidade, pola búsqueda de novos públicos, polas novas formas de produción e pola capacidade de unir diferentes sistemas culturais tendendo pontes. Mais tamén pola capacidade de asumir riscos e ademais por ser simpáticos.”

